La educación artística no son manualidades

Nuevas prácticas en la enseñanza de las artes y la cultura visual/ María Acaso, 2009, Catarata, Madrid

 

A autora neste libro vincula a educación artística cos procesos intelectuais que xeran coñecemento a través da linguaxe visual, sen que desaparezan os procesos manuais e descentrándoos e situándoos nun lugar non medular. Isto é moi necesario entendelo así, posto que non podemos esquecer que o concepto co que máis se adoita relacionar a educación artística é co de manualidades.

Para que un produto visual non sexa catalogado de manualidades é necesario realizalo en base a tres premisas: proceso, creatividade e coñecemento. Analiza a importancia do visual na nosa sociedade en relación coas pedagoxías aparentemente invisibles e altamente tóxicas, expón os modelos xerais que se desenvolven desde esta área de estudo e presenta unha proposta concreta a partir dunha educación das artes e da cultura visual desde unha perspectiva innovadora en consonancia co mundo que nos rodea: o currículo-placenta.

Termos como pedagoxía tóxica, currículo oculto visual, educación bulimia, paixón pola ignorancia ou cuestións como a de se educar é ou non posible son as que establecen o percorrido deste libro nos contextos formais e non-formais.

María Acaso propón unha serie de estratexias para seguir, tendo en conta que a educación é un proceso de interpretación e esta é sempre subxectiva. Dinos que os postulados nos que se basean os currículos oficiais son exemplos do que denomina “pedagoxías tóxicas”. Unha das claves que baralla consiste en empregar a arte contemporánea como contexto idóneo para concienciar o espectador do que está ocorrendo no mundo.

Aprender a analizar a cultura visual é necesario. Se non se incorporan estas imaxes como unha práctica habitual, a percepción social do que se debe facer na aula de plástica seguirá sendo a mesma.

 

María Teresa González Rodríguez

teresagr@du.xunta.es

CFR de Lugo

Sección: