abalarMóbil

Unha aplicación que lles permite ás familias seguir a actividade educativa dos seus fillos

Manuel Ángel García Gómez
Asesor Siega-Abalar
 

Xa vai para dous anos que a aplicación para familias abalarMóbil comezou a funcionar nalgúns centros educativos de Galicia. A finalidade desta ferramenta non é outra que a de aumentar o achegamento entre o profesorado e as familias, xa que é unha aplicación que potencia a transmisión directa, a proximidade e, sobre todo, a celeridade a través do teléfono móbil desde calquera lugar, de forma cómoda e rápida.

 

Hai que sinalar que unha das principais vantaxes da aplicación é que simplifica o acceso ao espazoAbalar, xa que desde o dispositivo móbil non é preciso empregar o DNI electrónico nin un certificado dixital. Só é preciso descargar a aplicación desde o que axiliza o acceso e, de seguro, contribúe a incrementar o número de usuarios do espazo Abalar.

abalarMóbil pódese instalar tanto no teléfono móbil como nunha tableta, e  permítelles ás familias consultar a información de calquera dos seus fillos a través destes dispositivos.

A descarga desta aplicación faise dende Apple Store (se o sistema operativo é IOS) ou dende Play Store (se o sistema operativo é Android). 

As familias que descarguen a aplicación poderán consultar desde o seu dispositivo móbil as cualificacións dos seus fillos, consultar e xustificar as faltas de asistencia, as faltas de conduta, os horarios e as materias, así como os avisos ou notificacións por parte do profesorado ou do centro educativo.

A aplicación abalarMóbil está dispoñible para os pais, nais e titores legais do alumnado matriculado nos centros educativos de Galicia de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e PCPI. Tamén poden acceder os estudantes cando son legalmente responsables de si mesmos. Está á disposición das familias unha guía, na que se mostran as diferentes funcionalidades e servizos que os representantes legais poden utilizar desde o seu teléfono móbil, e un formulario para realizar consultas ou tramitar incidencias relacionadas coa aplicación abalarMóbil (https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/nova/abalarmobil).

A día de hoxe abalarMóbil está dispoñible para máis das 60.000 familias do alumnado matriculado en 150 centros das catro provincias galegas.

Nos próximos meses, o funcionamento de abalarMóbil ampliarase paulatinamente ao resto dos centros educativos. Cando estea plenamente funcionando en todos os centros educativos, van verse beneficiados preto de 500.000 usuarios galegos.

Sección: