A experiencia de ACPP no traballo arredor dos dilemas morais para a mellora da convivencia escolar

Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento (en diante, ESR-EPD) é unha iniciativa de educación para a transformación social. No curso 2022/23 incorporáronse ferramentas pedagóxicas innovadoras baseadas na teoría do desenvolvemento moral, en concreto, o test de tolerancia que presenta unha serie de dilemas morais que convidan o alumnado a reflexionar e desenvolver un pensamento crítico e, en definitiva, transformar os centros educativos en lugares de convivencia positiva.

Autoras do artigo:
Raquel López e Jacobo Varela, persoal técnico de ACPP-Galicia, baseado nun informe elaborado por Tania Merelas Iglesias (Proxecto Avezar)
Asistencia técnica no marco do proxecto:
Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento (ESR-EPD), cofinanciado pola DXRREeUE da Xunta de Galicia na súa convocatoria de proxectos de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global 2022
galicia@acpp.com

 

 

 

Introdución

A proposta de traballo realizada no marco do ESR-EPD parte dunha visión transformadora da educación, entendida como un proceso dialóxico a través do cal poder transmitir valores sociais que nos leven á convivencia, á tolerancia e ao respecto das diferenzas fronte aos discursos e ás prácticas baseadas no odio á diversidade.

Precisamente, as escolas son comunidades de aprendizaxe para a vida e, xa que logo, cómpre que non centren a totalidade dos seus esforzos na transmisión de contidos curriculares e académicos. Nos anos noventa, o Informe da UNESCO da Comisión Internacional sobre a Educación para o Século XXI (1) avanzaba os catro piares da educación:

  • Aprender a coñecer.
  • Aprender a facer.
  • Aprender a ser.
  • Aprender a convivir.

Este último piar, aprender a convivir, dálle sentido ao traballo que se realiza desde o ESR-EPD nos centros escolares, pois na base está o sentido de transformar as escolas en espazos de convivencia tolerantes e respectuosos coas diferenzas, promovendo a cultura da paz e a non violencia para a transformación de conflitos.

No curso 2022/23, o ESR-EPD introduciu propostas metodolóxicas e ferramentas innovadoras para o traballo na aula que convidan o alumnado a reflexionar e desenvolver un pensamento crítico e, en definitiva, transformar os centros educativos en lugares de convivencia positiva.

Para isto, ideouse unha aplicación adaptada da teoría sobre o desenvolvemento moral elaborada por Kolbergh (2). Lonxe de preceptos que entenden a moralidade como «asimilación» de normas e valores, que suporía a internalización de crenzas sociais por parte dos nenos e adolescentes sen cuestionamento, desde o ESR-EPD o enfoque sobre a moral aproxímase a unha postura máis filosófica que identifica a moralidade como a adquisición de principios morais autónomos.

Unha das contribucións da teoría do desenvolvemento moral é o establecemento de diferentes estadios evolutivos: a) preconvencional, ata os 9 anos; b) convencional, propio de adolescentes e algunhas persoas adultas; c) posconvencional, que acadan poucas persoas adultas.

Así pois, a aplicación ideada —chamada test de tolerancia— introduce o traballo a través de dilemas morais que simulan unha situación posible da vida diaria. O test de tolerancia componse de 18 dilemas morais con tres posibles respostas, cada unha das cales remite a un estadio do desenvolvemento moral. A través destes dilemas, introdúcense elementos de debate relacionados co racismo, a homofobia, o machismo, a pobreza e, en definitiva, cuestións relativas a comportamentos discriminatorios ou violentos que podemos vivir ou presenciar na vida cotiá e que poden darse no propio centro educativo.

O test está dirixido ao alumnado participante no programa, en dous tempos: no inicio e no final do curso académico. No inicio de curso, o test aplícase como ferramenta diagnóstica para coñecer o punto de partida do centro escolar. No final do curso, o test lévase novamente ás aulas para validar posibles cambios na moralidade do alumnado como resultado do traballo realizado na aula a través dos diferentes obradoiros que completa o ESR-EPD.

Doutra banda, o traballo a través dos dilemas está presente ao longo da proposta pedagóxica, empregando un enfoque metodolóxico holístico que procura a reflexión e o debate sobre tópicos susceptibles de conflito. Esta mirada dialóxica incorporouse tamén nos diferentes obradoiros participativos co alumnado, procurando un clima de confianza e apertura que favoreza o diálogo.

Co fin de validar esta ferramenta e valorar como funcionou a aplicación, realizouse unha análise partindo de dous obxectivos xerais:

  • Validar o test de tolerancia como ferramenta avaliativa diagnóstica e final do traballo realizado co alumando no marco do ESR-EPD.
  • Lexitimar a metodoloxía de traballo a través de dilemas morais co alumnado como parte do compromiso pedagóxico para acadar unha sociedade máis xusta e solidaria.

 

Metodoloxía da investigación

A investigación foi realizada entre os meses de abril e xuño de 2023 por parte de Tania Merelas, de Proxecto Avezar. A metodoloxía empregada partiu dunha análise cualitativa para comprender os significados outorgados polo profesorado e as asistencias técnicas do programa ao traballo realizado co test de tolerancia e os dilemas morais. Neste senso, a procura dun coñecemento profundo está na esencia cualitativa, unha forma de facer investigación que non está preocupada por xeneralizar os resultados en forma estatística, senón por construír narrativas.

Seguindo a Norman Denzin e Yvonna S. Lincoln (2000), (3) podemos afirmar a súa maior énfase nas calidades, nos procesos e nos significados, mais ca na cantidade, intensidade e frecuencia. Así, o obxectivo da investigación cualitativa non é a acumulación de información, senón responder preguntas a partir dun proceso de actuación sistemático (Berg e Lune, 2012) (4) para xerar datos válidos que permitan comprender a realidade obxecto de estudo.

Entre as diferentes técnicas de investigación, empregáronse as seguintes:

-Grupo de discusión: entendido como un proceso compartido e consistente na selección dun pequeno número de participantes para estimular un diálogo intersubxectivo a partir do cal obter información sobre as crenzas, actitudes ou motivacións destas persoas en relación cun tópico específico (Linhorts, 2012).

 

 

Realizáronse dous grupos de discusión cunha composición interna homoxénea: o primeiro reuniu educadoras que desenvolveron os obradoiros do programa ESR-EPD nas aulas (asistencias técnicas) e o segundo realizouse coas orientadoras dos centros educativos, como referentes do impulso do programa nas aulas e coñecedoras do seu desenvolvemento pola súa coordinación coas asistencias técnicas e o persoal de ACPP.

A parte valorativa centrouse en tres tópicos de análise que se relacionan coa teoría do desenvolvemento moral proposta por Kolbergh: discriminación e pensamento crítico, competencia emocional na comunidade educativa e proceso de debate e actitudes e que máis adiante se detallará.

-Análise documental: que parte dun estudo sistemático de diferentes documentos relativos ao programa ESR-EPD e que axudan a comprender a esencia do seu desenvolvemento e a enmarcar os obxectivos pretendidos.

-Reunións de coordinación: ao longo do curso establecéronse varias reunións de coordinación co persoal técnico de ACPP responsable do programa. Celebrouse unha reunión no inicio de curso para coñecer o seu funcionamento e tomar en consideración os elementos innovadores introducidos. Por outra banda, antes da convocatoria dos grupos de discusión, realizouse outro encontro para validar o esquema de contido e acordar a súa organización temporal. Finalmente, mantivemos unha reunión avaliativa de todo o proceso.

As diferentes opcións seleccionadas refiren unha diversidade que permite establecer medidas de calidade sobre esta investigación, no fundamental en relación coa súa confiabilidade. Desta forma, estableceuse un conxunto de estratexias que permite avaliar a precisión dos datos, isto é, a súa validez, tales como triangulación, auditoría e revisión de pares.

 

Valoración do test de tolerancia e do traballo a través de dilemas morais

As narrativas compartidas nos grupos de discusión, tanto por parte das orientadoras coma das técnicas que levaron a cabo as intervencións nos centros educativos, permiten artellar esta parte valorativa seguindo un esquema de análise coherente coa estrutura metodolóxica. Para iso, partiremos do diálogo construído en relación cos bloques de contido nos seguintes puntos:

Discriminación e pensamento crítico

Tratábase de dilucidar en que medida a metodoloxía proposta e o test de tolerancia permiten realizar un traballo co alumnado onde o pensamento crítico fronte a prácticas discriminatorias ou crenzas sociais adquiridas poida ter un sentido e un peso significativo. Noutras palabras, en que medida a proposta deseñada favorece un clima onde se poidan expresar diferentes opinións e conformar unha idea propia.

Neste senso, as persoas participantes nos grupos de discusión conflúen en afirmar que os dilemas favorecen o escenario para comezar a reflexionar e pensar sobre temas que ao mellor non tiñan tan presentes, ou sobre os que nunca se pararan a pensar o que sentían ou opinaban. Con todo, o test de tolerancia e o traballo cos dilemas morais tamén presenta dificultades. Así pois, as orientadoras apuntan que as respostas poden estar mediadas polo que se considera desexable socialmente. Porén, o deseño do ESR-EPD permite traballar sobre as posibles incoherencias, precisamente, na parte relacionada cos obradoiros na aula. Nesta liña, destácase a maior reticencia dos varóns a entrar nese proceso de reflexión e diálogo, sobre todo cando se trata de abordar temas relacionados coa igualdade de xénero ou a violencia machista.

Sen dúbida, non se pode esquecer a etapa de desenvolvemento na que se atopa o alumnado e que os dilemas que se propoñen non sempre resultan doados de resolver. Ás veces, pode acontecer que ese dilema supoña un enfrontamento directo coas persoas adultas de referencia e iso non é sinxelo.

Todo isto apunta á coherencia no deseño metodolóxico por parte do ESR-EPD, pois os dilemas son o punto de partida e peche para fomentar a reflexión e o diálogo a través doutras actividades máis abertas, dinámicas e participativas. Esta liña valórase positivamente e apúntase á necesidade de aterrar máis no corpo o traballo co alumnado, precisamente para completar esa parte máis reflexiva e racional.

 

 

Competencia emocional na comunidade educativa

Cando nas aulas se propón o traballo a través de dilemas morais, expoñendo situacións de discriminación diversa, as emocións móvense e entramos nun terreo que é preciso abordar desde un enfoque pedagóxico. Neste senso, tratamos de valorar en que medida a metodoloxía proposta facilita a competencia emocional na comunidade educativa, poñendo o foco, neste caso, no alumnado e no profesorado ou persoal educador que acompaña neste proceso formativo.

O traballo a través dos dilemas e nos obradoiros permite darlle un lugar ao plano emocional, algo que sitúa en mellor posición para adquirir competencias na xestión de emocións ca se nos situamos noutro tipo de dinámicas. Non se trata de negar ou eliminar, sen máis ou pola forza, as crenzas e comportamentos sociais que levan ao odio e á discriminación, senón que é necesario traballar desde as emocións e o diálogo para axudar a comprender cara a onde nos leva o camiño do odio como sociedade e que alternativas podemos construír conxuntamente.

 

 

Proceso de debate e actitudes

Neste punto abordamos as posibilidades de debate que ofrece o traballo proposto desde o ESR-EPD e, ligado ao punto anterior, reparamos nas actitudes que esperta o proceso no alumnado.

Nos grupos de discusión, ponse o foco na falta de coherencia que ás veces hai nos centros educativos: estase a traballar co alumnado para manter unhas actitudes e comportamentos máis respectuosos e tolerantes, algo que o propio profesorado non sempre ten integrado. Neste senso, o traballo que se propón no ESR-EPD debe ter unha continuidade e implicación no ámbito do centro educativo.

 

 

A modo de conclusión da investigación

En liñas xerais, tanto profesorado coma asistencias técnicas valoran positivamente as ferramentas propostas para favorecer o diálogo e a expresión de ideas propias.

O test de tolerancia e, consecuentemente, o traballo a través de dilemas morais preséntanse como ferramentas idóneas para favorecer o desenvolvemento moral do alumnado.

Ademais, as diferentes dinámicas de grupo levadas a cabo nos obradoiros co alumnado permiten unha abordaxe emocional de dilemas ou problemas, algo que sitúa en mellor posición para adquirir competencias na xestión de emocións que se nos situamos noutro tipo de dinámicas máis académicas ou maxistrais, posto que crea e facilita un escenario de diálogo e reflexión que convida a desenvolver o pensamento crítico por parte do alumnado.

Convén sinalar que a pertinencia do traballo arredor de dilemas morais tamén ten que ver coa consolidación do programa ESR-EPD, posto que ofrece un marco de traballo coa comunidade educativa esperanzador de cara á creación de escolas máis tolerantes.

Así pois, e a modo de conclusión, é posible validar a hipótese de partida, confirmando a idoneidade da metodoloxía de traballo empregada no programa, así como a ferramenta do test de tolerancia.

 

O traballo da ACPP a prol da convivencia escolar

A Asemblea de Cooperación pola Paz iniciou o seu camiño no mundo da educación en 1992, liderada pola súa daquela presidenta Pamella O’Malley. Ao longo destes anos seguimos a traballar e adecuar o noso labor ás novas circunstancias sociais e educativas, sen abandonar o afán inicial de contribuír á construción dunha sociedade xusta, responsable e equitativa.

E como se materializa todo isto? Pois ben, no caso da ACPP concrétase no proxecto educativo Escolas Sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento.

Escolas sen Racismo (ESR) nace en 1988 en Amberes (Bélxica) como un movemento de reacción contra as situacións de violencia, intolerancia e racismo cada vez máis frecuentes na sociedade e contra o avance de partidos de extrema dereita e abertamente xenófobos. Está liderado por un grupo de educadoras e educadores que entenden a educación, e concretamente o sistema educativo, como un instrumento moi eficaz para crear unha nova cidadanía que se opoña ao racismo e á xenofobia e que defenda valores como a igualdade de dereitos, a paz e o diálogo.

O movemento ESR concorda coa nosa maneira de entender a educación, por iso, desde 1999, a ACPP asumiu o compromiso de estender a filosofía desta rede nas escolas do Estado español como instrumento de cambio social e de creación dunha nova cidadanía. Tras un proceso de adaptación á sociedade española, no ano 2001 o programa púxose en funcionamento. Varias foron as circunstancias que o fixeron posible: estrutura e presenza suficiente da ACPP na sociedade española como organización, traxectoria e experiencia de traballo demostradas, coñecemento oportuno do terreo, disposición de materiais de calidade adaptados ao contexto educativo do momento, apoio das institucións e boa acollida nos centros escolares.

Aínda que o ESR nace como unha ferramenta para loitar contra o racismo nas escolas e na sociedade, desde o primeiro momento, a Asemblea de Cooperación pola Paz apostou porque o programa, ademais de favorecer a interculturalidade, fose un instrumento para introducir a educación para a paz de maneira transversal e permanente no currículo dos centros educativos e na metodoloxía de acción do profesorado. O ESR en España foi evolucionando para converterse nun programa que, ademais de perseguir que non se produza ningún tipo de discriminación, tamén busca educar na paz, na transformación de conflitos, na mellora da convivencia e na solidariedade desde unha perspectiva global, que inclúa a responsabilidade persoal e colectiva co desenvolvemento humano de todas as persoas e sociedades. É por iso que hoxe o programa recibe o nome de Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o Desenvolvemento (ESR-EPD).

Deste xeito, entendemos o ESR-EPD como un marco de actuación e un instrumento de traballo para ofrecerlles ás escolas. Unha metodoloxía, unha forma de facer e entender a educación que require a participación de toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias e persoal non docente) para alcanzar o propósito de crear unha sociedade máis xusta e solidaria.

 

 

 

(1) Delors, J. (1996). La educación encierra un tesoro, informe de la UNESCO para la Comisión Internacional sobre la Educación para el Siglo XXI. Dispoñible en  https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000109590_spa [Última revisión: 04/03/2023]

(2) Kolbergh, L. (1982). Moral stages and moralizations. En Lickona, T. Moral development and behavior. Tradución ao castelán Infancia y Aprendizaje, 20, pp. 33-51.

(3) DENZIN, Norman e LINCOLN, Yvonna S. (2000). Introduction: The discipline and the practice of qualitative research. En DENZIN, Norman e LINCOLN, Yvonna S. (Eds), Handbook of qualitative research (pp. 1 - 32). London: Sage.

(4) BERG, Bruce L. e LUNE, Howard. (2012). Qualitative Research Methods for the Social Sciences. New Jersey: Pearson.

 

Bibliografía: 

 

 

Asamblea de Cooperación por la Paz (2001). Dossier ESR. Publicación propia.

Lederach, J. (2007). La imaginación moral. El arte y el alma de la construción de la paz. Guernika: Publicaciones Red Gernika 9, Gernika Gogoratuz

Levy, N. (2006). La sabiduría de las emociones. Barcelona: Debolsillo.

 

Sección: