Os Ancares

A nosa Comarca

Os Ancares é o nome da comarca galega que administrativamente forman os concellos de As Nogais, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro. Pero quedarse só neso sería tribializar moito a cuestión. Podemos dicir sen enganarnos que xeograficamente é un lugar un pouco máis amplo, que na provincia de Lugo ben podería incluír a Triacastela, e que se estende sen entender as burdas divisións administrativas aos concellos de Balboa, Barxas, Candín, Corullón, Oencia, Peranzanes, Sobrado, Trabadelo, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce e Vilafranca do Bierzo. É polo tanto un mundo na fronteira, que comparte paisaxe, recursos, lingua e tradicións.

A Serra dos Ancares, epígono da Cordilleira Cantábrica, verte as súas augas en dúas concas fluviais, a do río Navia (Ancares Lucenses) e a do río Sil (Ancares Leoneses), que xunto coa sucesión dos picos máis altos das montañas (O Mostallar, Pena Longa, O Corno Maldito…) incide nunha estrana división territorial.

A vida nos Ancares transcorre de vagar, nun espazo con fortes pendentes que conta cunha flora e fauna riquísimas xa que se pode considerar a fronteira natural entre a rexión eurosiberiana e a mediterránea, con centos de pequenos núcleos de poboación, que suman 26.000 habitantes, espallados por unha ampla superficie de 2.000 km2.

Cunha economía, baseada durante moito tempo no gando, que se caracterizou polo autoabastecemento, Os Ancares observou como dende os anos 60 a emigración se foi xeneralizando co conseguinte envellecemento da poboación. É este territorio, que conta dificultades de accesibilidade, agravadas pola dureza do clima durante o inverno, todo un mundo de lendas e tradicións, que confía en espertar do seu secular letargo explotando as súas innumerábeis riquezas naturais, etnográficas, paisaxísticas, artísticas.... co fin de construír un futuro de verdadeiro progreso.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer