Aula de ciencia

José Manuel Viñas Diéguez
Xefe de Departamento de Bioloxía e Xeoloxía
IES David Buján de Cambre
jomavidi@gmail.com

 

A sociedade actual é sabedora da importancia da ciencia e da tecnoloxía no seu modo de vida. Con todo, na última década numerosos estudos destacan unha preocupante diminución do interese da mocidade na ciencia e na tecnoloxía. Malia as accións levadas a cabo para modificar esta tendencia, os sinais de melloría aínda son modestos. A menos que se tomen iniciativas máis efectivas, a capacidade europea para innovar e investigar pode verse seriamente afectada. Por iso, a Comisión Europea deseñou un novo camiño para aplicar o "know-how" e as boas prácticas que poidan provocar un cambio radical no interese dos mozos pola ciencia e a tecnoloxía. O informe Rocard (A Renewed Pedagogy for the Future of Europe) da Comisión Europea sinala que esta falta de interese da mocidade cara á ciencia se debe á forma en que se ensina na escola. Neste contexto, o informe formula como obxectivos para lle facer fronte a este problema a creación de redes de profesores e a aplicación dunha metodoloxía de ensino acorde, como é o método indagativo (1) de ensino das ciencias (IBSE ou Inquiry Based Science Education polas súas siglas en inglés). A realidade é que na maioría das aulas europeas estes métodos non sempre son executados.

Por outra banda, o NMC (2) Horizon Report indica que nos próximos cinco anos seis novas ferramentas tecnolóxicas terán un claro e inmediato potencial no proceso de ensino-aprendizaxe: o uso dos laboratorios virtuais e remotos, a computación na nube, a aprendizaxe a través de dispositivos móbiles (m-learning), os recursos libres e as impresoras 3D.

A nosa proposta é unha aula versátil e transformable. Fronte a outros deseños de aula, como Future Classroom Lab nas instalacións de European Schoolnet (Bruxelas), nos que se traballa en diferentes espazos, nós propoñemos un espazo común modificable, xa que os nosos grupos de alumnos son numerosos. Unha zona onde promover a investigación e a aprendizaxe baseada en proxectos para mellorar as habilidades de pensamento crítico dos estudantes. Para acadar este dinamismo son necesarios mobles de deseño flexible, de forma que a aula se poida reconfigurar rapidamente e permita traballar en grupos, parellas ou mesmo individualmente. As novas tecnoloxías ofrecen un valor engadido á investigación polo fornecemento de datos versátiles procedentes da vida real. Ademais, proporcionan ferramentas como os laboratorios virtuais e remotos para pór en práctica  experiencias científicas.

A aula de ciencia caracterízase principalmente pola participación do alumno como contribuidor activo e non só como espectador dos contidos. Deseguido destacamos as accións máis importantes que se poderían realizar nunha aula de ciencia.

Interactuar

A aula de ciencia transfórmase nunha sala con encerado interactivo para que o profesor e o alumnado participen a través de calquera dispositivo móbil.

 

 

Material de traballo:

  • Dispositivos con sistema de resposta para alumnos. Poderían ser tablets ou teléfonos móbiles. 
  • Dispositivos de aprendizaxe móbil: portátiles, netbooks, tablets, smartphones.
  • Encerado interactivo.

Diagrama de aula para interactuar
A disposición das mesas será en forma de  U para que o profesor teña fácil acceso ao alumno e o non perda protagonismo, xa que está en primeira fila da acción.
 

 

Mobiliario escolar da aula de ciencia:

  • Mesas versátiles para tres alumnos.
  • Vertedoiros de laboratorio.
  • Encerado dixital.

 

 

Investigar

A aula de ciencia convértese nunha zona flexible para o grupo e o proxecto de traballo, coa integración de tecnoloxía para realizar investigacións dentro da aula. Xa que logo, non só se anima aos estudantes a descubrir por si mesmos, senón que se lles dá a oportunidade de ser partícipes activos en lugar de oíntes pasivos.

 

Ministro de Educación noruegués, Mr. Torbjørn Røe, visitando as instalacións de Future Classroom Lab  en European Schoolnet-Bruxelas

 

Material de traballo:

  • Rexistradores de datos. Emprego de Arduino e dispositivos móbiles.
  • Microscopios e lupas.
  • Laboratorios virtuais ou remotos.
  • Modelos 3D.

Diagrama de aula para investigar
Os alumnos traballarán nas súas mesas de laboratorio. O centro de atención é a actividade que se produce na mesa e non no encerado, polo tanto, as mesas poderán estar distribuídas de forma homoxénea pola aula.
 

 

Mobiliario escolar da aula de ciencia:

  • Mesas versátiles con tres alumnos e material de laboratorio.
  • Vertedoiros de laboratorio.
  • Encerado dixital.

 

 

Intercambiar

A aula transfórmase nunha zona de traballo para grupos pequenos en traballo colaborativo que soporta escenarios de aprendizaxe baseados en proxectos e fomenta o traballo en equipo. É moi importante a capacidade dos alumnos de colaborar cos demais. O traballo en equipo lévase a cabo durante a investigación, a creación e presentación. A calidade da colaboración dependerá da responsabilidade compartida e a toma de decisións dentro dos grupos.

 

Instalacións de Future Classroom Lab en European Schoolnet-Bruxelas

 

Material de traballo:

  • Encerados dixitais interactivos
  • Software mind-mapping.
  • Choiva de ideas en encerado compartido ou na parede.


Diagrama de aula para intercambiar
Os alumnos traballarán nas súas mesas de laboratorio. O centro  de atención é a actividade que se produce na mesa. Como a actividade é de intercambio de ideas, require que as mesas estean separadas para non molestar os grupos veciños.

 

 

Mobiliario escolar da aula de ciencia:

  • Mesas versátiles con seis alumnos e un ou dous tablets por mesa.
  • Vertedoiros de laboratorio.
  • Encerado dixital.

 

Desenvolver

A zona da aula “desenvolver” é un espazo para a aprendizaxe informal. Os estudantes poden traballar de forma independente, ao seu propio ritmo, pero tamén poden aprender de xeito informal mentres se concentran nos seus intereses propios, fóra dos parámetros formais do programa. Ao proporcionar elementos para fomentar a aprendizaxe autodirixida, o alumno adquire habilidades como a autorreflexión e a metacognición. Este tipo de experiencia está sendo introducida, por exemplo, desde a biblioteca do noso centro.

Instalacións de Future Classroom Lab en European Schoolnet-Bruxelas

 

Consideramos que a introdución de aprendizaxe 1:1 do alumno con laboratorios virtuais promove o interese e a investigación en novas áreas de coñecemento que non existen no currículo das materias. A facilidade de acceso á investigación en diferentes temas de forma libre, favorece a autoaprendizaxe dos alumnos. 

Material de traballo:

  • Dispositivos portátiles.
  • Dispositivos de audio e auriculares.
  • Libros e libros electrónicos.
  • Xogos (analóxico e dixital).

Diagrama de aula para desenvolver

Ao tratarse dunha actividade informal, os alumnos traballarán nas súas mesas de laboratorio ou nos espazos no chan para facer ciencia en liña de forma cómoda e acolledora.

 

 

Mobiliario escolar da aula de ciencia:

  • Mesas versátiles con seis alumnos e un ou dous tablets por mesa.
  • Vertodoiros de laboratorio.
  • Encerado dixital.
  • Espazo no chan para o uso de tablets ou móbiles para facer ciencia en liña.

 

 

Crear

O espazo “crear” permítelles aos estudantes planificar, deseñar e producir o seu propio traballo –por exemplo, unha produción multimedia ou unha presentación–. Nesta zona, os estudantes traballan con actividades reais de creación de coñecemento. Interpretación, análise, traballo en equipo e avaliación son áreas do traballo creativo.

 

 

Material de traballo:

  • Cámara dixital.
  • Software de edición de vídeo.
  • Equipo de gravación de audio (por exemplo, micrófonos).
  • Software de podcast.
  • Software de animación.
  • Material de robótica.

 

Instalacións de Future Classroom Lab en European Schoolnet-Bruxelas

 

Diagrama de aula para crear

A actividade de “crear” require medios, pero tamén un espazo libre de mobles, onde poder moverse e traballar con comodidade.

 

 

Mobiliario escolar da aula de ciencia:

  • Encerado dixital.
  • Vertedoiros de laboratorio.
  • Mesas almacenadas de forma vertical
  • Espazo reservado para robótica e creación de vídeo.

 

 

 

 

NOTAS:

(1) O método indagativo pretende achegar o alumno ao mundo real a través da formulación de cuestións.

(2) O NMC (New Media Consortium) é unha comunidade internacional de expertos en ferramentas tecnolóxicas educativas.


 

Bibliografía: 

 

 

AIKENHEAD, G. (2005): Science education for every day life. Nova York (EUA): Teachers College Press. Columbia University.

DZIABENKO, O. e GARCÍA-ZUBÍA, J. (2013): IT Innovative Practices in Secondary Schools: Remote Experiments. España: University of Deusto.

DORAN, R. et al. (2002): Science Educator´s guide to Laboratory Assessment. Arlinton (Virxinia): NSTA press.

FIGEL, J. (2007): Key Competences for lifelong learning. Luxembourg publications office of the European Union: Publication Office of the European Union.

HARLEN, W. e Fibonacci group of experts (2012): Learning through inquiry. Montrouge (Francia): Fibonacci project.

JOHNSON, L.; ADAMS  BECKER, S.; CUMMINS, M. e ESTRADA, V. (2013):  Technology Outlook for Norwegian Schools 2013-2018: An NMC Horizon Project Regional Analysis. Austin, Texas: The New Media Consortium.

JOHNSON, L.; ADAMS, S.; CUMMINS, M.; ESTRADA, V. e LUDGATE, H. (2013): NMC Horizon Report: 2013 K-12  Edition. Texas (EUA): The New Media Consortium.

JOYCE, A.; DZOGA, M. (2010): Science, technology, engineering and mathematics education: overcoming challenges in Europe. Bruxelas (Bélxica): Coordinating Body in maths, science and technology.

ROCARD, M. e High Level Group on Science Education (2007): Science  Education NOW: A renewed pedagogy for the future of Europe. Bruxelas (Bélxica): Directorate-General for Research Science, Economy and Society.

KeyCoNet: Key Competence Network on School Education. Bruxelas (Bélxica): European Schoolnet. 2012. http://keyconet.eun.org/

Eurydice Report (2013). Key data on teachers and School Leaders in Europe. Luxembourg publications office of the European Union: Publication Office of the European Union.

European Commission (2013). Survey of Schools: ICT in Education.  Luxembourg publications office of the European Union: Publication Office of the European Union.

Sección: