Educación para a paz e non-discriminación

Este artigo, partindo da descrición dun plan elaborado en resposta ás variables muller e discapacidade, busca enfatizar a relevancia da educación emocional, considerándoa un medio óptimo para favorecer a integración de todas e todos. Pénsase que deste xeito as e os diferentes serían visibilizados como vehículo para medrar individualmente, profundizando no autocoñecemento e sendo aspecto enxergador das capacidades propias. Buscando máis claridade, este artigo estrutúrase do seguinte xeito: prólogo autobiográfico e descrición dun plan en vixencia do CERMI, análise da macroenquisa de violencia contra a muller en relación con variables e posta en valor da consideración persoal de que, para rematar con todo tipo de discriminación, é precisa a educación emocional nas aulas escolares.

Lucía Flora López Pérez
Mestra de Pedagoxía Terapéutica
lopezluci@gmail.com

 

Realmente toda aquela persoa que transite algunha vez na súa vida por situacións de discriminación polos máis diversos motivos, tras reflexionalo e maduralo, é obvio que sinta a pulsión de dalas a coñecer como fin terapéutico, perseguindo sanar. Aínda que esta actitude non busquea priori un fin impositivo, resulta que inintencionalmente funciona como acción-reacción: obriga os que están arredor a tomar parte. Estes poden posicionarse ou non, empatizar ou non e/ou mudar as súas actitudes para con futuras experiencias semellantes...ou non Esas sensibilidades, con menor ou maior forza, constitúen xeitos de expresar tan válidos coma as instauradas como normativas. Amais, levan implícito o valioso poder transformador. Poden servir como golpe na testa e mudar as crenzas e valores subxacentes ao xeito de actuar automático ante diferentes unións simbólicas. Poden cambiar a metodoloxía da resposta habitual, mudar a que non busca cuestionamento e segue pautas aprendidas por imitación das outras e outros pola reflexión autónoma. Autoxestión individual moi necesaria para a hixiene mental. Socialmente, poden mudar as actitudes sociais, engadindo novos matices, enriquecendo e ampliando o abano de posibilidades e mosaico vital. Realmente son moi lindas estas voces. E son paralelas ao nivel de conciencia social. Canto máis as teña en conta e máis aprecie as manifestacións das singularidades buscando o aprecio pola diversidade, máis elevado será este.

O sistema patriarcal, cristián e ultraconservador no que vivo xera graves situacións de violacións de dereitos humanos no trato coa unión muller-discapacitada. Nel conflúen dous eixes de discriminación: o do xénero e o da (dis)capacidade. Existe, por unha banda, a percepción social da dominación en todos os niveis dos homes cara ás mulleres e, pola outra, considérase que eses corpos diferentes, incapaces e enfermos non son normais. A interseccionalidade destes factores, ou solapamento, é a causa de moitas violacións, desigualdades e vulneracións dos dereitos fundamentais.

Nun estudo de igualdade realizado en consonancia coa Estratexia nacional para a erradicación da violencia contra a muller 2013-2016 referenciábase que, para a xuventude, as mulleres con discapacidade eran o grupo social en maior risco de sufrir violencia de xénero. Para realizalo, seleccionouse unha mostra de 2457 mulleres e homes da poboación residente en España no intervalo de idade comprendido entre os 15 e os 29 anos. Segundo a percepción das persoas enquisadas, as mulleres con discapacidade formaban o grupo de poboación co meirande risco de sufrir maltrato: grupo social con meirande porcentaxe de risco de sufrir violencia de xénero.

Como resposta a esta situación, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) elaborou un plan. Con iso, buscaba eliminar prexuízos, actitudes, discursos e prácticas que dificultaban que con este grupo social se puidese acadar unha situación real de igualdade de oportunidades. Este motivo fai que se enmarque dentro das medidas de acción positiva. Une discapacidade e feminismo ao non tomar como modelo o canon androcéntrico e ter en conta o impacto diferencial que o xénero produce.

No ámbito formal, hai que dicir que para a elaboración deste plan o CERMI tivo en conta o marco legal e executivo de referencia fundamental dos tratados internacionais de dereitos humanos,  como a Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller, adoptada polas Nacións Unidas no ano 1979, e a Convención sobre os dereitos das persoas con ciscapacidade, adoptada pols Nacións Unidas no ano 2006.

Complementariamente, tivéronse presentes outros documentos de relevancia, como, por exemplo, a Declaración do Milenio adoptada polas Nacións Unidas no ano 2000 e a Estratexia europea de discapacidade 2010-2020: un compromiso renovado para unha Europa sen barreiras. Tamén o segundo Manifesto das mulleres e nenas con discapacidade da Unión Europea. Unha ferramenta para activistas e responsables políticos, adoptado polo Foro Europeo da Discapacidade na súa Asemblea de 2011 e apoiada polo Lobby Europeo de Mulleres, permitiu instrumentalizar as sesións de traballo mantidas pola Comisión de Muller do CERMI para o establecemento das demandas que buscan neste plan. É un plan integral, busca a mellora das condicións de vida en global. Porén, faise necesaria unha abordaxe intersectorial, partindo do  pensamento de que é imposible considerar como compartimentos estanco e sen conexións entre si realidades que caracterizan a diversidade humana.

Para non perderse na gran diversidade, no Plan establécense uns eixes organizadores dos que derivan principios rectores. Estes determinan obxectivos estratéxicos dirixidos ás administracións, investigacións e lexislación. Mais todos eles se atopan supeditados a uns eixes transversais e sometidos a unha constante avaliación e seguimento. De feito, introdúcense medidas correctoras en función dos resultados operativos conseguidos. Existe un dinamismo estruturado pero flexible, sometido a cambios, coherente coa visión integral teórica da que parte.

Os eixes organizadores establecen as áreas concretas nas que se significou, a través de diferentes estudos, a existencia de importantes déficits no respecto dos dereitos humanos das mulleres e nenas con discapacidade, así como das mulleres coidadoras de familiares con discapacidade. Isto fai preciso establecer obxectivos e medidas que teñan como fin remover eses obstáculos e facilitar o libre exercicio nas mesmas áreas. Cada eixe inclúe o seu propio marco teórico de referencia, o que facilita o seu coñecemento e comprensión: marco normativo, conceptos relevantes, reivindicacións, así como descripción do estado actual da cuestión.

As diferentes áreas de traballo evidenciadas son:

- Concienciación, medios de comunicación e imaxe social

- Igual recoñecemento ante a lei e acceso efectivo á xustiza

- Violencia contra as mulleres e nenas

- Vida na comunidade

- Dereitos sexuais e reprodutivos

- Educación

- Saúde

- Traballo e emprego

- Nivel de vida axeitado e protección social

- Participación política

Os principios reitores que parten dos eixes organizadores son:

  • Independencia e autonomía persoal

Esta consideración implica evitar as actitudes paternalistas e sobreprotectoras que atentan contra a liberdade das persoas con discapacidade.

Asúmense como a capacidade de controlar, afrontar e tomar a propia iniciativa cara a como vivir de acordo coas normas e preferencias propias, sen inxerencias “ben pensantes”.

  • Respecto á diversidade

Aceptar que cada un é como é tendo en conta que todos teñen que ser respectados por ser. A visión reducionista da diversidade coma un todo monolítico impídenos aceptar outras e outros se se apartan moito do que nós cremos ser. É preciso que contemplemos a complexa realidade social como multidimensional, calidoscopio xerador de múltiples visións, todas igualmente merecedoras de aprecio, aínda que con algunhas teñamos máis afinidade, en principio, ca con outras.

  • Participación e inclusión

Principio que inspira un marco de relacións onde todas e todos teñen cabida sen discriminación de ningunha clase, sen mediar privilexios nin xerarquías. Horizontalidade plena. O que o fai incompatible coa idea de integración. Cando integras, asimilas e toleras, sen abandonar a túa cota de poder. Desde a posición de maioría hexemónica, deixas pasar esa minoría (que consideras inferior) e desde aí permíteslle estar, pero sempre dentro dese sistema relacional vertical. Incluír e participar é outra cousa. Deixar ser sendo ti. Algo moi diferente.

Tamén se dispón duns eixes transversais que afectan todo o plan. Son a igualdade, non-discriminación e accesibilidade. Este último é, baixo o meu criterio, a condición previa e necesaria que debe darse para que o exercicio dalgún dereito sexa posible.

Partindo de cada área de traballo, este plan busca establecer medidas, obxectivos estratéxicos, que actúen sobre as administracións públicas/organizacións sociais, as investigacións e a normativa lexislativa vixente. Apostando por un cambio global e sempre sometido a unha constante avaliación e seguimento, introducindo os cambios oportunos en función dos resultados operativos conseguidos (medidas correctoras).

Este plan leva en vixencia dous anos e a súa actuación non está sendo moi eficiente a xuízo do avance de resultados da Macroenquisa de violencia contra a muller 2015. Segundo esta, as mulleres que teñen un certificado de discapacidade con grao igual ou superior ao 33 % afirman que teñen sufrido violencia física, sexual ou medo das súas parellas ou ex-parellas nun 23 % dos casos (case 9 puntos por riba daquelas que non teñen cerficado de discapacidade). E estes resultados dan que pensar. A enquisa, que se realizou en colaboración co Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), aplicóuselle a unha mostra de 10.171 mulleres de 16 e máis anos, representativas da poboación feminina residente en España. A citada enquisa constitúe a operación estatística máis relevante que se realiza no Estado español sobre violencia contra a muller. Busca visibilizar a porcentaxe de mulleres residentes en España que sufriron ou sofren actualmente algún tipo de violencia polo feito de ser mulleres.

Este ano o cuestionario diferenciaba tipoloxía de violencia, pois tiña cinco bloques de cuestións dirixidos á violencia: psicolóxica de control, psicolóxica emocional, económica, física e sexual. Deste xeito, buscaba conseguir unha radiografía bastante precisa, baseada en datos, para así obter o máximo coñecimento do problema e deseñar actuacións eficaces para prever a violencia e asistir as mulleres na súa recuperación.

Considerando a macroenquisa, o plan do CERMI non amosa os resultados agardados. Así, para promover a non-discriminación e non-violencia con este colectivo (e extrapolando a nivel xeral), sería preciso buscar a participación da escola. Sería unha medida correctora buscando a actuación das mestras e dos mestres, así como das nenas e nenos (adultos do mañá). Ben certo é que, así percibido, o camiño non se fará a cuto prazo pois os beneficios derivados produciranse a longo prazo.

Ao afondar nos contidos educativos necesarios presupoñendo esta hipótese, estarían referidos á educación na competencia emocional: didáctica da construción de persoas equilibradas e xustas. Partindo de que a función principal deste tipo de intelixencia non sería coñecer en abstracto, senón acadar a felicidade e a dignidade só e co grupo, o autocoñecemento sería a peza clave: posibilitaría que isto sucedese. E para traballalo nas aulas, as e os docentes previamente deberiamos recibir formación nese eido.

Se nos remontamos a hai máis dun trienio (ano 2011), este aspecto xa fora evidenciado no XII Congreso Internacional da Teoría da Educación. Un importante relatorio nel recalcaba a necesidade do traballo da dimensión ética na docencia. Partían de que a formación ética era absolutamente necesaria para exercer optimamente e con calidade a profesión docente e esa dimensión era a grande esquecida nos plans de formación do profesorado nos diferentes niveis de ensino. Como diría Hortal (2002) “Non só queremos bos profesionais senón tamén profesionais bos, preocupados polo mundo que os rodea e poñendo a súa formación e coñecementos non só ao seu servizo senón ao servizo dunha sociedade mellor, máis xusta, máis equitativa, que defenda a igualdade de oportunidades e lle dea a cada un o seu”. Así pois, perseguindo este propósito, considero que as nenas e nenos guiados pola súa mestra ou mestre terían que traballar a identificación e autorregulación das súas emocións.

Paralelamente a isto e en clara conexión, esta habilidade repercutiría sobre a competencia social. Sería a referida á empatía cos outros. Esta habilidade posibilitaría a interacción construtiva. Interactuar para aprender. Sen etiquetaxe nin marcaxe previa, posto que a persoa xa non partiría dese modelo. Non serían compartimentos estanco os que delimitarían a cadaquén, senón unha fluidez na que a dinámica da dialéctica ou comunicación doutro xeito sería o que marcaría as fronteiras. Dinamismo sen barreiras previas.

A cuestión de xénero ou de (dis)capacidade xa carecería de base, pois as persoas serían vistas como únicas e excepcionais, independentemente das etiquetas (ou estigmas). García López e cols. (2010) deixan patente isto cando referencian que: “A meta social da docencia consiste na transmisión da cultura e a formación de persoas críticas". Persoas que non se deixen levar polas máscaras e identifiquen e valoren os individuos, exentos da etiquetaxe previa. Estes autores consideran que este é o ben que lexitima a docencia e que ten que ser escrupulosamente respectado polos que se dedican a ela se pretenden ser profesionais eticamente competentes.

Amais, as alumnas e alumnos que aprendan a relacionarse dende esta perspectiva dende pequenas e pequenos, acollerían as diferenzas como tesouros. Serían as que lles permitirían medrar nun maior grao. O afondar e explorar daríalles a descuberta de que eses rasgos peculiares manifestados pola outra ou outro tamén lles pertencen. Comprenderían que todo aquilo que identificaran noutra persoa sería delas ou deles tamén. Así pois, avogarían polo ben común buscando o benestar propio. Consecuentamente, desde esta empatía, a discriminación sería un sen sentido lóxico.

Igualmente, resultaría consecuente cos seus dereitos. En consonancia coa Declaración dos dereitos do neno (e da nena), adoptada polas Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, a educación pública de calquera país debería estar encamiñada a desenvolver a personalidade, as aptitudes e as capacidades mentais e físicas da nena ou neno ata o máximo das súas capacidades.

Educalos amando a liberdade e o respecto polas singularidades dos outros sería educalos incidindo na súa capacidade de exploración e autonomía. Reportaríalles, pois, unhas capacidades ilimitadas, que poderían desenvolver en diferentes contextos. Mais tamén esixiría unha grande responsabilidade e un elevado autocoñecemento. As capacidades serían consecuentes a ter conciencia de poder percorrer aquilo que reflexivamente sinta, con dereito e confiaza. E o que é máis importante se cabe, sentindo que a súa contorna ten grande importancia para o seu desenvolvemento. Porén, tratándoa ben. A educación emocional e social sería educación para a paz e non-discriminación de calquera tipo.

Mural casiña da felicidade: espazo libertario de formación feminista

 

 

Bibliografía: 

 

 

Comisión de Xénero do CERMI (2013-2016). II Plan integral de acción para mulleres con discapacidade.

Delegación do Goberno para a Violencia de Xérero (2015). “Macroencuesta de violencia contra la mujer 2015: avance de resultados”.

García Cabrero, B.; Loredo Enriquez, J.; Carranza Pena, G. (2008). “Análisis de la practica educativa de los docentes: pensamiento, interacción y reflexión”. REDIE , vol.10, n.spe. pp. 1-15. ISSN 1607-4041.

García López, R.;Verde Pelato, I.; Vázquez, V. (2001). “¿Por qué es necesario trabajar la dimensión ética en la docencia?” XII Congreso Internacional Teoría de la Educación, Barcelona.

Hortal, A. (2002). Ética xeral das profesións. Bilbao: Desclée.

Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (2013-2016) “Estratexia nacional para a erradicación da violencia contra a muller”.

Nacións Unidas, Asemblea Xeral:  “Declaración dos dereitos do neno: informe do Secretariado Xeral” (30 de novembro do 1990).

Nacións Unidas, Asemblea Xeral: “Estudo a fondo sobre todos os xeitos de violencia contra a muller. Informe do Secretariado Xeral”, A/61/122/Add.1 (6 de xullo do 2006).

Vázquez Verdera, V. E. e Escámez Sánchez, J. (2010). “La profesión docente y la ética del cuidado”. Revista electrónica de investigación educativa [on-line], vol.12, n.spe. Consultado o 20 de maio de 2015.

Sección: