A creatividade contaxia e fai maxia

Os nenos e nenas tenden a imitar o que fan as demais persoas. Se o profesorado dentro da aula experimenta novas estratexias, o que transmite inconscientemente é que a creatividade é útil e necesaria (David Bueno)
A transformación da nosa escola comezou hai tres cursos cando vimos que, se queriamos darlle un papel máis activo ao alumnado no seu desenvolvemento integral, tiñamos que cambiar moitas cousas, tanto no ámbito organizativo coma pedagóxico. Así iniciamos un proceso formativo que nos proporcionou as ferramentas e estratexias precisas para lle facer fronte a esta apaixonante aventura.

Natalia Pazos Martínez
npazos@edu.xunta.gal
EEI Fingoi nº 2 (Lugo - Lugo)

 

Un cambio metodolóxico non comeza dun día para outro. A educación e formación recibida, a sociedade e as propias experiencias configuran a nosa mente para ver e entender o mundo dun xeito ou doutro. Ese modelo mental non pode ser único e, para poder introducir cambios nas aulas, temos que comezar asumindo que temos que reeducar a nosa mente e poder enfocar o mundo con outros ollos.

Para ter esta nova mirada é imprescindible unha formación continua que lle proporcione ao profesorado as ferramentas que lle dean seguridade para superar os propios medos e limitacións con entusiasmo, e tamén as estratexias para programar pensando no alumnado e nas súas características psicoevolutivas. Os nenos e nenas deben ser o centro no proceso de aprendizaxe e o profesorado debe realizar ese acompañamento dun xeito motivador e guiando ese proceso para que se realice dun xeito positivo, coidando moito o ámbito emocional, pois son as emocións con base nun axeitado desenvolvemento integral.

O proceso de cambio metodolóxico na escola comezou co curso Metodoloxías innovadoras e inclusivas para unha aprendizaxe competencial que nos proporcionou coñecementos e nos achegou a experiencias que nos serviron para poder cambiar a organización espacial da aula en ambientes de aprendizaxe, onde os materiais e o espazo dan resposta ás necesidades do alumnado atendendo ás súas características, preferencias e estado emocional, facilitando a libre circulación pola aula e permitindo unha mellor atención á diversidade, xa que un neno ou nena pode estar realizando unha mesma tarefa con diferente nivel de dificultade.

 

 

Ambientes de aprendizaxe

 

Ademais da organización espacial da aula, tomamos a decisión de prescindir dos libros de texto tradicionais e do sistema de fichas, dándolle un papel máis activo ao alumnado, o que supuxo a necesidade de programar proxectos de aprendizaxe motivadores e ilusionantes, a través dos cales se traballan todas as competencias dunha maneira interdisciplinaria. Para isto foi necesario formarse en aprendizaxe baseada en proxectos.

Nos diferentes ambientes de aprendizaxe preséntanse propostas e actividades variadas onde se traballan contidos relacionados cos proxectos, o que implica que o profesorado teña un papel moi activo nesta organización, precisando que o resto do equipo docente tamén participe e colabore, o que non supuxo ningún problema, pois compartimos os mesmos obxectivos.

En todo momento tiñamos claro que son os nenos e nenas os protagonistas e que a educación emocional debía ser a base do seu desenvolvemento, pero había que atopar aquilo no que queriamos centrar a aprendizaxe, o que queriamos fortalecer e outorgarlle ao noso centro un sinal de identidade propia. Foi no curso Aplica a neurociencia á túa aula onde atopamos a resposta, pois deunos a clave para decidir esa fortaleza: o desenvolvemento da creatividade. A nosa escola ía centrarse en potenciar o pensamento creativo dos nenos e nenas.

A neurociencia aplicada á educación debe ser a base no desenvolvemento do proceso de aprendizaxe. O profesorado ten que ampliar a súa formación neste campo para poder desenvolver o currículo de forma que favoreza os procesos creativos por medio da experimentación, do descubrimento, da aprendizaxe sensorial e motriz.

Ken Robinson di que «a creatividade na educación é máis importante ca a alfabetización e que as mestras podemos facer que algo lle interese ou non ao alumnado, en función da paixón que logramos transmitir». Esta reflexión sitúa o noso labor docente como algo fundamental, cunha gran responsabilidade en cada decisión que tomamos: temporalización espazo-temporal, materiais, linguaxe coa que nos expresamos, presentación das propostas, deseño universal das actividades para que dean resposta ás diferentes necesidades específicas etc.

Aquí comezou a organización de proxectos e propostas para que o alumnado centrase a súa actividade na creación, pois isto facilitaría unha aprendizaxe consciente, motivadora e apaixonante. No desenvolvemento da creatividade ten moita importancia o material que se ofrece, polo que lle damos prioridade ao material non estruturado, que non teña un uso específico e pechado, pois resultan ideais para fomentar a imaxinación e a creatividade.

 

Material non estruturado

 

Un dos proxectos que se traballaron foi sobre a cidade de Lugo, onde se propuxeron diferentes actividades de construción por equipos, nas que se poden ver como se construíu a muralla con diferentes tipos de materiais. Neste proxecto a motivación estivo en todo momento pois achegamos o currículo ao contorno próximo, facendo das súas vivencias algo fundamental para o seu desenvolvemento creativo, sendo esta creatividade a que os fai protagonistas da súa historia, xa que o que vivenciamos, o que creamos non o esquecemos e menos se ten carga emocional, que nunha aprendizaxe eficaz e activa non pode faltar.

 

Muralla de Lugo

 

A autoestima vese favorecida cando se levan a cabo estas propostas, pois todo o alumnado se fortalece, non hai competencia, non se busca un resultado homoxéneo e igual nunha tarefa, todas as contribucións son positivas, necesarias e con valor, por iso é tan importante deixar que os nenos e nenas creen cousas, imaxinen, inventen… e non só cando realizan actividades artísticas, pois a creatividade debe estar presente tamén noutros ámbitos. De sempre se relacionou as persoas creativas coas diferentes expresións artísticas, pero iso é limitar o pensamento creativo que tamén está nas matemáticas e noutras ciencias. Desde a escola debemos fuxir do pensamento único e dunha forma única de facer as cousas, hai moitas maneiras de resolver e de chegar ao mesmo sitio e a diferentes lugares, deixemos que o alumnado descubra, investigue e busque esas solucións, pois estaremos axudando a desenvolver as funcións executivas que lles van servir para afrontar retos nun futuro a curto e longo prazo.

 

Que hai dentro da muralla

 

Podemos ver que son varias metodoloxías activas as que están funcionando, interactuando e facilitando que as aprendizaxes melloren e, sobre todo, crean que inflúen no clima de aula que se crea, favorable coas relacións sociais, facilitador da resolución e diminución de conflitos. Todo o alumnado está facendo algo e, polo tanto, non hai aburrimento, pois sempre hai algo que facer, sexa de xeito individual ou en grupo. Afrontan retos e tarefas onde ven a necesidade de colaborar e participar cos demais, o que favorece o desenvolvemento de habillidades sociais e, sobre todo, aumenta a autoestima e autoconcepto, factores importantísimos no proceso creativo.

Este proceso de cambio metodolóxico, que se centra no alumnado e no seu proceso creativo, non está pensado para ser algo puntual, vai máis alá. Comeza coa autorreflexión do que queremos cambiar no noso papel como mestras e logo vai abarcando todos os aspectos da programación, tanto no ámbito da aula coma do centro. Os espazos didácticos do centro non só están no interior do edificio, o equipo docente da nosa escola de educación infantil tamén pensamos que o espazo exterior ten que dar resposta ás necesidades do alumnado, polo que realizamos a formación Proxecto Terra. Deseño de patios e espazos educativos, a partir do cal comezamos, así mesmo, un cambio na organización dos espazos e materiais no exterior para que no tempo de lecer tamén poidan crear non só cos iguais do mesmo nivel, senón tamén compartindo co outro alumnado do centro. Este cambio resultou ser moi positivo, xa que o alumnado pode elixir diferentes zonas onde hai xogos de construción, material de psicomotricidade, xogo simbólico, espazo de lectura, espazo de expresión artística…

 

Casa para os caracois

 

Para finalizar, cómpre destacar que se trata dun cambio profundo a longo prazo, cambio en todo o proceso de aprendizaxe, para que o sistema sexa facilitador de aprendizaxes nun sentido amplo, onde a capacidade de crear, que é unha potencialidade xenética, non se vexa afectada por programacións onde soamente se busquen resultados académicos e que non conectan co que realmente precisan os nenos e nenas, e para que o seu cerebro realice as conexións necesarias para que nun futuro poidan facer fronte aos retos que a sociedade lles vai poñer no camiño.

É importante resaltar que a formación debe ser proporcionada por persoas que teñan os coñecementos suficientes e baseada na experiencia, pois non abonda con ler un artigo ou buscar «cousiñas» nas redes sociais que están saturadas e moi centradas no consumismo, e que nos poden dar a falsa sensación de que estamos cambiando algo, porén fomentan a competencia entre centros desviando o importante que son os nenos e nenas e a súa aprendizaxe.

Un centro non se pode transformar en dous días, é un proceso longo e laborioso, onde formación, experimentación, avaliación e reflexión sempre teñen que estar presentes. É un camiño sen final, pero tamén sen retorno, por iso na nosa escola seguiremos formándonos para poder proporcionarlle as mellores oportunidades a todo o alumnado, e animamos a todas as mestras e mestres a que se formen e se atrevan a dar este paso, pois a creatividade contaxia e fai maxia cando vemos que os nenos e as nenas son felices e gozan realmente co que están facendo e aprendendo.

 

 

Sección: