Salvaxismo ou cooperación nas orixes da humanidade?

Unha aproximación antropolóxica

Juan Antonio Granados Loureda, director de Eduga

 

Para aqueles que estudaron o primitivismo como unha categoría xurídica parece claro que as primeiras sociedades que podemos considerar humanas posuían una certa consciencia mítico-relixiosa que partía dunha concepción cosmogónica do mundo. Así, o profesor Alvarado Planas (1) sostén que as sociedades de cazadores-recolledores vivían inmersas nunha certa xerarquización de vontades que pretendían participar dun xeito místico da imitatio Dei, isto é, achegarse no posible á orde natural do cosmos definido polos deuses. É dicir, de maneira parecida ao que hoxe entendemos por iusnaturalismo, presupónselles ás sociedades primitivas o desenvolvemento de certos modelos innatos de conduta, onde o ben se achegaría á orde cósmica e o mal ou as condutas erróneas serían produto da desorde ou da tendencia ao caos. Deste xeito, os puros actos individuais podían asimilarse a modelos sociais de conduta; categorías ou arquetipos tendentes a unha desexable integración co cosmos.

 

 

Esta concepción desenvolvida ao carón da antropoloxía pretende a existencia dun certo isomorfismo: tal como sucede arriba ten que suceder abaixo. Así, nestas sociedades a miúdo chamadas sen moito fundamento prelóxicas, os fenómenos que rodeaban a horda atopaban a súa explicación nun mundo superior. Se o río vén sen auga no verán, a causa non é a falta de chuvia senón a existencia dun certo desasosego nos deuses pola comisión dalgún acto desordenado. O regreso á orde establecida debería lograrse mediante o rito, talvez unha das primeiras formas do dereito. Neste sentido, a inevitable existencia dos primeiros xefes e xamáns, figuras non moi distantes dos machos alfa nos pónxidos superiores, tería como primeira función dirixir rectamente o grupo a partir dunha certa capacidade para participar do sagrado. Ao igual que ocorre cos líderes de chimpancés ou bonobos, os individuos dominantes no son exclusivamente os máis fortes ou agresivos, son tamén aqueles capaces de impoñer a orde e a paz social coa súa propia vontade. Cristopher Boehm (2011) observou como tanto en grupos de chimpancés como entre os máis benevolentes e pacíficos bonobos, os machos dominantes se comportan habitualmente como uns excelentes peacemakers expertos en deter pelexas (2). Neste sentido, o líder primitivo recoñécese como tal na medida en que imita os deuses e, por extensión, os antepasados felizmente recordados. Isto é, compórtase con rectitude, ecuanimidade e dignidade. A pesar diso, as primeiras teorías antropolóxicas desenvolvidas nos séculos XIX e XX, tendían a considerar as sociedades primitivas como grupos humanos caracterizados por un salvaxismo atroz, poboado de costumes insás e incluso absurdas. Interpretacións máis ben especulativas, moitas delas baseadas nas teorías psicanalíticas de Sigmund Freud, que hoxe se consideran pouco fundamentadas, como a horda atkinsoniana (fillos sometidos ao celibato forzoso que só desexan liquidar o pai tiránico), o concubinato de Bachofen (que defendía unha suposta promiscuidade primitiva que afianzaba o papel das mulleres na comunidade), o grupo infanticida de McLennan, o canibalismo primitivo etc. En palabras do pioneiro da antropoloxía Brioslaw Malinowski:

A antropoloxía é aínda para a maioría dos profanos e para moitos especialistas un obxecto de interese anticuario. Salvaxismo é aínda sinónimo de costumes absurdas, crueis e excéntricas, con raras supersticións e odiosas prácticas. O desenfreo sexual, o infanticidio, a caza de cabezas, o canibalismo e quen sabe que fixeron da antropoloxía unha lectura atractiva para moitos e un obxecto de curiosidade máis que de estudo serio para outros.

Pois ben, a moderna antropoloxía, utilizando o método comparativo ao estudar culturas primitivas aínda existentes, fálanos de liderados moito menos radicais onde o líder e máis ben un portavoz da opinión pública que un moldeador desta. Así, por exemplo, Claude Lévi-Strauss constatou no seu célebre Tristes trópicos que os indios nambíkvara do Brasil tiñan xefes que baseaban toda a súa influencia no convencemento e no dominio da opinión pública:

Hai que dicir ao mesmo tempo que o xefe non pode buscar apoio nin en poderes claramente definidos nin en ningunha autoridade publicamente recoñecida. Un ou dous individuos descontentos poden dar ao traste con todo o seu programa. Se isto sucede, o xefe non ten ningún poder de coacción, pode desembarazarse dos elementos indesexables só na medida en que todos os demais pensen igual ca el.

Friedrich Karl von Savigny, un dos grandes teóricos do historicismo xurídico, adoitaba dicir que onde hai sociedade hai dereito, isto é, normas ou, se se prefire, leis. No caso orixinario do Paleolítico, as normas non sempre eran administradas por membros especializados do grupo humano, senón pola propia opinión pública da tribo. Así, o estudo do pobo do arquipélago das Trobriand (Melanesia) realizado por Malinowski (3) evidenciou que as sociedades primitivas que subsistiran no século XX posuían auténticos códigos de conduta baseados esencialmente na obriga recíproca, establecendo entre eles sutís tramas de dereitos e obrigas moi afastadas da simple relación estímulo/resposta suxerido en primeira instancia pola primeira antropoloxía e logo polo propio Fiedrich Engels nos seus estudos sobre a familia primixenia. «As poderosas forzas compulsivas do dereito civil de Melanesia hai que buscalas —afirma Malinowski— na concatenación das obrigas, no feito de que están ordenadas en cadeas de servizos mutuos, un dar e tomar que se estende sobre longos períodos de tempo e que cumpre amplos aspectos de interese e actividade». E desde logo isto resulta necesario, pois en calquera sociedade que se poida imaxinar o conflito de intereses sempre está presente.

 

 

Á vista de inevitables confrontacións derivadas de intereses e opinións contrapostas e a falta de xuíces, policías ou reis, as sociedades primitivas organizadas en bandas e aldeas baseaban a resolución de conflitos na súa articulación en grupos domésticos e no parentesco. Marvin Harris (4) lémbranos que nestes grupos os individuos agarrados, agresivos ou perturbadores adoitan ser prontamente identificados polo grupo e moi habitualmente aparecen sometidos á presión da opinión pública. En moitas ocasións non é necesaria a vinganza do grupo senón simplemente o uso da ironía e da burla, como o chamado duelo de cancións dos esquimós, para afear condutas non desexadas. Algo que se o pensamos ben aínda funciona hoxe en día como presión grupal fronte ao abuso, malia a aparición do Estado en Mesopotamia arredor do 3300 a. de C. ou en Mesoamérica aproximadamente no 300 d. de C. cambiar radicalmente as cousas establecendo un certo monopolio do poder e da xustiza que parece que abeirou notablemente a xestión espontánea de carácter grupal. Polo momento, para os antropólogos a forma de coacción máis xeneralizada entre os pobos primitivos é a simple presión social, o que os xuristas chamarán opinio iuris. Como apuntabamos antes, a broma, a burla, as cancións satíricas a golpe de tambor servían moi adecuadamente para a expiación ritual.

Para os arqueólogos, fenómenos habituais nas sociedades humanas como a guerra non parecen ser moi frecuentes no Paleolítico. En ocasións, interpretei a existencia de cranios mutilados atopados en covas como a de Chu-Ku-Tien na China como unha mostra de canibalismo exercido sobre os inimigos feitos prisioneiros. Con todo, este feito nunca quedou excesivamente claro, pois os individuos afectados non terían que ser necesariamente inimigos, tamén podería tratarse de parentes falecidos suxeitos a prácticas rituais funerarias. Para os especialistas, a evidencia arqueolóxica máis antiga e convincente sobre a existencia dunha guerra está no Xericó neolítico onde encontramos xa murallas, torres e fosos defensivos (Roper, Bigelow). Como moito, o que podería darse no Paleolítico serían combates puntuais polo territorio. A chegada dos cultivadores que traía aparellada as primeiras formas do traballo diversificado e o Estado debeu supor o principio deses conflitos a maior escala que podemos considerar como guerras.

Finalmente, debemos entón cultivar a idea roussoniana do bo salvaxe, o paraíso perdido ou a terra de regalía, aplicada ao mundo prehistórico en contraste co salvaxismo xeneralizado descrito polos antropólogos de primeira hora? En absoluto, todo o que nos di a ciencia ata o momento daqueles períodos remotos é que os seres humanos daquel tempo se parecían bastante a nós mesmos, aínda situados ante circunstancias e modos de vida diferentes. En palabras do propio Malinowski: «Cada necesidade satisfaise cun tipo determinado de resposta cultural. Dado que as necesidades son universais, tamén o son as respostas culturais que se dan para satisfacelas, por máis que aparentemente difiran entre si».

 

 

 

(1) ALVARADO PLANAS, Javier (1985-ed PDF 2015). El pensamiento jurídico primitivo. Madrid: Universidad Complutense. Tese de doutoramento inédita.

(2) BOEHM, CRISTOPHER (2011). Retaliatory violence in human prehistory. BRIT. J. CRIMINOL. (2011) 51, 518-534 Advance Access publication 28 March 201. Oxford University Press on behalf of the Centre for Crime and Justice Studies (ISTD).

(3) MALINOWSKY, BRONISLAV (1937-ed.1982). Crimen y costumbre en la sociedad salvaje. Madrid: Ariel.

(4) HARRIS, MARVIN (1997). Caníbales y reyes: los orígenes de las culturas. Madrid: Alianza.

 

 

Sección: