“Monferosolidario": educando en valores a unha nova xeración disposta ao cambio

Unha iniciativa solidaria posta en marcha no CPI Virxe da Cela de Monfero da Coruña (Programa Rede CES)
Este artigo tratará de describir o proxecto de educación en valores Monferosolidario, centrándonos nas actividades realizadas durante o curso académico 2012-2013 no marco do programa do Plan Proxecta “Rede de Centros Escolares Solidarios”.

Verónica Dopico Cancela
Profesora de Música, EPC, Ética e AE
Yolanda Castro López
Profesora de Relixión
CPI Virxe da Cela de Monfero (A  Coruña)
veronicadopico@edu.xunta.es
yolick@edu.xunta.es

 

Introdución

Monferosolidario tivo os seus tímidos e silenciosos inicios nas aulas do CPI Virxe da Cela (Monfero) fai exactamente unha década. A día de hoxe, aquela pequena pero potente semente converteuse nunha robusta árbore, alimentada por salvia fresca que se renova ano tras ano e que ao seu paso vai abrindo novas ramificacións e deixando numerosos froitos. Foron moitas as etapas atravesadas, a última delas embarcándonos no ano 2012-2013 no Plan Proxecta, dentro do programa “Rede de Centros Escolares Solidarios”, xa que a propia natureza de Monferosolidario encaixaba como anel ao dedo coa filosofía desta proposta da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, fundamentada na concienciación, compromiso e participación da mocidade a través de accións solidarias.

Logotipo Monferosolidario

Nacemento e consolidación de Monferosolidario

As pegadas máis antigas foron rexistradas nas aulas de Ética e Relixión, onde como docentes estabamos a traballar de maneira illada contidos relacionados coa Cultura da Paz, os Dereitos Humanos, os Obxectivos do Desenvolvemento do Milenio, etc. Unha vez coñecedoras das nosas respectivas accións, descubríndonos partícipes dun mesmo enfoque, e reforzadas polo marco legal da LOE (que no curso 2008-2009 implantaba unha nova materia, Educación para a Cidadanía, baseada na educación en valores), iniciamos unha serie de colaboracións que derivaron nunha abordaxe cooperativa e interdisciplinaria.

Ese mesmo ano tivemos o primeiro contacto coa ONG Entreculturas, e  decidimos inmediatamente formar parte da Rede Solidaria da Mocidade Entreculturas, compromiso que levamos a cabo ata a data presente. A creación do blog Monferosolidario en marzo de 2009 permitiunos difundir as nosas actividades, así como aumentar o grao de unidade e de identidade do noso traballo. O I Premio de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”  supuxo un recoñecemento e valoración do proxecto por parte de toda a comunidade educativa e a súa transferencia ao resto das etapas educativas (recollido no PEC), baixo a proposta da dirección e o respaldo unánime do claustro. No curso 2010-2011 o EDLG asignou unha valiosa plataforma para as nosas actividades a través do seu Proxecto de Fomento do Uso do Galego, colaborando a partir de entón na súa planificación e divulgación.

Grazas ao Plan Proxecta no curso 2012-2013 logrouse un compromiso formal por parte de todo o profesorado da ESO, que comezará a desenvolver cun elevado grao de autonomía variadas propostas innovadoras a nivel departamental.

Obxectivos

Monferosolidario está encamiñado a transmitir valores, fomentar condutas e desenvolver habilidades que fortalezan as capacidades do noso alumnado para a vida e a convivencia. Sabemos que mediante esta tripla transferencia estamos a potenciar unha conciencia crítica indispensable para que os nosos mozos e mozas poidan construír nesta etapa da súa aprendizaxe sólidos cimentos que os acompañen e fortalezan no seu futuro como membros dunha cidadanía activa, informada e responsable. Paralelamente estamos a incidir na adquisición das competencias básicas. A competencia social e cidadá ocupa o lugar central, xa que cremos que é fundamental que o noso alumnado comprenda a realidade social na que lle toca vivir, para poder convivir en paz e harmonía. A competencia lingüística foméntase decote nas nosas actividades, dando vital importancia á transmisión de coñecementos, á comunicación de ideas, á expresión de emocións, etc, tanto na súa vertente oral como escrita. Concedemos un papel predominante ao tratamento e ao uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que o consideramos algo indispensable para a aprendizaxe na escola do século XXI.

Actividades

A inicios de curso asistimos á Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta, que nos ofreceu unha visión global dos obxectivos e das liñas estratéxicas. Inmediatamente reunímonos co profesorado da ESO para establecer un plan de traballo e marcar liñas de actuación conxuntas. As actividades foron diversas e variadas dependendo da natureza e do currículo das materias, pero todas elas enfocadas a promover a solidariedade, a participación e o compromiso do noso alumnado.

Nas materias de Relixión, AE, Ética e EPC centrámonos na sensibilización, reflexión e a posterior manifestación e expresión de ideas. Utilizáronse diferentes formatos e canles, destacando o programa radiofónico O Xestal nas Ondas  e o blog Pensa coa Prensa.

O departamento de Ciencias Naturais levou a cabo a fabricación de xabóns e o departamento de Plástica colaborou no deseño das etiquetas e envoltorios, para lograr un fantástico produto final: xabóns solidarios  que se puxeron á venda no V Rastro Solidario. O alumnado de música interpretou as pezas instrumentais que acompañan ao vídeo que documenta todo o proceso.

 

 

Por outra banda o departamento de Plástica decorou o muro da nosa escola, pintando nel un inmenso mural que ilustra varias das actividades de Monferosolidario e que á súa vez forma parte do proxecto A nosa vida, a nosa paisaxe. Tamén realizou o panel-fotocol A cadeira Vermella, que promovía a SAME (Semana de Acción Mundial pola Educación). O departamento de Matemáticas apostou por usar os números para reflexionar sobre as grandes desigualdades que se dan no noso planeta elaborando materiais didácticos (Un mundo desigual e “A lotaría da vida”, etc.) para utilizar a través da aula virtual.

 

O departamento de Orientación centrouse na resolución de conflitos a través de dinámicas para reforzar a empatía, a autoestima, e as habilidades sociais. Prestou atención ao tema da discapacidade programando unha charla impartida pola Asociación Down Coruña. O departamento de Educación Física reforzou este enfoque axudándolle ao alumnado a aceptar e valorar as diferenzas e limitacións propias e dos demais, a asumir as regras e normas establecidas polo grupo e a aprender a resolver posibles conflitos na competición por medio da negociación e do diálogo.

En canto aos departamentos de linguas, o de Inglés ofreceu a súa axuda na tradución dos documentos que enviamos á Konampalli School (A India), no proxecto “School to School” que levamos a cabo a través da Fundación Vicente Ferrer. O departamento de Francés tratou de favorecer a toma de conciencia sobre a situación económica e social dos sectores de poboación máis desfavorecidos a través da figura de Coluche (humorista francés e activista polos dereitos sociais) e as creacións do grupo Les Enfoirés. Pola súa banda, o departamento de Lingua castelá, tras o visionado dos vídeos El circo de la mariposa  e Aprendemos todos  propuxo varias actividades de reflexión sobre o respecto, a discapacidade, empregando o diálogo para manifestar opinións mediante a participación activa de todo o grupo.

Paralelamente a este traballo realizado polos diferentes departamentos da ESO, Monferosolidario continuou propoñendo actividades conxuntas para desenvolverse en todo o centro (El, EP e ESO), tanto para conmemorar os Días D  ou outras datas especiais, como en colaboración con diferentes ONG. Entreculturas ocupa un lugar moi destacado, e somos conscientes de que a súa axuda e o seu respaldo nestes cinco anos nos que camiñamos collidos da man é unha das claves do noso éxito. En novembro de 2012 participamos no habitual encontro que esta ONG organiza a principios de curso, brindándonos a oportunidade de intercambiar experiencias co alumnado e profesorado doutros centros galegos pertencentes á Rede. Durante todo o curso estivemos apoiando a súa campaña “A Cadeira Vermella”, con resultados tan espectaculares como a elaboración do conto “Mahán e a cadeira vermella”, que deu lugar posteriormente a un ciclo de contacontos. Tamén formamos parte do Proxecto Compartido Norte-Sur, proposta de Entreculturas incluída dentro da Campaña SAME 2013.

Por cuarto ano consecutivo participamos no proxecto “School to School” da Fundación Vicente Ferrer, que consiste nun intercambio cultural coa Konampalli School  (A India). Ademais de elaborar un dossier das actividades desenvolvidas durante o curso e que posteriormente enviamos á India, colaboramos nesta ocasión na tradución de textos ao galego para a páxina web da FVF. Reforzando este proxecto visitamos á exposición Mulleres, a forza do cambio na India  e contamos coa presenza de Sasi Cutty, un dos primeiros nenos apadriñados pola FVF, que impartiu unha interesante charla. Participamos no programa Apadriña un neno , e sabemos que grazas á nosa axuda Pavani, unha nena india de 10 anos, ten a oportunidade de acceder á escola e soñar cun futuro mellor para ela e a súa familia.

Por quinto ano consecutivo organizamos no mes de abril o V Rastro Solidario, unha actividade que xa é todo un referente no noso centro, e que nesta ocasión estivo centrada en torno á pobreza e á exclusión social. A Cruz Vermella de Betanzos  visitou o noso centro para impartir unha charla de sensibilización, e destinamos os 742 euros recadados no Rastro para axudar os proxectos que esta organización está levando a cabo na nosa contorna. Realizamos diferentes campañas para apoiar as iniciativas doutras organizacións: a xa tradicional Operación Quilo coa Cociña Económica de Ferrol, Tapóns para unha nova vida  en colaboración coa Fundación Seur, Campaña de recollida de cartuchos de tinta e tóner organizada por Recoatlántico e “Campaña de recollida de roupa”  a través de Glorr e Global Humanitaria, entre outras.

Finalizamos este apartado coa actividade programada na “Rede de Centros Escolares Solidarios” do Plan Proxecta: a elaboración de Micromovies a prol do voluntariado", que se desenvolveu no noso centro en catro fases estruturadas. O produto final foi proxectado no I Encontro de alumnado da Rede de Centros Escolares Solidarios, xornada na que os diferentes centros da Rede presentaron os seus proxectos e compartiron experiencias.

 

 

Metodoloxía

As nosas accións están encamiñadas a promover aprendizaxes experienciais e significativas para a formación do alumnado, polo tanto baseámonos nunha metodoloxía activa, participativa e cooperativa, na que o propio alumnado é o protagonista. Consideramos como algo prioritario a negociación co alumnado e a cesión de responsabilidades, xa que isto proporciona autonomía e empoderamento. De feito, nesta última etapa de Monferosolidario foron varias as iniciativas que partiron dos propios rapaces e rapazas, encargándose eles/as mesmos/as de toda a organización e xestión. Outro dos nosos grandes acertos é a utilización dunha metodoloxía dinámica e motivadora, que permite que os axentes implicados encontren satisfacción na realización das actividades. Para isto utilizamos as novas tecnoloxías, que teñen gran gancho entre os/as adolescentes e valoramos e recoñecemos a súa participación mediante diplomas. Destacamos finalmente que a voluntariedade é outra das claves que conquista ao noso alumnado, permitíndolles decidir o seu grao de implicación e dando máis sentido e significación á súa participación.

Avaliación e difusión

Ás veces de maneira natural e espontánea, e outras de maneira organizada e sistematizada, realizamos un proceso de avaliación paralelo ao desenvolvemento do proxecto que nos permite reconducilo. Descartamos unha programación pechada e fóra do noso alcance e apostamos pola flexibilidade e adaptación segundo os intereses do momento ou do grao de cumprimento dos nosos obxectivos e acorde ás nosas posibilidades e recursos. Entre as técnicas de avaliación utilizadas destacamos a observación directa das accións, comentarios persoais e directos ou escritos realizados por alumnado, profesorado e familias.


En conxunto acadamos unha avaliación positiva, sinalando unha constante apertura de canles para a difusión do proxecto: participamos nas I Xornadas Galegas de Educación Para o Desenvolvemento  e tamén nas Xornadas de Formación Inicial do Plan Proxecta 2013-2014 dentro da formación específica para o programa “Rede de Centros Escolares Solidarios”. O noso proxecto tivo ademais presenza e proxección a través da prensa escrita (Diario de Ferrol, La Voz de Galicia) e a radio.

Conclusión

Se nós como docentes somos o motor que move e dirixe toda a engrenaxe, Monferosolidario non se podería levar a cabo sen a materia prima: o alumnado do CPI Virxe da Cela, os auténticos protagonistas da nosa historia. Agradecémoslle á Dirección do noso centro que apostase polo noso traballo desde os seus inicios, demostrando en todo este tempo o seu apoio incondicional, algo imprescindible para que todo isto se puidese levar a cabo. A pesar da nosa longa andaina, queda aínda moito camiño que percorrer, xa que somos conscientes de que educar en valores é unha aposta para o futuro.

Monferosolidario no XIV Encontro da Rede Solidaria Entreculturas, IES Plurilingüe Elviña (A Coruña), 10 de novembro de 2012.

 

Bibliografía: 

 

 

  • Blog A nosa vida, a nosa paisaxe.
  • Blog Monferosolidario.
  • Blog Pensa coa Prensa.
  • Delgado, Fidel. "La aventura de ser maestro". Intervención no 1º Congreso "Aprendemos todos". Madrid, 11 de novembro de 2011.
  • Micromovie Monferosolidario.
  • Dopico, Verónica e Yolanda Castro. "Monferosolidario: A xeración de cultura de centro desde a acción solidaria". Comunicación na Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta 2013-2014,. Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2013.
  • Dopico, Verónica e Yolanda Castro. "Experiencias e boas prácticas de educación para a cidadanía global en Galicia: Monferosolidario". Comunicación nas I Xornadas Galegas de Educación para o Desenvolvemento. Santiago, Facultade de Matemáticas da USC, 19 e 21 de outubro de 2012.
Sección: