Skip to Content

Animación á lectura

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL DE SAN FRANCISCO

O MARTES 28  E O VENRES 31 DE MAIO OS CATIVOS DE 6º DE INFANTIL VISITARON A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE SAN FRANCISCO, ONDE REALIZARON ACTIVIDADES DE ANIMACIÓN Á LECTURA.

24 DE OUTUBRO DÍA DAS BIBLIOTECAS


No C.E.I.P. Amadeo R. Barroso quixemos celebrar con Libriño o día das bibliotecas con diversas actividades, entra no BLOG da biblioteca para poder velas.

SELECCIÓN DE POEMAS DE VALENTÍN PAZ ANDRADE

 

CANDO TI VOLVAS

 

NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,

que dende a Torre de Hércules ao Miño

un facho acenderá por cada illa,

cando ti volvas polo mare;

de toxo unha fogueira en cada monte,

cando ti volvas polo mare;

dos castros na coroa unha cachela,

cando ti volvas polo mare;

unha loura candea en cada pino,

cando ti volvas polo mare;

o seu cirio de frouma os alciprestes,

cando ti volvas polo mare;

luces de ardora branca en cada mastro,

cando ti volvas polo mare;

un farol mariñeiro en cada dorna,

cando ti volvas polo mare;

veliñas á xanela en cada casa,

cando ti volvas polo mare;

e as pérolas das bágoas derramadas,

cando ti volvas polo mare;

cando ti volvas polo mare...

 

Galiza, 1954

 

 

 

CANTARELA DO CANTEIRO

 

Plim-plim, plim-plim, plim-plim...

Con sílaba de ferreiro

canta, canta,

os minerais sonos debullando,

plim-plim, plim-plim, plim-plim...

canta, canta o teu cincel.

...

O teu arte, canteiro,

arte maior do pico e da marreta,

qué xeolóxico verso,

na castidade crúa do perpiaño

labrará para min?

...

Plim-plim, plim-plim, plim-plim...

As voces unisílabas da pedra,

só por túa mao, canteiro,

se xuntaron

ao pentagrama máxico do mundo.

Samil (Vigo), 1959

 

 

 

TRIADAS DO VENTO NO MAR

 

Verde vento polas leiras

e vento azul polo mar,

panos da mesma bandeira.

Quen fora vento, meu mar

e sobre o teu lombo brando

puidera o corpo deitar!

Quen fora o vento poboado

de polen e de cantigas

e malvises namorados!

Quen fora o vento que rube

a refrescar as estrelas

despois de folgar coa nube!

Quen fora xinete alado

de ardor e de vidro feito

sobre das olas montado!

 

 

O BARCO DE SOMBRAS

 

Para Xosé Núñez Búa

...Despois da meia noite de Vilaxoán partían...

Polo peirao durmido vultos de homes da vila

pouco a pouco engulidos por un barco sen luces

a pasarela entrando en alongada fila.

...

Cando o pesqueiro boga da Illa para Sálvora

repican a maitíns as monxas dun convento,

as luces de Riveira e de Aguiño esmorecen,

o mar saúda o barco coa súa mao ao vento.

...

Alá fica Rianxo con Castelao de fora,

e Povoa do Deán sen don Ramón senlleiro.

Despois o barco vira a costa de Pondal

para ter da liberdade o rumo verdadeiro.

Ao doblar Ortegal no roteiro de Franza,

as cantábricas puntas de Galiza dixeron:

Adeus fillos da Terra as alleas ciscados

e que Deus vos recolla no anaco que nos deron!

...

De aqueles que unha noite de Vilaxoán partiron

poucas malvas darían camposanto da Terra.

A dispersión, a praga bíblica de Galiza,

nos exiliados roe como cinzas da Guerrra.

 

 

Pousa Nova do Mar,

San Xoán, 1976

 

 

 

O QUE TODO GALEGO CHORARÍA

 

Chora, Terra, teu pranto xeneroso.

O que todo galego choraría,

en roda de multánime silenzo

e ollares abatidos

sobor do longo corpo derrubado

que fora vivo mastro en loita núa;

perto daqueles beizos, seca fonte

da verba nunca de antes máis belida;

do peito petrucial, refrorecido

de mapoulas pampeiras,

que envexan a nacencia das chorimas;

xunto das postas maos voltas ao xelo,

onde a eito agromaron da súa arte,

no cerne da galega patronía,

vizosas primaveras.

 

 

AS PALABRAS

 

Vén o ar ateigado de palabras,

cada mañá chamando aos nosos vidros,

para por a xermolar son e semente.

As palabras decote están falando

e somos nós os xordos á mensaxe

que no seo das sílabas carrexan.

 

 

 

CANTIGA MATINAL DE SAMIL

A cabalo da mañá

teño unha baranda nova,

para escoitar a riveirana

de luces de cada aurora.

Bañado na onda do mare

e peneirado na brisa

entre as palmas do mencer

entrou encoiros o día.

A gasa da néboa ao lusco

ten remendos amarelos,

que lle botan á mañá

as roupas dos bolicheiros.

 

 

CANTARELA DO CAMIÑANTE

 

As bruxas de Vozqueimado

deixan as vasoiras fóra,

para tornar enmeigado

ao que camiña a deshora.

Lobo na sombra enfoulado

que cando aos vultos oubeas

pos o silencio esgazado,

feito farrapos de teas.

 

 

 

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2011

O 17 de maio, como xa sabedes, celebrouse en toda  Galicia o día das letras galegas, adicado este ano a Lois Pereiro. Con tal motivo na nosa escola realizamos actividades diversas para coñecer a este escritor e fomentar asi mesmo o uso da lingua galega.


Actividades que se desenrolaron ó longo de toda a semana pasada e tamén desta: visionado de películas en galego, lectura dos carteis expostos nos pasillos que narran a vida de Lois Pereiro, selección e lectura de libros en galego desde a biblioteca do centro, redaccións, poesías, realización nos ordenadores das actividades recomendadas polo seminario GALAN, documentais na pizarra dixital...


 


POESÍAS PARA A NOSA ÁRBORE

Os nenos de 5 anos queremos facer un agasallo a todas as árbores no día que empeza a primavera, e que mellor forma de facelo que con poesías.





Distribuir contido


by Dr. Radut