Deseño do comercio ideal para a nosa contorna: Flowers Coruxou, SL

Unha idea de negocio premiada no certame I-Comercio: Deseña o teu comercio ideal! da Xunta de Galicia
O podcast Flowers Coruxou, SL, realizado por alumnado de terceiro da ESO do CPI Virxe da Cela (Monfero), resultou premiado no curso 2022/23 no certame I-Comercio: Idea o teu comercio!, unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca achegar a mocidade ao comercio de proximidade e traballar nunha idea pioneira e innovadora que contribúa ao desenvolvemento da contorna e que sexa respectuosa co medio ambiente.

Verónica Dopico Cancela
veronicadopico@edu.xunta.gal
Paula Cadaveira
paulacadaveira@edu.xunta.gal
M.ª Camino Pereiro González
pereirogonzalez@edu.xunta.gal
CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero - A Coruña)

 

Introdución

Ao longo do curso escolar chegan aos centros educativos variadas propostas de participación en concursos. Neste artigo imos explicar por que o certame I-Comercio: Deseña o teu comercio ideal!, posto en marcha a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades (Xunta de Galicia) suscitou o interese de dúas docentes do CPI Plurilingüe Virxe da Cela. A participación neste concurso constituíu unha situación de aprendizaxe interdisciplinaria para o alumnado de terceiro da ESO. Reflexionaremos tamén sobre a importante presenza que a radio ten no noso centro desde hai una década, o que determinou a elección do formato podcast para a elaboración do produto final que foi presentado ao certame.

Como docentes fomos quen de apreciar o enorme valor pedagóxico do certame I-Comercio: Deseña o teu comercio ideal!, unha proposta de traballo que xiraba arredor de dous eixes fundamentais: o fomento da creatividade e a iniciativa emprendedora, elementos clave na aprendizaxe por competencias. Así mesmo, orixinaba unha situación de aprendizaxe baseada en retos (ABR), unha metodoloxía activa na que o alumnado ten que tomar a iniciativa e buscar unha solución a un problema da súa contorna, facendo uso dunha actitude crítica, reflexiva e cívica e que obriga á planificación, regulación e avaliación de todo o proceso de actuación.

A elección do formato radiofónico non foi froito da casualidade, senón dunha liña de traballo continuada e dunha formación, investigación e actualización constante: a radio como ferramenta educativa. Quedan atrás os primeiros e rudimentarios experimentos autodidactas iniciados no ano 2009 para abordar temáticas da EPDCG (educación para o desenvolvemento e a cidadanía global) da canle O Xestal nas Ondas e, seguindo nesta liña de traballo e grazas ao convenio de colaboración coa ANPA e a Fundación Ayuda en Acción asinado no ano 2013, nacía Radio Xesteira e posteriormente RTV Enxebre, dándose unha proliferación de produtos radiofónicos no centro.

O profesorado non quixo quedar atrás e tamén lle demandou formación específica neste medio ao CFR de Ferrol. Deste xeito, desde o ano 2019/20 ofertáronse obradoiros de formación dentro das liñas PFPP (Radio na BibliotecaA radio escolar como ferramenta de cambioGravación e edición de audio).

Remontámonos a setembro de 2022, cando se iniciou un novo curso inmerso en grandes cambios que nos facían saír da zona de confort, pero que á vez ofrecían novos retos e oportunidades: a implantación da LOMLOE coa introdución de novas materias no currículo de terceiro da ESO (Educación Dixital) e a renovación de parte do persoal docente. Neste contexto, chegou ao noso centro a información sobre o concurso e a profesora de Educación Dixital percibiu o seu potencial por incluír a presenza da dixitalización. Tendo en conta que o comercio é o elemento central, propúxolle á docente de Xeografía e Historia un traballo interdisciplinario e colaborativo que, ademais de abordar os contidos de ambas as materias, puidese constituír unha actividade de dinamización da lingua e da cultura galegas, xa que ambas formaban parte do EDLG.

 

Grupo de traballo colaborativo


Optamos pola creación de grupos cooperativos para que o alumnado traballase partindo dos seus propios intereses. Na materia de Xeografía e Historia procedeuse á documentación, selección e análise de información e en Educación Dixital creouse un portafolio dixital para o almacenamento sistemático da información e analizouse polo miúdo a transformación tecnolóxica e dixital que atravesa o comercio na actualidade. Só se podía presentar unha proposta por centro, polo que democraticamente se elixiu Flowers Coruxou, SL para representar o CPI Virxe da Cela na terceira categoría do concurso (téxtil/decoración, complementos, fogar, bricolaxe, xardín).

Para converter a idea nun produto, simulamos un programa radiofónico en directo desde una emisora de radio local ficticia, coa intención de darlle publicidade ao noso negocio «real». Para isto precisamos de dous elementos fundamentais: un guión ben estruturado que condensase todas as ideas e o dominio da parte técnica para darlle ao podcast unha calidade profesional. Na aula Ferraganchos atopamos un espazo inspirador, con acceso a todo o material necesario (micrófonos, mesa de mestura e ordenador para a edición do audio). En canto aos recursos humanos, todos e todas formamos parte do equipo: os catro estudantes que idearon a proposta repartíronse o protagonismo na entrevista radiofónica e as docentes participamos de maneira activa na gravación (presentadora e técnica de son). Na posprodución utilizamos o software Audacity, engadindo músicas e efectos sonoros para recrear un programa radiofónico en directo e crear unha atmosfera envolvente que axudase a captar o interese dos radio-oíntes.

 

Gravación no estudio de radio


Por último, presentouse o produto final a todo o alumnado de terceiro da ESO e fixemos una posta en común. O feedback deunos información da importancia da innovación nun mercado competitivo e, ao mesmo tempo, axudounos a remarcar a esencia do nosa proposta de comercio, que supoñemos que foi a clave do seu posterior éxito no concurso.

O punto de partida é un negocio real, un invernadoiro de flores da familia dunha das alumnas do grupo, para o que se propuxo unha actualización coa intención de adaptarse aos novos tempos. Situado na parroquia de Coruxou (no concello de Irixoa, unha área rural próxima ao Parque Natural das Fragas do Eume e á Reserva Mundial da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo), Flowers Coruxou, SL non era un negocio floral ao uso, esta iniciativa trataba de sacarlle o máximo partido á riqueza da contorna, respectando, valorando e promovendo o noso patrimonio natural. Nos seus produtos empregaba materias primas da zona, como toxos, grelos, ortigas, camelias, fieitos e loureiro, entre outros. Era un negocio respectuoso co medio ambiente que integraba medidas para a sostibilidade, tanto no proceso de produción coma no de distribución. No eido da innovación, establecía colaboracións con universidades na área de enxeñería e robótica, apoiándose nos avances tecnolóxicos para aumentar a produtividade. Sen esquecer a súa clientela local, cubría as necesidades da zona e revertía de maneira directa na súa economía, pero buscando ir máis aló. Por iso, ademais de ofrecer un produto natural de calidade, Flowers Coruxou, SL apostaba pola visibilización (con páxina web, blog, redes sociais, márketing e publicidade) e buscaba o apoio de deseñadores e de firmas de moda galegas con gran proxección internacional que mostrasen os seus estampados florais ao mundo. Deste xeito, figuras icónicas da nosa terra, como as flores do toxo e do grelo, deixarían a súa pegada en prendas 100 % sostibles feitas en Galicia.

 

Reflexións finais

Un reto desa magnitude supuxo á vez un grande estímulo e todo un desafío. Pero aínda así obtivemos o resultado proposto nos prazos establecidos. Con premio ou sen premio xa tiñamos moito gañado: ademais de todas as aprendizaxes adquiridas, o alumnado sentíase moi orgulloso do «seu» en múltiples planos (a súa idea, o seu produto, a súa contorna) e o profesorado implicado plantaba a semente para futuras colaboracións.

 

Alumnado gañador e profesoras acompañantes

 

Á volta das vacacións de Nadal recibimos unha recompensa por parte do xurado do concurso, xa que o CPI Virxe da Cela era un dos centros premiados. Os catro alumnos e alumnas que idearon o negocio Flowers Coruxou, SL e as dúas docentes que guiaron o proceso creativo asistimos encantados á gala de entrega, que tivo o seu eco nos medios de comunicación e que, dalgunha maneira, visibilizou os logros dun centro do rural galego que loita por estar á vangarda. O premio non o puidemos levar baixo o brazo polo seu volume, pero o prometido era débeda e nun par de días chegaba o esperado paquete: unha enorme pantalla táctil interactiva que desde entón preside o noso espazo Ferraganchos e do que, grazas ao esforzo deste grupo de alumnas e alumnos, pode gozar o resto da comunidade educativa.

 

Premio pantalla táctil interactiva

 

O presente e o futuro da radio no CPI Virxe da Cela

Tras unha década de experimentación coa radio, marcada pola boa acollida e os bos resultados obtidos, temos claro que queremos seguir avanzando e marcando novos retos. Iniciamos o presente curso 2023/24 coa creación dun Club de Radio para apoderar o alumnado na utilización deste medio e facilitarlle o apoio e colaboración de radios comunitarias (CUAC FM). Apostamos tamén pola utilización da radio como un medio para promover unha correcta hixiene dixital coa creación dunha nova canle: Ciber Xesteira FM. Tamén neste curso estamos a participar por vez primeira no programa Radio na Biblio (Plan LIA de Bibliotecas Escolares) e implementaremos o programa de innovación educativa Polos Creativos, que nos permitirá democratizar a radio e ofertarlles esta ferramenta ás familias, iniciando, sen dúbida, unha nova etapa.

 

 

Sección: