blogue deadmin0

Campaña Fai un trato co galego!

Para o desenvolvemento do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a levar a cabo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega creou unha conta de Instagram:@edlglopezferreiro. Nesta conta estanse a subir os apoios das familias do alumnado do Equipo 21 e doutras persoas significativas que colaboran, desde os seus inicios, hai dous cursos, coa nosa campaña Fai un trato co galego!

Animámosvos a sumarvos a esta iniciativa remitíndonos os vosos vídeos ao correo electrónico do EDLG: edlglopezferreiro@gmail.com. No Concello, onde onte presentamos a nosa campaña, xa nos están a apoiar!

8M con Caamaño e Ameixeiras

O López Ferreiro conmemorou o 8M, coa actuación do dúo galego de música folk tradicional galega Caamaño & Ameixeiras. Coa acordeonista Sabela e coa violista e vocalista Antía, celebramos o Día Internacional das Mulleres, unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na nosa sociedade.

Este concerto, organizado polo EDLG do noso centro, desenvolveuse grazas á iniciativa dos Contratos-programa Inclúe (CPInclúe), nos que estamos a participar, concretamente do IGUÁLA-T.

Novo blog FAI UN TRATO CO GALEGO!

O EDLG do CEIP López Ferreiro, quere convidarvos a acceder ao seu novo blog, Fai un trato co galego!

A través del poderedes seguir o proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a desenvolver no centro.

Esta é unha proposta que está a realizar, sobre todo, o alumnado de 5º e 6º de Primaria. A través dela quérese convidar a todos e a todas a xogar, a relacionarse e a atender en galego!

Remate do programa 21 días co galego e máis.

O programa dos 21 días co galego e máis chegou á súa fin. Durante o tempo no que se desenvolveu esta proposta no centro, leváronse a cabo moitas actividades lúdicas como xogos tradicionais nos patios, karaoke, tatuaxes... Tamén se realizaron entrevistas, campañas para animar a falar galego, con recollida de sinaturas incluída, e visitáronnos, para contarnos historias e para falar con nós da importancia da nosa lingua, moitas persoas significativas en diferentes ámbitos laborais e da cultura: Rosa Aneiros, Encarna Otero, Fernanda Fernández, Celso F. Sanmartín, Irene Lourido, María de la Fuente, Montse Pena, Irene Lampón, Xusto Rodríguez, Ana Viña, Lois Trigo, Ana Domínguez, Mané Bello, Anxo Fernández e Ana Rodríguez.

O martes, día 6, tivemos o peche oficial e contamos coa presenza de Helena Villar. Non podiamos ter a ninguén mellor para clausurar este programa xa que ela, docente e escritora, pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación.

Pero este programa tamén nos permitiu facer un fin de festa coincidindo co Entroido que, pese ao mal tempo, puidemos desfrutalo cun pequeno desfile e un concerto, da banda Ruxe-Ruxe (con tres pases!), nas instalacións interiores do centro.

O alumnado gozou moito coa música da banda, que combina o rock con sons tradicionais galegos.

 

Aínda nos queda pendente un encontro na Cidade da Cultura, o próximo día 21 de febreiro, e unha videoconferencia co Dígocho eu!, o 29 do mesmo mes.

Queremos que saibades que a nosa campaña a favor do galego vai continuar e, para iso, animámosvos a que sigades os nosos blogs: O niño de pombas Fai un trato co galego.

En breve, empezaremos a desenvolver o noso Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, do que vos iremos dando conta.

Inauguración do Programa 21 días co galego e + 2024!

Hoxe inauguramos o Programa dos 21 días co galego e + 2024! O acto desenvolveuse no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación e nel participou todo o alumnado, profesorado e persoal docente e non docente do CEIP López Ferreiro.

Na mesa de inauguración estiveron: Dna. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; D. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; D. Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; D. Jesús M. Álvarez, director xeral de Centros e Recursos Humanos e Dna. María del Carmen Montero, directora do CEIP López Ferreiro.

Como persoas convidadas asistiron: Jesús Torres (director da Biblioteca Pública Ánxel Casal); Lois Trigo (exdirector do centro); Rosa Aneiros (xornalista e escritora); Teresa Carballido (representante da ANPA); Purificación Galán (coordinadora territorial dos EDLG da Coruña); Carmen Nogueira e María Manuela Leis (asesoras da SXPL).

O acto concluíu co alumnado facendo voar uns helicópteros de papel que iniciaron simbolicamente os 21 días!

Deixámosvos aquí os enlaces ao calendario de actividades, á noticia no telexornal e ao Portal Educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

 

21 días e + 2024 no López Ferreiro

Mañá comeza a aventura dos 21 días co galego e + 2024. Inauguraremos o programa no noso centro!!!

Deixámosvos aquí as cancións elixidas para o karaoke, por se queredes ir ensaiando, o modelo para elaborar os helicópteros que faremos voar e as recomendacións lectoras que nos fan desde a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal. 

Seguídenos a través desta web e no blog dos 21 días co galego.

 

Distribuir contido