Skip to Content

    

   

CHARO PITA CO ALUMNADO DE INFANTIL.

Os nenos e nenas de educación infantil e as súas familias, puideron coñecer e desfrutar dunha xornada coa escritora e contacontos Charo Pita.

Esta actividade foi organizada pola Biblioteca Escolar; dentro do programa "Lectura e familias"

Nela os máis pequerrechos gozaron con contos como:

Veo, veo, ¿una rana? onde e emoción está servida ao ver como o animal da cuberta se vai transformando noutros moi distintos.

Baby Pop (La historia de como llegaste a este mundo), un libro que axuda a explicar aos nenos e nenas, a maxia e a beleza do inicio da vida no ventre materno.

Tampouco faltaron as cancións e xogos de expresión corporal.

Encontros que dan moito de si; e que espertan a curiosidade polo fascinante mundo dos libros.

                              

VISITA DE SOLEDAD FELLOZA.

A actriz, dramaturga, contadora de historias, fotógrafa e escritora; Soledad Felloza ,mantivo un encontro co alumnado de 6º de educación primaria dentro do programa "Lectura e familias"

Soledad, que destaca polo seu traballo no eido da animación á lectura así como polos seu obradoiros de narración oral; esta vez propúxolles aos alumnos e alumnas unha actividade titulada: Ler está de moda. 

Nela, o propio alumnado tiña que deseñar unha campaña publicitaria para incentivar á lectura de varios libros. O traballo en equipo, a organización, a orixinalidade...puxéronse de manifesto nunha xornada do máis entrañable e proveitosa.

A esta xornada foron convidadas as familias que desexaran asistir.

 

Podedes acceder ás fotografías deste encontro, premendo en SOLEDAD FELLOZA.

 

LETRAS GALEGAS 2022.

Este ano, Florencio Manuel Delgado Gurriarán, foi elixido pola Real Academia Galega como persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas.

No noso centro quixemos facer un percorrido pola súa vida e obra a través das plabras máis significativas nestes dous eidos da súa traxectoria; desde 1903 ata 1987.

O resultado foi un mural colectivo con palabras que agochaban no seu reverso unha referencia a cada unha delas e a importancia ou significado polo cal se vencellaban a Florencio Delgado.

Nesta celebración onde fomos descubrindo cada unha das 24 palabras; algúns alumnos e alumnas de 6º de primaria fixeron unha pequena introdución á figura do escritor ourensán.

Como punto final á celebración, as alumnas de 5º de primaria fixéronnos bailar a ritmo de pandeirada.

No seguinte video tedes o resumo do noso día das Letras Galegas.

                         

 

PAULA CARBALLEIRA NO CLUB DE LECTURA "LEO,LEO...QUE LES?"

O 9 de maio, o alumnado de 4º de primaria que forma parte do Club de Lectura "Leo,leo... Que les?", recibiu á escritora Paula Carballeira; autora da obra Pan con chocolate. Esta obra foi a escollida por este grupo de alumnos/as e a súa mestra para poñer en marcha o club de lectura que este ano iniciamos no noso centro. 

De sobra é coñecida a valía de Paula Carballeira para captar a atención do público infantil, para facer partícipes das súas historias aos máis novos e da súa capacidade comunicativa e artística. Todo isto se puxo de manifesto na súa visita e podedes dar conta delo no  Blog da Biblioteca de Xalín.

 

                                          

QUERES QUE CHE CONTE? APADRIÑAMENTOS/AMADRIÑAMENTOS LECTORES.

Alá polo mes de outubro celebrábase unha xornada de apadriñamentos/amadriñamentos lectores entre o alumnado de 6º de educación primaria e os nenos e nenas de 6º de educación infantil; baixo o lema Queres que che conte? (no ámbito das Bibliotecas Solidarias; e como unha actividade vencellada ao Voluntariado da Biblioteca Escolar). Durante esa xornada os maiores actuaron de anfitrións e levaron a cabo fermosos contacontos para ledicia dos máis pequenos.

A solidez dos apadriñamentos tomou continuidade ao longo do curso, iniciando unha correspondencia bilateral entre padriños/madriñas e afillados/afilladas; para intercambiar debuxos, cartas, dedicatorias... e tamén para que o alumnado que pasará a incorporarse a primaria; poida ter unha figura de referencia a quen preguntar sobre a nova etapa.

O día 5 de maio, tivo lugar un deses encontros; nos que os padriños e madriñas entregaron correspondencia. Agora son eles os que esperan resposta e, quen sabe?... Ao mellor novas peticións de lecturas!!! Sorriso

                         

                                                         Premendo na imaxe podedes acceder ás fotos.

ENTREGA DE PREMIOS: XXII CONCURSO DA FILLOA

Un ano máis participamos no concurso da Festa da Filloa de Muimenta; unha festa de Interés Turístico de Galicia, que xa vai pola súa XXXI edición.

E como non, un ano máis con premio!!

Nesta ocasión toca felicitar a Paula, de 4º de educación primaria, que obtivo premio na modalidade de Debuxo, dentro da 3ª categoría.

Aproveitamos tamén para dar as grazas a todo o alumnado participante.

DÍA DO LIBRO: 23 DE ABRIL.

Con motivo da celebración do Día do Libro; o alumnado do noso centro levou a cabo un traballo colaborativo, que deu como resultado un libro titulado "As viaxes de Avelino".

Podedes acceder ao contido, ilustracións e narración do mesmo no seguinte enlace, entrando no blog da Biblioteca de Xalín ou premendo na portada do libro que aparece debaixo deste texto.

                      

EXPERIENCIAS FÓRA DA AULA (2º TRIMESTRE)

No segundo trimestre do curso tivo lugar a visita do alumnado de 3º e 4º de primaria á cidade de Mondoñedo. No transcurso da mesma, o 5 de abril, os nenos e nenas levaron a cabo diversas actividades.

Durante a xornada de mañá, achegámonos aos obradoiros artesanais situados no Barrio dos Muíños (tamén coñecido como a Venecia Mindoniense).

No obradoiro de cantería, os alumnos e alumnas aprenderon que existen diversos tipos de pedras coas que traballan os canteiros e tamén as ferramentas que empregan para o tallado e pulido das mesmas. Ademais, algún afortunado e afortunada; puido comprobar coas súas propias mans a dificultade que entraña este oficio.

No obradoiro de serigrafía, cada alumno e alumna tivo a oportunidade de elaborar a súa propia lámina. Neste proceso coñeceron os pasos a seguir desde que se elixe unha imaxe, ata que a mesma queda impresa nun papel, tea... Asimesmo, viron como facer unha mestura de pinturas para conseguir distintas tonalidades e tamén as máquinas e utensilios que se empregan para realizar con éxito dita actividade.

Finalmente, no obradoiro dos títeres; os nenos e nenas desfrutaron de pequenas representacións a cargo de personaxes tan simpáticos como Raio; pero tamén descubriron como se elaboran os distintos personaxes, escenarios e os efectos especiais de música e son; que quedan ocultos cando asistimos a unha representación de monicreques.

Tras unha parada para o xantar, comezamos a xornada de tarde cunha visita guiada pola zona histórica de Mondoñedo; que incluíu a visita á Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro e ao Museo da Imprenta.

Unha xornada que deu moito de si, en canto a aprendizaxes e experiencias pracenteiras. 

 

ENCONTRO DO ALUMNADO DE 1º E 2º DE PRIMARIA COA ESCRITORA YOLANDA CASTAÑO.

O alumnado de 1º e 2º de primaria recibiu o pasado 7 de abril á escritora, guionista, presentadora de TV, tradutora... Yolanda Castaño. O encontro tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Meira e, durante o mesmo, os nenos e nenas puideron interaccionar coa autora de libros como "Coller as rendas".

Este encontro englóbase no programa "Lectura e familias"; dentro das actividades promovidas pola Biblioteca Escolar, e o mesmo estivo aberto ás familias que desexaran acudir.

Galería de fotos.

  

 

EXPOSICIÓN: "O MIÑO, CANLE DE LUZ E NÉBOA"

Do 25 de marzo ao 1 de abril, gozamos no noso centro da exposición itinerante "O Miño, canle de luz e néboa"; cedida polo Museo Manuel María. Coa mesma descubrimos, non só un poeta; senón a importancia do río Miño na súa poesía e tamén noutros ámbitos da vida e da economía do noso país. Aspectos como o aproveitamento hidroeléctrico, a flora, a fauna, as lendas... serviron para completar contidos de diversas áreas curriculares.

Ademáis decatámonos da amizade que unía a Manuel María co poeta meirego Avelino Díaz; a través dunhas dedicatorias que Avelino deixou plasmadas nos libros que, desde Bos Aires, lle enviou ao seu amigo e poeta chairego.

Aquí as deixamos como testemuña.

                                

 

Fotos da exposición.

Caderno de actividades elaborado para o 2º ciclo de educación primaria.

Distribuir contido


by Dr. Radut