A nosa partiteka

Obradoiros para explorar, interpretar e crear música
A nosa partiteka oferta un repositorio de actividades dixitais que afonda na tecnoloxía, na interpretación e na creación musicais, tendo en conta as diferentes competencias básicas, a transversalidade e o uso didáctico das TIC na materia de Música na ESO. Desde a versión Our Partiteka, o proxecto pode traballarse integramente en inglés, co que resulta un recurso excepcional para o traballo da materia de Música desde as seccións bilingües. Ligazón versión galego: https://recursos.edu.xunta.gal/recurso/nosa-partiteka Ligazón versión inglés: https://recursos.edu.xunta.gal/recurso/our-partiteka

Claudina Maneiro Arriaga
Profesora de Música
IES Campo de San Alberto (Noia-A Coruña)

 

Contextualización

Este proxecto fundaméntase na creación dun repositorio de actividades interactivas para as clases de Música na ESO. Foi realizado cunha licenza de formación durante o terceiro trimestre do curso 2021/22.

Xorde dunha emerxente necesidade nos centros que van incorporando o proxecto Edixgal ante a escasa oferta de materiais educativos dixitais que desenvolvan o currículo da materia de Música en terceiro e cuarto da ESO.

É tamén unha boa oferta para os centros educativos galegos plurilingües que precisen de material didáctico para impartir materias non lingüísticas noutro idioma (CLIL).

Polo tanto, a finalidade de A nosa partiteka é ofrecer un repositorio de actividades dixitais (en galego e en inglés) que lle permita ao alumnado afondar na interpretación e creación musical (parte máis práctica da materia de Música na ESO), ensinando e pondo en funcionamento todos os recursos precisos para levar a cabo a creación de partituras e arranxos musicais, así como a súa interpretación.

 

Descrición do proxecto

Como base para a motivación do alumnado, este plan formativo preséntao o personaxe de DJ Beat. É a súa partiteka, unha colección e repertorio de partituras grazas á cal pode crear os seus arranxos musicais e interpretalos en directo ou gravalos coa súa banda. Anima o alumnado de Música a xogar coa linguaxe musical e explorar todas as súas posibilidades creando as súas propias cancións.

En cada obradoiro, o alumnado entrará en contacto co mundo da tecnoloxía musical, afondando no coñecemento e manexo de software musical libre (MuseScore) que lle permita crear as súas propias partituras e arranxos musicais.

Pódese traballar desde A nosa partiteka na súa versión en inglés, Our Partiteka, para desenvolver as destrezas lingüísticas do alumnado en seccións bilingües.

 

A nosa partiteka

 

A estrutura da partiteka segue o seguinte esquema:

A) FORMACIÓN

  • OBRADOIRO 1. EDICIÓN DE PARTITURAS NO MUSESCORE

Grazas aos videotitoriais deste obradoiro, o alumnado coñecerá o funcionamento do editor de partituras MuseScore, dispoñible no software dos portátiles Edixgal. Poderán crear as súas propias partituras para logo interpretalas na aula.

Trátase dunha aprendizaxe autónoma na que a atención e motivación do alumnado son fundamentais.

B) INTERPRETACIÓN

  • OBRADOIROS 2, 3. REPERTORIOS EN GALEGO E INGLÉS

A exploración e o traballo do alumnado nestes obradoiros permitiranlle afondar na linguaxe musical, apreciando a importancia patrimonial da música galega e da música tradicional en inglés.

Cada un dos obradoiros desenvolve o seu repertorio con dez cancións que poderemos investigar en profundidade para logo ensaiar e interpretar en pequeno grupo na aula de música.

Contamos coa axuda das partituras en formato dixital preparadas para imprimir directamente ou editalas ao noso gusto.

Cada canción pode traballarse de xeito independente, escollendo en función dos intereses do alumnado ou como parte dun repertorio para un concerto ou outro proxecto programado.

 

REPERTORIO EN GALEGO

REPERTORIO EN INGLÉS

Na beira do mar

Alexander’s Ragtime Band (EUA)

Catro vellos mariñeiros

Scarborough Fair (Inglaterra)

Soedades

Charleston (EUA)

O rodaballo

Carols Rhapsody

O pandeiro e mailas cunchas

Waltzing Matilda (Australia)

Pousa, pousa

The Raggle Taggle Gypsy (Escocia)

Ven bailar Carmiña/Maruxiña

Danny Boy (Irlanda)

Miña nai, miña naiciña

Swing Low Sweet Chariot (EUA)

Que ten o mozo?

Aud Lang Sine (Escocia)

O voso galo, comadre

When the Saints Go Marching In (EUA)

 

C) CREACIÓN

  • OBRADOIRO 4. CREACIÓN MUSICAL. ARRANXOS E COMPOSICIÓN

A través dos cinco videotitoriais deste obradoiro, o alumnado de Música entrará en contacto co mundo da creación, composición e arranxos musicais. Coñecerá as técnicas básicas de composición, espertando a súa creatividade á hora de desenvolver un acompañamento musical mediante unha aprendizaxe por descubrimento.

Seguindo os pasos de cada titorial, poderán crear os seus propios arranxos musicais para interpretar individualmente ou en grupo na aula de Música.

 

Capturas do recurso

 

Principios metodolóxicos

O plan formativo A nosa partiteka favorece:

  • A capacidade do alumnado de aprender por si mesmo.
  • A aprendizaxe en equipo.
  • Unha metodoloxía por proxectos activa e participativa, o traballo individual e cooperativo do alumnado, así como o logro dos obxectivos e das competencias de etapa.
  • Un enfoque multidisciplinario do proceso educativo, centrado na música e materias complementarias como a audiovisual e as linguas ou a xeografía e historia.
  • A diversidade do alumnado, entendendo que deste xeito se garante o desenvolvemento de todos eles e mais unha atención personalizada en función das necesidades de cada persoa. Os mecanismos de reforzo poranse en práctica tan pronto como se detecten dificultades de aprendizaxe e poderán ser tanto organizativos coma curriculares.
  • A integración e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na aula como recurso metodolóxico eficaz para desenvolver as tarefas de ensino e aprendizaxe.
  • O avance do alumnado cara aos resultados de aprendizaxe de varias competencias ao mesmo tempo.

 

Orientacións didácticas

Este recurso educativo está indicado para o traballo na aula de informática ou na aula de referencia cando estea dotada cun portátil para cada alumno, como poden ser as aulas do proxecto Edixgal. Así mesmo, compleméntase con actividades na aula de Música, en contacto directo co material musical e audiovisual.

Todo o plan formativo deberá ser adaptado á realidade de cada grupo e aula de Música polo profesorado interesado en poñelo en práctica.

Algunhas consideracións didácticas:

- Ensinarlle ao alumnado cal é o obxectivo principal que hai que acadar en cada obradoiro: Que imos facer? Que imos aprender? Como e para que?

- Dar a coñecer como será a avaliación e cales son os seus recursos: rúbricas, multiavaliación.

- Facer un seguimento continuo do traballo do alumnado, asegurándose de que sabe en todo momento que é o que ten que facer e para que o fai.

- Reflexionar co alumnado sobre o proceso de aprendizaxe ao rematar cada tarefa e cada obradoiro.

 

Recursos de avaliación

- Profesorado e alumnado poden analizar e valorar a súa aprendizaxe en cada tarefa seguindo a rúbrica correspondente en cada obradoiro.

- Mediante un informe individual de multiavaliación recollerase información para a avaliación por parte do profesorado e a autoavaliación e coavaliación entre o alumnado participante.

- A observación directa do profesorado na realización de cada tarefa permite valorar todo o proceso de aprendizaxe.

 

Multiavaliación

 

Posta en práctica na aula de música e conclusións

O profesorado que queira empregar este recurso educativo dixital nas súas aulas de Música da ESO ten a posibilidade de facelo traballando cada obradoiro de xeito independente ou como un plan formativo integrado nun proxecto anual.

Durante o curso 2022/23, a posta en práctica deste recurso na aula de Música de cuarto da ESO do noso IES fíxose por obradoiros independentes, integrando cada un deles na programación didáctica da materia.

Así, o obradoiro de creación musical practicámolo durante o primeiro trimestre para introducir o alumnado na edición de partituras co MuseScore. De xeito independente foron editando unha partitura sinxela seguindo os pasos dos videotitoriais.

No segundo trimestre, en pequenos grupos escolleron unha canción dos obradoiros de interpretación para ensaiala na aula e introducila no noso repertorio para o concerto de fin de curso. Coa canción elixida, investigaron a súa orixe, repartiron a instrumentación entre cada un dos membros do grupo, simplificaron e adaptaron a partitura e ensaiaron a canción.

O obradoiro de creación musical practicouse durante o terceiro trimestre de forma parcial, centrándonos nos arranxos musicais e simplificación de partituras para repertorio do noso concerto final.

Da posta en práctica deste recurso nas nosas aulas destacamos:

- Os contidos e a metodoloxía facilitan o traballo da materia de Música cos ordenadores Edixgal e na práctica musical dentro da aula de música.

- O obradoiro 1 de formación na edición de partituras achega o alumnado ao software dos ordenadores Edixgal e axúdao a crear as súas partituras tanto no nivel básico coma nun máis técnico.

- Os obradoiros 2 e 3 de interpretación, cos repertorios en galego e inglés, son un bo punto de partida para a aproximación do alumnado ao coñecemento e práctica da música tradicional e popular galega e en inglés. Axilizan o proceso de ensaio e interpretación grupal ao permitir que o alumnado descargue directamente as partituras para preparalas, facer arranxos musicais sobre elas e adaptalas.

- O obradoiro 4 de creación musical axuda a espertar, estimular e promover a creatividade do noso alumnado, así como a traballar interdisciplinariamente coas materias de linguas. En canto ás tarefas que nel se propoñen, son as máis esixentes e complexas, pois nelas teñen que entrar en xogo todas as habilidades do noso alumnado en canto á orixinalidade, imaxinación, inspiración, esforzo, técnica...

- O interese do alumnado reclama un repertorio de música máis actual con partituras de cancións para a práctica musical na aula de música, o que choca cos dereitos de autoría para poder facer os arranxos musicais e editalos. Isto impide que eses arranxos poidan ser incluídos en A nosa partiteka.

- O recurso pode ser ampliado e actualizado constantemente grazas aos arranxos ou creacións musicais que poidan ir achegando tanto o profesorado coma o alumnado ao longo dos anos, creando en comunidade A nosa partiteka.