A aprendizaxe-servizo no Sistema Universitario de Galicia

Evolución e consolidación
Nos últimos anos está a cobrar forza a metodoloxía aprendizaxe-servizo, a cal une nun único proxecto contidos, habilidades, compromiso cívico-social e capacidade crítica. Segundo algúns traballos, a educación superior é o eido onde máis aceptación está a ter. Este traballo pretende analizar o estado de institucionalización da ApS nas tres universidades galegas. Para iso faise unha valoración a partir da información pública dispoñible.

Alexandre Sotelino Losada, Profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica
alexandre.sotelino@usc.es
Alexandra M. Rodríguez Gil, Bolseira Predoutoral da Xunta de Galicia
alexandramiroslava.gil@usc.es
Kateline de Jesus Brito Tavares, Contratada Predoutoral
kateline.brito@usc.es

Grupo de Investigación Esculca (USC)

Introdución

Nos últimos anos, a aprendizaxe-servizo (ApS) é unha metodoloxía que está a cobrar especial protagonismo nos diferentes niveis educativos, o cal se percibe á vistadas numerosas formacións existentes, eventos académicos, encontros, canles de difusión e publicacións, entre outros indicadores que nos mostran a demanda por parte do sector educativo. Pero parece ser no eido universitario onde está a ter un maior calado (Sotelinoet al., 2021). Isto pode ser debido áespecificidade dos estudos superiores onde a concreción das materias facilita a conexión con proxectos acoutados e servizos preprofesionais. Todoistoxordenun contexto de cambio en e para a universidade, con novas formulacións organizativas derivadas dunha conxuntura singular nunha etapaposcovid e con grandes desafíos sociais derivados dun momento sociohistórico complexo.

Xunto aos indiscutibles avances de tipo tecnolóxico, é inequívoca tamén a permanencia e, por momentos, o agravamento das desigualdades económicas e sociais no escenario nacional e internacional, o cal se expresa a través de non poucas tensións entre persoas e grupos, algo do que por desgraza nos toca ser testemuñas. É por isto que habemos de tentar formar o estudantado universitario de modos e maneiras capaces de fortalecer unha escala de valores sociais e de actitudes coherentes, considerando a formación autónoma da personalidade e con especial atención ás experiencias sociais. Porque o máis cabal será procurar unha cidadanía máis consciente e máis activa, máis adaptable e competitiva nunha contorna social e económica cambiante, á vez que máis solidaria e crítica. Máis, se cabe, en facultades de educación onde, pola propia natureza proactiva das titulacións impartidas, lles tocará aos egresados e egresadas ser axentes de cambio e protectores da democracia.

No fondo da mudanza, a cuestión da calidade converteuse nunha peza clave da súa xustificación práctica. Así, os plans de estudos das nosas facultades teñen que centrar algún dos seus obxectivos na adquisición de competencias por parte dos estudantes, ampliando, sen excluír, o tradicional enfoque baseado en contidos. A énfase ponse nos métodos de aprendizaxe máis axeitados para tales competencias, así como nos procedementos para avaliar a súa adquisición. Tal dinámica propiciou numerosas publicacións e produción pedagóxica diversa, o que está a animar debates e novas perspectivas, por máis que algunhas sexan recorrentes ou baseadas en tópicos académicos de amplo percorrido histórico. Faltan datos e sobran opinións, se o que queremos é avanzar enfoques que axuden a facer unha aprendizaxe máis significativa nas aulas e laboratorios.

Parece evidente o reto que o profesorado comezou a afrontar desde hai anos, xa coa entrada do EEES, e os que terán que seguir afrontando nos próximos cursos, co obxecto de intentar consolidar da maneira máis sólida posible un novo horizonte académico,máxime dentro dos mesmos centros e departamentos, abrindo vías de renovación para a súa mellor extensión curricular e social, sen esquecer que a formación do profesorado será imprescindible para o éxito da tentativa. Á fin e ao cabo, o que se pretende é axudar a construír a nova cidadanía dun país que aspira a unha democracia de maior calidade e con máis equidade cando a aprendizaxe da participación se converteu nunha peza básica da súa estrutura axiolóxica.

Neste caldo de cultivo, a aprendizaxe-servizo está a xurdir nalgúns foros como un bálsamo que parece dar solución a algunhas destas problemáticas. O certo é que pola súa propia constitución metodolóxica pode contribuír a acadar mellores cotas de formación competencial, pero por si soa non chega para conseguir os cambios académicos que se están formulando.

As tres universidades públicas galegas non son alleas a este proceso e nos últimos anos levan feito grandes avances de cara a consolidar dun xeito sostible, rigoroso e crítico a aprendizaxe-servizo nas súas aulas. Precisamente, este artigo quere poñer en valor os avances que se levan feito nos últimos dez anos marcándose como obxectivo analizar o estado actual da aprendizaxe-servizo no Sistema Universitario de Galicia (SUG), o cal nos axudará a sinalar eivas e desafíos aínda pendentes.

 

Aprendizaxe-servizo e universidade. O porqué deste binomio

Este traballo xorde estimulado pola vontade de coñecer máis a fondo a cuestión fundamental que o define (aprendizaxe-servizo), xunto coa idea de coñecer o avance deste enfoque na educación superior no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Non hai que esquecer que, detrás dun enfoque como o que aquí se mostra, hai máis que aprendizaxe e máis que servizo. Tamén hai unha filosofía da educación que consegue concibir a universidade como unha misión cívica, á vangarda do coñecemento e da innovación —tamén da educación— e onde o importante é a forma de fundamentar a aprendizaxe como un gran proceso de construción fronte ao enorme reto das sociedades actuais. Non pretendemos, por suposto, suxerir ningunha formulación que poida soar a receita oportunista para unha situación política e educativamente complexa. O máis importante, agora e aquí, é que a aprendizaxe-servizo pase a ser entendida como un vector de innovación que, coa axuda doutras estratexias, pode levar a unha mellor conexión entre a dimensión académica e a social da aprendizaxe. Son moitas as áreas curriculares que se poden vincular, no desenvolvemento do seu sentido práctico, a necesidades presentes nun ámbito social ou comunitario. Polo tanto, se conseguimos que os universitarios os representen axeitadamente na súa dilucidación cognitiva, estes poderán axilizar a súa vontade de deseñar plans de acción e proxectos conxuntos para abordar problemas, entendendo a súa ordenación como servizo que, ademais, pode volver ter un retorno que optimice a adquisición de aprendizaxes nas persoas (Sotelino, 2015).

Podemos dicir que todos os proxectos de aprendizaxe-servizo, sempre que cumpran as súas premisas elementais (reflexión e un seguimento e supervisión coherentes), teñen potencial para desenvolver unha visión da tan ansiada —e necesaria— xustiza social. O alumnado aprende a cuestionar a sociedade desde un punto de vista crítico e a analizar as situacións coas que se atopan na súa vida cunha mirada reflexiva sobre estas realidades, a súa orixe, como previlas e afrontalas e o impacto do servizo na mellora da situación de inxustiza e cambio social (Aramburuzabala, 2013).De aí que a aprendizaxe-servizo sexa unha ferramenta pedagóxica de uso predominante no ensino superior, onde a idade do alumnado e o seu nivel de maduración permiten unha maior e mellor comprensión da complexa realidade na que vivimos. Non é raro, polo tanto, considerar a aprendizaxe-servizo como un excelente enfoque pedagóxico para facer que a universidade aspire verdadeiramente a ser unha institución de educación superior (González-Geraldo, 2014).

Seguindo este mesmo argumentario, os momentos que estamos a vivir indícannos que é conveniente formar profesionais que sexan capaces de utilizar os seus coñecementos, non só no contexto científico, senón tamén para as necesidades sociais e ambientais. Isto require abordar todo o proceso de forma holística, introducindo competencias para a sustentabilidade de forma transversal, para que o alumno aprenda a tomar decisións e realizar accións con base en criterios sostibles (CRUE, 2015). Sen dúbida, a aprendizaxe-servizo móstrase como unha estratexia potencialmente adecuada para favorecer a propia transformación e desenvolver no alumnado as habilidades e competencias que require o desenvolvemento sostible das nosas sociedades (Vázquez-Verdera, 2015).

Así, cómpre sinalar que a aprendizaxe-servizo é unha metodoloxía que conta con numerosos defensores, entre expertos, docentes e membros de organizacións comunitarias, que apostan pola xeneralización do seu uso institucional. Preséntase como unha metodoloxía que dotará o alumnado e os participantes de proxectos educativos de novas habilidades adaptativas que parecen imprescindibles no momento histórico que vivimos, e das que teremos que dar resposta a novas necesidades derivadas da incerteza. Cremos que é conveniente que o profesorado de calquera nivel educativo busque novas formas de orientar as súas materias para que, ademais da aprendizaxe de contidos específicos, o alumnado poida desenvolver valores cívico-sociais e incorporar habilidades de aprendizaxe (Naval e Arbués, 2017). Do que se trata, á fin, é de que os educandos e educandas aprendan máis e mellor, e dun xeito máis contextualizado e responsable.

 

A aprendizaxe-servizo no Sistema Universitario de Galicia. Avances e desafíos

No ano 2014 presentabamos un estudo en formato de tese de doutoramento que levaba por título Aprendizaxe-servizo nas universidades galegas: avaliación e proposta de desenvolvemento. Daquel documento saía unha iniciativa que pretendía desenvolver esta metodoloxía experiencial nas tres universidades que compoñen o SUG (Sotelino, 2014).Do mesmo xeito, e de maneira complementaria, no 2016, presentouse outra tese que se fixaba no papel do alumnado nos proxectos de ApS, baixo o título Universidade, responsabilidade social e aprendizaxe-servizo: un estudo na Universidade de Santiago de Compostela (Agrafojo, 2016).

No documento de 2014 abordábase a cuestión desde unha perspectiva na que se avaliaron os documentos normativos das tres universidades, ao tempo que se lle preguntaba ao profesorado polo coñecemento que tiñan da metodoloxía ApS e súa viabilidade para a implementación. Partiamos dunha situación na que ningunha das tres institucións de educación superior tiña institucionalizada a aprendizaxe-servizo. Para resumir brevemente a situación contextual naquel momento, a gran maioría do profesorado da mostra (326) descoñecía a aprendizaxe-servizo e non encaixaba en experiencias levadas a cabo nesa dirección. Aínda que se consideraba positiva a posibilidade de incorporar esta metodoloxía á aula,indicaban algúns problemas relacionados coa función docente: tempo do profesorado, falta de formación e motivación do profesorado. Poderíase dicir, pois, que o profesorado parecía disposto a asumir o desenvolvemento desta metodoloxía como responsabilidade propia, malia subliñar condicións para a súa efectiva implicación. Aínda que non debemos esquecer os datos do problema máis sinalado, é dicir, a falta de financiamento para iniciativas que precisan de apoio material. Pola súa banda, no documento de Agrafojo (2016), a análise avalou a conclusión de que a responsabilidade social universitaria é unha ferramenta pertinente no marco das institucións de educaciónsuperior, ademais de que a alta satisfacción das persoas participantes en proxectos desta índole poñíade manifesto que a promoción da aprendizaxe-servizo podería converterse nun elemento estratéxico para a mellora do proxecto educativo das universidades galegas.

Desde a realización dos citados estudos, as tres universidades galegas foron incorporando progresivamente a aprendizaxe-servizo as súas aulas. As tres seguiron modelos diferentes, pero con obxectivos comúns, e mesmo converxendo en diferentes foros e eventos para intercambiar experiencias do proceso. Así, hoxe, de norte a sur de Galicia, cóntase con programas institucionalizados de ApS que se apoian en diferentes piares atendendo ás casuísticas de cada campus e universidade (táboa 1).

Táboa 1. Estado actual da institucionalización da ApS no SUG

 

Fonte. Elaboración propia a partir da información pública das universidades galegas

 

Na táboa anterior utilizáronse os indicadores que sinalaba a Comisión de Sostibilidade da CRUE no documento marco de 29 de maio de 2015 (CRUE, 2015). Estas suxestións foron ampliadas a partir da Guía para a institucionalización de aprendizaxe-servizo na universidade (Santos-Rego e Lorenzo, 2018), a cal foi resultante dun importante proxecto de investigación no marco do Grupo de Investigación Esculca (1). E tamén se tivo en conta o documento elaborado na Universidade da Coruña para promover a implementación da ApS nas súas facultades (2), informado favorablemente no Consello de Goberno do 16 de decembro de 2015 eactualizado e informado de novo no Consello de Goberno do 23 de febreiro de 2017. Para recadar a información, tivéronse en conta as publicacións relativas á aprendizaxe-Servizo vertidas nas webs oficiais das tres universidades galegas (3). Para unha mellor interpretación utilizáronse tres cores que indican o total cumprimento (verde), un cumprimento parcial (amarelo) ou o non cumprimento (vermello).

Neste senso, e de maneira xeral, podemos observar a boa situación na que se atopan as tres universidades galegas en relación co proceso de institucionalización da aprendizaxe-servizo. Todas coinciden na realización de formación de profesorado en ApS, no apoio e o soporte dado ao alumnado participante e na relación con entidades externas á propia academia. Todas contan cunha convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo, a cal serve para avaliar e seguir o seu desenvolvemento. Cabe sinalar a dilatada traxectoria da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña neste senso, cunha posterior incorporación da Universidade de Vigo (táboa 2). As tres entidades de educación superior achéganlle recoñecemento institucional ao profesorado que coordina proxectos de ApS. Todo isto non quita que se desenvolvan proxecto á  marxe das diferentes convocatorias, e mesmo así nos consta.

Táboa 2. Proxectos de ApS no marco de diferentes convocatorias das universidades galegas

Fonte. Elaboración propia a partir da información pública das universidades galegas

 

Tamén parece existir acordo na realización de diferentes xornadas de intercambio de experiencias (táboa 1). Aquí existen diferentes formatos segundo a universidade que organice, pero no obxectivo xeral non difiren entre si, e o que se pretende é compartir problemas e solucións entre o profesorado que desenvolve proxectos de aprendizaxe-servizo, e tamén con aquelas/es que queren iniciarse neste camiño pedagóxico. Mesmo se realizaron tres seminarios con carácter internacional con base en Compostela, no cal as tres universidades galegas se implicaron  directamente. Outro punto de concordancia sitúase na non creación de unidades específicas para velar polo desenvolvemento da ApS, todas optaron por aproveitar as estruturas xa existentes para estender a súa institucionalización.

Un dos aspectos onde existen diverxencias é na convocatoria de premios. A Universidade de Santiago de Compostela formulou esta iniciativa en dúas ocasións sen volver renovalos desde o curso 2018/19. Pola súa banda, a Universidade de Vigo non ten convocado na actualidade ningún concurso neste senso. Tan só a Universidade da Coruña mantén activos uns galardóns que recoñecen proxectos de aprendizaxe-servizo.

Un punto no que coinciden USC e UDC é na creación de repositorios de experiencias de aprendizaxe-servizo. A Universidade de Vigo conta coa narración de experiencias de ApS, pero incorporado no marco de proxectos de cooperación, sen ter un apartado específico para este tipo de dinámicas experienciais, de aí que sinalemos a cor amarela. Cabe sinalar que a UDC é a máis veterana das tres na creación de convocatorias, contando cunha páxina na cal de recollen experiencias desde o curso 2015/16 ata a actualidade. Na USC, é ao ano seguinte onde se fai a primeira chamada oficial ao profesorado para que presente os seus proxectos no marco dunha proposta institucional. Na Universidade de Vigo é no curso 2019/20 cando deciden abrir unha vía de avaliación en formato de convocatoria, aínda que isto non quere dicir que anteriormente non se desenvolvesen proxectos de calidade nos campus do sur de Galicia. Un punto que hai que destacar é o crecemento mantido de experiencias con números semellantes en todas as convocatorias, agás naquelas nas que a covid-19 fixo o seu efecto. Este dato valórase positivamente posto que asegura a sostibilidade temporal, sen grandes picos alentados por modas pasaxeiras.

Por último, o profesorado das universidades do Sistema Universitario de Galicia indagou na eficacia e eficiencia da aprendizaxe-servizo nas súas materias, e así o demostran as numerosas publicacións en revistas especializadas e congresos do sector. Pero tan só a Universidade de Santiago de Compostela conta cun grupo de investigación estable (4) que traballa e profunda en diferentes aspectos da ApS, este é o GI-Esculca con sede na Facultade de Ciencias da Educación.

 

Conclusións

A aprendizaxe-servizo xa é unha realidade en Europa e no resto do globo nos currículos de todos os niveis educativos, así como noutros proxectos de educación non formal (Sotelino at al., 2021). O progresivo aumento da literatura académica avala esta idea e, como sinalamos con anterioridade, así se demostra tamén no amplo abano de diferentes tipos de publicacións que se poden atopar. Ademais, a presenza dalgunhas asociacións como o Observatorio Europeo de Aprendizaxe-Servizo na Educación Superior, a crecente existencia de proxectos de investigación sobre a aprendizaxe-servizo no ensino superior e diferentes encontros e actividades educativas centradas no ámbito universitario poderían presupoñer que existe unha tendencia a implantar esta metodoloxía neste nivel educativo (Lorenzo et al., 2017).

As universidades do Sistema Universitario de Galicia non son alleas a este proceso e aos argumentos pedagóxicos que avalan a inclusión desta metodoloxía experiencial nas aulas. Así o podemos comprobar nas súas plataformas dixitais, onde podemos observar as diferentes convocatorias existentes, documentos marco, proxectos desenvoltos, cursos de formación do profesorado etc. Neste senso, cabe sinalar o alto grao de institucionalización na educación superior galega, a cal se está demostrando no progresivo aumento de propostas nas diferentes facultades e escolas (táboa 2).

Neste momento, onde a consolidación da aprendizaxe-servizo na aulas universitarias galegas xa é unha realidade, os desafíos son outros e pasan por asegurar o rigor e calidade dos proxectos implementados (Santos-Rego, Lorenzo e Sotelino, 2018). Outro desafío deste tipo de iniciativas pasa por equilibrar a balanza entre a dixitalización do ensino —e tamén da ApS— sen deixar de manter contacto vivencial e real con comunidades e colectivos (García-Gutérrezet al., 2021). Para iso, non podemos deixar de avaliar as diferentes propostas velando polo cumprimento das premisas pedagóxicas desta metodoloxía. O camiño feito parece ser o correcto, agora só queda proseguir nunha senda que redunde na mellor formación do estudantado e na creación de sinerxías entre sociedade e universidade.

 

(1) “Aprendizaje-Servicio e Innovación en la Universidad. Un programa para la mejora del rendimiento académico y el capital social de los estudiantes” (EDU2013-41687-R (BOE 1/08/2014).Véxase https://www.usc.es/apsuni/

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Agrafojo, J. (2016). Universidad, responsabilidad social y aprendizaje-servicio un estudio en la Universidad de Santiago de Compostela (tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Aramburuzabala, P. (2013). Aprendizaje-Servicio: Una herramienta para educar desde y para la justicia social. Revista Internacional de Educación para la Justicia Social,2(2), pp. 5-11.Dispoñible en https://revistas.uam.es/riejs/article/view/369

CRUE/Comisión de Sostibilidade (2015). Institucionalización del aprendizaje-servicio como estrategia docente dentro del marco de la responsabilidad social universitaria para la promoción de la sostenibilidad en la universidad. Documento técnico aprobado por elComité Executivo ePlenario da Comisión de Sostibilidade, realizado en León o día 29 de maio de 2015. Dispoñible en https://www.crue.org/Documentos%20compartidos/Recomendaciones% 20y%20criterios%20tecnicos/2.%20APROBADA%20INSTITUCIONALIZACION%20ApS.pdf

García-Gutiérrez, J., Ruíz-Corbella, M. e Manjarrés-Riesco, A. (2021). Virtual Service-Learning in Higher Education. A Theoretical Framework for Enhancing its Development. Frontiers in Education, 5(630804). Dispoñible en https://doi.org/10.3389/feduc.2020.630804

González-Geraldo, J. L. (2014). Hacia una Universidad más humana. ¿Es superior la educación superior? Madrid: Biblioteca Nueva.

Lorenzo, M., Mella, I., García, J. e Varela, C. (2017). Investigar para institucionalizar el aprendizaje-servicio en la universidad española. RIDAS, Revista Iberoamericana de Aprendizaje Servicio, 3, pp. 118-130. Dispoñible en https://doi.org/10.1344/RIDAS2017.3.9

Naval, C. e Arbués, E. (2017). El aprendizaje-servicio en la educación superior: las competencias profesionales.En J. A. Ibañez-Martín and J. L. Fuentes(eds.), Educación y capacidades: hacia un nuevo enfoque del desarrollo humano (189-207). Madrid: Dykinson.

Santos Rego, M. A. e Lorenzo, M. (eds.) (2018). Guía para la institucionalización del aprendizaje-servicio en la universidad. Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio de Científico.

Santos-Rego, M. A., Lorenzo, M. e Sotelino, A. (2018). Sostenibilidad e institucionalización cautelosa del aprendizaje-servicio en la universidad. En C. Barroso (coord.), Educación en la sociedad del conocimiento y desarrollo sostenible: XXXVII Seminario Interuniversitario de Teoría de la Educación (pp. 307-312). Tenerife: Universidad de La Laguna.

Sotelino,A.(2015).AprendizajeservicioyeducaciónsuperiorenGalicia.¿Quéopinanlosprofesores?.RIDAS, Revista Iberoamericana de Aprendizaje y Servicio, 1, pp. 56-75. Dispoñible en https://doi.org/10.1344/RIDAS2015.1.4

Sotelino, A. (2014). Aprendizaje-servicio en las universidades gallegas. Evaluación y propuesta de desarrollo (tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela.

Sotelino, A., Arbués-Radigales, E., García-Docampo, L. e González-Geraldo, J.L. (2021). Service-Learning in Europe. Dimensions and Understanding from academic publication. Frontiers in Education, 6(604825). Dispoñible en https://doi.org/10.3389/feduc.2021.604825

Vázquez-Verdera, V. (2015). El aprendizaje-servicio: una estrategia para la formación de competencias en sostenibilidad. Foro de Educación, 13(19), pp. 193-212. Dispoñible en https://doi.org/10.14516/fde.2015.013.019.009

 

 

Sección: