Sementando vida no CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui

A nosa ecohorta como reflexo do que queremos no mundo
O noso lema de centro «Pensa globalmente, actúa localmente. Xuntos somos máis fortes» lévanos a buscar solucións a problemáticas globais creando modelos ecolóxicos e sostibles na nosa contorna. Por iso, desde o noso centro procuramos que estas medidas teñan un carácter transformador na nosa comunidade, pero tamén que poidan ser trasladables a outras realidades do planeta.

Nataxa Pérez de la Fuente Alabau, coordinadora da horta escolar
CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui (Tui-Pontevedra)
nataxaalabau@edu.xunta.gal

 

1. Contextualización

A nosa escola caracterízase por ser un centro comprometido coas necesidades da sociedade no momento actual. Neste contexto, moitas das actividades que realizamos relaciónanse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, intentando involucrar sempre a toda comunidade educativa e a outros centros da contorna. A culminación de todo este traballo é o congreso educativo EDUCODS dedicado aos ODS, que xa levamos catro anos realizando, onde o alumnado é o protagonista e onde a nosa horta ten un papel esencial. Así, durante o curso 2022/23 a nosa ecohorta converteuse, un ano máis, nun espazo de observación, aprendizaxe e experimentación ao servizo da filosofía do noso centro.

O proxecto da horta abarcou, ao longo de todo o curso, o traballo de diversos aspectos medioambientais. No que respecta ás zonas de cultivo, centrámonos no deseño dunha horta circular que facilitou a introdución da rotación de cultivos, co obxectivo de enriquecer a biodiversidade e crear unha horta ecolóxica sostible que se puidese converter nun modelo de boas prácticas para a nosa comunidade.

 

 

A rotación de cultivos, un dos principios básicos da agricultura ecolóxica, axudounos a tomar conciencia da terra como o elemento vivo que é e a importancia de coidala e nutrila. A terra da nosa horta, e por extensión a terra de todo o planeta, é o fogar dunha inmensidade de seres vivos. Ese conxunto de seres, entre os que estamos nós, forman un todo indisociable e calquera acción que dane ou beneficie a uns repercute sobre os outros.

A tarefa de enriquecer a biodiversidade permitiunos tamén afondar na elaboración dos fertilizantes naturais, o compost, que xa faciamos desde hai anos e o vermicompost no que nos iniciamos.

 

2.Obxectivos

Para poñer en marcha este proxecto, marcámonos os seguintes obxectivos:

  • Analizar a horta da que partimos.
  • Coñecer as principais familias das plantas da nosa horta para planificar as plantacións.
  • Deseñar unha maqueta da ecohorta tendo en conta a plantación por familias de plantas.
  • Preparar e nutrir a terra utilizando o noso propio compost e elaborar unha vermicomposteira para obter humus de verme.
  • Organizar as mesas de cultivo da horta seguindo o deseño circular e a planificación da maqueta.
  • Preparar sementeiras.
  • Plantar, coidar e manter os cultivos.
  • Elaborar un panel de rexistro.

 

3. Descrición das actividades

En primeiro lugar, centrámonos no traballo da terra e analizamos a horta existente para elaborar propostas de mellora.

Comezamos facendo experimentos para coñecer a composición da terra dos nosos bancais e mesas de cultivo e con eles descubrimos a importancia de ter un chan vivo. Fixemos dous experimentos. No primeiro recollemos mostras de diversas zonas da horta e tamén un pouco de compost da nosa composteira.

 

 

Para comparar a calidade da terra de cada lugar e comprobar que cantidade de materia orgánica tiña cada mostra, engadímoslles ás mostras auga osixenada. A auga osixenada oxida a materia orgánica producindo burbullas, cantas máis burbullas aparezan na mostra, maior presenza de materia orgánica. Deste xeito, identificamos as zonas máis pobres e concluímos que precisaban ser nutridas. No segundo, investigamos a estrutura do solo recollendo unha mostra de terra nun frasco, mesturándoa con auga e deixándoa repousar durante catro días. Pasado este tempo, puidemos observar as capas do solo, aparecendo na zona inferior a parte areosa, na intermedia, o limo, e na superior, a arxila.

Coa axuda das persoas expertas do Plan Revitaliza afondamos na importancia dos fertilizantes naturais. Fabricamos a nosa vermicomposteira para obter humus de verme. Finalmente, coa axuda da mestra composteira do concello recollemos o noso propio compost, avaliamos xuntos a súa calidade e gardámolo para botalo na terra das zonas de cultivo. Así, concluímos a nosa primeira misión en busca do enriquecemento da biodiversidade da nosa horta.

Paralelamente, recibimos visitas trimestrais da nosa asesora do Plan Proxecta da Rede de ecohortas para formarnos, axudarnos e avaliar con nós o traballo realizado e o progreso da horta.

A primeira visita resultounos de grande axuda para o deseño e organización da horta. Coa súa supervisión, escollemos un espazo no patio da escola orientado ao sur para colocar as mesas de cultivo. A través de varios xogos con ela, fomos coñecendo diversas plantas, algunhas características curiosas delas (como, por exemplo, as flores en forma de cruz da familia das crucíferas) e identificando así as súas familias.

Consultando diversos libros de agricultura ecolóxica da biblioteca da escola, descubrimos que os estadios de crecemento das plantas (raíz, folla e froito) requiren unhas esixencias nutricionais diferentes e por iso precisamos rotar os cultivos, para non esgotar os nutrientes da terra (entre outras razóns). Para organizar a rotación, seguimos o esquema de catro grupos de familias do método Parades en crestall de Gaspar Caballero:

  • Solanáceas
  • Liliáceas e umbelíferas
  • Compostas, quenopodiáceas e cucurbitáceas
  • Leguminosas e crucíferas

Despois, asignámoslle dúas mesas a cada grupo. Finalmente, colocámolas en círculo e resultounos así máis sinxelo comprender a orde da rotación.

Antes de realizar o proxecto a grande escala, decidimos planificalo e organizalo nunha maqueta para velo máis facilmente e poder transmitirllo a toda a comunidade educativa. Para a elaboración da maqueta, comezamos facendo un plano a escala co alumnado de sexto de primaria a partir do cal o alumnado de primeiro e terceiro construíu a maqueta coas oito mesas de cultivo e planificou a colocación de cada grupo de familias, escollendo as plantas de cada familia, a cantidade e a distancia entre elas (o marco de plantación). Tamén incluímos en todas as mesas diversas variedades de plantas aromáticas (melisa, ourego, tomiño, alfábega…) e flores beneficiosas para a horta ecolóxica (caraveis chineses, caléndulas, capuchinas e cosmos) seguindo as recomendacións que atopamos no libro Parades en crestall.

 

 

A nosa asesora continuou axudándonos ao longo do ano a través de varios obradoiros que fixemos con ela na escola. O alumnado de primeiro e terceiro foi o que recibiu esta formación e converteuse así no grupo de expertos que se encargaron de guiar e implicar a toda a comunidade educativa nas actividades da horta.

 

 

No segundo obradoiro elaboramos distintos tipos de rega por goteo con material de refugallo que utilizamos en distintas zonas de cultivo. Para a horta circular deseñamos unha rega por goteo que abarcase todo o percorrido entre as mesas en forma de círculo. Na última visita achegámonos ao concepto de «asociación de cultivos» buscando combinacións de plantas que se complementan no seu crecemento e deste xeito descubrimos combinacións beneficiosas que se practican nalgúns lugares desde hai centos de anos, como é o caso da milpa (asociación precolombina de fabas, millo e cabaza). Tamén xogamos a facer bólas de arxila con sementes variadas, concibidas no Xapón como método de reforestación (Nendo Dango).

 

 

Ao longo do curso, para levar un control do que cada aula facía, elaborouse un panel de rexistro no que iamos apuntando a data e a actividade desenvolta (sementeiras, plantacións, achega de compost, colleitas…).

Outras actividades:

Entre todos, fomos compoñendo mes a mes un refraneiro da horta na entrada do colexio que facía referencia aos cultivos de cada mes.

Nas aulas fixemos diversas degustacións cos produtos das nosas colleitas.

Ao chegar a primavera, organizamos xunto coa comisión de biblioteca dous obradoiros coas familias e dúas mulleres expertas da comunidade: un de cociña saudable con produtos de tempada e outro de remedios naturais que podemos elaborar con plantas aromáticas e silvestres, a maior parte delas presentes na nosa horta.

Para despedir o curso, realizamos unha recollida das herbas de san Xoán coas familias polos arredores da nosa contorna.

 

4. Metodoloxía

A ecohorta do CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui desenvólvese cunha metodoloxía activa que estamos a desenvolver no noso centro desde hai anos e enténdese como un espazo de aprendizaxe baseado no método científico (observación - investigación - formulación de hipóteses - experimentación - análise de datos- conclusións - comunicación dos resultados). O alumnado aprende facendo, impulsamos as vocacións STEAM e a igualdade de dereitos entre os homes e as mulleres e aplicamos os principios DUA nas diferentes tarefas para garantir a presenza, participación e progreso de todo o noso alumnado.

A metodoloxía empregada caracterízase por ser comunicativa, inclusiva e participativa, dirixida ao logro dos obxectivos e ao desenvolvemento de competencias trasladables a tarefas e actividades da vida real. Construímos a aprendizaxe mediante prácticas de traballo grupais, individuais e cooperativas. As alumnas e alumnos son os responsables da súa aprendizaxe, comprenden o que aprenden, saben para que o aprenden e son capaces de empregalo en distintos contextos.

Este proxecto enténdese desde unha perspectiva de colectividade no profesorado para así trasladar este sentimento ao alumnado, ademais todos os equipos docentes do centro contribúen ao desenvolvemento do proxecto.

 

5. Recursos materiais e humanos

Na elección dos materiais, desde o centro procuramos contribuír ao coidado do planeta e ao compromiso coa súa sostibilidade, por iso potenciamos no alumnado e no profesorado o uso de materias que contribúan ao uso dos catro R: reducir, reciclar, rexeitar e reutilizar. Para levar a cabo este proxecto, empregamos materiais variados de refugallo, follas de rexistro, imaxes das plantas de cada familia, compost, substrato, sementes, libros de consulta…

Ao longo do proxecto, ademais das mestras e mestres e das persoas que forman parte da comisión de horta do centro (profesorado, alumnado e familias), contamos con diversas colaboracións de diferentes membros da comunidade: a mestra composteira da localidade, a asesora da horta escolar, o concelleiro de medio ambiente e distintos expertos do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

 

6. Avaliación

Neste proxecto, a avaliación constitúe un elemento esencial de garantía de calidade e mellora. Concibimos a avaliación como un proceso sistemático continuo e personalizado, centrándonos tanto nas aprendizaxes do alumnado coma nos procesos de ensino dos mesmos docentes. Este proceso serve para valorar logros, detectar dificultades e tomar as decisións oportunas coa suficiente axilidade para reorientar o plan de traballo. Por exemplo, o uso do acolchado de palla non estaba dentro dos obxectivos iniciais, pero xurdiu como proposta de mellora ao longo do proceso para manter a humidade da terra no verán.

Indicadores de logro que utilizamos para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente:

1. Creouse un clima de traballo favorable cara á aprendizaxe?

2. Conseguiuse a participación activa do alumnado?

3. Contouse co apoio e a implicación das familias e outros organismos?

4. Valorouse o traballo en equipo do alumnado?

5. Elabóranse propostas de traballo de diferentes niveis competenciais para atender á diversidade?

6. Ofréceselle unha retroalimentación axeitada ao alumnado despois da realización do seu traballo?

7. Compartíronse coas familias e coa contorna as actividades relacionadas coa ecohorta?

 

7. Difusión

Consideramos  que a difusión e visibilidade do proxecto pon en valor o traballo realizado e crea sinerxías de apoio entre os diferentes membros da comunidade. Os medios que empregamos son:

Web do centro

Instagram

Blog da horta

Radio Athenea (Radio na biblio)

Congreso educativo EDUCODS

Radio Municipal de Tui

 

8. Conclusións e visión de futuro

Só se pode valorar, protexer e conservar aquilo que se coñece. O traballo na horta da escola é unha oportunidade constante de aprendizaxe que implica todos os nosos sentidos, alimenta a nosa curiosidade e reporta gran satisfacción a todas as persoas que entran en contacto con ela. É un espazo que asegura a participación de toda a comunidade e nos conduce á conciencia e ao respecto medioambiental.

Cada curso tratamos de profundar en novos aspectos, tendo sempre no horizonte a proposta de tarefas que nos leven a traballar os Obxectivos da Axenda 2030.

Este ano a nosa horta circular comeza un novo ciclo de rotacións e seguimos experimentando con novos cultivos que enriquecen a biodiversidade do noso pequeno ecosistema. Queremos tamén coñecer as árbores da contorna (identificalas, estudar os seus froitos, xerminar as sementes...) e reparar, así mesmo, na importancia do coidado dos bosques autóctonos da nosa comunidade. Estas novidades seguirán alimentando o interese e a paixón de todas as persoas que participamos neste proxecto, toda a comunidade educativa do CEIP Número 1 de Tui.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Caballero, G. (2007). Parades en Crestall. Huerto ecológico fácil, Gaspar Caballero de Segovia. https://www.gasparcaballerodesegovia.net/pdfs/prensa/33/prensa_33.pdf

Pons, N. (2018). Como poner en marcha tu huerto de permacultura. Errata Naturae.

Aubert, C. Asociar cultivos en el huerto ecológico (La fertilidad de la tierra).

Cordeiro Budiño, X. (2008). A nosa horta. Xerais.

Vallos, Josep M. (2009). Mi primera guía sobre el huerto urbano. La Galera.

Costa, A. (2011). Compost y abonos naturales. Susaeta.

González, A. (2020). La aventura de compostar con lombrices.

Fukuoka, M. (2016). La revolución de una brizna de paja (reedición). Ed. Descontrol.

Sección: