Animación á lectura

Cambiache o conto de Pinto & Chinto

Éxito Literario no Club de Lectura de primeiro ciclo.

Ao longo do primeiro trimestre o Club de Lectura de segundo de Educación Primaria realizou unha enriquecedora actividade centrada na obra "Cambiache o Conto" dos recoñecidos autores Pinto & Chinto. Como en ocasións anteriores, esta actividade, non só implicou a lectura do libro, senón que se converteu nun apaixonante concurso de coñecementos literarios entre o alumnado participante.

A lectura levouse a cabo en diferentes espazos: na propia aula, no acolledor espazo da biblioteca escolar e nas súas casas, onde nenos e nenas se mergullaron nas páxinas cheas de maxia e aventuras de "Cambiache o Conto". A lectura colectiva na aula, ademais de promover o hábito da lectura, xerou animadas conversas sobre os personaxes, a trama dos contos e as diferencias atopadas co final dos contos tradicionais en que se baseaban.

A fase máis emocionante da actividade foi o concurso de lectura co que rematamos, onde tres equipos, cheos de ilusión e coñecemento, competiron para responder ás 54 preguntas desafiantes sobre o libro. Todos os nenos e nenas participantes demostraron a súa profunda comprensión da trama e a súa capacidade para extraer mensaxes e leccións da obra. O concurso non só puxo a proba as súas habilidades lectoras, senón que tamén fomentou a colaboración e o traballo en equipo.

Impresionounos o nivel de participación e dedicación do alumnado, xa que das 54 preguntas só dúas quedaron sen contestar. Cada equipo ofreceu respostas enxeñosas e demostrou o seu compromiso coa lectura e comprensión de "Cambiache o Conto". Ao remate do concurso entregáronse diplomas ao equipo gañador e un agasallo a todas as persoas participantes como recoñecemento ao seu traballo e esforzo.

A actividade foi un éxito de participación e competición, e conseguiu reforzar o sentido de comunidade no Club de Lectura. O equipo de biblioteca do centro valora moi positivamente este tipo de iniciativas para fomentar o gusto pola lectura e destaca como actividades interactivas como esta poden repercutir positivamente no desenvolvemento das habilidades de comprensión lectora.

Coa realización de actividades coma esta ponse de manifesto que a combinación de lectura e concurso literario pode ser unha fórmula poderosa para cultivar o amor polos libros entre os nenos e nenas máis cativos.

Viva a aventura literaria na aula!


 RECURSOS EDUCATIVOS PARA O CLUB DE LECTURA


 

Acollida de Tesouros Esquecidos na Biblioteca Escolar


Un ano máis, o equipo da biblioteca levou a cabo unha actividade especial destinada a rescatar tesouros literarios esquecidos na nosa biblioteca. Baixo o suxestivo título de "Son un libro esquecido e quero ser acollido", a biblioteca abriu as súas portas para redescubrir libros depurados das súas coleccións que, con agarimo, buscan atopar un novo fogar no corazón dos lectores.

A actividade, que tivo lugar nas dúas últimas semanas do 1º trimestre, e contou coa participación entusiasta da nosa comunidade educativa, que revisaron un mundo cheos de historias que se foron descartando co paso do tempo. Cada libro ten a súa propia historia e, ás veces, hai que darlles unha segunda oportunidade.

É emocionante ver como o alumnado se mergulla nestes libros esquecidos. Cada un ten o seu encanto e aporta algo especial ao mundo da literatura.

A actividade non só reavivou o interese pola lectura, senón que tamén serviu para lembrar a importancia de preservar a diversidade de voces e perspectivas na biblioteca escolar. Os libros expurgados, en lugar de quedar relegados ao esquecemento, atoparon unha nova oportunidade de ser amados e apreciados polas xeracións vindeiras.

Todo o alumnado se animou a levar estes libros rescatados para casa, coa esperanza de que se convertan en fontes de inspiración e entretemento. Con esta actividade pretendemos, desde a biblioteca escolar, ademais de dar unha nova vida aos libros expurgados, reforzar a nosa aposta pola diversidade literaria e o fomento da lectura como porta a mundos inexplorados.

Encontros o autor: Manuel Fontemoura

O luns 4 de decembro de 2023 visitou o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro o escritor Manuel Martínez, máis coñecido polo noso alumnado dos Clubs de Lectura de 5º e 6º de Educación Primaria, como Manoel Fontemoura, autor do libro A nena do vestido de flores, libro que traballarán ao longo do curso escolar 2023/2024. O libro A nena do vestido de flores conta a historia de Dania Vitoria, unha nena de once anos, sendo una nena normal soamente ten una pequeña diferencia con respecto aos seus compañeiros e compañeiras é unha nena Asperger. 

A sesión planificada polo equipo de Biblioteca consistiu na realización de cinco obradoiros centrados no teatro e nos contos populares.

A primeira das sesión realizouse co alumnado de Educación Infantil onde os contos foron o centro de interese.

A segunda das sesión realizouse con alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria onde os contos e a forma de contalos foi o centro de interese desta segunda sesión.

A terceira sesión foi co alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria iniciándoo ao alumnado no teatro e como tema central as diferenzas entre o alumnado.

A cuarta sesión foi co alumnado de 5º de Educación Primaria onde afondamos en distintas técnicas de dramatización e a importancia de traballar e visibilizar ao alumnado invisible e poder comprendelos e axudarlles.

A quinta sesión foi co alumnado de 6º de Educación Primaria continuando coa mesma temática e estratexias realizadas co alumnado de 5º de Educación Primaria.

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria interesouse polo libro  A nena do vestido de flores.

Foi un día marabilloso onde o teatro e a visibilización dos compañeiros e compañeiras invisibles fíxonos reflexionar sobre o que non vemos por non fixarnos máis.

 

Mi nombre es Skywalker

O Clube de lectura de 5º de curso de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, elixiu como primeiro libro “Mi nombre es Skywalker” de Agustín Fernández Paz da Editorial SM/ Barco de Vapor.

O libro foi traballado na última semana do mes de setembro e nas dúas primeiras do mes de outubro. O libro Mi nombre es Skywalker trata sobre un home que só pode ser visto polos nenos, Skywalker, pasa todos os días de pé na porta do supermercado pedindo axuda ou diñeiro á xente, xa que é moi pobre. Raquel, unha nena curiosa, descobre o seu secreto e comeza a falar con el. No fondo, é unha metáfora interesante subxace a este conto: a xente pobre aparece como invisible aos nosos ollos de adultos. Pero os nenos son máis sensibles e poden percibir o lado escuro da sociedade. Coa selección deste libro o obxectivo e ensinarlles a transitar un camiño de amizade e solidariedade convértese entón nunha boa idea.

Actividade 1: Lectura

  • Lectura colectiva en voz alta.

Actividade 2: Análise das personaxes

  • A presentación das personaxes protagonistas e os comentarios que suscitou a súa chegada deu pé para traballar os prexuízos: entenderon perfectamente que as primeiras impresión son importantes, pero non definitivas e que, a maior parte das veces, as cousas non son o que parecen.

Actividade 3: Traballo de contidos da área de lingua

  • O texto serviu como práctica para traballar os contidos que estabamos dando na aula nese momento: os verbos (tempos verbais, conxugacións), pronomes, tipos de oracións.

Actividade 4: Ilustración

  • O alumado realizaron debuxos das personaxes en diferentes situación e con diferentes calidades, o que nos permitiu afondar nos contidos relacionados cos adxectivo.

Actividade 5: Elaboración da guía de lectura.

  • O alumado realizou dixitalmente a guía de lectura deste libro.

Actividade 6: Elaboración do audiolibro.

  • O alumado realizou dixitalmente o audiolibro

 

audilibro_minombreesskywalker

Actividade 7: Concurso sobre o libro.

  • O alumado realizou por grupos o concurso sobre a compresión do libro.

Actividade 8: Kahoot.

  • O alumado realizou individualmente a compresión do libro a través do Kahoot.

EN GALEGO:

EN CASTELÁN:

Actividade 9: Conclusión/valores

Despois da lectura fixemos un mapa conceptual sobre os valores que se poden extraer da historia.

 


 RECURSOS EDUCATIVOS PARA TRABALLAR O LIBRO


  • Guía de lectura. Word. Pdf.
  • Guía de lectura (castelán). Word. Pdf.
  • Preguntas para o concurso de lectura. Word. Pdf.
  • Preguntas para o concurso de lectura (castelán). Word. Pdf
  • Audiolibro. Enlace
  1. Prólogo.
  2. Capítulo I.
  3. Capítulo II.
  4. Capítulo III.
  5. Capítulo IV.
  6. Capítulo V.
  7. Capítulo VI.
  8. Capítulo VII.
  9. Capítulo VIII.
  10. Capítulo IX.
  11. Capítulo X.

Celebración da semana da ciencia en Galego

Éxito rotundo na celebración do Día da Ciencia en Galego no noso Centro Educativo.

O pasado martes 28 de novembro de 2023 o noso centro educativo sumouse á celebración do Día da Ciencia cunha xornada chea de aprendizaxe e diversión en lingua galega. Este evento, que busca promover a difusión do coñecemento científico, contou coa destacada participación do profesor de química e valioso membro da nosa comunidade educativa, David Bruzos.

Alumnado de todas as idades tiveron o privilexio de gozar de tres fascinantes obradoiros impartidos polo experimentado profesor Bruzos. O obxectivo principal da iniciativa era incidir na difusión do coñecemento científico na nosa lingua galega, fomentando así o interese pola ciencia dun xeito próximo e accesible.

Durante o día, o alumnado mergullouse nun mundo de cores e luces, explorando de xeito lúdico as bases de diversos fenómenos físicos e químicos. A creatividade e a curiosidade uníronse nun ambiente de aprendizaxe único, onde os nenos e nenas científicas participaron activamente en experimentos que non só estimularon a súa mente, senón que tamén lles proporcionaron unha experiencia práctica e memorable.

O profesor David Bruzos, co seu enfoque dinámico e participativo, conseguiu captar a atención do alumnado, aclarando dúbidas e potenciando o espírito investigador en cada un deles. Os obradoiros foron deseñados para adaptarse aos diferentes niveis educativos, garantindo que todas as persoas participantes puidesen gozar e aprender segundo os seus coñecementos e habilidades.

A comunidade educativa mostrouse entusiasmada e satisfeita con esta iniciativa, destacando a importancia de contar con actos que reforcen o vínculo entre a aprendizaxe e a lingua galega. O Día da Ciencia en Galego converteuse así nun fito memorable no noso centro educativo, subliñando o noso compromiso coa excelencia académica e a promoción do coñecemento científico na nosa lingua materna.

Agradecemos a todas as persoas participantes, especialmente ao profesor David Bruzos, por contribuír ao éxito desta celebración do Día da Ciencia no noso centro educativo. Estamos ilusionados por seguir potenciando o amor pola ciencia e a aprendizaxe en lingua galega en futuras iniciativas educativas.

Ata a próxima celebración científica!

Actividade de relaxación e preparación mental para o alumnado de primeiro ciclo


Na procura de fomentar a conexión entre a mente e a lectura, o Club de Lectura de primeiro ciclo do noso colexio organizou unha actividade única e enriquecedora dirixida ao alumnado de primeiro curso. A actividade está dedicada a preparar mentalmente aos lectores novos mediante a práctica de mindfulness e exercicios de ioga, creando un ambiente propicio para mergullarse no marabilloso mundo dos libros.

A actividade comezou cunha breve introdución sobre a importancia da relaxación e a concentración antes da lectura. Os estudantes foron guiados pola mestra María, experta en mindfulness e ioga, que os leva a través de exercicios destinados a calmar a mente e reducir o estrés, proporcionando un espazo tranquilo e receptivo para a posterior actividade lectora.

Durante a sesión de mindfulness, os nenos e nenas participaron en prácticas e exercicios de respiración consciente para centrar a súa atención no momento presente. Estas técnicas axudan a disipar calquera ansiedade e crear un ambiente propicio para a concentración, preparando así aos lectores novos para mergullarse nas historias que explorarán máis tarde.

A continuación, as sesións pasaron á práctica de ioga, onde introducimos os estiramentos suaves e posturas que fomentan a relaxación e a flexibilidade. A combinación destas prácticas físicas e mentais proporcionou ao alumnado as ferramentas necesarias para liberar a tensión e mellorar a súa preparación para a actividade lectora.

Tras a sesión de relaxación, os nenos e nenas volveron ás súas cadeiras, onde se mergullaron na lectura de contos especialmente seleccionados para captar o seu interese e espertar a súa imaxinación. A tranquilidade e o enfoque acadados durante a actividade de relaxación reflectiuse na participación activa e o evidente goce do alumnado ao mergullarse nos seus libros.

O Club de Lectura está orgulloso de ter creado un espazo onde se celebra e fomenta a conexión entre a mente e a lectura. Esta actividade non só prepara ao alumnado de primeiro ciclo para a lectura dun xeito único e eficaz, senón que lles proporcionou valiosas ferramentas para afrontar futuras sesións de lectura cunha mente aberta e tranquila.

Este evento é só o comezo dunha serie de iniciativas destinadas a enriquecer a experiencia lectora do noso alumnado. O Club de lectura espera seguir explorando novas formas de fomentar o amor pola lectura e a atención plena entre o alumnado lector da nosa comunidade escolar.

Rita e os ladróns de tumbas

O Club de Lectura de 4º de EP do CEIP Manuel Sueiro realizou no mes de novembro un concurso de animación á Lectura inspirado no libro "Rita e os ladróns de tumbas" de Mikel Valverde.

Nunha innovadora iniciativa de animación á lectura entre o alumnado, o Club de Lectura do CEIP Manuel Sueiro convocou un apaixonante concurso de lectura baseado no libro "Rita e os ladróns de sepulturas", no que participou todo o alumnado de 4º de EP, co fin espertar a creatividade e a paixón polos libros.

O libro cativou aos nenos e ás nenas participantes do club de lectura, e agora buscan estender o seu entusiasmo a toda a comunidade escolar. A obra, escrita Mikel Valverde, transporta aos lectores a unha emocionante aventura chea de misterios, amizade e valentía.

Durante a realización do concurso, animouse aos lectores a expresar a súa comprensión e valoración do libro.
Para o desenvolvemento do concurso, realizamos catro equipos dentro da aula que traballaron de xeito cooperativo para ser quen de responder ás preguntas que o bombo da lotería lles ía adxudicando de forma aleatoria.

O concurso ofreceu ao equipo gañador interesantes premios, entre os que figuraba un exemplar do próximo libro a traballar no club dde lectura, para fomentar a participación e recoñecer o seu esforzo.

Estamos entusiasmados de ver como o alumnado interpretou e representou a historia de 'Rita e os ladróns de tumbas'. Queremos que este concurso non só fomente a lectura, senón que tamén estimule a creatividade e a expresión artística do noso alumnado.

Día das librarías

O 13 de novembro de 2023, o alumando de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro participaron na clausura da actividade organizada pola Agrupación de Libreiros de Ourense para celebrar o Día das Librarías en colaboración coa Concellería de Educación, Deputación Provincial e Xunta de Galicia.

Esta actividade consistiu na dramatización no CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro iniciando a actividade que continuou nas escaleiras das Galería Viacambre  e rematou coa visita a catro librarías ourensáns: Katedra, Eixo, Tanco e Maelka.

Entrega dos premios Club de lectura

A sede do Ministerio de Cultura e Deporte en Madrid acolleu o mércores 8 de novembro a gala de entrega dos Premios aos Clubs de Lectura Escolar 2022-2023, un recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional aos centros educativos que, como no caso do noso centro, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, promoven a lectura a través deste tipo de actividades.

O director, o secretario e a coordinadora dos clubs de lectura do centro, recolleron o galardón que nos acredita como o segundo mellor club de lectura nacional na nosa categoría, en representación de todos/as lectores e lectoras do noso cole, os auténticos protagonistas do noso club de lectura.

A entrega de premios correu a cargo da Directora Xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e Formación Profesional, dona Mónica Domínguez García. A encargada do discurso inaugural foi a poeta Raquel Lanseros, que afondou na importancia de fomentar a lectura e continuar con esa tarefa fermosa e chea de dificultades.

A poeta Raquel Lanseros honrounos coa sinatura dun dos seus libros, “Dicen que no hablan las plantas”, para a nosa biblioteca escolar. Ademais, fíxonos especial ilusión saber que as súas raíces familiares se atopan en Verín, aínda que ela é nada en Jerez de la Frontera.

Foi unha xornada chea de emocións e inquedanzas compartidas con centros de toda España que entenden, coma nós, que a lectura é berce de cidadáns críticos e entusiastas.

Parabéns a todas e todos os membros do noso club de lectura!

CONTINUADE A VIAXE QUE COMEZA SEMPRE NA PRIMEIRA PÁXINA DUN LIBRO E NON REMATA NUNCA NA ÚLTIMA, ... SEGUE CAMIÑO NA TÚA IMAXINACIÓN!

Distribuir contido