Outes Sostible. Cidadáns do presente para o futuro

A tecnoloxía ao servizo de novas realidades
O artigo expón o proceso levado a cabo no marco do proxecto documental integrado Outes Sostible. Cidadáns do presente para o futuro no curso 2021/22. O proxecto fai unha análise das posibles melloras que como cidadanía comprometida podemos abordar na nosa contorna, ao tempo que se achega o alumnado ao coñecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU que foron empregados como eixe de análise.

Alicia Nimo. Titora e coordinadora da biblioteca do centro
CEIP Plurilingüe de Outes. Outes (A Coruña)
alicia_nl@edu.xunta.es

 

 

 

É un consenso bastante estendido que promover o desenvolvemento integral das nenas e nenos é o obxectivo principal do sistema educativo, pero é difícil pensar nun desenvolvemento integral saudable se o contexto no que vivimos non é sostible e xusto socialmente. Tamén nos parece utópico pensar que mellorar ese contexto debe partir unicamente dunha proposta global e allea a nós mesmos e que debemos ser conscientes da responsabilidade individual e social que cada un de nós temos. Derivado destas premisas, entendemos que ensinar os nenos e nenas a interpretar a realidade que nos rodea coa finalidade de intervir na súa mellora se converte nun obxectivo prioritario que, ademais, avanza cara a garantir un contorno saudable no que favorecer ese desenvolvemento integral. Un bo xeito de facelo é implementando dinámicas de aprendizaxe-servizo, que son aquelas que combinan as aprendizaxes académicas con darlle un servizo á comunidade.    

Por outra banda, chégannos neste momento cada vez máis informacións relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU. Unha axenda con 17 obxectivos que forman parte dunha axenda de retos, «un plan de acción a favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que tamén ten a intención de fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza».

 

Imaxe corporativa creada para o PDI Outes Sostible

 

Con estes referentes puxemos en marcha no curso 2021/22 o proxecto de investigación Outes Sostible. Cidadáns do presente para o futuro, un proxecto que naceu co obxectivo de promover unha cidadanía comprometida cun estilo de vida sostible e coa promoción dos hábitos precisos tamén nas persoas que a rodean e no que empregamos os ODS 2030 como eixe de análise da situación e de clasificación das propostas de mellora resultantes do proceso de investigación. 

Da man deste grande obxectivo tivéronse en conta outros non menos importantes como o de impulsar os talentos STEAM, apoderando especialmente as nenas en tarefas de corte científico-tecnolóxico.

 

Organización do proxecto

O deseño inicial da proposta foi a cargo do equipo de biblioteca, aínda que nel se recolleron ideas e propostas de todo o claustro. Nun primeiro momento organizáronse catro liñas de investigación dentro da temática proposta, asociadas cada unha delas a un grupo de ODS: igualdade, consumo, medio ambiente e calidade da auga e industria. 

No cadro 1 pode verse, ademais, a especificación en subliñas e os ODS asociados, así como os que se consideraron de abordaxe transversal ao longo de todo o proceso.

 

Cadro organizativo das liñas de traballo do proxecto e os ODS relacionados con elas

 

A maiores, coa intención de orientar o traballo, fixéronse algunhas recomendacións de investigación dentro de cada liña, proposta dalgunha posible efeméride que por temática ofrecía investigacións de interese, unha primeira aproximación aos posibles produtos e o calendario de temporización do proxecto. Toda esta planificación recolleuse nunha presentación que se lle entregou ao profesorado nun primeiro momento e ás aulas na presentación do proxecto.

 

Fases e desenvolvemento xeral do proxecto

 

Fases do proxecto

 

Presentación e fase de investigación

Tras presentarlle o proxecto a todo o alumnado nunha cerimonia conxunta, comezou o proceso de investigación. O primeiro obxectivo era achegarnos á conceptualización dos propios ODS e ás temáticas que representan cada un dos dezasete obxectivos, para profundar de xeito máis específico posteriormente nas problemáticas e posibles solucións asociadas a cada un dos incluídos en cada unha das liñas de investigación.

As aulas de infantil centráronse no ODS 5: Igualdade de xénero, ODS10: Redución das desigualdades e ODS 16: Paz, xustiza e institucións. Comezaron analizando termos como xénero e igualdade de xénero e reflexionaron e analizaron as desigualdades de xénero que se producen nos fogares respecto das tarefas cotiás. Logo de analizar a realidade, investigaron as posibles causas do que ocorría en Outes e deseñaron unha Xincana da Corresponsabilidade para que todo o alumnado tivese a posibilidade de realizar diferentes tarefas domésticas.

Este punto de partida deu paso a unha análise moito máis profunda das desigualdades noutros ámbitos da nosa sociedade e centraron o foco no deporte, o traballo, os coidados e o noso contexto urbano. Nesta última intervención avaliaron a presenza de mulleres na rúa (nomes de muller nas rúas e nos edificios públicos), o que culminou nunha recollida de sinaturas para demandar o nome de Nicolasa Añón, irmá poeta do recoñecido poeta Añón, para a casa da cultura ou a biblioteca municipal.

As aulas do primeiro ciclo centráronse no ODS 1: Fin da pobreza, ODS 2: Fame cero, ODS 8: Traballo decente e crecemento económico e ODS 12: Produción e consumo responsables. Comezaron analizando termos relacionados con cada un dos ODS e  analizaron condicións laborais, situacións de desigualdade norte/sur rematando por centrarse de xeito especial no consumo e reflexionaron sobre todo isto. Dentro desta liña comezaron polas consecuencias da moda rápida e deseñaron un vídeo para concienciar sobre a reutilización e a reciclaxe na celebración do Entroido, promovendo unha celebración máis sostible: o Entroido choqueiro. 

Este punto de partida deu paso a unha análise moito máis profunda do consumo noutros ámbitos e centraron o foco no consumo de plásticos, papel e electricidade e abordaron ademais, como vía de mellora, o consumo circular e de proximidade.

As aulas do segundo ciclo centráronse no ODS 6:Auga limpa e saneamento, ODS 13: Acción polo clima, ODS 14: Vida submarina e ODS 15: Vida de ecosistemas terrestres. Abordaron a importancia de dispor de auga limpa e os procesos polos que pasa ata chegar a ser potable, experimentaron con filtros naturais e auga, e investigaron os factores que inciden na súa contaminación, tanto da auga doce como dos fondos mariños. Experimentaron coa contaminación dunha pía de auga e a velocidade de degradación das toalliñas hixiénicas. Ademais, fixeron un estudo dos ecosistemas presentes no Camiño de Santiago reflexionando sobre a deterioración á que se ven suxeitos pola inmensa afluencia de peregrinos.

As aulas do terceiro ciclo centráronse no ODS 7: Enerxía accesible e non contaminante, ODS 9: Industria, innovación e infraestrutura, ODS 11: Cidades e comunidades sostibles e ODS 13: Acción polo clima. Abordaron a importancia do uso de enerxías renovables e as consecuencias medioambientais das non renovables, a contaminación asociada á industria e as condicións que debe ter unha comunidade para ser sostible.

O profesorado especialista colaborou apoiando procesos de investigación en distintas liñas, especialmente nos momentos de máis carga de traballo. Ademais, a área de Educación Física organizou distintas andainas sostibles polo concello con recollida de lixo asociada, propuxo actividades e xogos con material de refugallo e fomentou a actividade física a través de distintas propostas. 

Diagnóstico da situación na contorna próxima

Coas problemáticas e liñas de acción xerais documentadas, todos os grupos aula iniciaron un diagnóstico da situación na nosa contorna próxima, para o que se prepararon enquisas para a comunidade, a través de Google Forms. Esta recollida de datos permitiu o estudo estatístico da situación que se analizou á luz da información previamente obtida, para axustar as liñas de acción ás necesidades diagnosticadas.

Propostas específicas. Os primeiros produtos: dosieres, infografías e programas de radio

Con toda esa información traballouse sobre a proposta de liñas de mellora que se recolleron en dous produtos principalmente. 

Por un lado, cada grupo colaborou na elaboración de tres dosieres para distintos públicos (cidadanía, institucións públicas e empresas) coas propostas de todas as liñas de investigación, o que obrigou a facer unha nova análise das propostas recollidas con base neses públicos potenciais. Os dosieres de Boas prácticas Outes Sostible poden consultarse facendo clic aquí.

Por outro, e de xeito máis gráfico, cada liña plasmou as súas propostas de mellora en infografías, para as que se fixo un estudo previo desta tipoloxía textual. As infografías empregáronse no evento final, que foi unha feira de mostras da que falaremos máis en profundidade, e tamén se imprimiron para a súa pegada polas parroquias do concello de Outes, co obxectivo de difundir entre a cidadanía estas propostas.

Ademais, elaboráronse programas varios de radio de temas relacionados coas distintas temáticas, entre os que destacan unha serie de programas sobre a contaminación do medio ambiente e as augas doces e mariñas, e que poden escoitarse na nosa canle IVOOX ou no blog da biblioteca.

Os prototipos

 

Proceso de prototipado

 

Con base en toda esta análise iniciouse tamén un proceso de prototipado de máquinas que tiñan o propósito de solucionar algunha das problemáticas diagnósticas. O proceso levouse a cabo a través da metodoloxía Design Thinking, no que se tivo que empatizar coas necesidades que se observaban para crear solucións tecnolóxicas que abordasen a mellora desas problemáticas. 

O proceso comezou coa análise de funcionamento de distintas máquinas para a introdución na comprensión do que na linguaxe computacional se denominan inputs e outputs (inputs ou entradas serían sensores varios que recollen distintos tipos de información e que a través da programación das máquinas envían sinais para que esas máquinas executen distintas accións, que son o que denominan outputs ou saídas).

Para darlles vida ás máquinas prototipadas empregáronse dúas placas —Makey-Makey e Microbit—, que se programaron a través dos programas Scrath e Make-Code, respectivamente. Ademais abordáronse contidos relacionados coa electricidade, a electrónica ou a montaxe de circuítos. 

Neste proceso, ademais, o alumnado de maior idade entrou como experto para ensinar e axudar coas tarefas de programación do alumnado máis pequeno. 

O profesorado recibiu varias formacións e asesoramento ao longo de toda a fase de prototipado de Paola Guimeráns, o que resultou de vital importancia para o éxito da implementación dunha metodoloxía que a maioría abordaba por primeira vez. Poder contar con alguén con quen poder solucionar dúbidas que xurdían ao longo da implementación foi unha das claves do éxito do proxecto e unha gran fonte de motivación e seguridade para o profesorado, o que sen dúbida redundou tamén nun proceso de calidade para o alumnado.

 

Algúns exemplos de prototipos, funcionalidades e as necesidades que os motivaron

 

Difusión. Feira maker Outes Sostible

Con toda a información obtida, os deseños dos prototipos e as súas maquetas, chegou o momento de preparar os postos da feira. Cada aula preparou o seu posto, que incluía un panel no que se plasmaron os resultados das investigacións, a presentación do seu prototipo, acompañado da xustificación da necesidade que ese prototipo cobre e o proceso de diagnóstico, planificación, elaboración e programación de habilidades deste e calquera outro material complementario que quixeron engadir ao seu posto vinculado coa súa temática de investigación. 

A feira Outes Sostible foi o gran broche final a un arduo proceso de traballo e a mellor ocasión para compartir coas familias e veciñanza os seus resultados.

Organizouse en dous espazos nos que había un total de 14 postos situados por liñas:

  • A liña de igualdade con catro postos: Muller e deporte, Muller e traballo, Muller en Outes e Muller e coidados.
  • A liña de consumo responsable con catro postos: Plásticos, Consumo de proximidade, Unha casa para reducir o consumo e Consumo de papel. 
  • A liña de medio ambiente con tres postos: Coidado dos ecosistemas, Auga limpa e O mundo mariño.
  • E a liña de Enerxías e Industria con tres postos: Outes sostible, Enerxía e Camiños seguros.

Ademais, na entrada de cada un dos dous espazos, a feira contaba cun posto xenérico onde se convidaba os asistentes a facerse co selo Outes Sostible. Para conseguir ese selo tiñan que cubrir previamente nun tarxetón aquelas liñas de actuación sostible que xa levaban a cabo e tres máis das que viran ao longo da feira coas que quixesen comprometerse. 

Temporalmente, o funcionamento da feira xestionouse en dous días en dúas quendas, respectivamente. O primeiro día, só para o alumnado, que se dividiu en dous grupos alternando os roles de atención aos postos e o funcionamento como público en cada unha das quendas. O segundo día, por fin, recibimos as familias e a veciñanza que puideron visitar e aprender de todo o que lles contaron as nenas e nenos. Poden verse vídeos dos dous días con entrevistas ás familias na seguinte LIGAZÓN. A valoración do público asistente foi altamente positiva. 

 

Conclusións

O proxecto contribuíu de xeito moi extenso á abordaxe de aspectos diversos do currículo de xeito competencial, interdisciplinar, contextualizado, significativo e moi motivador. Podería dicirse, incluso, que inclúe moitos aspectos que supuxeron, en realidade, unha grande extensión deste.

As actividades realizadas enmárcanse nun contexto de actualidade que se atopa aliñado coas estratexias establecidas no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. E pola súa vez ofrece unha visión de futuro para implementar estes obxectivos en actividades concretas de cara aos próximos anos. 

Pero, sen dúbida, o maior logro deste proceso veu da man do apoderamento e a mellora da autoestima do alumnado respecto da competencia que teñen para abordar procesos de gran relevancia social que repercuten en toda a comunidade. Unha competencia que contribúe a fomentar unha cidadanía activa e desenvolver a súa proactividade e a súa capacidade de empatía a favor da creación dun presente e dun futuro mellores. 

 

 

 

Sección: