Curso 23_24

ESTÁ BEN! unha proposta sobre a inclusión e a diversidade

Teatro en inglés con "Face 2 Face Theatre Company"

Aínda que xa teña pasado o día, queremos compartir con vós un pouco da experiencia da actividade do teatro en inglés.

Esperamos que teña sido do agrado de todo o noso alumnado. A impresión que tivemos foi que desfrutaron moito do espectáculo.

A compañía Face 2 Face, representou para o alumnado de E.I e 1º de ciclo de educación primaria a obra “Jack and the Giant” e para o alumnado de 3º a 6º de educación primaria, “Trouble in the Jungle”.

Chega o momento dos agradecementos: ao alumnado por participar de forma tan activa, ás familias por confiar na proposta da actividade, ao persoal docente e non docente do centro por colaborar e axudar na organización do evento (titoras e titores especialmente) e ao persoal da Escola de Maxisterio, que nos facilitou a utilización do Salón de Actos.

Inicio do "Colecamiños"

Na mañá do 30 de novembro, trinta nenas e nenos apareceron nas portas do López Ferreiro vestidos cos chalecos amarelos do Colecamiños. Así que desde esta data, xa se pode facer uso deste programa, desenvolvido pola Concellaría de Mobilidade, coa colaboración da Policía Municipal de Santiago.

A iniciativa, que partiu da ANPA do centro,  pretende fomentar a autonomía e a socialización do alumnado, ademais de reducir o tráfico rodado das proximidades do centro de ensino.

Deste xeito, a comunidade educativa do López Ferreiro, tamén apoia o desenvolvemento dos obxectivos 11, 13 e 17 da Axenda 2030.

Obradoiros co CEE Navalón: Unha aprendizaxe baseada na experiencia

A educación non só se produce mediante a adquisición de coñecementos, senón que tamén pode (e debe) estar presente en calquera experiencia.

Iso foi o que aconteceu no López Ferreiro o 30 de novembro entre o alumnado de 5º e de 6º de primaria e o do CEE Navalón. Mediante obradoiros de carpintería, de construcción, de cerámica, de restauración e de costura, o alumnado do Navalón, que actuou como persoal monitor dos talleres,  amosoulle ao noso que todas e todos posuímos características, habilidades e potencialidades que nos fan únicas  e únicos.

En definitiva, unha mañá de traballo baseada na socialización, no respecto, na empatía e na colaboración mutua. Pode haber mellor aprendizaxe?

Obradoiro: Cambio climático.

O alumnado de 5º e 6º de primaria participou en dous obradoiros organizados por CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e de Divulgación Ambiental de Galicia) no que traballaron sobre as consecuencias ambientais, sociais e económicas do cambio climático que condicionarán o noso desenvolvemento.

Os obradoiros complementáronse coa exposición “Cambio climático. O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”. Esta exposición pretende dar a coñecer a todos os galegos e galegas o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia.

O ano da cabaza

O Samaín deste curso celebrámolo ao redor dun froito típico do outono: a cabaza. Buscamos a inspiración en artistas de diversos ámbitos (Andy Warhol, Yayoi Kusama, Kandinsky, Mondrian, Irma Stern,...) e nas súas obras pictóricas, fotográficas, de receitas de cociña, de tradición oral, musicais,...

Un Samaín con moito arte!!

O CEIP López Ferreiro no Portal da Lingua Galega

Nestes días previos á conmemoración do Samaín e á celebración dos magostos, o EDLG do CEIP López Ferreiro compilou, en colaboración coas familias, esta selección de refráns e ditos da tradición oral relacionados con estas datas. Algúns deles tamén se presentan en linguaxe pictográfica para que os poida entender o alumnado con dificultades de comunicación.
 
 

O CEIP López Ferreiro participa no programa 21 días co galego e +

A pasada semana presentamos no centro o programa 21 días co galego e +, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nesta sexta edición participan por primeira vez centros só de Educación Infantil e Primaria. Seremos dez escolas en total de toda Galicia, o que é unha honra!

 Despois dunha primeira sesión formativa e informativa das persoas que coordinamos os Equipos de Dinamización da Lingua Galega nos centros, con Pilar Ponte e Roxelio García que, á súa vez, coordinan o programa, teremos unha xuntanza presencial na nosa escola con todo o claustro, o día 2 de novembro. 

Mentres achegamos un resumo da información que recibimos. Só tedes que premer na imaxe.

Obradoiro contra o discurso de odio

O alumnado de 6º de primaria participou nunha iniciativa de Compostela Solidaria na que afondaron sobre o discurso de odio, a súa orixe e sobre todo, as súas consecuencias.

Para concretar o aprendido gravaron un pequeno programa de radio, dirixidos por Rocío Cadahía, xornalista da asociación Agareso coa que o noso colexio colabora habitualmente.

Distribuir contido