IV CONCURSO DE POESÍA MATEMÁTICA

IV CONCURSO DE POESÍA MATEMÁTICA

Un ano máis celebramos o día 12 de maio, día escolar das matemáticas, o noso concurso de poesía.  Queremos felicitarvos pola calidade das obras presentadas, cada ano facédelo mellor, é un auténtico pracer lelas!                            

As persoas gañadoras do IV Concurso de Poesía Matemática do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón son:

 

1º PREMIO- “AUSENCIA”   Samuel Baleirón Torres 4º ESO

AUSENCIA



Dende a suave forma dos teus beizos

 

ata o volume da tua face.

 

Todo iso desapareceu

 

sen fórmula posible que o explique.

 

E sen calculalo nin cotexalo , descubríchenos,

 

descubríchenos ese espazo que ocupabas

 

ese espazo, que agora chamo vacío

 

que por moito que tente, parece que é infinito.




Samuel Baleirón Torres. 4º ESO

 

2º PREMIO- “90, 60, 90”    Naira Ferreirós Bustelo 3º ESO A

90, 60, 90



90, “se tes máis de 90 centímetros pareces un home”; ela  puxo roupa frouxa

60, “se tes máis de 60 centímetros estás gorda”; ela deixou de almorzar

90, “se tes menos de 90 centímetros, estás moi delgada”, ela púxose a chorar

Agora tenta esquivar os espellos para que non a devoren.



Naira Ferreirós Bustelo. 3º ESO A

 

3º PREMIO-  Temos un empate entre:

 

                   “DOUS”    Laura Mariño Bello 3º ESO A

DOUS

Dous ollos, dúas orellas

e ata dous buratos no nariz!

Dous perfectos beizos que serven para sorrir.

 

Dúas pernas e dous brazos,

catro extremidades para nos mover,

convosco podo dar abrazos,

e ata cansarme de correr!

 

Dous, que número tan máxico,

tan bonito para min,

sen ti nada sería posible,

non podería vivir.



Laura Mariño Bello 3º ESO A

 

 

“O CORPO”     María Rodríguez Romero 4º ESO

O CORPO

 

O corpo non é matemática redonda.

Parecería máis un número irracional

ou unha fórmula sen demostración descuberta. 

 

O corpo non é matemática

porque inventou un sistema que permite medir

as bágoas, os berros e os sorrisos.

 

O corpo non é matemática 

porque por moito que aprenda dos gráficos

segue xogando co valor do improbable.

 

O corpo non é matemática

porque aínda que mido 1 metro 65, 

son capaz de tocar as estrelas.

 

O corpo non é matemática.

Porque é o único capaz de operar 

e ver a beleza 

do Syntax Error.



María Rodríguez Romero. 4º ESO

 

        

ENLACE ÁS POESÍAS PARTICIPANTES

GALERÍA DE FOTOS

O alumnado tamén recitou e gravou o recitado das poesías nuns audios que podedes escoitar accedendo ao enlace:

AUDIOS

 

Powered by Drupal - Design by artinet