As lavandeiras do Sarela

Unha proposta de saída didáctica e coeducativa en Compostela
O ensino innovador sempre sinalou a necesidade de saír da aula como parte irrenunciabledo proceso educativo. Por outra banda, nacoeducación saliéntase a importancia da transmisión da relevancia da historia das mulleres. Esta proposta une ambos os principios nunha saída didáctica interdisciplinar para coñecer a vida das lavandeiras de Compostela desde o século XVIII ata a segunda metade do século XX.

Clara Manrique-Velayos, mestra de educación primaria
Adscrita ao Departamento de Didácticas Aplicadas da USC en calidade de bolseira do MEFP
clara.manrique@rai.usc.es

 

1. Introdución

Sabemos que a educación en e para a igualdade ou coeducación ten como obxectivo diagnosticar, analizar, criticar e eliminar as situacións discriminatorias dos centros educativos, ao tempo que se borran os roles e as xerarquías de xénero e se transmite un novo acervo de saberes iguais a nenas e nenos. Acadar este obxectivo precisadun traballo transversal, a través de todas as materias do currículo e de todas as situacións que se dan na realidade escolar (Subirats, 2017).

Incorporar a perspectiva de xénero á didáctica das diferentes materias implica facer traballo interdisciplinar, porque adoita esixir a inclusión de aspectos como os afectos, a historia, a linguaxe ou a ocupación dos espazos, sen importar a disciplina que nos ocupe. A reflexión sobre a intersección de discriminacións que caracteriza a situación da muller na sociedade actual e histórica pode servir como motivación para avanzar cara a unha aprendizaxe máisholística, activa, cooperativa, centrada na resolución de problemas e conectada coa vida real (Subirats, 2017).

Un aspecto pouco explotado son as potencialidades educativas das saídas á contorna próxima para estudar as desigualdades, maxinar sobre elas e transformar os espazos que o alumnado habita para facelos máis igualitarios. Seguindo as ideas de Tonucci en A cidade dos nenos (2018), sabemos que na súa contorna o alumnado pode advertir a histórica ausencia da metade da humanidade do espazo público (dos nomes das rúas, as estatuas e monumentos…) e esta sensibilización é fundamental para avanzar cara a unha sociedade non discriminatoria.

Desde adidáctica das Ciencias Sociais, e máis especificamente da Xeografía, sempre foi defendida a necesidade das saídas didácticas. As dificultades implicadas na posta en marcha deste tipo de actividades, así como as concepcións erróneas sobre o seu verdadeiro potencial educador, fixeron que a importancia concedida ás saídas polas correntes renovadoras e a investigación nunca se vise traducida ao ensino xeneralizado (Aguilera, 2018). A aparición de propostas xa deseñadas pode facilitar considerablemente a posta en marcha deste tipo de actividades mentres non se convertan en prácticas normalizadas.

O proxecto pioneiro do Concello de Santiago, Compostela, territorio das mulleres, activo entre 2015 e 2019 e recentemente recuperado pola Concellería de Igualdade, ten por obxectivo a construción dunha cidade máis accesible, inclusiva e igualitaria. No marco desta xurdiron gran cantidade de iniciativas. Porén, ningunha das propostas está directamente vinculada coa educación, malia ser este un dos camiños de maior relevancia para a consecución da igualdade.

Si existen dentro do programa tres paseos ou rutas. Un deles, Camiños da auga, lavadoiros, presenta un percorrido polos numerosos lavadoiros que se conservan en Compostela a carón dos ríos Sar e Sarela. Este paseo utilízase como punto de partida para a presente proposta didáctica. Con ela preténdese achegarlle ao alumnado as vidas dun grupo de mulleres que realizaron un traballo con boa parte das características do traballo histórico feminino entre as clases humildes: duro, pouco recoñecido, mal pagado e esquecido (Vega, 2002).

Co paso do tempo, moitos oficios e tradicións da cultura popular vanse perdendo. Preocuparse hoxe pola figura das lavandeiras é preocuparse por unha serie de heroínas anónimas que fixeron da tarefa de lavar a roupa toda unha arte, delicada e tremendamente laboriosa. É permitirlle ao alumnado coñecer e comprender o seu pasado, non tan afastado, e reflexionar sobre os cambios históricos e sobre a realidade e o valor da cidade que habitan (Vega, 2002).

 

2. Obxectivos

  • Coñecer a profesión das lavandeiras, as súas orixes, a natureza do seu traballo e a importancia que tivo para a cidade.
  • Poñer en valor a contorna próxima do alumnado como espazo óptimo para a aprendizaxe.
  • Investigar as pegadas do tempo presentes nas paisaxes cotiás.
  • Reflexionar sobre a condición histórica de discriminación das mulleres.
  • Descubrir un espazo ideal para a práctica de exercicio físico ao aire libre na contorna próxima.

 

3. Recursos empregados

  • Google Earth
  • Google Maps
  • Fotografías históricas
  • Lendas e recitados da literatura popular de tradición oral
  • Cadernos, lapis e pinturas de cores
  • Cartolinas e témperas

 

4. Metodoloxía

A proposta preséntase para calquera dos últimos cursos da etapa primaria, mais podería ser facilmente adaptada aos cursos inferiores. Baséase no traballo interdisciplinar e nela outórgaselle un papel activo ao alumnado a través da aprendizaxe cooperativa e por descubrimento. As áreas involucradas nesta inclúen as Ciencias Sociais, as Ciencias da Natureza, a Educación Plástica, a Lingua Galega e a Literatura e a Educación Física. Ademais, trabállanse de maneira fundamental as competencias sociais e cívicas, xa que se busca poñer en valor a cultura popular da contorna próxima e os valores da igualdade.

Cómpre salientar que, como en toda saída didáctica, se precisan  actividades en tres momentos: previas, durante a saída e posteriores (Hernández Carretero, Guillén, Gascón; 2019). Durante o percorrido da saída realizaremos diferentes paradas nas que se incluirá unha pequena explicación e se lle proporán tarefas ao alumnado.

 

5. Descrición da actividade

5.1. Actividades previas

As tarefas previas inícianse cunha chuvia de ideas sobre aquilo que o alumnado xa sabe do río Sarela: onde está, se o visitaron algunha vez, que importancia cren que pode ter actualmente e que importancia puido ter no pasado. Nesta introdución resultará útil achegarnos á contorna do río Sarela coa ferramenta Google Earth e incluso amosarlles o percorrido que imos realizar na saída (imaxe 1).

Ruta e paradas

 

A continuación, utilizaremos fotografía histórica (imaxes 2 e 3) para aproximarnos á figura das lavandeiras.

Lavandeiras en Pelamios

Lavandeiras na ponte do Arcebispo

 

Podemos realizar algunhas preguntas introdutorias para xerar un debate: «que están facendo?», «por que o fan aí?», «é necesario lavar a roupa?», «como o facemos agora?»,«credes que era un traballo sinxelo?», «coñecedes o lugar no que están a realizar ese traballo?»…

A continuación, explicaremos que o río Sarela foi escenario do traballo das lavandeiras durante moitos anos. Coa saída imos aprender máis sobre o seu labor e as súas condicións de vida. Para iniciarnos, visualizaremos o vídeo Camiños da auga– Lavadoiros, narrado pola historiadora Encarna Otero e discutiremos os diferentes aspectos que aparecen sinalados nel.

5.2. Actividades durante a saída

Durante a saída didáctica, realizaremos tres paradas, tal e como aparece marcado no noso itinerario (imaxe 1). Antes de comezar, amosarémoslle ao alumnado as dúas fotografías históricas analizadas na aula e pedirémoslle que se manteña atento para atopar eses mesmos puntos na actualidade.

Parada 1: capela da Nosa Señora da Fonte (rúa dos Pelamios). Quen eran as lavandeiras?

Neste punto cómpre falar da necesidade de lavar a roupa e como tradicionalmente este foi un laborfeminino, tanto no ámbito doméstico como no profesional. Explicaremos que, desde o século XVIII ata a segunda metade do XX, moitas mulleres de clase humilde de Santiago de Compostela percibían un escaso salario por realizar o oficio de lavandeiras. Eran mulleres solteiras ou casadas e a miúdo acudían  lavar cos seus fillos.

O seu traballo consistía en lavar a roupa das familias adiñeiradas, as residencias de estudantes, o Hospital Real e diversos conventos e pensións. No verán adoitaban lavar nos ríos Sar e Sarela, mais durante o inverno as intensas chuvias provocaban desbordamentos que impedían realizar este traballo con seguridade. Neses momentos debían acudir ás fontes e lavadoiros, algúns aínda conservados e en uso, que a miúdo tiñan teitos que protexían algo mellor as lavandeiras e permitían que a roupa secase.

As lavandeiras traballaban de luns a sábado, de seis da mañá a oito da noite, con independencia do tempo que fixese. Comezaban os luns recollendo grandes feixes de roupa persoalmente na porta das casas, pensións, colexios ou conventos. Posteriormente, carrexaban a roupa en diferentes cestas ou bañeiras (caldeiros moito máis grandes) sobre a súa cabeza e iniciaban o longo e laborioso proceso de lavado. Entregaban a roupa os mércores e nese momento recollían outra muda para lavar, que devolvían os sábados. Os domingos tampouco descansaban: debían lavar a roupa da súa propia casa.

Ademais, as mulleres precisaban ter moi boa memoria para saber de que familia ou institución era cada peza de roupa. Se perdían algunha, descontábanlle o seu valor da paga. Nese momento de devolución, a clientela adiñeirada acompañaba a miúdo o salario das lavandeiras dos restos de comida que houbese na casa ese día, coñecidos como «a lavadura». Con isto as lavandeiras alimentaban os animais da súa casa, nunha especie de «economía circular» na que todo era aproveitado.

  • Actividades posibles

En primeiro lugar, unha vez atopado o punto exacto no que foi obtida a fotografía histórica (imaxe 2), analizaremos os cambios producidos na contorna (imaxe 4) e estudaremos se queda algún vestixio da súa actividade (por exemplo, o teito dun lavadoiro reconvertido nunha zona de xogos ou o bar O cesto).

Pelamios actual

 

Este pode ser tamén un momento para propoñer que realicen un debuxo sobre como imaxinan que sería o lavadoiro no momento no que aínda era utilizado. Se desexamos organizar actividades que esixan algo de movemento, podemos propoñer carreiras cargando un cesto con roupa na cabeza ou propoñer un xogo cooperativo de recollida de roupa a través dun circuíto.

Parada 2: parque de Galeras. Como se lavaba a roupa?

Neste punto cómpre realizar unha explicación detallada dos diferentes lavadoiros e fontesnos que as lavandeiras realizaban o seu traballo. Poderiamos distinguir cales eran máis cómodos (aqueles nos que se podía lavar axeonllada, os que posuían resgardo da chuvia) dos máis incómodos (aqueles nos que era preciso lavar de pé). Tamén é de interese discutir a existencia de lavadoiros públicos e privados (de pagamento), motivo polo cal as lavandeiras debían distribuír os postos, habitualmente por antigüidade. O máis desexado era aquel máis próximo á saída da auga, no cal sempre estaba limpa.

A continuación, conviría dar a coñecer o proceso de lavado, clareado e secado no río. A tarefa de lavar era enormemente dura e laboriosa. O recoñecemento á dureza deste labor chegou moitos anos máis tarde, coa homenaxe por parte do Concello.

Cartel homenaxe ás lavandeiras

 

O lavado esixía inicialmente carrexar a roupa dos diferentes clientes ata o río ou os lavadoiros e separar a roupa branca da roupa de cor. Despois había que enchoupala no río, enxaboala refregándoa coas dúas mans e volvela mollar para abrandala. Tamén era preciso «zapateala» (golpeala) contra ao lavadoiro para aclarala ben.

A continuación, debía torcerse con forza para escorrela o máximo posible e colocala ao sol, sobre a herba ou nos tendais. Isto último coñecíase como o proceso de «clareo». Resulta de interese que, tras a Guerra Civil española, a disposición da roupa ao clareo serviu nalgúns puntos de Galicia para enviar mensaxes secretas aos fuxidos no monte que escapan da represión do réxime franquista.

Ademais, cómpre saber que coa roupa branca era preciso engadir un punto adicional chamado «bogada» ou «coada», proceso do cal obtivemos a actual expresión «facer a coada» (sinónimo de lavar a roupa). A coada utilizábase para evitar que a roupa branca fose tornándose amarela. Este proceso consistía en colocala nun caldeiro ebotar sobre ela auga quente con cinzas. Tras remexer, a mestura de augae cinza ía coándose pola roupa. Ao aclaralas, as sabas ou camisas saían perfectamente branqueadas. Cara ao século XX, as cinzas foron substituídas por lixivia, substancia coas mesmas propiedades de branqueo aínda utilizada hoxe.

  • Actividades posibles

Neste punto, cómpre sinalar as diferenzas e semellanzas entre o proceso de lavado actual e o que realizaban as lavandeiras. Constitúe tamén unha grande oportunidade para reflexionar sobre os roles de xénero e recoller información sobre quen realiza a coada na actualidade nas casas do alumnado.

Outras tarefas acaídas poderían ser lavar un pano nun caldeiro seguindo un proceso semellanteao realizado polas lavandeiras ou incluso facer o noso propio xabón.

Parada 3: Ponte do Arcebispo (Carme de Abaixo). Lendas da auga

Ponte do Arcebispo, actual

 

Xunto á ponte (imaxe 6), imos presentaras figuras mitolóxicas dos «xacios»e as «lavandeiras», propias da literatura popular de tradición oral. Os «xacios» viven nos pozos profundos dos ríos e presentan figura humana, mais tamén son en parte peixe. Por isto, poden habitar tanto na terra como na auga. As «lavandeiras», pola súa parte, son as habitantes das fontes e son consideradas meigas. Di a lenda que, se as atopas mentres estás lavando, debes retorcer a roupa no mesmo sentido ca elas. Se non, terás que dar a túa vida por perdida! Isto aparece recollido nalgunhas coplas: «Meniña, ti es o demo/que me andas atentando;/que no río, que na fonte/sempre te encontro lavando».

Ademais, será un bo punto para explicar que os momentos de lavado eran, ademais de para o traballo, para a reunión social, a conversa e o canto para as mulleres, así como de xogo para os rapaces que as acompañaban. Isto alixeiraba un traballo que, doutro xeito, sería practicamente insoportable pola súa esixencia e dureza. Ese aspecto máis agradable da tarefa quedou recollido nalgúns refráns como «O lavar non quita o falar».

  • Actividades posibles

Para pechar a saída, regresaremos á fotografía histórica (imaxe 3) e analizaremos de novo todos os cambios producidos na contorna desde ese mesmo punto na actualidade (imaxe 6).

Outras tarefas incluirían pedirlle ao alumnado que debuxe as criaturas mitolóxicas tal e como as imaxina ou animalo a crear unha «criatura máxica das augas». Sería posible tamén recitar algunhas cantigas sobre as lavandeiras (Vega, 2002):

«Rapaciñas de Santiago

Vinde lavar ao meu río

Aínda que a auga non é miña

Naceu no meu labradío.»

 

«De onde vés María?

De lavar a roupa

Polo río arriba

Nunha pedra e noutra.»

 

«María se vas

Ao río a lavar

Non torzas a roupa

Que a podes rachar.»

 

«Aturuxaban as lavandeiras

Suspirando os seus amores

Alí sempre é primaveira

Porque canta o ruiseñore.»

 

Tras recitar ou cantar estas cantigas, podemos animar o noso alumnado a escribir as súas propias.

 

5.3. Actividades posteriores

A actividade posterior consistirá na realización dun mural colectivo no cal incluiremos fotografías da saída, debuxos do alumnado, cantigas, poemas e refráns e explicacións relativas ás lavandeiras. Será tamén un intre ideal para reflexionar sobre o aprendido e mobilizar as competencias sociais e cívicas co grupo clase. Para logralo, podemos reflectir de novo sobre a importancia de transmitir e apreciar a cultura popular, así como sinalar as desigualdades que se manteñen e que podemos relacionar con esta saída (por exemplo, a repartición das tarefas do fogar).

 

6. Proposta de avaliación

A avaliación consistiría na realización individual ou en grupos cooperativos de pequenos trípticos informativos a modo de guías de visita para que lles poidan dar a coñecer o lugar que visitamos ás súas familias. Estes trípticos poden incluír diferentes linguaxes: ilustracións, un mapa da saída, copias das fotografías históricas cunha análise dos cambios detectados, descricións das actividades realizadas en cada parada, referencias aos refráns ou coplas…

Ademais, será fundamental avaliar o propio proxecto para atopar os posibles erros e mellorar a saída de cara a futuras repeticións desta mediante unha asemblea ou preguntas curtas por escrito.

 

7. Conclusións

A contorna do río Sarela é un espazo natural privilexiado moi próximo ao centro da cidade. Porén, a ruta fluvial que percorre a súa ribeira é moi descoñecida para a súa propia poboación, o cal resulta especialmente sorprendente se temos en conta toda a riqueza histórica, arquitectónica e natural que podemos atopar nesta. Ademais, a ruta transcorre practicamente na súa totalidade en espazos segurospolos cales non hai tránsito de vehículos, o que nos permite imaxinar infinitas tarefas interdisciplinares de gran potencial didáctico.

Visitar o espazo e coñecelo sería xa unha saída didáctica de interese, sobre todo con aqueles grupos de alumnado que non coñezan o parque de Galeras e a rutafluvial do Sarela. Pero, ademais, con esta proposta é posible afondar nas competencias sociais e cívicas do alumnado, grazas á importancia que con ela se lles outorga ás heroínas anónimas que noutro tempo percorreron estas ribeiras cun obxectivo moi distinto: gañar o pan exercendo un oficio durísimo e socialmente infravalorado.

A importancia das saídas didácticas está xa sobradamente probada. Non obstante, aínda semella necesario que estas se convertan nunha opción accesible e común nas aulas de todos os niveis. Con ese obxectivo, sempre será de axuda salientar o infinito poder formativo de conectar o alumnado co pasado e o presente dos espazos que habita para restaurar e revalorizar a cultura popular e a súa contorna próxima.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Aguilera, D. (2018). La salida de campo como recurso didáctico para enseñar ciencias. Una revisión sistemática. Revista Eureka sobre Enseñanza y Divulgación de las Ciencias 15(3). Dispoñible en https://revistas.uca.es/index.php/eureka/article/view/4118.

Concello de Santiago. Compostela,territorio das mulleres (19 abril de 2016). Camiños da auga, lavadoiros. Dispoñible en http://tm.santiagodecompostela.gal/gl/mapa/caminos-da-auga-lavadoiros

HernándezCarretero, A.M.; Guillén, R.;Gurría, J.L. (2019). Los itinerarios pedagógicos y las salidas escolares: experiencias sensitivas y aprendizajes significativos. En HernándezCarretero, A.M. (coord.), Estrategias y recursos didácticos para la enseñanza de las Ciencias Sociales, pp. 55-71. Editorial Anaya.

Subirats, M. (2017). Coeducación, apuesta por la libertad. Barcelona: Octaedro Editorial.

Tonucci, F. (2018). A cidade dos nenos. Barcelona: Graó.

Vega Cerqueiro, M. (2002). As lavandeiras. Lendas e imaxes das donas do río. Vigo: A Nosa Terra.

Teófilo Piñeiro, J.L. (2012). O pasado nunca pasa. Santiago de Compostela. Teófilo Edicións.

 

 

Sección: