Multigraduación: modelo de ensino alternativo

As multigrao son aulas con nenos e nenas de diferentes idades e representan unha porcentaxe considerable no sistema educativo público galego (cálculase que sobre un 15 % do alumnado recibe clase nesta tipoloxía de aula). Neste documento faise unha análise do seu peculiar funcionamento, poñendo a mirada tanto nos aspectos vantaxosos como nas dificultades propias das aulas multigrao. Ademais, faise unha exposición das distintas accións que o CRA de Rianxo está a pór en marcha no marco do seu proxecto de especialización no ensino multigrao.

Baltasar Figueiras Martínez, orientador e coordinador do Equipo de Programas Internacionais
CRA de Rianxo (A Coruña)
baltasar.figueiras@edu.xunta.gal
Mario Jiménez López, mestre especialista en Educación Física no CRA de Rianxo.
Mestre itinerante nas 11 unidades multigrao que constitúen o CRA de Rianxo.
mario_jimenez23@edu.xunta.es

 

Introdución

As aulas multigrao (aulas mixtas) son aquelas nas que se escolariza alumnado de distintos niveis, tal e como se indica na Orde do 25 de xuño 2009. Na mesma orde apúntase a posibilidade de establecer agrupamentos de idades mixtas tendo en conta a riqueza de interaccións que nestas aulas se producen, o que favorece en gran medida situacións positivas de aprendizaxe.

Esta tipoloxía de aulas conta cunha longa tradición no noso territorio a través das escolas unitarias. Non obstante, existe pouca investigación educativa que poña o foco neste tipo de ensino.

A actual crise demográfica, caracterizada cunha baixa natalidade, xunto coa dispersión xeográfica do noso territorio leva a que esta organización educativa persista e teña perspectiva de futuro.

As aulas multigrao teñen un funcionamento diferente ás chamadas aulas graduadas e, polo tanto, contan cuns principios metodolóxicos propios.

Son aulas que posúen unhas vantaxes e beneficios propios e os centros con este tipo de agrupamento poden encontrar nelas unha oportunidade, consolidándose como identidade de centro e posibilitando verdadeiros modelos educativos innovadores.

A análise do ensino multigrao amosa uns beneficios propios que é necesario potenciar, pero tamén unhas debilidades que deben marcar o camiño de mellora.

Aula multigrao

 

Desenvolvemento

Os informes escolares amosan que os indicadores de calidade do ensino no rural e do ensino nas urbes son similares. Existen diferentes  factores, como unha baixa ratio, unha implicación maior das familias ou a accesibilidade a un contorno que facilita a aprendizaxe, que fan compensar as dificultades propias do ensino no rural.

A educación en zonas rurais caracterízase por darse un ensino onde os nenos e nenas de diferentes idades conviven nun mesmo espazo educativo. Referímonos ás aulas multigrao ou aulas mixtas, como se denominan na lexislación actual. Contan cunha longa tradición no noso territorio a través das escolas unitarias, agora moitas delas integradas en CRA (colexios rurais agrupados). A pesar deste feito, os estudos e investigacións educativas que se centran neste obxecto de coñecemento son escasos.

As aulas multigrao posúen unha serie de condicionantes, moi vinculados entre si, que lastran o seu desenvolvemento, pero que, de superalos, poden converterse nunha oportunidade para o sistema educativo e en modelos alternativos de ensinanza.

Quizais a máis destacada debilidade é a falta de visibilización e coñecemento. Existe a idea colectiva de que este tipo de agrupamento se usa en circunstancias moi excepcionais e ademais tende a desaparecer. En contraposición á idea da excepcionalidade, as aulas multigrao non só tiveron unha presenza destacada no pasado senón que son unha realidade do presente e con perspectiva de futuro, representan unha porcentaxe importante da poboación escolar. A falta de visibilización e coñecemento impide tomar consciencia das súas dificultades e poñer en marcha medidas que as superen. Na mesma liña, existe un descoñecemento das súas potencialidades, o que inhibe o seu desenvolvemento e promoción.

Outro dos seus condicionantes é que se presentan como formas de solución ante escolas que non teñen o alumnado suficiente para constituír aulas graduadas. A multigraduación permite rendibilizar recursos e evitar o peche de escolas ou unidades que tería consecuencias negativas no territorio onde están asentadas. Esta visión dificulta que sexan vistas como modelos alternativos de ensinanza, cunhas características e potencialidades propias.

Todo o sistema educativo actual está enfocado nun único modelo, o das aulas graduadas, no que o agrupamento é marcado pola idade do alumnado. A maioría de nós crecemos en aulas con nenas e nenos da mesma idade, tamén fomos formados, os que optamos pola profesión docente, para exercer en aulas graduadas. En definitiva, todo o sistema de xestión educativo está orientado cara a este modelo. Isto limita que se dispoña de mecanismos e estruturas que dean resposta particular ás necesidades das aulas multigrao. Aplícanse respostas xerais ante un modelo que ten un funcionamento diferente, unhas necesidades e unha demanda de atención particular.

Na mesma liña, os plans de estudos que forman os futuros docentes apenas fan un tratamento específico que aborde o ensino en aulas multigrao; por conseguinte, o profesorado de nova incorporación accede ao sistema cunha eiva na didáctica multigrao. O ensino multigrao ten un funcionamento propio, cuns principios metodolóxicos propios e que require de metodoloxías que se adecúen ás súas características. Faise necesario que as universidades tomen consciencia da importancia que teñen as aulas multigrao e deseñen plans formativos específicos que dean respostas ás necesidades do profesorado das aulas multigrao. A formación convértese nun aspecto esencial no intento de aumentar  a calidade educativa do profesorado que exerce a súa profesión nun contorno rural.

Finalmente, apúntase como necesidade para as aulas multigrao un tratamento lexislativo específico que lle permita encontrar o seu propio espazo no sistema educativo, obtendo unha consideración específica da súa realidade, así como unha estrutura de apoio que garanta a calidade educativa.

Pola contra, cada vez máis profesionais educativos ven nesta tipoloxía de aulas uns potenciais, uns beneficios, unhas vantaxes e unhas oportunidades singulares. Así, podemos ver que na actualidade existen algunhas experiencias educativas na que os nenos e nenas non son agrupados por criterios de idade e que ven nesta diversidade unha serie de vantaxes que non poden ser acadas nunha aula «estándar», articulando verdadeiros modelos educativos innovadores.

A diversidade e riqueza de interaccións que ofrecen este tipo de aulas quizais sexa un dos maiores potenciais que caracteriza este modelo. A heteroxeneidade do grupo fomenta unha maior aceptación da diversidade, así como un maior respecto aos ritmos de aprendizaxe de cada nena e neno. O alumnado asume o diferente de xeito natural, desenvolvendo así a súa capacidade empática e mellorando a súa intelixencia interpersoal. Podemos afirmar que esta organización se converte nunha medida esencial de promoción e atención da diversidade.

«Dáse unha riqueza de interaccións, o que favorece en gran medida situacións positivas de aprendizaxe». Por conseguinte, o alumnado desenvolve maior habilidade nas relacións sociais e comunicativas froito dunha interacción con alumnado de diferentes idades e habilidades comunicativas distintas.

Prodúcense con máis frecuencia situacións de aprendizaxe entre iguais e establécense a colaboración e a cooperación como estratexias de aprendizaxe activa que encontran acomodo neste tipo de aulas, fronte a programas educativos asentados na competitividade e na individualidade. Dáse unha construción colectiva do coñecemento na que, xunto coa mestra ou mestre, o alumnado é protagonista desa construción. O coñecemento non provén dunha única fonte.

Outras das vantaxes é que o alumando pode acceder a distintos niveis de complexidade do coñecemento, o que permite reforzar aprendizaxes básicas xa traballadas ou ampliar e adquirir novos coñecementos. O alumnado ten flexibilidade para poder adecuarse a distintos niveis de dificultade.

Estas son, entre outras, algunhas das características que cómpre destacar das aulas multigrao. A superación das súas eivas e o reforzo das potencialidades motivan que mestres de aulas normalizadas vexan nelas unha alternativa real ao ensino tradicional, buscando un modelo de ensino innovador. Pero estas iniciativas necesitan ser alentadas e ofrecerlle un tratamento específico que recoñeza o seu funcionamento e necesidades particulares. Deste xeito o modelo multigrao podería converterse nunha alternativa innovadora transferible a calquera centro, independentemente da súa localización e demanda de matrícula, ao mesmo tempo que habería unha incidencia directa e inmediata na porcentaxe de alumnado xa escolarizado en aulas multigrao, aumentando así a calidade educativa.

Escola de Raño

 

Produto da reflexión conxunta e conscientes das particularidades que ofrece o ensino multigrao, o profesorado do CRA de Rianxo ve neste tipo de ensino unha oportunidade e impulsa un proxecto de especialización do ensino multigrao, incorporándoo como sinal de identidade do centro. Para acadar esta especialización desenvolve unha serie de accións que permiten dar pasos neste obxectivo:

A formación é unha das ferramentas transformadoras máis eficaces. Conscientes da fortaleza da formación permanente, o centro incorpora no seu PFPP o ensino multigrao como obxecto de coñecemento central para a formación do seu profesorado. Coas actividades deseñadas existe unha dobre intencionalidade: por un lado, profundar e especializarse na didáctica concreta do ensino multigrao e, por outro, visibilizar e crear impacto. Eventos educativos como os Encontros de Ensino Multigrao do CRA de Rianxo realizados o pasado 5 de abril permiten dar a coñecer este tipo de aulas, xuntado nun mesmo espazo diferentes axentes educativos coa motivación común do ensino multigrao.

Outra das accións é o deseño, solicitude e execución dun proxecto Erasmus+ sobre ensino multigrao. O proxecto ten o propósito de investigar naquelas metodoloxías que mellor se adecúan a este tipo de ensino. Os proxectos europeos Erasmus+ ofrecen a oportunidade de visitar distintos países da UE e participar na vida das súas escolas. Desta forma, coñécense de primeira man outros sistemas educativos e permite aprender de prácticas educativas que se levan á cabo neses países. A comparativa xera debate e reflexión sobre a implantación de posibles proxectos, prácticas ou metodoloxías. Ademais, o centro adquire carácter de apertura, establecendo un fluxo de coñecemento.

Unha das preocupacións que ten o centro no seu proxecto de especialización é conseguir unha maior visibilización da escola rural, do ensino multigrao e do centro en si mesmo. Así existe intencionalidade de visibilización na participación de actos, accións formativas e eventos que permitan abordar a temática obxecto de estudo e expoñer as prácticas educativas que se están levando a cabo nas escolas do CRA de Rianxo. Exemplo destas accións é a participación de membros do seu claustro en distintos eventos sobre o ensino (congresos, xornadas, cursos...) nas que se abordou a multigraduación desde a perspectiva da escola. Este obxectivo de visibilización refórzase e acompáñase co uso das redes sociais (Facebook, Instagram) que permiten amosar tanto as actividades de especialización como o traballo que se desenvolve nas escolas.

Con estas accións, o centro non só avanza nun beneficio interno de especializar o seu profesorado no ensino multigrao, obtendo unha repercusión directa na calidade de ensino nas súas aulas, senón que tamén contribúe á promoción da multigraduación como modelo innovador alternativo.

 

Conclusión

A toma de conciencia da realidade das aulas con alumnado de diferentes idades, xunto coa necesidade dun tratamento específico, poden converter a multigraduación nun modelo de innovación educativa, favorecendo o desenvolvemento integral do seu alumnado. Isto, ao mesmo tempo, permitirá atender os desafíos propios do ensino multigrao.

O panorama educativo, tanto actual como futuro, condicionado pola dispersión demográfica e unha moi baixa natalidade, require da presenza no seu sistema dunha porcentaxe de centros e aulas que agrupen nenos e nenas de diferentes idades. Por este motivo, faise necesaria unha estratexia que lle ofreza soporte ao ensino multigrao, xa non só como aposta polo innovación, que tamén, senón, por unha necesidade de consideración do alumnado que é escolarizado nestas aulas.

O deseño dunha estratexia global con participación dos distintos axentes educativos pode situar o ensino multigrao galego en referente e modelo para outras comunidades.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Anzano Oto, S., Vázquez Toledo, S., e Liesa Orús, M. (2020). Análisis de la formación inicial en escuela rural en los grados de Magisterio: valoraciones y percepciones del alumnado como agentes implicados. Tendencias Pedagógicas.

Boix, R. e  Buscà, F. (2020a).  Competencias del profesorado de la escuela rural catalana para abordar la dimensión territorial en el aula multigrado. REICE. Revista Iberoamericana sobre Calidad, Eficacia y Cambio en Educación.

Bustos,  A. (2014).  La  didáctica multigrado  y  las aulas rurales: perspectivas y datos para su análisis. Innovación educativa.

Bustos,  A. (2010). Aproximación a las aulas de  escuela rural: heterogeneidad y aprendizaje en los grupos multigrado. Revista de Educación.

Grimes, N. (2019). An Investigation of Teachers’ Perceptions of the Benefits of Multi-Grade Settings in Irish Primary Schools. Tese de doutoramento.

Martín-Cilleros, M. V., Gutiérrez-Ortega, M., Morán-Antón, M. E Sánchez-Gómez, M. C. (2021). Percepción del profesorado de las aulas multigrado desde una perspectiva DAFO.  Revista Lusófona de Educação.

Mulryan-Kynes, Catherine (2005). The Grouping Practices of Teachers in Small Two-Teacher Primary Schools in the Republic of Ireland. Journal of Research in Rural Education.

Vega, L. F. (2020). Docencia en aulas multigrado: claves para la calidad educativa y el desarrollo profesional docente. Revista Latinoamericana de Educación Inclusiva.

Referencias lexislativas

Decreto 330, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Orde do 25 de xuño do 2009 pola que se regula a implantación, o desenvolvemento e a avaliación do segundo ciclo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

 

Sección: