Bibliotecas escolares

Ciencias na biblioteca escolar, matemático!

A biblioteca escolar como espazo de aprendizaxe busca a implicación e o compromiso de todas as áreas e materias, dos departamentos e equipos docentes do centro. Neste artigo, recóllense diferentes fases na introdución das ciencias na biblioteca escolar.

Xosé Luis Barreiro Cebey
Cristina Novoa Fernández
Pilar Sampedro Martínez
Asesoría de Bibliotecas Escolares asesoria.bibliotecas@xunta.es

Introdución

Cando as bibliotecas escolares buscan un espazo nos centros educativos reflicten modelos de xestión e de funcionamento das bibliotecas públicas, con experiencia e traxectoria contrastada. Era a década dos oitenta do século pasado cando a literatura infantil e xuvenil entra tamén nas prácticas escolares e o fomento da lectura comeza a ser impulsado desde o ámbito educativo, máis aló das aprendizaxes iniciais do código escrito ou do estudo dos clásicos da literatura. O profesorado atopa no sector de lectura pública un apoio tamén, especialmente nalgunhas comunidades autónomas como Cataluña, e pouco a pouco vaise configurando un modelo de biblioteca escolar como espazo para a lectura de ficción, para a literatura; aínda que contén outros materiais, a biblioteca escolar escora cara aos contidos de letras e humanidades, que eran as áreas que contaban con máis recursos na colección, e a ese ámbito era ao que ordinariamente ían dirixidas as actividades de dinamización da biblioteca. Con base nisto, os fondos da colección estaban desequilibrados, de maneira que a ficción superaba o libro informativo e de coñecemento nunha alta porcentaxe.

Aínda que este preconcepto de biblioteca segue vivo nunha parte do profesorado e do alumnado, esta situación foi cambiando e, grazas aos esforzos dos centros e ao impulso da Administración educativa, as bibliotecas escolares evolucionaron a outras posicións. O actual modelo de biblioteca escolar, acorde cos estándares internacionais, define a biblioteca como centro de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe: a aprendizaxe de todas as materias e áreas do currículo, a información sobre todas as temáticas, en todos os soportes e diferentes fontes, a lectura en todo tipo de textos e formatos.

Da biblioteca de ficción á biblioteca para a aprendizaxe: unha transformación en curso

No proceso de transformación das bibliotecas escolares (e no protagonismo que nelas van adquirindo as áreas de ciencias na actualidade) foi decisiva a iniciativa dalgunhas bibliotecas escolares, o modelo de biblioteca que se impulsa desde a consellería e as propostas específicas que ao respecto se foron facendo desde a Administración educativa.

Cada ano, desde o Programa de bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria envíase un cartel aos centros educativos coincidindo co principio do curso coa intención de facer visible a biblioteca escolar, ao tempo que se centra a mirada sobre diferentes aspectos deste espazo educativo. Os dous últimos anos, o lema elixido e a imaxe lograda por debuxantes profesionais do ámbito da ilustración galega buscan impulsar a presenza das ciencias en xeral e das matemáticas en particular nas bibliotecas escolares e nas actividades que se programen.

“Ler ciencia na biblioteca escolar” era o lema elixido no curso 2013/14 para un cartel que foi deseñado por Patricia Castelao e no que, entre os libros, ían aparecendo as plantas, o instrumental de laboratorio, o universo científico, en definitiva, co fin de enchoupar a biblioteca de referencias ás ciencias.

“Biblioteca escolar... Matemático!!!” foi o lema ao que David Pintor lle puxo imaxe para o cartel deste curso 2014/15. O ilustrador documentouse no mundo da xeometría e das fórmulas matemáticas ou de artistas como M. C. Escher coas súas arquitecturas imposibles para facilitar que as bibliotecas se convertesen en verdadeiros laboratorios numéricos.

Ao mesmo tempo, e coa finalidade de poñer á disposición dos centros algúns materiais de reforzo, a Asesoría de Bibliotecas Escolares inclúe maletas científicas nunha iniciativa xa en marcha, Maletas viaxeiras, que poden solicitar os centros mediante préstamo temporal: libros, filmes e música relacionada coas áreas de ciencias (Matemáticas, Física e Química, Xeoloxía, Ciencias Naturais...), bibliografía e webgrafía, nunha selección realizada coa colaboración de profesorado dos centros experto en cada materia. Os materiais están escollidos de maneira que non abarquen todas as posibilidades senón que abran camiños, no sentido de mostrar diferente tipoloxía de fondos, distintas coleccións e editoriais, autores de referencia... Con estas maletas preténdese poñer o punto de mira nese campo concreto, convertendo ese ámbito do coñecemento en protagonista durante un tempo, de forma que posibilite ou reforce outras iniciativas que nacen da propia comunidade escolar.

Na convocatoria do Concurso de Traballo por Proxectos, realizada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos o día 12 de marzo de 2014, introducíronse en todas as modalidades os premios a traballos de temática científica, desta maneira promóvese o seu tratamento na biblioteca escolar. Así, os proxectos As plantas do CEIP Espiñeira Aldán, Riada de libros do CEIP Agro do Muíño, Medindo e contando do CEIP Plurilingüe Alexandre Bóveda, Comesán 2014. Aprendo a investigar do CPI San Vicente, Viaxe polo universo do CEIP A Rúa, A arte da natureza do CPI Virxe da Saleta, Xogos do CPI Cernadas de Castro e O niño de Cecilia do CEIP Juan Rey xiraban arredor das ciencias.

Desta maneira, grazas a unha necesidade sentida, a unhas experiencias que foron abrindo campo e ás que se lles foi dando difusión, ao apoio dos carteis e ao bo facer dos equipos das bibliotecas, os departamentos de ciencias van atravesando a porta da biblioteca, entrando para quedarse.

Sempre houbo bibliotecas que trataron os temas de ciencias aproveitando determinadas efemérides como o Ano Darwin ou citas anuais como a celebración do Día do Medio Ambiente; outras que afondaron en determinadas celebracións levándoas a este campo, como as que realizaron traballos de investigación e exposicións sobre mulleres científicas arredor do 8 de marzo; houbo equipos de biblioteca que se coordinaron cos departamentos de ciencias para elaborar e difundir seleccións de lecturas de cara aos itinerarios lectores. Desta forma, puidemos amosar a Xeometría cálida do IES Sánchez Cantón (un dos pioneiros neste campo) ou as experiencias relacionadas coas matemáticas do IES Pazo da Mercé ou o IES Alexandre Bóveda, entre outros. No que levamos de curso escolar puidemos abrir xa varias entradas na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia nas que recollemos as experiencias dos centros no ámbito xeral das ciencias, así como unha entrada específica para as experiencias de matemáticas. En ambos os casos pasamos da vintena de prácticas.

Nas bibliotecas escolares adquiríronse fondos e revistas especializadas, seleccionáronse recursos na rede que facilitasen o tratamento destas materias, publicitáronse os blogs de ciencias do profesorado máis innovador, difundíronse as boas prácticas de ciencias na biblioteca escolar (a través das actividades de formación do profesorado, das páxinas de bibliotecas escolares ou mostrando as súas experiencias na sección de “Bibliotecas Escolares” da revista Eduga). Desta maneira, as iniciativas que uns poucos centros levaran adiante abrindo este campo pasaron a ser engrosadas por outros, de xeito que que esas experiencias están a xeneralizarse.

Cada día aumentan as exposicións de fondos relacionados con temáticas científicas, os proxectos de traballo realizados arredor das ciencias, as guías de recomendacións lectoras que recollen estes contidos, a mostra de experimentos por parte do profesorado e alumnado, as demostracións de que a maxia só é ciencia (como se empeña en demostrar o alumnado da escola de Vide); os encontros con científicos nas aulas ou na rede, as olimpíadas científicas, a proposta de enigmas científicos a través dos blogs das bibliotecas dos centros, as feiras da ciencia, a introdución de xogos de contido matemático nas bibliotecas escolares, a recreación das prácticas de laboratorio nos lugares públicos, a exposición dos aparatos científicos e inventos, as investigacións sobre a biografía dos científicos, a literatura de temática científica... As bibliotecas escolares están así amosando o moito e bo que se fai nos centros educativos, impulsando un traballo máis integrador e interdisciplinar, e elaborando materiais de gran valor, como as seleccións de poesía matemática (IES San Paio) ou os recitais de poesía e ciencia (IES Pedras Rubias), a modo de exemplo.

Unha volta máis

Ao tempo que as bibliotecas escolares avanzan na integración das ciencias e das humanidades nas súas propostas, a Administración vai dando outros pasos. Co fin de impulsar a colaboración entre o sector de biblioteca pública e de biblioteca escolar, existe desde hai tempo un traballo de coordinación entre a Subdirección de Bibliotecas (Secretaría Xeral de Cultura) e a Subdirección de Centros, da que depende a Asesoría de Bibliotecas Escolares. Unha das liñas de traballo conxunto pretende xeneralizar as boas prácticas nas bibliotecas de calquera tipoloxía e as ciencias proporcionan unha oportunidade de difusión para as xa existentes e de impulso para as que están por vir.

A ciencia anda a petar nas portas e novembro é o mellor mes para abrir e que entre o aire. Cómpre mostrar a ciencia en galego, por ser a lingua propia do país e porque son moi escasos os materias publicados en galego, o que leva a unha desproporción entre a ficción e a información que se pon claramente de manifesto cando se trata de introducir este tipo de fondos nas bibliotecas. Cando se fala de normalizar a lingua, trátase de facelo en todos os campos e como ben escribe Carracedo no manifesto “[...] Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan coma eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela. [...]”.

Ante a necesidade de impulsar prácticas relacionadas coa ciencia en galego, acórdase nestas reunións conxuntas, coa participación tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a declaración de novembro como Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas en todas as bibliotecas. Como froito destes acordos puidemos contar cun lema e unha imaxe, cun manifesto asinado polo científico Ángel Carracedo, un folleto coas actividades programadas polas bibliotecas nodais en relación con esta temática, e no que tamén se recollían as imaxes dos carteis de Bibliotecas Escolares e a contextualización da proposta.

Varias bibliotecas viron publicadas na prensa as súas experiencias arredor da ciencia: CEIP de Cespón (Boiro), IES Xunqueira II (Pontevedra), EEI de Vide (As Neves) e IES Blanco Amor (Ourense). Unha morea de bibliotecas escolares traballou as ciencias de mil maneiras distintas coa súa colaboración ou liderado, creando moitos recursos de gran calidade e mostrando o seu bo facer. Algunha destas actividades e recursos foron recollidos na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia e servirán de exemplo para o traballo doutros centros.

Unha das achegas da Asesoría de Bibliotecas Escolares para este Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas foi a páxina web temática “Novembro: mes da ciencia en galego nas bibliotecas. Recompilación de materiais de ciencia en galego”, con diferentes seccións: “Ciencias varios” (páxinas xerais, programas, boletíns, xornadas, revistas, convocatorias, museos, exposicións...); “Ciencia en galego nas universidades” (con ligazóns aos seus programas); “Asociacións de ensinantes de ciencias e museos científicos”; “Materiais de xornadas e outros”; “Libros e unidades didácticas” (materiais en PDF); “Blogs de ciencias” (maioritariamente de profesorado de ciencias de institutos); “SXPL-ENLD. Recursos, boletíns e outros”; “A ciencia nas bibliotecas escolares (I)”; “A ciencia nas bibliotecas escolares (II)”; “Investigación na biblioteca escolar. ALFIN”; “Novembro Mes da Ciencia en Galego”; “Manifesto Ángel Carracedo”, e o “Pinterest Asesoría BE”. Esta última sección amosa unha recompilación, de maneira máis visual, de coleccións de libros informativos relacionados coa ciencia en galego que as editoriais levan publicado para a infancia e a xuventude. Recollelas significou enfrontar o feito de que é moi pouco, que dese pouco unha minoría é creada aquí e para nós, e que xustamente eses son os que están descatalogados e en vías de extinción.

A mirada no futuro

Non se pode negar que os centros educativos están a facer un esforzo encomiable para que a ciencia teña un lugar de honra nas bibliotecas escolares, tampouco que as unidades de apoio a esas bibliotecas van dando pasos moi importantes para posibilitar o seu traballo e que, unha vez máis, se demostrou que a mellor maneira de traballar para posibilitar cambios é facelo en colaboración, creando sinerxías e facendo posible abarcar máis ámbitos.

A biblioteca escolar é o laboratorio da información e a parada obrigatoria para a aprendizaxe de todas as áreas, dentro das súas funcións está a de ir recollendo recursos para cada área do currículo, recompilando fontes diversas e contribuíndo á normalización da lingua, a pesar da precariedade que presenta o sector editorial galego nalgúns contidos.

Un novo paso, que posibilitará outro e outro, no avance cara a esa biblioteca integral en continua mellora.