Skip to Content

Taboleiro

Festa de fin de curso

O pasado mércores 20 de xuño celebramos no cole a fin do curso cunhas atraccións interactivas e uns talleres de tatuaxes e chapas. Houbo alguén que se emocionou tanto cos talleres que acabou cheo de chapas e tatuaxes. 

Excursión á Cidade da Coruña

O pasado martes 19 de xuño o noso alumnado realizou unha visita cultural á cidade da Coruña. Alí visitaron a Casa das Ciencias e o Planetario, o DOMUS e o Acuario. Foi unha viaxe moi longa, pero os nosos nenos e nenas aguantaron coma campións. Foi un día espléndido no que nos acompañou o bo tempo. 

 

Renovamos o noso cole

O pasado día 9 de xuño renovamos o interior do noso cole para facelo un pouco máis acolledor e bonito. Démoslle luz e cor coa nova decoración e puxemolo un pouco máis á moda.

 

Horario de xuño

 

Estimadas familias:

Lembrámosvos de que, ao igual que en anos anteriores, a partir deste venres 1 de xuño e ata o remate das clases, iniciaremos a xornada continua, polo que o horario de clases do alumnado será de 9:00h a 14:00h.

 O servizo de comedor vai incluído neste horario.

Un saúdo,

A Responsable do centro.

 

 

 

Aprendemos hábitos de vida saudable

O martes 22 recibimos unha charla sobre os hábitos necesarios para ser mozos e mozas saudables. Algunhas das recomendacións que nos deron foron comer de todo, vixiando os excesos de azucres e graxas e aprendimos como comer equilibradamente. Tamén nos aconsellaron durmir entre 8 e 10h diarias, facer deporte e relacionarnos cos nosos compañeiros e compañeiras. Xogamos uns xogos relacionados coa temática, e por portarnos tan ben déronnos uns agasallos moi chulos. 

 

Celebración do Día das Letras Galegas

O pasado mércores 16 de maio celebramos no colexio o Día das Letra Galegas que este ano conmemora á escritora Mª Victoria Moreno Márquez. Para iso, os rapaces e rapazas agrupáronse en 3 grupos e tiveron que resolver varias probas sobre a vida da autora para poder coñecela un pouco mellor. Despois, elaboramos un mural tamén sobre ela, o cal represetaba unha das obras da autora: "Mar adiante". Aprendimos un montón e puidemos coñecer un pouco máis a Mª Victoria, quen sendo estremeña, namorouse de Galicia e da súa fala, sendo un gran exemplo para nós. 


O Salgueiriño Estudante e as flores por vir

A semana pasada, aproveitando o bo tempo e os inicios da primavera, plantamos, coa axuda do mestre de Relixión, a árbore que nos enviou a Deputación de Ourense para conmemorar o día da Árbore e a Auga. A árbore é un salgueiro que se chama Camilo Séptimo, xa que os rapaces e rapazas decidiron chamalo así. Confiamos en que as súas raíces sexan teimudas e consiga crecer moito para dar sombra nos veráns. 

Tamén, aproveitando que estivemos aprendendo xardinería cultivamos uns rosais de cores diferentes para decorar un pouco a fachada do colexio e uns bulbos que esperamos que florezan pronto para gabarnos de ter mans verdes.

Velaí tendes algunhas fotos.


Día do Libro

O pasado 23 de abril celebramos na Biblioteca do Concello o Día do Libro. Esta festividade, que conmemora a morte de Miguel de Cervantes de Saavedra e William Shakespeare, entre outros escritores famosos; serve para motivar a nenos e nenas a adquirir hábitos lectores e gozar da lectura. Para iso, na biblioteca escribimos nun mural qué é para nós un libro. 

Tamén contamos coa participación de pais e nais do alumnado, que nos leron algún conto ou libro. Asemade fixeron acto de presencia varias personalidades importantes, coma o alcalde do Concello de Beariz, Manuel Prado, quen nos honrou cun pouquiño do seu tempo e nos leu un relato de Rafael Dieste, co que puidemos reflexionar. 

Foi un día moi productivo e aprendemos varias moralexas a partir dos contos que nos leron.

Podedes ver algunhas fotos na seguinte presentación

 

 

Día da auga e da árbore na Ínsua dos Poetas

O xoves 22 de marzo celebramos o Día da Árbore, da Auga e da Poesía, na Insua dos Poetas, preto do Carballiño.

Participamos oito centros educativos: IES nº 1, IES Manuel Chamoso Lamas, os CPR Colexio Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro, o CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo, e o CEIP Nosa Señora de Xuvencos - Boborás, e como centro convidado, o colexio CPR Santa María de Ourense. O acto foi organizado polo CEIP Nosa Sra de Xuvencos (Boborás), e contou coa asistencia de numerosas autoridades.

Cada centro elixiu unha palabra vencellada coa auga e despois realizou unha actividade relacionada coa mesma. Así, léronse textos dramatizados, cantáronse cancións e se realizaron coreografías.

A palabra que escollemos en Beariz foi PINGUIÑAS porque, aínda que son diminutas,coa súa constancia chegan a formar lagos, charcos e mesmo manantiais, e os galegos e galegas temos a mesma constancia que teñen as pinguiñas de auga.

Ao rematar as representacións, plantamos unha árbore fronte ao escenario da Ínsua dos Poetas, é un carballo americano que esperamos que medre moito nos vindeiros anos.

Estivo presente a TVG que retransmitiu en directo para o programa A Revista e tamén saímos no telexornal da TVG. Tendes máis abaixo un enlace ao telexornal do día 22/03/18 e algunhas fotos do evento.

No TELEXORNAL DO MEDIODÍA a partir do minuto 34:51 http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/telexornal-mediodia-3689670

Visitamos CastroDeza

O pasado martes 20 de marzo visitamos CastroDeza en Lalín onde aprendimos dun xeito interactivo, moderno e divertido un pouquiño máis sobre a cultura castrexa. Traballamos con barro e mesmo aprendemos a empregar unha fusaiola e o liño nun especie de tear. 

Pasámolo moi ben e desfrutamos moitísimo!!

Aquí tendes algunhas fotos da visita.

Distribuir contido


by Dr. Radut