ABRIL FOI O MES DOS LIBROS NA BIBLIOTECA HELENA VILLAR

No mes no que se celebra o Día do libro, a biblioteca Helena Villar quixo renderlle  unha homenaxe con variadas formas de lectura (e de escritura).

Así, o 3 de abril compartimos con Marisa Irimia contos que viñan do Vietnam, do Chad e de Noruega. Presentounos mediante  a técnica do kamishibai, e foi todo un éxito do que gozaron as familias e a cativada para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

En horario lectivo, o alumnado de 5º explorou con Charo Pita as Xeografías máxicas da Península Ibérica, coas que pronto se compoñerá un podcast no que se dará a coñecer as figuras míticas ligadas a determinados lugares ou accidentes xeográficos e as súas historias.

Tamén o alumnado de educación infantil participou da biblioteca creativa, mediante o obradoiro Borranchobot: descubrindo  a electricidade  a través da arte, co que aprenderon o funcionamento dos circuítos eléctricos elaborando unha creación artística en equipo ao tempo que exploraron as posibilidades dos circuítos.

E os Encontros lectores continuaron as súas xuntanzas, nas que, ademais, recibimos a visita de Alba Míguez e Damián Gómez, autores de Os vagalumes de Marí, un dos títulos seleccionados. As nenas e os nenos, así como as súas familias, intercambiaron impresións e mesmo levaron tatuaxes creados por Alba e Damián.

E o día 30, entregáronse os premios do concurso de poesía “Versos que flotan” e do “Concurso de portadas coas familias”. Emoción e nervios polo recoñecemento a un traballo que xoga coa beleza das palabras e coas emocións que as historias lidas nos transmiten.

En resumo, na época da alfabetización múltiple, diferentes formas de ler na biblioteca Helena Villar do CEIP López Ferreiro.

Todas estas actividades desenvolvéronse grazas á dotación económica do PLAMBE, así como aos programas de Lectura e familias, Club de lectura, Radio na biblio e Biblioteca creativa, nos que o centro tamén participa.