DE NOVO "ARDEN" O NOSO PAÍS

 
 

 

O martes día 26 de marzo, con motivo do incendio que se iniciou onte no concello de Dodro  e que arrasou o concello de Rianxo, o alumnado e profesorado do centro reuniuse no exterior do recinto dende onde se podía ver a columna de fume e o monte ardendo, para colocar unha pancarta como rexeitamento ao problema dos incendios. Ao remate do acto, versos escritos polo alumnado relacionados co tema dos incendios forestais que elaboramos o curso pasado co motivo do Proxecto de Centro sobre o monte, foron lidos. Tamén colocamos eses mesmos  versos na fachada principal do edificio. Mostramos a nosa repulsa, impotencia, rabia e tristura  contra estes actos que asolan ano tras ano os montes do noso país e pedimos ás autoridades competentes que tomen medidas para que non teñamos que realizar máis actos coma este.
 

Arden as altas árbores, atardecer.

Botan berros de bruma e brasas.

Campías comestas cubertas de cinza,

Chans chorosos, cheiro a charamusca.

Días destruídos: dor, desesperanza.

Eucaliptos esfollados espallan esterilidade.

Fume funesto fumiga a fraga,

Gritos grises nas gorxas dos gorrións.

Hecatombe de hectáreas, herdo histórico.

Impotencia infestada, inútil ilusión.

Lume letal, loito da lúa,

Medo e morte manifestándose no monte.

Noite negra, neboenta e nostálxica,

Outro outono de odioso ocaso.

Piñeiros pedindo perdón polos pecados,

Queixumes queimados, queixándose quedos.

Rumorosos de ramas roídas, rabia.

Salvaxe sacrilexio sen sentido.

Tolemia, traxedia, tempo de tristura;

Utopía ultraxada ao unísono.

Vergoña. Vida que se vai co vento.

Xenocidio. Xente xemendo xustiza.

Zume zugado. Zona zero.

 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet