Da azarosa felicidade

 

Para Spinoza as paixóns rexen o home, moi a miúdo sobre o seu propio intelecto. De feito, aseguraba que os afectos son a verdadeira esencia do humano, aínda antes ca a mesma razón, pois son os sentimentos, dicía, os que causan a verdadeira servidume moral do home.

 

 

No marco do Congreso de Convivencia e Benestar Emocional, organizado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidadesda Xunta de Galicia, o doutor Luis Rojas Marcos falounos por longo das causas da nosa ansiedade e dos nosos medos, e, con todo, da capacidade de esperanza que posúe o ser humano. Foron moitas as claves que durante a súa disertación foi apuntando. En esencia, hai razóns para manter o optimismo no noso devir? Temos a maior esperanza de vida da nosa historia, como temos tamén ferramentas para entendernos e coñecernos. Velaí algunhas claves que o doutor RojasMarcos foi adiantando con pinceladas da súa sabedoría.

É curioso contrastar como, para aqueles que se achegan con estudo e devoción ao coñecemento das cousas, o concepto de esperanza e a fe na mesma humanidade terminan por aflorar antes ou despois. Inevitable non pensar en tantos que, coma el, camiñaron a través da mesma senda. Neste sentido, parece pertinente lembrar aquí un dos mais excelentes representantes da procura da felicidade.

Manexar un exemplar da Ética do xudeu holandés de orixe castelá ou portuguesa Baruch Spinoza (1632-1677) é expoñerse á obra dun teórico «diferente» sempre sospeitoso de falta de piedade para os seus —foi anatemizado pola sinagoga xudía de Ámsterdam— e tamén para os alleos, debido á aparencia materialista da súa filosofía e á súa decidida opción pola liberdade individual. Como esquecer aquela sentenza da súa autoría, só comparable ao discurso fúnebre de Pericles?: «Non só é a liberdade de pensamento compatible coa paz do Estado, senón que suprimila implica destruír a devandita paz (…) Os gobernos non deben esforzarse por converteros seres humanos en bestas ou monicreques, senón por fomentar que desenvolvan as súas mentes e corpos rodeados de seguridade, empregando a súa razón sen ningunha especie de grillóns».

 

 

Ao longo da súa Ética estruturada segundo unha impecable orde xeométrica cartesiana, con estudada cadencia de definicións, axiomas, postulados, lemas, proposicións e escolios, onde caben, entre moitas outras, reflexións sobre Deus, o goberno dos pobos e as sempre complexas relacións entre os homes, Spinoza, que era pulidor de lentes de profesión, evidencia un camiño cara á independencia de pensamento que o sitúa, para só comezar, á cabeza daqueles que optaron pola democracia como a mellor forma de goberno posible. Avisando, iso si, dunharealidade, a tan encomiada virtude republicana, que presupón homes excelentes, casa mal coa natureza humana, os homes tenden a conservarse a pesar dos demais, a obter o maior poder posible e a dominar a todo o que se deixe. En palabras de Fernando R. Genovés en La riqueza de la libertad (2016): «Ocorre que non é o mesmo perseguir o mellor dos mundos posibles que esforzarse por establecerse no mundo o mellor posible». Ese é o convencemento político de Spinoza que, aclara Genovés, conduce ao pulidor de lentes cara a dúas importantes consecuencias prácticas:

Primeiro, ao fixar unha teoría política, esbozamos un escenario que lle permita ao home ser gobernado o menos posible e ser dominado polos menos posibles. Esta condición pode lograrse reducindo ao máximo o poder do Estado e dos instrumentos de coacción, para que desta forma o seu efecto sobre a liberdade dos individuos sexa o mínimo. Segundo, como queira que a natureza do home é como é, imposible de cambiar, en lugar de intentar trastornala con enxeñerías diabólicas de todas as clases, promovendo un «home novo», un Prometeo renovado ou unha «sociedade ideal e perfecta», conformámonos con establecer unhas canles e normas de conduta que fagan os homes, sinxelamente, máis tratables e menos brutos.

Así as cousas, podemos afirmar que Spinoza escribe en 1670 a primeira defensa sistemática da democracia moderna no seu Tratado teológico-político. O seu principal empeño aquí será substituír as concepcións tradicionais e imaxinarias sobre o ser humano por xuízos antropoloxicamente mais realistas, partindo, precisamente, de Maquiavelo. Neste sentido, Spinoza coincide co aparente pesimismo de Thomas Hobbes (1588-1679), pero mentres este se mostra monárquico «por ben do individuo» ao que hai que protexer de si mesmo por medio dun goberno poderosamente centralizado, Spinoza defende e aprecia as diferenzas naturais entre os homes e promove que estas se expresen no medio dunha cordial e filosófica liberdade, que «non pode ser destruída polo poder gobernante», tampouco polo dogma e moito menos pola mera superstición.

É talvez por iso que a democracia lle parece a Spinoza a forma de organización política menos conflitiva de todas por ser a máis próxima á liberdade que a natureza lle concedeu ao ser humano e, racionalmente falando, a maior liberdade menor corrupción. En palabras de Gilles Deleuze, Spinoza na súa filosofía práctica descobre que «sen dúbida, é nos círculos democráticos nos que se atopan as mellores condicións para vivir, ou máis ben para sobrevivir. Pero estes círculos significan para el (Spinoza) soamente a garantía de que os malintencionados non poderán envelenar nin mutilar a vida, separala da potencia de pensar que vai un pouco máis lonxe caos fins dun Estado, dunha sociedade e de todo medio social en xeral».

Coma Aristóteles ou Cicerón, Spinoza venera a vixencia da boa lei sobre o capricho dos homes. Neste sentido, o seu razoamento volve mostrarse impecable, sostendo que na sociedade a vontade da autoridade soberana é a autoridade do individuo razoable e desobedecer a esta autoridade é contradicirse a si mesmo, ser e mostrarse irrazoable. Dado o egoísmo e a natureza pasional do home, se cada cidadán tivese o dereito de interpretar as leis, o Estado quedaría disolto polo interese egoísta. E aínda afirma máis: a razón ensínanos a adquirir a independencia individual rendéndoa á vontade de leis xustas do Estado constituído de acordo cos principios da recta razón. De aí a súa advertencia de que o contrato social xa non é obrigatorio cando viola o interese xeral. Unha idea que podemos apreciar moi vivamente acendrada na nosa escola de Salamanca do século XVI.

Pero para Spinoza as paixóns rexen o home, moi a miúdo sobre o seu propio intelecto. De feito, aseguraba que os afectos son a verdadeira esencia do humano, aínda antes que a mesma razón, pois son os sentimentos, dicía, os que causan a verdadeira servidume moral do home. Así, coa súa natural elegancia ao expresarse, podía afirmar«cando a alma imaxina a súa impotencia,  entristécese»ou «o home sometido aos afectos non é independente, senón que está baixo a xurisdición da fortuna».

Xa cara ao final da súa Ética, podemos comprobar como o filósofo permitía unha porta aberta á esperanza outorgándolle á razón a capacidade de rexer e aínda reprimir os afectos ata dominalos completamente, todo iso a través da perfección do entendemento, polo que lle concedía moitas vantaxes ao home instruído sobre o ignaro. De todas as maneiras, a tarefa preséntase como difícil, tanto como o exemplo que propón tomándoo da ciencia estoica: conseguir esquecer un afecto é como lograr que un can cazador e outro faldreiro cambien con traballo e disciplina as súas respectivas tendencias, de forma que o faldreiro vaia compulsivamente cazar e o de caza deixe de correr tras a lebre que se solta ante os seus narices. Difícil pero non imposible, de feito, lemos «un afecto que é unha paixón deixa de ser paixón cando nos formamos del unha idea clara e distinta». É dicir, ningunha idealización, por cega que sexa, supera o paso do tempo.Existe entón salvación para a dor que causa a perda certa do amor? A resposta parece, a priori, bastante descorazonadora: «Un afecto non pode ser reprimido nin suprimido senón por medio dun afecto máis forte que a afección que experimentamos».Ardua tarefa, mais non imposible, como deixou dito Woody Allen:

Profesor Levy: …A felicidade humana non parece estar incluída nos designios da creación. Só nós, coa nosa capacidade de amar, lle podemos dar sentido ao universo indiferente. Con todo, a maioría dos seres humanos parecen ter a facultade de seguir buscando e ata de atopar a alegría nas cousas simples, como a familia, o traballo e a esperanza de que as xeracións futuras comprenderán mellor. (Do guión de Delitos e faltas, 1988)

 

 

Sección: