1º e 2º

A contorna en inverno.- 1º

De novo o alumnado de 1º saíu pola contorna para observar as características das árbores máis significativas que vimos en outono e diferenciar os cambios agora en inverno.

Tras observar o acivro que temos nun curruncho do patio cos seus froitos coloradiños, subimos polo carreiro a visitar a horta e o curral que teñen uns veciños do colexio, alí as nenas e nenos déronlle de comer as galiñas e os galos.

De alí fomos camiñando ata chegar á nogueira, ao carballo, ao castiñeiro e ao loureiro que aínda seguían libres de follas menos este último e tamén aproveitamos para tirar unhas fotos do alumnado e poder así apreciar o moito que medraron estes rapaces dende a anterior visita. Utilizaron as lupas como auténticos investigadores da ecoloxía.

Por último, despois de merendar na Carballeira da Guía, fixemos o camiño de volta ata o colexio.

A contorna e nós

     
 

Continuando co proxecto "Camiño do monte", o alumnado de 1º curso vivíu, da man de Eva F. Deza, unha xornada de outonía marabillosa.

Primeiramente, na aula foron maquillados de distintos animais: bolboretas, cans dálmata, de esquíos, paxaros,... Unha vez maquillados partimos pola contorna como auténticos aventureir@s.

A primeira parada foi moi pretiño do colexio para coñecer dúas árbores de acivro, onde Eva foi esfolando as súas características facendo preguntas tales como son as súas follas, de que cor son os seus froitos ? etc...

 
Seguindo o percorrido atopamos nogueiras, castiñeiros, piñeiros e ata un loureiro. No noso cesto fomos gardando os pequenos "tesouros" que iamos recollendo como noces, castañas, ourizos, piñas...

 Xa na Carballeira da Guía e despois de atender as explicacións sobre o carballo, collemos landras, carrabouxos ou bugallos que tamén gardamos na nosa cesta.

 

Chegada a hora da merenda todos compartimos unha sentada baixo a carballeira onde, a parte de merendar, xogamos libremente antes de emprender o camiño de volta.

Samaín no Museo Liste

 
O alumnado de 1º e 2º curso gozou dunha actividade moi divertida sobre o Samaín no Museo Liste de Vigo, da que participaron baixo as directrices de Sonia e Erika que nos levaron a todos ao corazón do medo.
Mentres unha monitora maquillaba aos nen@s, a outra compañeira falounos da orixe da "Festa do Samaín". Era unha festa que facían os Celtas a finais do mes de outubro para celebrar o fin da colleita, posteriormente os emigrantes irlandeses cando foron a Estados Unidos levaron con eles as súas tradicións e quedou neste país os antigos ritos celtas aos que hoxe os americanos chaman a aquela festa: Halloween.
Tamén nos falaron de seres de encantamento: os druídas que eran sabios celtas, vampiros, fadas, a santa compaña, trasnos, bruxas e meigas, o demo, pantasmas, caveiras... Contáronnos a historia dun personaxe irlandés chamado Jack o do Farol que vivía en Irlanda e era un home moi malo que se metía con todo o mundo e que unha vez morto o seu espírito, cada noite do 1 de novembr,o chama ás portas levando un farol con forma de cabaza pedindo "trato ou truco" a cambio de lambetadas.

Despois os nen@s fixeron unha pantasma cun anaco de tea e unha folliña de periódico que logo xuntaron todas nunha guirnalda de medo. Para finalizar o alumnado, distribuído en grupos de cinco, tiña que entrar no “Túnel do Medo” para intentar atopar e descubrir distintos atributos máxicos como: unha fouce, unha orella, unhas ás, unha culler... e traelos para afora pero antes tiñan que deixar unha tarxetiña na boca da "cabaza come medos" para que estes desaparezan definitivamente.

Para finalizar esta actividade tan divertida e despois de que os nenos e nenas recuperaran todos os obxectos máxicos foilles concedido un premio: unhas lambetadas riquísimas con formas moi divertidas.

Máis imaxes no seguinte enlace: GALERÍA DE FOTOS

Distribuir contido