O recuncho da lingua

Unha postal de Nadal, que mellor agasallo!

Este Nadal tivemos a oportunidade de ter entre nós a un grupo de maiores da residencia DomusVi de San Lázaro, que se achegaron ao noso cole para recoller as postais de Nadal que todo o alumnado lles preparou. Recibímolos na biblioteca, onde lles cantamos unha panxoliña, e despois, uns representantes de cada curso entregaronlles as postais feitas polos seus compañeiros e compañeiras. Eles agasalláronos cunhas bolsas de chuches que fixeron as delicias de todos.

Foi un día moi emotivo! Pincha nesta primeira foto, para poder velo:

Moitísimas grazas a todo o alumnado polo seu traballo, aos traballadores e traballadoras da Residencia que fixeron posible este encontro e, como non, aos nosos maiores que nos deleitaron coa súa presenza.

Enredando coa lingua

Calquera motivo é propicio para ampliar o noso vocabulario e mergullarnos na nosa cultura. Pero se de algo pode presumir a nosa lingua é de ser rica en refráns, ditos e frases. Témolos para calquera época do ano, acompañando as celebracións, as colleitas, as conmemoracións... Por iso, dedicámonos de novo a "enredar coa lingua", facendo unha recollida tanto de refráns e ditos como de pratos que adoitamos preparar no Nadal. Velaí unha mostra do traballo feito por todo o alumnado!

                                  

O Taboleiro da lingua

O taboleiro da lingua segue a dar os seus froitos. Comezamos o trimestre cunha proposta faciliña: CARANTOÑA. Axiña os máis avezados deron co seu significado e fixéronnolo saber deixando pouco a pouco a súa pegada no taboleiro.

A seguinte proposta, foi todo un reto! GALLAMOUTO, pero aos nosos e ás nosas pescudadores e pescudadoras nada se lles resiste e logo comezaron a chover no taboleiro respostas moi atinadas, como se de gotas de auga se tratara.

A terceira palabra que fixo a súa aparición no taboleiro, viña moi a conto co tempo que estabamos a vivir, co tempo do magosto: ZONCHO. Aínda que neste caso levou un pouco máis dar co seu significado, logo apareceron colares de zonchos debuxados no taboleiro.

Enredando coa lingua

Aproveitando a riqueza da nosa lingua e as celebración do tempo de outono, o noso alumnado fixo unha meritoria recolleita de cantigas, refráns e adiviñas que deixamos reflectido neste taboleiro. 

Botádelle unha ollada!

 

     

 

O Taboleiro da lingua

Coas dúas últimas achegas do taboleiro da lingua, quixemos coa primeira delas facer unha homenaxe a lingua de Rosalía, traballando a palabra MORRIÑA. Termo que tan presente está nas súas poesías.

Coa segunda achega e xa a derradeira do trimestre, pensamos nun termo máis divertido e cheo de expresividade como é a palabra ENLARAFUZAR.

 

Enredando coa lingua

Con motivo da conmemoración do Día da Muller, o pasado 8 de marzo, enchemos o mural de Enredando coa Lingua cunha nube de palabras, que ían converxendo cara a palabra estelar dese día IGUALDADE.

Moitas grazas ao alumnado de 5º EP por colaborar na súa elaboración.

 

O Taboleiro da lingua

Rematamos este primeiro trimestre con dúas propostas en sintonía co tempo cronolóxico, a primeira delas foi CHOUPÍN. Termo utilizado para designar un dos cogumelos máis prezados e comúns, que enchen durante o outono os nosos bosques e prados: a "Macrolepiota Procera". Aínda que non é unha palabra de uso habitual, logo aprendemos a utilizala e a recoñecela.

E xa, a derradeira palabra do noso taboleiro do primeiro trimestre do curso, era de obriga que falase do tempo de Nadal. Que mellor escolla que o termo PANXOLIÑA, facendo referencia aos cantos de Nadal, que escoitamos nesta época, e cos que amenizamos os vídeos sorpresa do Calendario de Advento do noso cole.

Moitísimas grazas a todo o alumnado que participou polas súas achegas!!

Dígocho eu!

Continuando coa proposta do curso pasado, puxemos en marcha de novo O taboleiro da lingua

Nesta ocasión decidimos dar un pasiño máis e enviamos a nosa proposta ao ¨Dígocho eu¨ da TVG, sónavos? 

Mirade....

Para iso pedímoslles a Carme e Diana se nos botaban unha man, de xeito que explicasen en que consistía o noso taboleiro.

Agardamos ter sorte e recibir a visita de Esther Estévez para poder gravar con ela un capítulo, e que nos poida ensinar moitas palabriñas novas coas que xogar.