O mar en Cambados

O mar como campo e motivo de aprendizaxe
Desenvolvemento dun contrato-programa da modalidade mellora do nivel de coñecemento para acadar a excelencia, centrado no estudo do medio mariño a través da realización de proxectos científicos paralelos.

Víctor Caamaño Rivas
Profesor de Bioloxía e Xeoloxía no IES Francisco Asorey
vcrivas@edu.xunta.es

 

1. Contextualización do proxecto

No IES Francisco Asorey estivemos desenvolvendo, en cursos pasados e con alumnado de secundaria, un Programa de excelencia educativa de carácter bianual sobre a temática da astronomía e considerabamos que era o momento de modificar e variar algúns aspectos temáticos, didácticos e metodolóxicos que poderían enriquecer o proceso de aprendizaxe e aumentar o atractivo da temática tratada. Con esta premisa, xurdiu un novo proxecto educativo centrado no mundo do mar.

O IES Francisco Asorey encóntrase en Cambados, unha vila costeira definida claramente pola influencia natural, social e económica do mar, razón pola cal propuxemos un novo programa de excelencia que levou como título O mar en Cambados. Así mesmo, a temática mariña é un campo de coñecemento próximo á realidade de calquera alumno dunha vila costeira e pesqueira coma a nosa e, ademais, abríasenos un campo de coñecemento dunha enorme proxección en diversas áreas de investigación.


 

Nesta ocasión a formulación do programa fíxose en función da realización de diferentes proxectos de investigación que foron desenvolvidos por un grupo de alumnos e non como ata o de agora, que viñamos traballando en formato de obradoiros individualizados, os cales, malia resultaren satisfactorios, carecían da interconexión que lle ofrecese uniformidade á participación dos departamentos didácticos implicados.

 

2. Obxectivos marcados

Os principais obxectivos que se perseguían cando se planificou este proxecto foron os seguintes:

1. Lograr que o alumnado se integrase dentro dun grupo de iguais, cun ritmo de aprendizaxe adaptado ás súas posibilidades.

2. Favorecer a súa sociabilidade, logrando que nos tempos libres se integrasen nas actividades colectivas.

3. Aprender a desenvolver un proxecto de investigación, no que resultase fundamental un carácter competitivo e de mellora continua no desenvolvemento de ideas e achegas.

4. Lograr un maior grao de autonomía persoal no desenvolvemento de traballos académicos.

 

Estudo de parámetros físico-químicos das mostras de auga no laboratorio

 

5. Integrar as ferramentas TIC no desenvolvemento de traballos académicos.

6. Traballar as competencias no marco das distintas materias didácticas.

 

 

3. Recursos utilizados

Para desenvolver este proxecto contamos cunha serie de recursos tanto de tipo humano coma material que pasamos a describir:

  • RECURSOS HUMANOS

O programa estaba dirixido a alumnado de segundo, terceiro e cuarto da ESO. Constituíuse un grupo de 15 alumnos e alumnas pertencentes aos niveis educativos indicados. A selección do alumnado realizouse en función dos seguintes criterios:

- Informes de cursos anteriores e opinións dos docentes.
- Informe do coordinador do programa, da Xefatura de Estudos e do Departamento de Orientación.
- Autorización das familias e compromiso do alumnado de participar no programa.

Así mesmo, as actuacións desenvolvidas implicaron a participación de nove profesores pertencentes a sete departamentos didácticos diferentes:

- Departamento de Bioloxía-Xeoloxía: 1 profesor
- Departamento de Física e Química: 2 profesores
- Departamento de Tecnoloxía: 1 profesor
- Departamento de Inglés: 1 profesor
- Departamento de Música: 2 profesores
- Departamento de Xeografía e Historia: 1 profesor
- Departamento de Administrativo: 1 profesor

O profesorado participante viña colaborando, con anterioridade, neste tipo de proxectos de centro. Ademais, o xefe do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía realizou o labor de coordinación do programa, para o cal realizou unha reunión organizativa previa entre o profesorado participante e posteriores encontros periódicos de seguimento. O coordinador desenvolveu tamén as funcións de pór en contacto o profesorado, servir de enlace entre o profesorado participante e os profesores titores dos grupos aos que pertencía o alumnado participante e o intercambio de información e coordinación co Departamento de Orientación e coa Dirección do centro. Así mesmo, encargouse de realizar o labor informativo e de consulta cos pais e nais do alumnado participante.

Ademais, en determinadas ocasións, contouse coa participación de profesorado ou persoal especializado (biólogo da confraría de Cambados, presidenta das mariscadoras, profesora especialista en tradución e interpretación) para impartir determinadas charlas, conferencias ou actividades formativas do alumnado, relacionadas co proxecto.

  • RECURSOS MATERIAIS

Resultou imprescindible para realizar un desenvolvemento normal do proxecto a utilización da aula de informática, dos laboratorios de ciencias naturais e de física e química, do taller de tecnoloxía, da aula de idiomas e da aula de música, espazos habituais nos centros educativos públicos e dos cales tivemos unha total dispoñibilidade no centro.

Así mesmo, foi necesario contar con dispoñibilidade orzamentaria para a adquisición de diferente material funxible, pero hai que resaltar que os contratos-programa contan cunha partida orzamentaria asignada en función do proxecto presentado para poder facerlles fronte ás diferentes necesidades materiais. Neste caso, o noso proxecto contou cun orzamento de aproximadamente 1000 €, que foron dedicados á adquisición de material de laboratorio, de campo, de aula e de taller.

 

4. Descrición da actividade

A experiencia, que foi realizada fóra do horario escolar, comezou no mes de xaneiro de 2014 cunhas sesións de preparación e planificación do traballo a cargo do profesorado de Bioloxía e Física e Química, que foron os encargados de iniciar, contextualizar e situar este programa o máis próximo posible á realidade. A partir de aí, a experiencia trasladouse ao obxecto de estudo, ao banco marisqueiro chamado O Serrido. Neste medio, o alumnado, en compañía do profesorado e do biólogo da confraría de pescadores, comezou o proxecto coa recollida de mostras (fauna, flora, planto, substrato e auga) e o recoñecemento in situ do medio que se vai estudar.

 

Toma de mostras e recollida de datos (utilizando consolas electrónicas) no banco marisqueiro

 

O traballo de laboratorio (laboratorios de física e química e bioloxía) que seguiu á saída foi realizado durante mes e medio en sesións de dúas horas, as tardes dos martes e xoves. No laboratorio realizáronse os estudos dos parámetros físico-químicos e dos sedimentos das mostras recollidas, así como a identificación e catalogación de especies mariñas. Destas actividades, graváronse e montáronse vídeos que poden servir de guía para aqueles que desexen coñecer, máis polo miúdo, a experiencia realizada.

 

 

A estes obradoiros seguiron outros dos diferentes departamentos, co mar como fío condutor. Así, o Departamento de Tecnoloxía traballou na construción dun robot submarino, para o cal combinou este proxecto coa participación nun Taller de Robótica Submarina dirixido a alumnado de secundaria, organizado desde a Comunidade de Canarias e patrocinado por diferentes organizacións estatais.

 

Construción dun robot submarino nos obradoiros de tecnoloxía

 

O Departamento de Inglés traballou na dobraxe de galego a inglés dun vídeo, gravado por alumnado de secundaria, no que se entrevistaba á presidenta das mariscadoras de Cambados.

Tamén, o Departamento de Xeografía e Historia participou coa recompilación de información sobre os naufraxios ocorridos na Ría de Arousa para, posteriormente, elaborar varias presentacións sobre este tema.

Así mesmo, os obradoiros do Departamento de Música consistiron na gravación dunha peza musical, por parte do alumnado, para utilizar como son ambiental nunha vídeo-entrevista ao biólogo da Confraría de Cambados.

E por último, a profesora do Departamento de Administrativo, especialista en TIC, foi a encargada de introducir o alumnado no coñecemento de determinadas aplicacións web (concretamente Symbaloo, códigos QR, realidade aumentada –Aurasma–, Moovly e Domo Animate), tendo como obxectivo o achegamento á web 2.0, que non é outra cousa máis que a representación da evolución das aplicacións tradicionais a aplicacións web enfocadas ao usuario final, intentando trasladarlle ao alumnado que na actualidade hai novas formas de facer e presentar os resultados dos traballos.

 

5. Metodoloxía utilizada

A formulación de traballo consistiu en que o alumnado percorrese varios procesos de investigación, interrelacionados, que se iniciaran cunha primeira fase de formación, de procura de información e de recollida de datos. A esta fase seguiría unha segunda onde se obtivesen e manexasen datos e se estruturase o formato de tratamento da información e, finalmente, un proceso de presentación de resultados. En todas as fases de traballo foi imprescindible e prioritaria a utilización de recursos TIC, de xeito que o alumnado aprendese a obter o máximo rendemento das novas tecnoloxías aplicadas ás actividades de investigación. Fíxose fincapé especialmente na diversidade de formatos para presentar os resultados dun proceso de investigación.

Outro aspecto interesante e mencionable foi o modo de interactuar profesorado e alumnado, pois o protagonismo foi deste último, mentres que o profesorado realizou labores de guía ou moderador, pasando a integrar unha parte máis do equipo de traballo.

 

Estudo e valoración dos sedimentos recollidos no banco marisqueiro

 

Nas actividades propostas priorizouse, claramente, a parte práctica e o traballo en formato obradoiro, por facilitar este a participación directa do alumno nos resultados do grupo. As actividades realizadas ao longo do programa, que desenvolveron contidos relacionados directamente cos departamentos participantes, foron do seguinte tipo:

  • SAÍDAS: zonas da costa, ecosistemas, porto, lonxa, fábricas, depuradoras.
  • INVESTIGACIÓN: fontes históricas, recollida fotografías antigas, prensa, entrevistas, autores literarios, tradición oral, música, cancións…
  • OBRADOIROS:

Laboratorios: observación de especies, substratos, auga…
Aula informática: fotografía, vídeo, aplicacións web.
Aula música: composicións musicais.
Taller tecnoloxía: estudo de máquinas, procesos, elaboración de maqueta.

  • EDICIÓN: fotografía, vídeo, presentacións, revista dixital A Buxaina, elaboración de gráficas.
  • EXPOSICIÓN: mostra de traballos realizados e material elaborado.

 

6. Avaliación do proxecto

Consideramos que a falta de tempo non permitiu profundar todo o esperado nos diferentes aspectos que se van traballar. Este foi o único aspecto negativo do proxecto. As razóns foron varias; primeiro a dificultade para facer un cálculo axustado do tempo en actividades (proceso de investigación) moi difíciles de cuantificar previamente e, ademais, todos traballamos coa intención de seguir ampliando as actividades iniciadas no 2014 en posteriores cursos escolares. Por iso o profesorado aceptou con normalidade este aspecto, agardando un seguimento no traballo no vindeiro curso. Polo demais, o grao xeral de satisfacción acadado convida a proseguir coa experiencia iniciada. Aínda así, consideramos que se podería modificar cara ao futuro a cuestión da temporización de determinados obradoiros, que nesta ocasión dispuxeron dun tempo demasiado escaso para acadar os obxectivos esperados.

Identificación e catalogación das mostras de fauna e flora mariñas do banco marisqueiro

 

 

 

 

Centrar o proxecto nos procesos de investigación levounos a formular obxectivos de tipo procedemental e actitudinal que consideramos acadados de xeito satisfactorio.

Igualmente quixemos contar coa opinión e a valoración que o alumnado fixo sobre a súa participación. Para nós era importante, pois un proxecto deste tipo só tiña sentido se a parte receptora facía unha valoración positiva. As opinións positivas e o bo ambiente que sempre percibimos os profesores ao longo das diferentes tardes de traballo non nos parecía suficiente, polo que consideramos elaborar unha enquisa anónima para que o alumnado valorase de xeito cuantitativo e cualitativo a súa participación. Esta ficha corroborou as nosas valoracións previas.

 

Preguntas puntuables: (1) mal, (2) deficiente, (3) regular, (4) ben, (5) moi ben

 

 

7. Conclusións

Sen dúbida, este foi un proxecto totalmente satisfactorio e ilusionante que nos demostrou que o ensino pode ser moito máis do que habitualmente vimos facendo, coartados por programacións e temporizacións moi pechadas e por grupos de alumnos moi numerosos. Esta semella ser a opinión compartida do profesorado e do alumnado participante. Esta experiencia deixou bo sabor de boca no profesorado porque foi un proxecto que nos permitiu desenvolver o noso traballo dun xeito diferente e dunha forma máis satisfactoria para nós e para o alumnado. Pensamos que nesta opinión de satisfacción xeral influíu, sen dúbida, a temática elixida, por achegar esta o alumnado á súa realidade cotiá.

O único aspecto que consideramos negativo foi a falta de tempo para poder desenvolver completamente todas as actividades realizadas ou polo menos iniciadas. Pero iso tampouco está de todo mal, xa que valorar que desexariamos continuar e ter máis tempo para rematar un proxecto é un síntoma de ilusión, un ingrediente imprescindible para conseguir un ensino de máis calidade. Ademais, tampouco hai que esquecer que para nós este ía ser un traballo para desenvolver en dúas anualidades, de xeito que agardabamos seguir o vindeiro curso introducindo aspectos novos e rematando outros que xa comezaramos neste.

Con respecto ao alumnado queremos resaltar un aspecto de interese, pois pensamos que resultou un acerto ampliar a participación no proxecto a alumnos/s de segundo da ESO (ata este proxecto traballaramos só con alumnado de terceiro e cuarto da ESO), pois resultaron ser unha fonte de entusiasmo e sentíronse tremendamente cómodos nesta experiencia, mentres que percibimos que o alumnado de cuarto da ESO en determinadas datas sentía a presión da proximidade das avaliacións, o que os levaba a gozar menos da experiencia neses momentos e a mostrar un comportamento menos participativo.  

Rematamos estas conclusións animando o profesorado e o alumnado doutros centros a emprender novos proxectos que axuden a enriquecer o traballo diario dos centros de ensino e a incrementar a implicación do alumnado no proceso educativo, o que só poderá ter consecuencias positivas para o noso ensino.


 

Sección: