Promoción da escolarización e prevención do absentismo escolar

Manuel Armas Castro
M.ª Magdalena Duarte Blanco
Concepción García Sánchez

 

1. INTRODUCIÓN

A relevancia do papel que desempeña a educación no desenvolvemento dun país constitúe, a día de hoxe, un feito indiscutible nas sociedades modernas. Os poderes públicos e a cidadanía en xeral depositan nos sistemas educativos dos respectivos países grandes expectativas en relación coa formación da súa mocidade, na seguridade de que esta é o ben máis prezado e un piar fundamental de sostemento e progreso. Nas mans das xeracións máis novas, a sociedade deposita a esperanza nun futuro mellor, máis xusto e máis equitativo.

Este convencemento aparece reflectido na normativa básica dos distintos estados. No noso país, recoñécese na propia Constitución cando declara que o dereito á educación é un dereito fundamental. Recóllese, igualmente, nas sucesivas leis educativas, nas que se recoñece de maneira explícita que da educación depende tanto o benestar individual coma o colectivo.

En consecuencia, non é de estrañar que as administracións educativas promovan iniciativas que redunden nunha escolaridade plena do alumnado e, ademais, nunha escolaridade de éxito. Non podía faltar, xa que logo, a abordaxe dunha casuísta que, aínda que non extensa, precisa terse en conta tanto para previla como para atallala. Referímonos ao fenómeno do absentismo escolar.

O absentismo e o abandono escolar defínense no Decreto 229/2011, que regula a atención á diversidade do alumnado en Galicia nos seguintes termos:

  • Absentismo escolar: ausencia ao centro escolar, sen causa debidamente xustificada, do alumnado en idade de escolarización obrigatoria, cando menos un 10 % do horario lectivo mensual.
  • Abandono escolar temperán: situación do alumnado que, podendo seguir escolarizado por idade, abandona o sistema educativo sen obter a titulación correspondente.
  • Desescolarización: situación na que as persoas en idade de escolarización obrigatoria non están matriculadas nin asisten regularmente a un centro educativo.

Entre os factores de risco de absentismo podemos identificar: circunstancias de tipo persoal, familiar, social e escolar; a ausencia dunha disciplina positiva; a carencia de habilidades sociais para dialogar e establecer límites; a baixa autoestima e sentimento de falta de competencia; a influencia do grupo de iguais conflitivos; familias desestruturadas; situacións de deprivación, risco ou conflito social; a pertenza a determinados colectivos, minorías étnicas ou sectores de poboación que sofren situacións de marxinalidade. Pero, ademais, a escola ten a súa responsabilidade na aparición e extensión do absentismo: utilización de métodos individualistas e competitivos; cultura escolar que enfatiza a dimensión intelectual e memorística sobre a emocional, social e práctica; a escasa integración no barrio ou concello, ou a falta de proxectos educativos contextualizados e consensuados, por citar só algúns exemplos.

As consecuencias do absentismo poden ser inmediatas, como sucede no caso dos suspensos, repeticións de curso ou abandono escolar; pero poden ser máis preocupantes aínda a medio e longo prazo as consecuencias de tipo social, como a falta de competencias básicas para desenvolver unha vida persoal, social e profesional axeitada, e poden chegar a situacións de risco de marxinalidade, delincuencia ou inadaptación social.

O absentismo está ligado ao fracaso escolar, pero o propio fracaso escolar é tamén causa fundamental do absentismo. O absentismo é a resposta intencionada do alumnado que rexeita o sistema escolar, “a manifestación dun síntoma de desapego de grupos de mozos con respecto a un sistema curricular que non perciben como próximo e de utilidade para eles” (Elliot, 1998). O sentimento de perda da autoestima que provoca o fracaso escolar, a decepción diante do desacordo e conflito entre os intereses do alumnado e os da institución educativa, un currículo demasiado teórico e pouco práctico poden levar a escapar dunha realidade que se percibe como hostil.

Necesitamos superar a simplificación á hora de abordar os problemas e poder analizalos desde o paradigma da complexidade, no que a realidade é resultado da interacción de múltiples variables.

 

 

2. ESCOLA INCLUSIVA PARA O ÉXITO ESCOLAR

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, de medidas para a mellora da calidade do ensino, recoñece que o sistema educativo español, de acordo cos valores da Constitución de 1978, se inspira, entre outros, nos seguintes principios:

a) A calidade da educación para todo o alumnado, independentemente das súas condicións e circunstancias.

b) A equidade, que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación e que actúe como elemento compensador das desigualdades.

c) A concepción da educación como unha aprendizaxe permanente, que se desenvolva ao longo de toda a vida.

d) A flexibilidade para adecuar a educación á diversidade de aptitudes, intereses, expectativas e necesidades.

e) A transmisión e posta en práctica de valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, así como aqueloutros que axuden a superar calquera tipo de discriminación.

f) A orientación educativa e profesional como medio necesario para o logro dunha formación personalizada.

Para achegarnos a estes principios e transformar a realidade, necesitamos un certo soño, unha pequena utopía que nos marque a dirección para seguir camiñando.

É certo que as mulleres e os homes poden cambiar o mundo para mellor… O que non é posible sequera é pensar en transformar o mundo sen un soño, sen utopía ou sen proxecto. (Freire, 2001)

 

2.1. Unha escola inclusiva que favoreza o éxito escolar

A prevención do absentismo debe camiñar cara á busca dunha escola inclusiva que favoreza o éxito escolar, integrando a diversidade como unha fonte de aprendizaxe e enriquecemento, non como un atranco e motivo para a exclusión, estimulando unha convivencia positiva desde o respecto á diferenza. Neste sentido, as medidas de atención á diversidade deben aplicarse desde o comezo da escolarización e de xeito coordinado entre os equipos docentes e os servizos de orientación tanto internos coma externos aos centros educativos. Así, as medidas de reforzo, apoios dentro e fóra da aula, adaptacións do currículo, agrupamentos flexibles, flexibilizacións da duración do período de escolarización, enriquecemento curricular, grupos de adquisición de linguas, programas de diversificación curricular… deben favorecer o éxito escolar. Neste sentido, a educación lenta (Domenech, 2009) é un paradigma que se adapta ás características e ritmos de aprendizaxe de cada alumno ou alumna; non sempre se trata de ir amodo, senón de saber atopar o tempo xusto para cada persoa e para cada actividade. Educar na lentitude significa axustar a velocidade ao momento e á persoa.

Aínda que non existen fórmulas máxicas para garantir o éxito escolar, cómpre resaltar que determinados elementos están presentes nos sistemas educativos que obteñen mellores resultados. O último informe PISA salienta os seguintes:

  • Autonomía dos centros educativos.
  • Trato individualizado do alumnado.
  • Énfase nas materias instrumentais.
  • Incentivos profesionais dos docentes.
  • Estratexias para implicar e motivar os estudantes.

2.2. Camiñar cara a escolas saudables

O Plan de acción de saúde mental integral 2013-2020 (OMS, 2013) define o concepto de saúde mental como un “estado de benestar no que o individuo é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera, e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade”.

Con respecto ao alumnado, pon a énfase en aspectos relacionados co seu desenvolvemento, tales como: ter un sentido positivo da identidade, a capacidade de manexar os pensamentos, as emocións, e construír relacións sociais, así como a capacidade de aprender e adquirir unha educación que permita a súa participación activa na sociedade.

A escola en xeral e o éxito educativo en particular son determinantes fundamentais da saúde mental de nenos e adolescentes (OMS, 2013), polo que cómpre incluír no currículo educativo o desenvolvemento de programas para a promoción da saúde e habilidades para a xestión emocional, condutual e relacional.

Non cabe dúbida de que debemos preparar o noso alumnado para o mundo do traballo, pero, sobre todo, para ser feliz, e dotalo de competencias de autocoñecemento e competencias sociais que lle axuden a afrontar as dificultades do mundo en crise, a tomar decisións, a aprender a ser crítico, a aprender a ser resiliente e a desenvolverse en condicións adversas.

En definitiva, a escola debe crear un clima inclusivo, que favoreza a resiliencia (Cyrulnik, 2002), a “arte de navegar en torrentes”, o encontro con persoas significativas que nos fagan crer que “é posible saír airoso”. Os profesores deben ser “artistas da comunicación e da transmisión” do coñecemento complexo (Pennac, 2009).

Neste sentido, a avaliación de programas de educación emocional que se imparten en países europeos (Christopher Clouder, 2011) pon de manifesto que os grupos de alumnado que realizaron estes programas melloran significativamente as habilidades emocionais e sociais, reducen ou evitan os problemas condutuais e mentais, e melloran os resultados académicos a curto e longo prazo. Isto ven ratificar, unha vez máis, a estreita interacción entre equilibrio emocional e éxito escolar.

 

3. MARCO NORMATIVO E MEDIDAS DESDE A ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA

3.1. Marco normativo

O artigo 27 da Constitución de 1978 regula o dereito fundamental das persoas á educación. Este dereito desenvólvese posteriormente mediante normativa educativa específica, entre a que destacamos a seguinte:

a) A Lei orgánica 8/1985 do dereito á educación (LODE) dispón que todos os españois teñen dereito a unha educación básica, obrigatoria e gratuíta, que lles permita o desenvolvemento da propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade. A referida lei establece, igualmente, que lles corresponde ás nais, pais ou persoas titoras legais adoptar as medidas necesarias ou solicitar a axuda correspondente en caso de dificultade para que os seus fillos ou fillas cursen as ensinanzas obrigatorias e asistan con regularidade aos centros educativos.

b) Na mesma liña, a Lei orgánica 2/2006 de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013 de medidas para a mellora da calidade do ensino (LOMCE), establece que a educación primaria e a educación secundaria obrigatoria constitúen o ensino básico, que terá carácter obrigatorio e gratuíto, e comprenden dez anos de escolaridade, que se desenvolven de forma regular entre os seis e os dezaseis anos de idade.

c) No ámbito da nosa comunidade autónoma, o Decreto 229/2011 regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes de Galicia e dispón que unha das prioridades da Administración educativa galega é a de asegurar a permanencia do alumnado no sistema educativo durante, cando menos, a educación obrigatoria, así como o fomento da súa permanencia nas ensinanzas postobrigatorias, tratando de evitar o abandono escolar temperán mediante unha adecuada oferta formativa e de programas para a transición á vida adulta e laboral, así como por medio de medidas relativas á conciliación da vida escolar, laboral e familiar.

d) No que atinxe á regulación do control e información da asistencia á clase ou puntualidade do alumnado, debemos facer referencia tamén ao Decreto 324/1996 polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, así como ao Decreto 374/1996 polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación infantil e primaria, e ao Decreto 7/1999 polo que se aproba o Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias de Galicia.

3.2. Medidas da Administración educativa

A Administración educativa galega trata de promover o acceso, permanencia e promoción do alumnado no sistema educativo mediante programas e medidas de carácter predominantemente proactivo, actuando directamente ou en colaboración con outras administracións ou entidades de carácter público ou privado. Parte destas medidas concrétanse no Decreto 229/2011 de atención á diversidade e son basicamente as seguintes:

  • Promoción da escolarización do alumnado: potenciando o establecemento de mecanismos de coordinación entre as institucións educativas e os poderes públicos con competencias na prevención, detección e intervención ante situacións de absentismo, desescolarización e abandono escolar temperán (Administración local, administración competente en materia de familia e menores, Fiscalía de Menores) para o que se establecen diferentes protocolos de actuación.
  • Plan autonómico de promoción da escolarización e da formación: o Decreto 229/2011 dispón que a consellería competente en materia de educación impulsará a posta en marcha dun plan autonómico de promoción da escolarización e prevención do absentismo e abandono escolar temperán, no que se integren actuacións dos servizos educativos, sociais, de saúde, de emprego e, en xeral, de cantas administracións promovan e desenvolvan actuacións destinadas á redución do absentismo e do abandono escolar.
  • Protocolo de absentismo escolar: a Administración educativa pon á disposición das comunidades educativas un protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia, ao que nos referiremos posteriormente, que establece un procedemento común para a prevención e o tratamento das faltas de asistencia do alumnado por parte dos centros educativos.

 

4. MEDIDAS DESDE OS CENTROS EDUCATIVOS

As medidas educativas de promoción da escolarización e prevención do absentismo escolar que se desenvolven nos centros educativos podemos ordenalas en dous grandes grupos: aquelas que están pensadas para actuar desde o ámbito da prevención, de carácter máis inespecífico e doadas de incardinar no desenvolvemento ordinario dos centros, e aqueloutras de carácter paliativo ou corrector, máis concretas, xeralmente de aplicación individual e dirixidas a corrixir situacións educativas indesexadas.

Cómpre salientar que as mellores solucións son aquelas que non hai que aplicar e, neste sentido, todas as medidas preventivas son tanto ou máis reguladoras ca as correctoras. Se un alumno ten éxito escolar, non adoita ter faltas de asistencia. Se non falta á clase, non hai problema de absentismo. As medidas preventivas son, xa que logo, as que máis actúan, desde o silencio, a prol dunha escolaridade de éxito.

4.1. Medidas preventivas

Constitúen un paquete de accións que deben estar presentes nos documentos institucionais dos centros docentes. Destácanse aquí as máis significativas e en que sentido colaboran na prevención do fenómeno que nos ocupa:

- Actuacións recollidas no plan de acollida do alumnado de recente incorporación ao centro: este plan determina cales son as actuacións que se levarán a cabo para facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e a secundaria, así como aqueloutras dirixidas a facilitar a incorporación do novo alumnado que, por circunstancias persoais ou familiares, inicia a súa escolaridade no centro (por incorporación tardía, traslados de domicilio ou centro etc.).

A coordinación entre o centro receptor e o de procedencia non é un tema menor. Resulta imprescindible para detectar desde o primeiro momento posibles casos de alumnos ou alumnas que precisan de atención ou vixilancia. Redunda na mellor organización dos grupos, que se poden constituír atendendo á información recibida. Colabora no establecemento das primeiras medidas de atención á diversidade, como poden ser as exencións de segunda lingua estranxeira en primeiro e segundo da ESO. Permite, en definitiva, plasmar, na realidade particular de cada centro, un primeiro nivel de axuda pedagóxica que colabore no éxito escolar.

- No plan de acción titorial: neste documento concrétase a acción formativa e orientadora que o profesorado titor realiza ao longo do curso. Entre as actuacións que deben estar presentes nel e que repercuten directamente no éxito escolar do alumnado atópanse actuacións tan significativas como o coñecemento da súa historia escolar, as condicións persoais e sociofamiliares particulares que poidan interferir na súa marcha académica, o coñecemento das normas do centro cos seus dereitos e deberes ou o seguimento personalizado dos alumnos e alumnas con risco de fracaso escolar.

- No plan de orientación académica e profesional: as accións que se recollen nel axudan a que o alumnado se comprometa de modo persoal e intransferible coa construción do seu proxecto de vida, máis aló dos imprevistos que se van presentando no devir vital. Existe unha percepción unánime ao respecto de que a nosa mocidade, de forma maioritaria, vive centrada única e exclusivamente no día a día, sen plans sobre un futuro a medio ou longo prazo. Nunha sociedade cada día máis complexa, que propugna como valor o feito de vivir sen pensar no mañá, a xuventude atopa verdadeiras dificultades para a toma de conciencia sobre o seu futuro e as súas posibilidades, o que diminúe a súa capacidade de éxito. Trátase de que, na medida do posible, axudemos a que a nosa mocidade constrúa unha “folla de ruta” que lles permita acadar as metas propostas.

- No establecemento de canles de comunicación coas familias: o nexo entre as familias e o centro educativo son os seus fillos e fillas. A ambos lles interesa marcar metas comúns e establecer acordos de colaboración. A maior parte das familias móstrase colaboradora cos centros educativos cando se lles fai  algunha demanda, porque son conscientes de que os beneficiarios son as persoas que máis lles importan. Do mesmo xeito, os centros educativos tratan de atender as singularidades que presentan as familias, dentro do respecto ao ben común e ao benestar de toda a comunidade.

As xuntanzas periódicas entre o profesorado titor e as familias están recollidas na normativa educativa. A primeira delas realízase ao inicio de cada curso escolar e permite o establecemento dun primeiro nivel de colaboración entre as partes. Un dos temas que convén tratar sempre é xustamente o da asistencia á clase e a puntualidade, explicándolles con claridade ás familias como repercuten na escolaridade e como deben actuar en caso de que a non asistencia sexa un imponderable. Ao longo do curso, o seguimento do alumnado coas familias permite manter unha actitude vixiante ante posibles condutas absentistas.

- No plan de convivencia: as normas de convivencia nos centros docentes deben orientarse a garantir un ambiente educativo de respecto mutuo “que faga posible o cumprimento dos fins educativos”. O acento recae na necesidade de conseguir que a nosa mocidade acade un nivel satisfactorio de formación que lle permita a aprendizaxe ao longo da vida e a incorporación á sociedade en condicións axeitadas para exercer de cidadáns responsables. Importa revisar, polo tanto, se nos plans dos centros se atopan medidas claras que promovan a participación, o benestar persoal e colectivo, a corresponsabilidade e as actitudes solidarias e respectuosas con todos os integrantes da comunidade escolar.

- No plan de atención á diversidade: este plan resulta imprescindible para regular as accións que contribúan ao éxito escolar, posto que clarifica e gradúa a aplicación das distintas medidas de apoio educativo: desdobramentos de grupos, reforzos educativos, adaptacións do currículo, apoios de profesorado especializado, a promoción de metodoloxías inclusivas, o fomento das TIC, o impulso da colaboración con entidades externas ao centro, a promoción de programas de éxito escolar… que contribúen a singularizar o percorrido dun alumno ou alumna polo sistema educativo sen que existan desvíos na consecución dos seus obxectivos vitais.

Non se pode esquecer a importancia que adquiren os servizos de orientación (departamentos de orientación e equipos de orientación específicos) en relación coas actuacións anteriormente expostas, concretadas, fundamentalmente, en dúas vías de colaboración: a primeira, promover a inclusión das medidas anteriores nos documentos de planificación do centro, e a segunda, asesorar a comunidade educativa no establecemento de medidas concretas para cada caso en particular.

4.2. Medidas paliativas ou de control

Constitúen unha serie de actuacións de intervención gradual aplicables a un alumno ou alumna en particular cando se producen faltas de asistencia á clase ou atrasos de puntualidade. Ordénanse de menor a maior grao de intervención, segundo a gravidade do fenómeno:

- Control diario de asistencia ou puntualidade á clase por parte de todo o profesorado que imparte docencia a un alumno ou alumna, cada un na súa materia respectiva, co conseguinte rexistro das faltas segundo o procedemento establecido polo centro.

- Xustificación documental das faltas por parte da familia ao profesorado titor.

- Rexistro, por parte do profesorado titor, das faltas de asistencia e puntualidade, diferenciando as faltas xustificadas das non xustificadas. Comunicación destas á familia nos cinco primeiros días naturais do mes seguinte a aquel en que se produzan. Considéranse faltas xustificables:

  • Enfermidade. É xustificable o tempo de prescrición médica.
  • Indisposicións.
  • Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares. É xustificable o tempo necesario.
  • Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
  • Citacións que impliquen un deber inescusable. É xustificable o tempo necesario.

- Cando as ausencias estean xustificadas por razóns médicas, non se deberían considerar como absentismo escolar. Se nos informes facultativos se establece a previsión de que a non asistencia ao centro podería prolongarse por un período de tempo superior a un mes, valorarase a posibilidade de solicitar a atención educativa domiciliaria.

- No caso de que as faltas non xustificadas sexan numerosas ou de difícil xustificación, iniciarase o protocolo de absentismo escolar. O profesorado titor debe convocar a familia para analizar a situación escolar do seu fillo ou filla para tomar as decisións oportunas que reconduzan a situación. Deberase gardar constancia documental tanto da convocatoria da reunión coma dos acordos que se produzan.

 

5. PROTOCOLO DE ABSENTISMO ESCOLAR

O protocolo de absentismo escolar, publicado pola Administración educativa galega (2014), constitúe o marco de referencia para previr posibles situacións de absentismo escolar e, de ser o caso, orientar sobre o seu control por parte dos centros educativos. Orienta, igualmente, sobre diferentes medidas de prevención que deben poñer en marcha os centros en relación coa promoción da asistencia á clase do alumnado e co seu éxito escolar, así como sobre as actuacións que deben establecer nos seus instrumentos de planificación e organización.

Este protocolo aplicarase na educación obrigatoria, aínda que tamén poderá ser utilizado nas etapas non obrigatorias (bacharelato e formación profesional, entre outras) naqueles aspectos que poidan ser de aplicación. Ten carácter básico e de referencia, polo que cada centro educativo, dentro da súa competencia e autonomía, establecerá, nas normas de organización, funcionamento e convivencia, os procedementos para poñelo en funcionamento.

O protocolo de absentismo escolar establece prazos para minimizar o efecto negativo deste fenómeno na vida escolar. Así, nel queda recollido que o profesorado deberá realizar diariamente o control de asistencia e puntualidade (faltas xustificadas e non xustificadas) e comunicar a situación ás familias ou titores legais nos primeiros cinco días naturais do mes seguinte, como xa indicamos ao referirmos as medidas paliativas ou de control dos centros educativos. No caso de que o número de faltas sen xustificar supere o 10 % do horario lectivo dun mes, o profesorado titor comunicaralle a situación á dirección do centro, para que esta informe as familias ou persoas titoras. O inicio do expediente de absentismo escolar producirase, como máximo, dentro dos sete días naturais seguintes á data na que as faltas superaron o devandito 10 %.

De non producirse o arquivo do expediente ou de non seren suficientes as actuacións levadas a cabo no centro educativo, a dirección do centro comunicaralles a situación aos servizos sociais do concello de residencia do alumno ou alumna e ao servizo territorial de Inspección Educativa nun prazo de 30 días naturais desde o inicio do expediente de absentismo.

No caso de non resolverse o absentismo escolar a través dos servizos sociais do concello ou da Inspección Educativa, trasladarase o expediente á Administración competente en materia de familia e benestar e, se finalmente fose necesario, á Fiscalía de Menores, especialmente nos casos en que se detecten indicios de desprotección do menor.

 

6. CONCLUSIÓNS

No marco da educación inclusiva necesitamos incorporar o traballo colaborativo dos distintos profesionais e institucións para mellorar o éxito escolar e social de todo o alumnado. A inclusión é máis que un proxecto escolar, é tamén un proxecto social, cidadán, mundial. A inclusión é un paradigma transversal, complexo, global, que lles compete á educación e á sociedade. Necesitamos traspasar o marco escolar e planear novos escenarios de diálogo entre escola e sociedade; crear novos espazos de relación entre centros educativos e de formación, servizos sociais, saúde mental, empresas… Esta mirada global inclusiva debe concretarse en proxectos territoriais contextualizados abertos á colaboración interinstitucional, facendo realidade a estratexia de pensar global/actuar local, pensar local/actuar global (Morin, Roger e Motta, 2003).

Nesta liña, as directrices globais de actuación para a prevención do absentismo escolar que vimos de detallar deben ser optimizadas en cada contexto a través de proxectos locais inclusivos nos que sexan implicados os grupos de profesionais e entidades da localidade ou barrio para unha intervención coordinada e un traballo en rede.

Esta cultura interdisciplinar debe empezar no seo dos centros educativos e ampliarse á coordinación intercentros para actuacións, tales como prestar especial atención aos procesos de transición entre a ensinanza primaria e a secundaria, e continuar coa rede de servizos sociais comunitarios e especializados, así como coa de servizos sanitarios, asociacións…, que poden estar atendendo o alumnado e as familias.

En definitiva, a prevención e a intervención global e local do absentismo escolar podería ser unha oportunidade para consolidar a emerxencia de escolas inclusivas e saudables que favorezan a mellora do éxito escolar de todo o alumnado se aceptamos o reto de traballar cunha mirada global que implique os sistemas escolar, familiar, social e sanitario funcionando como redes interinstitucionais cun fin común.


 

Bibliografía: 

 

 

CHRISTOPHER CLOUDER (coord.) (2011). Educación emocional e social. Análise Internacional. Santander: Fundación Marcelino Botín.

CYRULNIK, B. (2002). Los patitos feos. La resiliencia: una infancia infeliz no determina la vida. Barcelona: Gedisa.

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA (2014). Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

DOMENECH FRANCESCH, J. (2009). Elogio de la educación lenta, Barcelona: Graó.

ELLIOT, J. (1998). “The currículum dimensions of Student dissafection”, en The currículum experiment. Meeting the challenge of social change. Buckingham: Open University Press.

FREIRE, P. (2001). Pedagogía de la indignación. Madrid: Morata.

MORIN, E.; CIURANA, E. R. e MOTA, R. D. (2003). Educar en la era planetaria. Barcelona: Gedisa.

OMS (2013). Plan de acción de saúde mental integral. 2013-2020. Biblioteca da OMS: Xenebra (Suíza).

PENNAC, D. (2009). Mal de escuela. Barcelona: Gallimard.

 

Referencias lexislativas

Constitución española, do 27 de decembro de 1978 (BOE do 29 de decembro).

Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo).

Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, de medidas para a mellora da calidade do ensino (BOE de 10 de decembro).

Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG de 21 de decembro).

Decreto 374/1996, do 17 de outubro, polo que se aproba o Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG do 21 de outubro).

Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria (DOG do 9 de agosto).

Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias de Galicia (DOG do 26 de xaneiro de 1999).

Sección: