Os motores de Patelo

O pasado 11 de outubro, o alumnado de 6º,  tivemos o pracer de desfrutar dunha actividade preciosa que nos preparou o avó dun alumno xunto cun amigo seu. Ofrecéronse a facer algo para completar a materia de Robótica. E ese "algo" resultou ser unha experiencia única, moi interesante, diferente e entrañable tamén. Neste, que quere ser un resumo da actividade, quero plasmar todo o agradecemento e fascinación que sentimos, en nome de alumnas, alumnos e no noso tamén.

Adoitan facer este tipo de presentacións a alumnado maior, incluso universitarios. Tamén as fan para representantes de 70 países que se reúnen de forma periódica en Vigo. Polo tanto a súa dúbida era se o noso alumnado estaría interesado, dúbida típica de quen sendo un xenio engrandece aínda máis coa modestia que amosa. Suxeríronnos que viramos algún vídeo no canal de Youtube Motores Patelo e por suposto pareceunos algo moi especial. Entre eles hai un da súa participación no programa "El Hormiguero 3.0". 

Imaxinade o entrañable que poden resultar dous personaxes que viviron con paixón a súa profesión, que aínda seguen a sentir esa mesma paixón xa xubilados, ata o punto de querer  transmitila ás novas xeracións e de facelo de forma maxistral.

 As rapazas e rapaces non perdían ollo do que vían, nin palabra do que oían. Para eles todo aquilo que lles trouxeron estes dous amigos eran tesouros. Para nós tamén.

Imaxinade a estampa de dous poñentes que trasladan todos os seus recursos nun carro (con coidado máximo), para despregalos con mimo ante nos e deleitarnos ademais con vídeos e relatos épicos das súas experiencias. Imaxinade tamén que veñen acompañados dun  "chofer" (avó tamén deste alumno). E sen ver nada máis, non vos parece unha experiencia realmente especial?

Creo que o título da peza que elixín como fondo musical resúmeo moi ben: "Whisper of a Thrill", "O murmurio dunha emoción". 

Agora déixovos tamén unha modesta reportaxe gráfica para que poidades asomar un pouquiño ao que nós vivimos.