Curso 23_24

Visita ao Servizo de Normalización Lingüística da USC

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do noso centro foi recibido polas persoas responsables do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Máis de 50 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro, desprazáronse ata o SNL, no Campus Sur.

Quixeron presentarlles a última fase da campaña fai un trato co galego! Aquí atendemos en galego. Tamén lles achegaron o adhesivo co que premiamos a quen se compromete co noso idioma.

Manuel N. Singala, Xusto Rodríguez e Manuel Bermúdez interesáronse polo traballo que levamos a cabo no centro, pola opinión que a nosa campaña lles merecía e a súa utilidade. Animaron a esta rapazada a seguir desenvolvéndose en galego. 

Agasalláronnos cunhas bolsas dunha iniciativa deste Servizo: Témoslle LEI.

Catálogo de xogos

Queremos presentarvos o Catálogo de Xogos que elaboramos este curso, no marco do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística (Proxecta+) que estamos a desenvolver.  É unha guía dixital de enredos, un traballo no que participaron todos os ciclos do centro e que amosan que nesta escola se xoga en galego. Esta proposta realizouse grazas á colaboración do Equipo de Plan Dixital e recorreuse, maioritariamente, ao Libro da Memoria, elaborado polas aulas Maruxa e Coralia.

Animádevos a botar man deles, estes xogos forman parte da cultura que nos é propia! Premede na imaxe para acceder.

ABRIL FOI O MES DOS LIBROS NA BIBLIOTECA HELENA VILLAR

No mes no que se celebra o Día do libro, a biblioteca Helena Villar quixo renderlle  unha homenaxe con variadas formas de lectura (e de escritura).

Así, o 3 de abril compartimos con Marisa Irimia contos que viñan do Vietnam, do Chad e de Noruega. Presentounos mediante  a técnica do kamishibai, e foi todo un éxito do que gozaron as familias e a cativada para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

En horario lectivo, o alumnado de 5º explorou con Charo Pita as Xeografías máxicas da Península Ibérica, coas que pronto se compoñerá un podcast no que se dará a coñecer as figuras míticas ligadas a determinados lugares ou accidentes xeográficos e as súas historias.

Tamén o alumnado de educación infantil participou da biblioteca creativa, mediante o obradoiro Borranchobot: descubrindo  a electricidade  a través da arte, co que aprenderon o funcionamento dos circuítos eléctricos elaborando unha creación artística en equipo ao tempo que exploraron as posibilidades dos circuítos.

E os Encontros lectores continuaron as súas xuntanzas, nas que, ademais, recibimos a visita de Alba Míguez e Damián Gómez, autores de Os vagalumes de Marí, un dos títulos seleccionados. As nenas e os nenos, así como as súas familias, intercambiaron impresións e mesmo levaron tatuaxes creados por Alba e Damián.

E o día 30, entregáronse os premios do concurso de poesía “Versos que flotan” e do “Concurso de portadas coas familias”. Emoción e nervios polo recoñecemento a un traballo que xoga coa beleza das palabras e coas emocións que as historias lidas nos transmiten.

En resumo, na época da alfabetización múltiple, diferentes formas de ler na biblioteca Helena Villar do CEIP López Ferreiro.

Todas estas actividades desenvolvéronse grazas á dotación económica do PLAMBE, así como aos programas de Lectura e familias, Club de lectura, Radio na biblio e Biblioteca creativa, nos que o centro tamén participa.

LA GRANDE LESSIVE – THE GREAT LAUNDRY – A GRAN BOGADA

O pasado 21 de marzo levamos a cabo unha actividade de concienciación sobre a importancia da auga para o planeta.

É unha actividade que se realiza en moitos colexios de distintos países, a longo do mapa. Participamos na actividade por invitación do colexio co que temos o intercambio en Lingua Inglesa, Petite École de Paris, de Brest, que nos visitará en breve.

Deixamos imaxes dos traballos realizados polo noso alumnado de 6º e imaxes dos traballos realizados por distintos cursos do colexio bretón.

O enlace á páxina onde podedes informarvos máis sobre o tema é https://www.lagrandelessive.net/avec-ou-sans-eau/

 

 

 

Campaña Fai un trato co galego!

Para o desenvolvemento do Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a levar a cabo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega creou unha conta de Instagram:@edlglopezferreiro. Nesta conta estanse a subir os apoios das familias do alumnado do Equipo 21 e doutras persoas significativas que colaboran, desde os seus inicios, hai dous cursos, coa nosa campaña Fai un trato co galego!

Animámosvos a sumarvos a esta iniciativa remitíndonos os vosos vídeos ao correo electrónico do EDLG: edlglopezferreiro@gmail.com. No Concello, onde onte presentamos a nosa campaña, xa nos están a apoiar!

8M con Caamaño e Ameixeiras

O López Ferreiro conmemorou o 8M, coa actuación do dúo galego de música folk tradicional galega Caamaño & Ameixeiras. Coa acordeonista Sabela e coa violista e vocalista Antía, celebramos o Día Internacional das Mulleres, unha xornada para reivindicar a igualdade e facer balance sobre a situación das mulleres na nosa sociedade.

Este concerto, organizado polo EDLG do noso centro, desenvolveuse grazas á iniciativa dos Contratos-programa Inclúe (CPInclúe), nos que estamos a participar, concretamente do IGUÁLA-T.

Novo blog FAI UN TRATO CO GALEGO!

O EDLG do CEIP López Ferreiro, quere convidarvos a acceder ao seu novo blog, Fai un trato co galego!

A través del poderedes seguir o proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, que estamos a desenvolver no centro.

Esta é unha proposta que está a realizar, sobre todo, o alumnado de 5º e 6º de Primaria. A través dela quérese convidar a todos e a todas a xogar, a relacionarse e a atender en galego!

Remate do programa 21 días co galego e máis.

O programa dos 21 días co galego e máis chegou á súa fin. Durante o tempo no que se desenvolveu esta proposta no centro, leváronse a cabo moitas actividades lúdicas como xogos tradicionais nos patios, karaoke, tatuaxes... Tamén se realizaron entrevistas, campañas para animar a falar galego, con recollida de sinaturas incluída, e visitáronnos, para contarnos historias e para falar con nós da importancia da nosa lingua, moitas persoas significativas en diferentes ámbitos laborais e da cultura: Rosa Aneiros, Encarna Otero, Fernanda Fernández, Celso F. Sanmartín, Irene Lourido, María de la Fuente, Montse Pena, Irene Lampón, Xusto Rodríguez, Ana Viña, Lois Trigo, Ana Domínguez, Mané Bello, Anxo Fernández e Ana Rodríguez.

O martes, día 6, tivemos o peche oficial e contamos coa presenza de Helena Villar. Non podiamos ter a ninguén mellor para clausurar este programa xa que ela, docente e escritora, pon e puxo en valor a lingua galega como vehículo de transmisión e reivindicación.

Pero este programa tamén nos permitiu facer un fin de festa coincidindo co Entroido que, pese ao mal tempo, puidemos desfrutalo cun pequeno desfile e un concerto, da banda Ruxe-Ruxe (con tres pases!), nas instalacións interiores do centro.

O alumnado gozou moito coa música da banda, que combina o rock con sons tradicionais galegos.

 

Aínda nos queda pendente un encontro na Cidade da Cultura, o próximo día 21 de febreiro, e unha videoconferencia co Dígocho eu!, o 29 do mesmo mes.

Queremos que saibades que a nosa campaña a favor do galego vai continuar e, para iso, animámosvos a que sigades os nosos blogs: O niño de pombas Fai un trato co galego.

En breve, empezaremos a desenvolver o noso Proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística, do que vos iremos dando conta.

Exposición Pegadas de Paz

Neste 30 de xaneiro, día escolar da paz e da nonviolencia, os Equipos de Extraescolares, EDLG e Plan Dixital, en colaboración co profesorado, quixemos dar visibilidade ás Pegadas de Paz que o alumnado deixa no seu paso pola escola. 

Achegádevos pola entrada de Xasmíns para visitar a nosa exposición ou premede no enlace para coñecela con máis detalle.

ENAPA no CEIP López Ferreiro: As novas tecnoloxías como ferramenta educativa

A tecnoloxía está presente en todos os ámbitos das nosas vidas. A educación non pode estar allea  a esta realidade, e dentro da alfabetización múltiple que nos demanda a sociedade, as ferramentas dixitais hai que aprender a usalas dun xeito crítico.

Con todo, é un mundo que xera temores, inquedanzas e dúbidas. Para tentar clarificar algunhas destas cuestións, o martes 23 de xaneiro acompañounos a xornalista María Lobo, que tamén é membro de AGARESO, entidade na que traballa en proxectos de alfabetización mediática e comunicación para a transformación social.

Partindo dunha situación real de acoso polo uso do móbil entre maiores, demostrou como controlando o que a xente sabe, contrólase á xente. Polo tanto, nun contexto de igualdade ante o acceso a ferramentas dixitais como son os centros públicos, hai que aprender a usalas dun xeito crítico para contrastar datos e información, consultar fontes e profundizar nos feitos dun xeito analítico.

 

Distribuir contido