Teatro Simbad

O alumnado de 4º e 5º o día 29 de abril asistimos no auditorio do Concello de Vigo ao estreo da obra de teatro “Chamádeme Simbad”.  Unha adaptación da obra co mesmo título de Francisco Castro (veciño de Teis).
A obra está representada pola Escola Municipal de Teatro de Vigo en colaboración con Afaga (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia).

Nela trátase unha enfermidade bastante frecuente hoxe en día como é o Alzhéimer, pero dun xeito moi natural, bastante sentimental e facilmente entendible polo público infantil.

Os actores fixérono todos estupendamente, pero destacaba o protagonista, un neno de 10 anos, que actuaba dun xeito moi natural.
A idea que nos querían transmitir é que as persoas con Alzhéimer necesitan moito cariño e paciencia. Cando a enfermidade estea bastante avanzada que non se poidan coidar na casa, terán que ir a un centro onde os coiden ben pero a súa familia ten que estar alí visitando e tendo contacto co enfermo todo o tempo que poidan.
De xeito gratuíto pódese ir ver a obra a este mesmo auditorio no mes de xuño cando rematen as representacións para os colexios.
Gustounos moito a obra, mágoa que non tiña megafonía para os actores e non se escoitaba moi ben.