A aprendizaxe en mobilidade: adaptándonos ao futuro

A experiencia do traballo con tabletas nunha escola do rural


María Isabel Blanco Pumar
CEIP  Plurilingüe Vilar de Barrio (Ourense)
isabelbp@edu.xunta.es

 


O incremento dos dispositivos móbiles  (tabletas e smartphones) na última década é un feito claramente constatado. O informe Horizon (Johnson et al., 2013) reporta que na actualidade a venta destes dispositivos superou á venta de ordenadores persoais. O auxe destas novas tecnoloxías non debe quedar en esquecemento no eido educativo. Os docentes deben adaptarse a esta nova realidade e incorporala ás aulas por todas as vantaxes que conleva (Moreno, 2011).


Diversos estudos (Pere Marquès, 2014; Sánchez Prieto, 2014) demostran que a aprendizaxe en mobilidade é un complemento fundamental para a educación, como ferramenta que nos ofrece a posibilidade de aprender, colaborar, compartir, conectar, explorar, investigar, relacionar, ou socializar en calquera momento ou en calquera lugar.


O CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio é un colexio rural firmemente comprometido coa introdución das TIC no proceso de ensino-aprendizaxe, e así o demostran os diversos programas e actividades que se levan a cabo: utilización das webs dinámicas, participación no proxecto Abalar, informatización da biblioteca, deseño de cursos virtuais con Moodle, xeración de contidos dixitais para o Espazo Abalar, emprego de blogs, lectura dixital con e-books e utilización de PDI (Pizarra Dixital Interactiva) en todas as aulas.


O profesorado do centro percibe o forte impacto que os smartphones e as tabletas están tendo na zona do rural. A maioría das familias ten en propiedade un smartphone con conexión de datos e o alumnado ten acceso a través del a apps e xogos. Faise preciso unha renovación e un cambio de actitude para comprender que os dispositivos móbiles poden ser os aliados do profesorado na aula.


Logo destas reflexións, decidimos mercar tabletas para o centro. Xurde entón a primeira dificultade, que dispositivo mercar? Os aspectos que se teñen en conta principalmente son: a ergonomía, o tempo de carga, a posibilidade de actualización, a compatibilidade con outros dispositivos e o sistema operativo. O profesorado aposta por Android polo custo económico, pola compatibilidade cos ordenadores do centro, pola gratuidade de moitas das apps e finalmente pola afinidade cos valores que promove o proxecto Abalar (software libre, gratuidade).


A infrautilización das tabletas durante os primeiros meses promove o debate entre o profesorado e unha profunda reflexión sobre como introducir os dispositivos nas aulas. O problema principal é a falta de formación, todo o profesorado emprega smartphones con datos para ter acceso á información e organizar tarefas e contidos educativos pero este uso non é trasladable ao contexto específico da aula, hai que ir máis alá.


A posta en marcha dun grupo de traballo sobre os dispositivos móbiles na aula durante todo un curso escolar promoveu a investigación e o estudo; o profesorado traballou colaborativamente para descubrir as apps que mellor se adaptaban a aula, buscáronse prácticas de éxito noutros centros e planificáronse actividades para a aula. Un experto en TIC aportou formación máis específica sobre a creación de códigos QR e o deseño de apps con App Inventor.


O grupo de traballo foi un éxito, incrementouse o uso de tabletas nas aulas, plantexouse un cambio na metodoloxía e no rol do profesorado, o alumnado pasou a ser o centro da aprendizaxe e o construtor do seu propio coñecemento.


A implicación do profesorado xunto con toda a investigación ao longo do grupo están recollidos nas aulas virtuais abertas do centro e mais do CAFI, nas seguintes ligazóns:


 


O esforzo e o traballo realizado víronse recompensados cando o centro foi seleccionado para formar parte do Proxecto nacional Samsung Smart School. O centro de Vilar de Barrio é o centro piloto en Galicia, ademais de ser o referente de todo o territorio nacional por ser o único no que o alumnado ten acceso de forma individual ás tabletas en todos os niveis de Educación Infantil e Primaria.


Aula Samsung Smart School. Fonte: CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio

0 proxecto leva en funcionamento dende setembro e os datos que o centro pode aportar son aínda poucos . Ata o de agora a experiencia está sendo un triunfo.


O alumnado está mellorando a súa motivación por aprender, feito que denota o incremento no esforzo por realizar tarefas que ata o de agora lles resultaban aburridas. O alumnado realiza actividades moi variadas nas súas tabletas: busca de información, presentacións, elaboración de mapas conceptuais, cazas do tesouro, redaccións colaborativas , creación de contos, gravación de vídeos, edición de imaxes, cadernos dixitais sobre un tema...



Mapa conceptual elaborado por un estudante. Fonte: CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio

As tabletas poden ser un elemento de distracción na aula, como así o indican as investigación levadas a cabo, non obstante se as tarefas están ben deseñadas e planificadas non é o caso. Aínda así Samsung facilita un software de control para evitar o problema.


O uso das tabletas por parte do alumnado está a promover valores como o respecto e  o coidado do material e a axuda e a colaboración mutua para resolver problemas cos dispositivos.


En canto ao profesorado, atópase moi satisfeito co desenvolvemento do proxecto ata o de agora. A formación do profesorado segue sendo o factor primordial para que o proxecto sexa un éxito, por iso os docentes do centro continúan investigando e formándose a través de cursos sobre novas metodoloxías como a chave invertida, a ludificación ou a aprendizaxe baseada en proxectos.


Está claro que a falta de tempo e o incremento de traballo son puntos a ter en conta cando se pretende introducir un proxecto desta envergadura nun centro pero a implicación do profesorado de Vilar de Barrio foi, e será, o elemento determinante para diminuír eses inconvintes e transformalos na mellora do proceso de ensino -aprendizaxe.


Existe moito escepticismo con respecto á introdución dos dispositivos móbiles nas aulas; cómpre ser conscientes das diferenzas que existen entre os ordenadores persoais e os dispositivos móbiles; non se pretende restar importancia aos primeiros, ao contrario, os ordenadores persoais deben ser un elemento máis da aula que aporta outras funcionalidades e vantaxes máis interesantes para niveis superiores.


Dende os centros educativos é necesario reducir á fenda dixital promovendo o uso de todo tipos de dispositivos e formando ao alumnado no uso responsable e educativo de calquera soporte dixital.



Alumno de Infantil mostrando o seu traballo. Fonte: CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio

Como conclusión, os docentes de CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio instan a outros centros a saír da súa zona de confort e a introducir os dispositivo móbiles na aula. A utilización das tabletas por parte de alumnado favorece a aprendizaxe autónoma, desenvolve a competencia dixital, mellora a comprensión, favorece a creatividade, potencia a memoria visual, anima á investigación, facilita unha aprendizaxe máis personalizada e unha mellor atención á diversidade, e finalmente, posibilita a aprendizaxe fóra da aula física.


Xa para rematar facelo cunha cita de Alexandre Baéz (2013) moi acorde co artigo “La tecnología cambia rápido, demasiado rápido, y la educación no puede ni debe quedarse atrás simplemente esperando el mejor momento para cambiar y adaptarse”.
 



Agradecementos:

A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio quere expresar o seu agradecemento
a AMTEGA, ao CFR de Ourense, a Samsung e finalmente á Consellería
pola confianza depositada no centro e pola gran oportunidade que lles están a brindar.

 

Bibliografía: 

 

Sección: