Construíndo unha sociedade inclusiva, comprometida e sostible desde a FP

O seguinte artigo achega unha visión sobre os proxectos desenvoltos no CIFP Paseo das Pontes vertebrados ao redor da sostibilidade e da responsabilidade social. O primeiro caso é a FP Adaptada a alumnado con discapacidade intelectual para obter un certificado de profesionalidade en panadería. O segundo é Paseolidarios, que engloba diferentes accións sobre emprendemento social e creación de comunidades sostibles.

Marta Amado Díaz
Profesora de Servizos de Restauración
CIFP Paseo das Pontes (A Coruña)
martamado@edu.xunta.gal

 

O CIFP Paseo das Pontes é un centro integrado de formación profesional situado na cidade da Coruña con ciclos formativos das familias de Industrias Alimentarias, Hostalería e Turismo e Téxtil, Confección e Moda.

 

CIFP Paseo das Pontes

 

Toda a nosa docencia se orienta ao sector produtivo e isto dá lugar a debates entre os compañeiros sobre cal debería ser a finalidade dun centro coma o noso. Para algúns, o noso cometido debería ser unicamente formar profesionais cualificados; isto é, capacitar as persoas nun determinado perfil profesional para o mercado de traballo. Esta perspectiva fai tamén difícil que se entenda como encaixar metodoloxías activas ou traballo por proxectos nos módulos que impartimos, a pesar de estar afeitos a impartir clases de cinco horas seguidas que nos esixen ser moi dinámicos.

Esquecemos a miúdo que somos tamén un centro educativo, que non podemos ser meros transmisores de coñecementos profesionais cando traballamos con persoas coas que interaccionamos a diario e que no seu futuro laboral tamén elas terán que relacionarse con outras persoas. Isto supón dotalas de algo máis ca dun código deontolóxico que aplicar na súa profesión.

Aínda que na formación profesional non se empregan as mesmas metodoloxías ca noutros niveis educativos, si temos que fomentar entre o alumnado valores como o compromiso, a responsabilidade e o traballo en equipo. Con estes valores non só terán un mellor desempeño profesional, senón que tamén contribuirán a construír unha sociedade mellor da que sentirse parte.

Este é o primeiro ingrediente na maioría dos nosos proxectos: somos parte da sociedade e, polo tanto, as nosas accións, grandes ou pequenas, terán un certo impacto nesta e nas persoas que a conforman.

No noso centro impartimos ciclos de FP inicial, pero tamén formación para o emprego. Ademais do ensino postobrigatorio, contamos con ciclos de formación profesional básica con alumnado que aínda está en idade de escolarización obrigatoria.

Entre as case 1000 persoas que integramos a comunidade educativa do CIFP Paseo da Pontes atopamos alumnado de 16 anos, en plena adolescencia, persoas no remate da súa xuventude e incluso outras que están a piques de xubilarse e que continúan formándose. Temos alumnado que vén de familias desestruturadas ou de centros de menores; outro que xa formou a súa propia familia, algún que comparte incluso instituto cos seus fillos; temos alumnado do medio rural, de contornas urbanas e cada vez unha porcentaxe maior de alumnado doutras partes do mundo... En fin, somos unha pequena mostra da contorna social na que nos situamos, un crisol de distintas circunstancias persoais e culturais.

Así chegamos ao segundo ingrediente: intentar poñernos no lugar dos que temos máis preto e empatizar con persoas en circunstancias moi diferentes para, no futuro, tampouco xulgar os que descoñecemos.

O terceiro piar que nos move ten relación coa nosa supervivencia como especie. Cada vez faise máis patente a necesidade de racionalizar os recursos dispoñibles e a concienciación sobre o seu consumo responsable. Conceptos como o de sostibilidade, entendida como a propia capacidade das sociedades de ser sostibles, necesitan trasladarse tamén aos ámbitos educativos, non só de forma transversal, senón tamén como parte do propio currículo profesional e na xestión de centro.

E así o recollemos no noso plan funcional do centro, onde a Axenda 2030 está presente e se destaca sobre todo o ODS12: Fomento da produción e consumo responsable.

O terceiro ingrediente é, polo tanto, a integración real da sostibilidade en todos os procesos de funcionamento do centro e a súa «normalización» como unha soft skill de toda a comunidade educativa. Pasar de ter unha actitude sostible a ser sostibles no noso ADN, individual e colectivamente.

Como son profesora de Servizos de Restauración, toca meter todo isto nunha cocteleira e invitarvos a degustar hoxe só dous dos cócteles resultantes (aínda que hai moitas outras accións e experiencias de compañeiros/as que ben merecerían uns tragos):

  • Un proxecto de profesorado: FP Adaptada
  • Un proxecto de centro: Paseolidarios

 

FP adaptada, unha historia real de integración

Desde hai anos colaboramos co CEEPR ND de Lourdes, da Asociación ASPRONAGA, a través do noso programa Vivir a diversidade e do que máis adiante vos falaremos un pouco máis polo miúdo.

Nunha destas colaboracións, profesorado de ambos os centros observan que nos talleres de panadería o alumnado con discapacidade intelectual mostran unha maior destreza e comezan a pensar que poderían desenvolverse ben neste sector coa formación axeitada.

Na propia lexislación recóllese que o sistema educativo debe dar resposta ás necesidades educativas de todo o alumnado, sexan estas cales sexan, e ademais dotalo de ferramentas reais que faciliten a súa inserción laboral. Pero a realidade é que esta circunstancia é moi difícil cando se trata de alumnado ACNEAE nos itinerarios de ensino postobrigatorio.

Entón, por que non dar un paso máis aló cun programa formativo para eles?

Iso mesmo foi o que fixemos o CIFP Paseo das Pontes e o CEEPR Nuestra Señora de Lourdes: deseñar e desenvolver unha «pilotaxe inclusiva» durante dous cursos académicos no que cinco persoas matriculadas no centro de educación especial se integraban nas aulas taller do noso centro para adquirir competencias válidas no mundo laboral. Este proxecto non buscaba só a realización de actividades de taller inclusivas, senón que estas se realizasen en contornos que lles desen visibilidade e contribuísen á súa normalización.

O proxecto, que vén de concluírse no noso centro, desenvolveuse da seguinte maneira:

- Preparación dos contidos teóricos no CEE Nuestra Señora de Lourdes durante os dous cursos que dura o programa (tres días á semana).

- Adquisición das competencias profesionais no CIFP Paseo das Pontes (2 días á semana).

No primeiro curso do proxecto o alumnado ACNEE integrouse na aula taller de primeiro curso do ciclo medio de Panadería, Repostería e Confeitería, de xaneiro a xuño, onde o alumnado deste ciclo titorizaba os seus novos compañeiros, transmitíndolles a súa responsabilidade como parte do éxito do desenvolvemento do proxecto, ao tempo que se normaliza o traballo en equipo con persoas con diversidade funcional.

No segundo curso, o alumnado ACNEE tamén compartiu espazo co mesmo grupo xa desde o primeiro trimestre, pero recibiu unha atención máis personalizada do profesorado que participou voluntariamente no proxecto para garantir a adquisión das competencias profesionais que se prevían certificar.

- Rematada e aprobada a formación, realizaron prácticas profesionais en distintas empresas de panadería, antes de dar o último paso do proxecto, que é a obtención do certificado de profesionalidade HOTR109 Operacións básicas de pastelería (RD 685/2011, do 13 de maio), de forma que este alumnado dispoña dunha certificación oficial con validez no mercado laboral e que se levará a cabo mediante o procedemento de acreditación de competencias profesionais.

Por último, hai que sinalar que este proxecto está a ser replicado neste curso 2022/23 no CIFP Someso da Coruña, na familia de Madeira e integrado nunha aula de FPB.

 

Alumnado do CEEPR Nosa Señora de Lourdes con parte do profesorado que participa no proxecto

 

Alumnado do CEEPR Nosa Señora de Lourdes na aula taller

 

A semente: Vivir a diversidade

Este programa, que se desenvolve desde a coordinación de convivencia do noso centro, busca poñer en valor a tolerancia, a solidariedade e a inclusión social co apoio de organizacións de carácter social da contorna, como ASPRONAGA, ASPANAES, ACOPROS e ONCE.

As actividades propostas buscan traballar a diversidade non só de forma transversal, senón tamén desde unha perspectiva profesional, normalizando o traballo con persoas con diversidade funcional, ben sexa como compañeiros/as, como clientes (a través dunha atención axeitada e de calidade) ou incluso dotar o alumnado de recursos para o deseño e adaptación de postos de traballo cando desenvolvan labores de planificación e dirección.

Durante unha xornada, membros dos distintos colectivos colaboradores comparten un día nas aulas do Paseo das Pontes, onde o intercambio de experiencias é bidireccional:

  • O alumnado do CIFP móstralles aos participantes o que aprende a facer nas distintas familias profesionais.
  • Os distintos colectivos colaboradores trasladan o alumnado de FP á súa realidade diaria, ao tempo que é instruído en como atender a estes colectivos desde unha perspectiva profesional. Para iso, o noso alumnado ponse na pel destas persoas realizando algunha actividade nas que é dotado de elementos que o priva dalgún dos sentidos.
  • Posta en práctica das aprendizaxes adquiridas a través dun xantar de convivencia, onde o alumnado do centro cociña e serve as persoas con diversidade funcional.

 

Paseolidarios, emprendemento social e sostible

Parte do alumnado do noso centro compaxina os seus estudos con traballos, sobre todo no eido da hostalería. Durante a pandemia observamos que algúns destes estudantes pasaron por verdadeiras dificultades económicas ao quedar sen posibilidades de xerar ingresos. Iso fíxonos reflexionar con respecto ás cantidades de comida que xerabamos nas nosas aulas taller de cociña e panadería e de que forma poderiamos axudar o alumnado e as súas familias que non tiñan cubertas as súas necesidades máis básicas e minimizar o risco de exclusión social. Ata o de agora, só había algunha doazón puntual a algunha entidade sen ánimo de lucro e moreas de boa vontade e solidariedade entre o noso profesorado.

No curso 2021/22 decídese darlles entidade a esas pequenas accións recolléndoas como un proxecto propio no noso plan funcional. Nace así Paseolidarios, un proxecto global do centro no que participan todas as nosas familias profesionais e no que teñen cabida outras iniciativas artelladas sobre algún dos dous eixes de traballo que estruturan o proxecto:

1. Sostibilidade: entendida desde dous ámbitos, o estudo e análise dos procesos e recursos consumidos no centro para reducir o seu impacto e, por outro lado, o aproveitamento dos produtos e subprodutos xerados nas aulas taller.

2. Responsabilidade social: poñer en valor a formación profesional e a comunidade educativa como axentes sociais de cambio e mellora do noso contorno. Neste punto será fundamental compartir o protagonismo co alumnado, como parte importante na creación dunha contorna social máis comprometida, «sostible» e solidaria.

Isto supón analizar os procesos que se seguen nas aulas taller das distintas familias profesionais e os consumos que se xeran para fomentar o consumo responsable, sobre todo na produción, e determinar protocolos de aproveitamento dos recursos empregados pero tamén dos produtos unha vez elaborados, dotándoos ben dunha segunda vida cando non sexan consumidos, ben reciclando os residuos xerados.

Tamén supón traballar conceptos como a economía social e circular, voluntariado, solidariedade e fomentar entre a comunidade educativa a súa responsabilidade como axentes de cambio social.

Por outra banda, a cultura emprendedora tamén está presente dalgún xeito ao situar o alumnado no mesmo nivel que o profesorado á hora de propoñer as actividades que se van realizar ou as entidades coas que colaborar.

Vexamos agora como o facemos:

1. Estudo dos procesos e recursos e actividades de concienciación

A través do proxecto de profesorado Ecopaseo, que este curso se centra nas familia de hostalería, realízanse as seguintes accións:

  • Mapeo dos contedores de residuos do centro.
  • Análise dos consumos xerais do centro: luz, auga, papel, fotocopias, calefacción...
  • Estudo e pesada dos residuos xerados na cociña: cos datos obtidos o alumnado da FPB fará propostas para unha mellora na súa xestión e aproveitamento.
  • Alumnado de ciclo medio e superior: elabora vídeos sobre reciclaxe e boas prácticas e crea protocolos de actuación para aplicar nas aulas taller. Ademais, visita á planta de Sogama.
  • Convócase o concurso de logotipos para Ecopaseo.
  • Semana da reciclaxe: en maio, durante toda a semana proxectaranse na entrada do centro os vídeos creados polo alumnado. Tamén se organiza unha recollida de residuos na contorna do centro, para a que se facilitarán bolsas e na que se «premiará» á clase máis activa. O regalo consiste nun vaso reutilizable e durante a semana levarase a cabo a campaña «Café sostible», onde o alumnado de servizos lles servirá café de balde aos que traian o vaso.
  • Instalación de auga de quilómetro cero no noso comedor.

2. Aproveitamento de residuos e excedentes nas aulas taller

  • As doazóns realizadas fanse a entidades sen ánimo de lucro e cun marcado compromiso en responsabilidade social.
  • Colocación de contedores para roupa usada e refugallos téxtiles: recollida realizada a través dun convenio con Insertega.
  • Colocación de contedores de recollida de aceites usados, a través dun convenio con Mulleres Colleiteiras.
  • Taller de elaboración de xabóns e velas con aceite usado no ámbito doméstico: a través do banco de tempo, xa que é unha alumna a que imparte esta formación para a comunidade educativa.
  • Sementeiros con residuos orgánicos e exposición «Da mesa á terra», realizada polo alumnado da FPB no curso 2021/22.
  • Elaboración de bolsos e complementos con vaqueiros usados.
  • Doazón de elaboracións de cociña e panadería a Casco (Comité Antisida Coruña) e colaboración coa asociación Boa Noite no programa Café-calor, achegando café, pan e bolería que lle reparte a entidade os venres á xente que dorme na rúa.
  • Doazón de papel triturado a unha protectora de animais para facer o leito dos cans.

3. Voluntariado e acción social

Esta parte do proxecto está moi ligada ao Plan Proxecta, no que participamos a través da rede de centros solidarios. As actividades nas que se participa non buscan só colaboracións con entidades e proxectos da nosa contorna, senón tamén visibilizar e poñer en valor entre a comunidade educativa todo o traballo que se fai de portas cara a dentro e axudar á súa integración no centro:

  • Elaboración do logotipo de Paseolidarios: alumnado de FPB.

 

Deseño do logo de Paseolidarios

 

  • Programa de acompañamento de alumnado illado no CIFP Paseo das Pontes: durante o recreo os voluntarios identificaban alumnado que estaba só e iniciaban con el unha fase de acompañamento que permitise a súa integración no centro.
  • Talleres de cociña: nos pisos de acollida de Boa Noite no curso 2021/22 e neste curso de gastronomía tradicional a colectivos estranxeiros para mellorar a súas posibilidades de inserción laboral en postos de asistencia ao fogar.
  • Talleres de lingua de signos, de estampación, de calceta, charla sobre os mercados de segunda man etc.; realizados por e para os membros da comunidade educativa do centro.
  • Recanto de puntadas: mediante a aprendizaxe-servizo, o alumnado de téxtil pon á disposición da comunidade educativa unha «tenda de arranxos».
  • Café e vermú solidario: o primeiro consistiu na difusión nas nosas redes e no centro dunha actividade externa organizada por un exalumno para recadar alimentos para o Banco de Alimentos. A segunda consistiu na elaboración dunha tapa de callos e servizo de vermú nun evento organizado pola Asociación Alexandre Bóveda e a Asociación Astronómica Ío que permitise recadar fondos para o asentamento en Galicia de mulleres científicas afgás, onde a astronomía é perseguida como bruxería.
  • Carreira solidaria do 8M, na que se recadaron 464 kg de alimentos doados ao Banco de Alimentos da Coruña.
  • Take away: proxecto de cociña que replicaba un establecemento destas características e poñía á disposición da comunidade educativa as elaboracións realizadas a moi baixo prezo, doándose nalgún caso que a través das titorías se detectou que había dificultades económicas para cubrir as necesidades básicas.
  • Mercado solidario e venda de rifas: con pezas elaboradas polo alumnado de téxtil durante as súas clases. As cantidades recadas doáronse a Boa Noite e Casco (1032 €), e a World Central Kitchen for Ukraine (1000 €). Este curso o alumnado realizará as vendas a través dun mercado vintage con roupa de segunda man. As pezas que precisen reparación formarán parte das prácticas dos cursos para desempregados que damos no centro.
  • Desfile de roupa: onde se mostra o traballo realizado polo alumnado da familia de téxtil e o saber facer do alumnado das familias de Imaxe e Son e de Perruquería.

 

Desfile Paseolidarios no curso 2021/22

 

  • Montaxe de escaparates no centro: para visibilizar que o traballo do alumnado realiza nas aulas taller. A montaxe corría a cargo dun alumno con coñecementos de escaparatismo.
  • Programa de mentoría dixital: nun contorno cada vez máis dixitalizado córrese o risco da división da sociedade entre aqueles cidadáns con suficiente competencia dixital para moverse nesta nova contorna e aqueles que se verán excluídos pola falta de destreza. Faise, pois, necesario, desenvolver prácticas que fomenten a inclusión das persoas tamén neste ámbito.

No plan dixital do noso centro recollemos un programa de mentoría dixital, onde membros da comunidade educativa poñen á disposición dos seus compañeiros e do alumnado os seus coñecementos a través de pequenos talleres e titorías personalizas coas que avanzar todos xuntos nese novo escenario dixital.

4. Traballo en rede

Ademais das entidades xa nomeadas, nalgunhas das actividades propostas participaron con nós outros centros educativos como o CIFP Someso, o CIFP Imaxe e Son e a Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña.

Na seguinte ligazón atoparedes o blog do proxecto.

 

Un truco desde detrás da barra

Para rematar, quixera deixarvos a modo de conclusión uns pequenos consellos para cando vós tamén queirades axitar a cocteleira:

1. Sentirse parte de algo

Tanto ten os anos que teñamos, cales sexan as nosas circunstancias ou que tipo de centro sexamos. Para facer comunidade é importante poñer ao mesmo nivel toda a comunidade educativa (profesorado-alumnado-familias-persoal do centro).

2. A importancia das cousas miúdas

As pequeniñas accións individuais son enormes cando se xuntan coas dos outros.

3. Sentir que aportas/Sentir que importas

Ser recoñecido pola túa comunidade é un dos maiores motores para fixar valores e actitudes.

 

PD. Este artigo escríboo en nome de todo o centro e como responsable da Área de Calidade, Innovación e Formación do profesorado do CIFP Paseo das Pontes, unha vez que fomos premiados na convocatoria de Boas Prácticas na Educación Inclusiva 2022.

Sirvan estas letras como recoñecemento a toda a comunidade educativa polo seu esforzo e dedicación. Non hai palabras dabondo para mostrarvos o meu respecto, admiración e agradecemento por embarcarvos nas miñas pequenas loucuras e deixarme ser partícipe das vosas.

 

 

Sección: