Construtoras de dereitos, pioneiras da igualdade

Por unha xenealoxía feminina nos currículos escolares
No presente artigo expoñemos os contidos do proxecto coeducativo desenvolvido no IES Fontexería encadrado dentro do Plan Proxecta Donas de si. O proxecto xira ao redor de dous eixes temáticos complementarios: 1. A visibilización das achegas das mulleres á construción das nosas sociedades a través das diversas disciplinas escolares. 2. O coñecemento da historia da loita organizada das mulleres polos seus dereitos sociais e políticos.

M.ª Sonia Fernández Casal
Profesora de Matemáticas no IES Plurilingue Fontexería (Muros - A Coruña)
sonfercas@gmail.com

 

A posta en marcha deste proxecto no curso 2013/14 xorde da vontade dun grupo de docentes de traballar desde as aulas, de xeito planificado e coordinado, a prol da igualdade entre homes e mulleres. Partimos dunha percepción evidente, aínda que non cuantificada, sobre a escasa presenza no ámbito educativo das mulleres e as súas achegas á construción da sociedade. Coidamos que, ademais de ser unha situación inxusta para as mulleres que nos precederon na historia, esta exclusión dos currículos educativos supón unha forma de discriminación cara ás alumnas, ao privalas de modelos femininos cos que se identificar e que lles sirvan de estímulo en distintas facetas da súa vida, principalmente na profesional. Ademais, achega unha visión distorsionada da historia a alumnas e alumnos, o que sen dúbida ten consecuencias na súa asunción da igualdade entre homes e mulleres, así como na comprensión non só do pasado, senón tamén do presente e do futuro.

Co obxectivo de paliar esta situación propuxémonos, primeiramente, visibilizar desde varias materias as achegas de mulleres de diversos ámbitos: científico, literario, social..., labor que continúa a ser un dos eixes vertebradores do noso proxecto na actualidade. Coidamos que ao facer isto non só contribuímos á construción dunha maior igualdade entre mulleres e homes, senón que tamén axudamos a fomentar o espírito crítico no noso alumnado: a constatación da plena vixencia coa que conta un relato histórico e pretendidamente científico que exclúe o cincuenta por cento da humanidade debe de ser o xermolo da capacidade para se cuestionar outros relatos, mesmo dos saberes establecidos.

O segundo eixe sobre o que xira o noso proxecto, a historia do movemento feminista en occidente, pretende dar a coñecer que chegarmos a este presente imperfecto foi unha enorme conquista social que aínda na actualidade nos fornece de modelos de loita colectiva.

Os obxectivos que nos fixamos desde o comezo do proxecto hai xa máis de dous cursos son cos que seguimos a traballar actualmente:

  • 1. Transmitir coñecementos e sensibilizar o alumnado sobre a loita polos dereitos políticos e sociais das mulleres nas sociedades occidentais. Dar a coñecer as particularidades da realidade social e política da nosa contorna, así como os trazos propios da situación histórica de Galicia.
  • 2. Dar a coñecer os diferentes discursos misóxinos que ao longo da historia serviron para xustificar a subordinación das mulleres, os poderes e as figuras históricas que os lexitimaron, así como aqueloutros que os interpelaron en cada época.
  • 3. Capacitar o alumnado para identificar e analizar criticamente o sexismo presente na nosa sociedade, así como o androcentrismo dominante nos diferentes saberes.
  • 4. Fornecer o alumnado de modelos femininos que fixeron valiosas achegas  á sociedade en moitos ámbitos, valorando a historia de superación persoal fronte aos prexuízos da época de cada unha das mulleres estudadas.
  • 5. Mellorar as competencias, habilidades e destrezas expositivas de todo o alumnado, con especial atención á capacidade das alumnas para falar en público.
  • 6. Crear un grupo de traballo interdepartamental, plurianual e capaz de sumar profesorado cada curso, que promova a perspectiva de xénero nas programacións das diversas materias e na práctica educativa.

O xeito de traballar para conseguir estes obxectivos foi deseñar actividades encadrables dentro do currículo de diversas materias, o que lle proporcionou ao alumnado o tempo preciso para informarse, debater, opinar... Malia na actualidade a maioría das actividades estaren destinadas ao alumnado da ESO, na primeira edición do proxecto, no curso 2013/14 traballouse principalmente co alumnado de primeiro de BAC desde as materias de Historia Contemporánea, Filosofía, Ciencias para o Mundo Contemporáneo, Economía, TIC, Francés e Galego.

A planificación das actividades e a coordinación co alumnado ao que están destinadas segue a ser a parte máis complicada dun proxecto que aspira a chegar a todo o alumnado do centro, pero que está predeterminado pola especialidade didáctica e os cursos impartidos das profesoras e profesores participantes en Donas de si. Na primeira edición do proxecto eliximos centrarnos nun único nivel educativo, primeiro de bacharelato, para facilitar a coordinación das sete profesoras e profesores participantes no que considerabamos un curso con carácter “experimental”.

- Así, nas materias de Historia Contemporánea e Filosofía traballouse fundamentalmente a historia do feminismo, desde a Ilustración ata a actualidade. Empregáronse recursos diversos, como artigos de libros de texto, a proxección da película A condesa rebelde, sobre a figura de Emilia Pardo Bazán coa unidade didáctica que a acompaña, e a exposición de Mulleres na Historia, de 60 láminas, que estivo exposta nos corredores do centro durante tres semanas e ao redor da cal se impartiron varias charlas ao alumnado.

- Nos temas de antropoloxía incluídos na materia de Filosofía, traballouse a construción cultural da identidade sexuada, facendo especial fincapé nos estereotipos de xénero. Analizáronse tamén as achegas da teoría feminista aos conceptos de cidadanía e ética, dos que o alumnado realizou mapas conceptuais que reflectisen o aprendido.

Mapa conceptual filosofía feminista, así como traballos dixitais sobre a noción e construción dos estereotipos de xénero na nosa cultura a través das películas de Disney e da publicidade

 

- Na materia de Economía analizouse o mercado laboral, así como diversos convenios laborais desde unha perspectiva de xénero, comprobando as diferenzas nas condicións laborais segundo sectores de actividade e empresas. Analizouse tamén a situación do emprego feminino nos concellos de Muros e Carnota e afondouse na análise do mercado de traballo, o problema do desemprego e as condicións laborais das mulleres.

- O alumnado de TIC, dependente da mesma profesora, realizou o vídeo Sementando igualdade: o traballo fóra do fogar, sobre o traballo das mulleres campesiñas e obreiras en Galiza de finais do século XIX e principios do XX. Para a realización deste vídeo pescudáronse fotos históricas, especialmente da comarca, sobre as actividades laborais desenvolvidas polas mulleres desde que hai rexistros gráficos.

- Desde a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo abordouse a situación das mulleres na ciencia, como científicas e como obxecto de estudo da ciencia. Analizouse o papel das Ciencias Naturais na desaparición e no mantemento de numerosos prexuízos, incluídos os de xénero. Fomentouse unha actitude crítica entre o alumnado sobre o alcance real do coñecemento científico, dedicando especial atención a estudos pseudocientíficos divulgados nos medios de comunicación que contribúen a reproducir e lexitimar o sexismo.

 - Na materia de Francés partiuse da iniciativa dun centenar de mulleres francesas que en agosto do 2013 lle reclamaron ao presidente francés Françoise Hollande unha maior presenza feminina no Panteón de París, onde repousan 73 grandes personaxes da historia de Francia. Dos 73, só dúas son mulleres, e unha delas está alí en calidade de “esposa de”. Nas aulas analizáronse noticias relativas a esta información e animouse o alumnado a que fixese a súa escolla particular sobre que mulleres francesas designarían para unha primeira entrada ao Panteón. As escollidas no curso 2013/14 foron Olympe de Gouges, Simone de Beauvoir e Camille Claudel. O alumnado realizou traballos sobre estas mulleres e viuse unha película sobre a escultora e as dificultades que tivo que afrontar na súa vida para se poder dedicar á escultura.

- Na materia de Galego traballáronse textos de Rosalía de Castro nos que se analizou a denuncia da autora sobre a situación da muller e víronse na aula varios vídeos sobre “a cuestión feminina” durante o Rexurdimento.

- Ao redor do 8 de marzo déronse charlas sobre as orixes desta celebración, creouse cartelería para o centro e acolleuse a exposición Con Nome de Muller, facilitada pola Secretaría Xeral de Igualdade, sobre as experiencias de diversas mulleres emprendedoras.

Exposición Mulleres Emprendedoras

 

No curso 2014/15 o número total de docentes comprometidos a prol da igualdade no centro aumentou, aínda que a participación directa en Donas de si diminuíu. Isto foi debido a que se abriu unha liña nova de actuación encadrada dentro do Proxecta: 365 días de respecto e igualdade, de prevención da violencia de xénero e a prol de relacións igualitarias entre homes e mulleres. As actividades desenvolvidas no marco que aquí nos compete foron as seguintes:

- Na materia de Francés, partiuse da busca e análise por parte do alumnado de frases célebres de mulleres ou sobre as mulleres e elaborouse o vídeo Phrases Féminisme a partir da escolma realizada.

Co alumnado de segundo de bacharelato continuouse o exercicio comezado no curso 2013/14 de propoñer mulleres da cultura francófona que polos seus méritos se consideren merecedoras de estaren enterradas no Panteón en París. Fíxose, ademais, o seguimento da proposta de “feminización” do Panteón parisiense anunciada polo Goberno de Hollande logo da campaña iniciada en 2013 por feministas francesas.

- Na materia de Inglés, traballouse co alumnado a historia do movemento sufraxista americano a través do vídeo Bad romance: women´s suffrage  e a unidade didáctica sobre este elaborada para tal fin.

Tamén se abordou desde esta materia a figura de Jane Austen desde unha perspectiva protofeminista, analizando na película Pride and Prejudice a importancia do matrimonio como única perspectiva vital para as mulleres das clases medias e altas na sociedade inglesa dos séculos XVIII e XIX, así como as ríxidas expectativas socias ao redor da educación e o comportamento das mulleres.

Desde o Departamento de Inglés realizouse tamén co alumnado a tradución parcial do vídeo realizado o curso anterior sobre as condicións laborais das mulleres obreiras en Galicia nos séculos XIX e principios do XX. O resultado foi o vídeo Women at work gravado co alumnado de terceiro da ESO.

- Desde a materia de Matemáticas coordinouse co alumnado de terceiro da ESO a realización e exposición de traballos sobre mulleres matemáticas ao longo da historia, facendo especial fincapé nas dificultades que enfrontaron estas mulleres para poderen estudar matemáticas.

Á proxección e análise, a través das unidades didácticas elaboradas pola SXI, das películas A condesa rebelde e A visitadora de cárceres sobre Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, respectivamente, sumouse neste curso as visitas guiadas á cidade de Ferrol en clave feminista, e á Casa Museo de dona Emilia Pardo Bazán, que tiveron moi boa acollida entre o alumnado.

- Desde a xefatura do equipo de dinamización e normalización lingüística organizouse a celebración do Primeiro Día das Galegas nas Letras, dedicado á escritora Xela Arias.

Cartel Xela Arias

 

 Os alumnos leron poemas en todos os niveis educativos do centro. Previamente explicóuselle a todo o alumnado os motivos polo que se optou por realizar esta celebración: como protesta polo escaso compromiso da RAG coa visibilización das autoras femininas. Desde o Departamento de Lingua e Literatura Galega promoveuse tamén a realización por parte do alumnado de traballos sobre a historia do movemento feminista en occidente e sobre todo en Galicia.

 Feminismo en Galicia

 

- Na materia de Lingua Española e Literatura coordinouse a lectura de textos, por parte do alumnado, do libro Mujeres, de Eduardo Galeano. A partir desta obra realizáronse video-textos con imaxes de internet dos textos “Sacrílegas”, “Campeonas”, “El derecho a la valentía” e “Las mujeres son personas”, con temáticas relacionadas cos dous plans proxecta coeducativos desenvolvidos no instituto.

Coidamos que os exemplos aquí expostos abondan para amosar o enfoque que escollemos para traballar os obxectivos que nos marcamos hai xa máis de dous cursos. Gustaríanos salientar que o obxectivo máis ambicioso, ao noso entender, de conseguir crear un grupo de traballo estable e con capacidade de sumar profesorado cada curso parece conseguido. Na actualidade somos 14 profesoras e profesores traballando de xeito coordinado en diversas temáticas relacionadas coa igualdade entre homes e mulleres, e a nosa capacidade de facer visible o labor desenvolvido ten mudado, sen dúbida, a percepción que o alumnado ten sobre a importancia que o centro lle dá a esta cuestión. Un paso previo imprescindible para conseguirmos que elas e eles lle dean tamén a importancia que inevitablemente vai ter a igualdade de oportunidades nas súas vidas.

Sección: