Coido o meu órgano para min e para ti

Proxecto interdisciplinario e audiovisual realizado no IES de Melide (A Coruña) (Programa Salvavidas)
Durante dous trimestres desenvolvemos no IES de Melide o Programa Salvavidas sobre doazón e transplante de órganos e tecidos baixo un título que resalta o valor máis salientable do proceso da doazón: a solidariedade.A formulación foi levar a cabo un proxecto interdisciplinario, cooperativo, con gran difusión e participación dos axentes implicados e cun bo número de actividades dentro dos currículos das materias e módulos académicos dos grupos participantes.

Fernando López Martínez
Profesor de Procesos e produtos en madeira e moble. IES de Melide
fernandolopezmartinez@edu.xunta.es

 

Contextualización

No IES de Melide somos especialmente sensibles aos temas relacionados coa educación para a saúde, por iso quixemos aproveitar esta oportunidade que se nos brindou a través do Proxecta Salvavidas para abordar as capacidades co fin de conseguir un comportamento adaptador e positivo que lle permita ao alumnado comprender a importancia do coidado do seu corpo para un bo mantemento das funcións vitais dos seus órganos coa finalidade engadida de conciencialo -con actividades de educación en valores- da necesidade de ter, como unidade social que somos, un amplo número de posibles doadores para poder atender a demanda que se presente no día a día.
Esta foi a primeira vez que desenvolvemos o traballo sobre doazón de órganos e tecidos no noso instituto e por iso tivemos moi en conta as indicacións recibidas da organización consultando a páxina web do Sergas, acudindo á presentación do Plan Proxecta e con consultas aos técnicos da Oficina de Transplantes de Galicia.

Tamén foi a primeira vez que se formulou un traballo conxunto para uns grupos de alumnos que dentro da dinámica do instituto non teñen moito en común; programas formativos moi diferentes ao igual que os horarios, profesorado específico non compartido así como aulas e talleres diferenciados.
Son alumnos dos Programas de cualificación profesional inicial (PCPI1 e PCPI2), de educación de adultos (ESA) e dos ciclos formativos de grao medio de Formación Profesional de Carpintaría e moble (1º ano) e Fabricación a medida e instalación de carpintaría e moble (2º ano).

O punto que tiñan en común ao empezar o programa e o motivo de incorporalos a este foi o feito do contacto co mundo laboral por estar xa a traballar ou telo feito recentemente, estar de prácticas en empresa ou estalo proximamente. Isto permitiunos abordar o proxecto dende a perspectiva da conservación da saúde no ámbito do traballo coas indicacións da prevención de riscos dentro do ámbito da seguridade e hixiene laboral e insistindo na creación de hábitos seguros nos desenvolvementos das tarefas e dos procesos.

Por outra banda, dentro da formación habitual do alumnado, sempre está presente a educación en valores e a educación de habilidades para a vida. O obxectivo último é conseguir cidadáns críticos, reflexivos, capaces de tomar as súas decisións e de adaptarse favorablemente aos cambios do devir da vida.

Os profesores participantes fomos: Rafael Fernández Casado, do Departamento de Matemáticas; José Tomás Díaz Teijo, do Departamento de Inglés (xefe de estudos da tarde); Marta Villar García, do Departamento de Madeira (Especialidade: Fabricación de carpintaría e moble); e Fernando López Martínez, do Departamento de Madeira (Especialidade: Procesos e produtos en madeira e moble).

Obxectivos

  • Adquirir hábitos saudables dirixidos ao coidado dos órganos.
  • Mellorar as capacidades do alumnado participante respecto da elección de estilos de vida traballando sobre o coidado da saúde no seu aspecto físico, mental e social.
  • Promover a adquisición de hábitos de traballo seguros cumprindo as  recomendacións da prevención de riscos laborais propias dos seus actuais ou  futuros traballos.
  • Concienciar o alumnado da necesidade de ser solidario en xeral e no tema da doazón en particular.
  • Favorecer que o alumnado participe en accións de voluntariado que comporten un compromiso a favor da promoción da saúde e da doazón de órganos.
  • Presentar o tema da doazón á comunidade escolar non participante directamente no proxecto e implicar outros departamentos na elaboración dos materiais ou actividades. A doazón de órganos estará presente no instituto durante os dous trimestres de desenvolvemento do programa.
  • Como tema social que é, achegar o proxecto ás familias do alumnado para que o coñezan e participen nalgunha das actividades. Incentivar a participación doutros axentes do contorno como centros de saúde ou Protección Civil.

 

Metodoloxía

Cómpre facer dúas consideracións na formulación das actividades respecto do traballo cos grupos participantes e mais da presentación e a difusión para o resto da comunidade escolar.

  • Co alumnado desenvolveuse un proxecto interdisciplinario con diversas accións encamiñadas á presentación do tema, á discusión, á reflexión, á valoración e á toma de conciencia e decisións por parte daqueles. Presentación do tema da doazón con charlas, visionado de curtas e películas e lecturas de noticias nos medios. Discusión, reflexión e valoración coas actividades propostas nas carpetas de fichas do Sergas, comentarios despois do visionado das curtas e películas, debates na clase e outras actividades dentro dos currículos dos módulos ou materias que o permitan.
  • Cara á comunidade escolar realizouse a presentación, participación e difusión das actividades a través do expositor do programa, a páxina web do instituto, na colaboración doutros departamentos, etc.

Desenvolveuse o proxecto con seis tipos de actividades segundo os destinatarios:

1. De grupo:

  • Incorporación de contidos relacionados coas funcións vitais dos órganos e da conservación da saúde nos currículos das materias e dos módulos pertinentes.
  • Traballo na aula co material didáctico proposto polo Sergas.
  • Traballo co Departamento de Orientación sobre as “habilidades para a vida”.
  • Visión de películas e curtametraxes.
  • Elaboración de materiais para a difusión do programa.
  • Busca de información e noticias na rede sobre doazón e transplantes.

2. Comúns:

  • Creación do Club Salvavidas para agrupar as actividades cooperativas. Os alumnos participantes están representados polos delegados de grupo.
  • Charla organizada pola Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia.
  • Participación no concurso de curtametraxes convocado polo Sergas.
  • Enquisa sobre doazón e transplantes.

 

 

 

3. Comunidade escolar:

  • Taboleiro de noticias do Club Salvavidas no recibidor do instituto.
  • Proxección de curtametraxes sobre doazóns e transplantes no recibidor do instituto.
  • Participación na rodaxe da curtametraxe do concurso convocado polo Sergas.
  • Proxección da nosa curtametraxe no recibidor do instituto.
  • Curtametraxe na páxina web do instituto.

 

4. Familias:

  • Enquisa sobre doazón e transplantes.
  • Curtametraxe na páxina web do instituto.

5. Institucións próximas:

  • Participación e cesión de material para a rodaxe da curtametraxe.

6. Proxecto global:

  • Participación no concurso de curtametraxes sobre doazón e transplantes convocado polo Sergas.

 

Actividades e avaliación

Actividades para os participantes:

  • Proxección da película “Todo sobre miña nai” de Pedro Almodóvar. A protagonista traballa nunha oficina de transplantes e vese na situación de consentir a doazón dos órganos do seu fillo morto en accidente. A continuación móstrase o proceso do transplante ata a saída do receptor do hospital.
  • Visión de curtametraxes doutras campañas de doazón e transplantes atopados na rede.
  • Charla informativa sobre doazón e transplante de órganos e tecidos, impartidas por coordinadores de Transplantes e pacientes transplantados.
  • Busca de noticias e artigos de prensa con posterior lectura e análise.
  • Traballo coas carpetas de material educativo do Sergas.
  • Proxección da película “Nunca me abandones” de Mark Romanek baseada nunha novela de Kazuo Ishiguro. Narra o proceso de desenvolvemento e aprendizaxe dunha moza internada nun centro en Inglaterra onde os nenos son criados para ser doadores.
  • Enquisa con moi diversas preguntas para pescudar o grao de coñecemento do tema por parte do alumnado e tamén coa intención de facelos reflexionar e tomar algunha postura fronte á doazón e ao transplante.

Trátase de actividades diferentes porque diferentes eran os grupos. Por iso, non se fixeron todas as actividades en todos os grupos.

A participación foi excelente e os obxectivos propostos foron conseguidos satisfactoriamente tendo lugar a discusión, a reflexión, a valoración e a toma de conciencia e decisións por parte do alumnado.

Actividades para a comunidade escolar:

  • Proxeccións na pantalla do vestíbulo do instituto e novas de prensa e de presentación de actividades no “vistoso” taboleiro do Club Salvavidas.
  • Participación do Departamento de Orientación con charlas sobre habilidades para a vida.
  • Participación da Vicedirección do centro cun permanente apoio na organización das actividades e no seu desenvolvemento.
  • Información e consulta permanente da Dirección do centro.

Actividades para as familias:

Realizouse unha enquisa específica con moi diversas preguntas que buscaban saber o grao de coñecemento do tema e tamén coa intención de facer reflexionar e tomar algunha postura fronte á doazón e ao transplante. A participación foi satisfactoria.

Actividade global:

  • Rodaxe da curtametraxe.

Consideramos que foi un traballo moi interesante, onde foron condensadas todas as aprendizaxes do proxecto e onde máis axentes tiveron oportunidade de intervir.
Participaron diversos departamentos como o de Plástica, Ciencias ou Educación Física así coma o de Madeira e a Vicedirección do Centro. Varios profesores e alumnos fixeron diversos roles ou de extras, mesmo o director do instituto tivo un papel estelar. Tivemos a colaboración e cesión de material de axentes locais como Protección Civil, Policía ou o Centro de Saúde de Melide.
O alumnado tivo que organizar e facer a rodaxe e a posprodución do vídeo, coordinado polo vicedirector, usando as tecnoloxías axeitadas e poñendo en valor a súa expresión artística.

Na elaboración do guión da película tivéronse como principais consideracións as das bases do concurso, isto é, conseguir un material visual, atractivo, que transmitise a mensaxe dun xeito claro e que se expuxesen tamén de xeito sinxelo as diversas fases do proceso da doazón e o transplante.
A idea orixinal e que se obtivo da visión da película de Almodóvar e da charla da técnica da oficina de transplantes así como da muller transplantada era a dunha carreira contra o reloxo dende a morte á vida. Este sprint transformouse nunha proba de relevos para poder reflectir os diferentes axentes que interveñen no proceso: doador, equipo de urxencias, equipo médico e receptor. O vídeo remata coa alegría dos vencedores e das súas familias.

Foi un traballo colaborativo onde o alumnado exerceu ademais da cooperación, valores como a responsabilidade, o esforzo, a tolerancia e a solidariedade, polo que consideramos os obxectivos cumpridos.

Ao ter gañado o primeiro premio no concurso tivemos unha difusión extra do noso traballo:

Web do Sergas

Xornal El Progreso

Xornal La Voz de Galicia

Conclusións

Participar no programa Salvavidas dentro do Plan Proxecta foinos moi interesante polo seu concepto e a súa organización e polo traballo colaborador co Sergas a través da Oficina de doazón e transplantes.
Brindounos a oportunidade de presentar os temas de prevención de riscos e a seguridade laboral cunha nova visión referida ao coidado dos órganos para poder ser doados.
E por último tivemos tamén a oportunidade de traballar co noso alumnado un valor en alza nos tempos que corren como é o da solidariedade.

Sección: