Biblioteca

ABRIL FOI O MES DOS LIBROS NA BIBLIOTECA HELENA VILLAR

No mes no que se celebra o Día do libro, a biblioteca Helena Villar quixo renderlle  unha homenaxe con variadas formas de lectura (e de escritura).

Así, o 3 de abril compartimos con Marisa Irimia contos que viñan do Vietnam, do Chad e de Noruega. Presentounos mediante  a técnica do kamishibai, e foi todo un éxito do que gozaron as familias e a cativada para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

En horario lectivo, o alumnado de 5º explorou con Charo Pita as Xeografías máxicas da Península Ibérica, coas que pronto se compoñerá un podcast no que se dará a coñecer as figuras míticas ligadas a determinados lugares ou accidentes xeográficos e as súas historias.

Tamén o alumnado de educación infantil participou da biblioteca creativa, mediante o obradoiro Borranchobot: descubrindo  a electricidade  a través da arte, co que aprenderon o funcionamento dos circuítos eléctricos elaborando unha creación artística en equipo ao tempo que exploraron as posibilidades dos circuítos.

E os Encontros lectores continuaron as súas xuntanzas, nas que, ademais, recibimos a visita de Alba Míguez e Damián Gómez, autores de Os vagalumes de Marí, un dos títulos seleccionados. As nenas e os nenos, así como as súas familias, intercambiaron impresións e mesmo levaron tatuaxes creados por Alba e Damián.

E o día 30, entregáronse os premios do concurso de poesía “Versos que flotan” e do “Concurso de portadas coas familias”. Emoción e nervios polo recoñecemento a un traballo que xoga coa beleza das palabras e coas emocións que as historias lidas nos transmiten.

En resumo, na época da alfabetización múltiple, diferentes formas de ler na biblioteca Helena Villar do CEIP López Ferreiro.

Todas estas actividades desenvolvéronse grazas á dotación económica do PLAMBE, así como aos programas de Lectura e familias, Club de lectura, Radio na biblio e Biblioteca creativa, nos que o centro tamén participa.

Comezan as actividades na Biblioteca Helena Villar

A auga, elemento esencial da vida, sempre estivo e está presente na vida da xente galega, no seu vocabulario, nas súas tradicións, nas crenzas, na literatura…

Este curso, o proxecto documental integrado da biblioteca Helena Villar do López Ferreiro, basearase neste constituínte vital. Así, compartiremos experiencias co colexio Le petit Paris” de Brest, en Francia, e desenvolveremos entre o noso alumnado os obxectivos 6 (Auga potable e saneamento), 11 (Acción polo clima) e 14 (Protexer a vida mariña) da axenda 2030 aprobada pola ONU.

Como unha misteriosa regadeira do cantar de Rosalía, as tarefas do proxecto deixarannos o seu orballo en forma de ideas creativas que animarán ás nenas e aos nenos a buscar información e a difundila en diversos formatos.

Mentres, hai que potenciar o hábito lector, polo que as mochilas viaxeiras xa empezaron  os seus percorridos e, a partir do 25, comezaremos as actividades fóra do horario lectivo para alumnado e familias.

 


O LÓPEZ FERREIRO CO DÍA DO LIBRO

No CEIP López Ferreiro tamén se celebrou o Día do Libro. 

Hai moitas formas de ler, e Paula Carballeira achegounos unha das máis divertidas, a do mundo do teatro, dentro do programa de Lectura e familias no que o noso centro participa.
E como vén sucedendo desde hai sete anos, convocouse o Concurso de poesía desde a biblioteca escolar. Este ano ano, tivo por título Ecopoemas, e as nenas e os nenos que a xuízo do xurado mereceron o premio, puideron ir ata unha libraría para mercar o seu agasallo. Como se comproba pola foto, nada mellor que fotografarse na praza de Cervantes en Compostela para tan sinalada data.
Pero as celebracións polo Día do Libro non van rematar este mes, xa que no mes de maio organizarse un mercadiño solidario, do cal se ofrecerá cumprida información.
Porque a lectura, sempre funciona cando se comparte.
 

MARGARITA LEDO NO LÓPEZ FERREIRO

Durante todo o mes de marzo, recibimos no López Ferreiro a MULLERES IMPRESCINCIDIBLES NA VIDA DE COMPOSTELA (Helena Villar Janeiro, Encarna Otero, Marisa Vidal…), o que, ademais de ser unha realidade, é tamén o título da proposta coa que o noso centro participa no programa Donas de si, coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Para rematar o mes por excelencia da Muller, Margarita Ledo, chairega de nacemento pero santiaguesa de adopción, ofreceu unha conferencia ao alumnado de 6º do CEIP López Ferreiro.

Esta pioneira das artes audiovisuais, transmitiu ás nenas  e aos nenos a súa paixón polo cinema como un medio expresivo para a transmisión de emocións; pero sobre todo, como un medio de reinvidicación da loita das mulleres, da loita pola lingua, da loita contra a opresión...

Amosoulles, asemade, diferentes creacións súas e demostroulles que todas e todos posúen un gran potencial creativo.

No López Ferreiro aprenderemos a reflexionar e a tomar conciencia crítica a partir das súas obras. Entre elas, cun libro do que Margarita é autora e que nos deixou como agasallo: O serrote do Gil.
 
Máis información en: https://edlglopezferreiro.blogspot.com/

Blog da biblioteca

Distribuir contido