Eusebio no Centro de Día

O venres 19, no marco da celebración da Semana das Letras, o alumnado de 1° ESO desprazouse até o Centro de Día para participar nun Club de Lectura moi especial: o compartido cos maiores do Centro de Día arredor da obra "Memorias dun neno labrego". Alá foron cheíños e cheíñas de preguntas, querendo saber se a infancia e mocidade dos maiores se parecera á do Balbino: traballo arreo, na terra e co gando; escola pouca, de vimbio, regra e cinto; misa, rosario, loito, a Compaña, a doutrina, o pecado e os catro infernos; broa, nin a proba do pantrigo, e papas de arroz como lambetada; canas de foguetes na festa, rebusque, peletre, estornela, bonecas de trapo con vestidos de retrincos das costureiras; zapatos só para os domingos, remendados e repintados; emigración; o medo na Guerra. Aprenderon que un pai marchaba á guerra con 25 anos para non vivir máis, e que unha nai botaba adiante soa cinco fillos con papas de fariña e un chisco de leite... Preguntaron se había libros nas casas e houbo a quen se lle atoldaron os ollos...

E recibíronnos cos brazos abertos e con grandes sorrisos. Disque lles levamos alegría. O que nós trouxemos é difícil de describir.
Volveremos.

 

Podedes ver todas as fotos neste enlace ao facebook

Powered by Drupal - Design by artinet