Preguntas frequentes

Breves respostas ás preguntas máis habituais...

  1.  Que linguas se poden estudar na Escola Oficial de Idiomas de Viveiro Luz Pozo Garza? Alemán, francés, inglés e italiano.
  2.  Hai máis escolas de idiomas na zona de Viveiro? Hai unha sección da escola Burela, no Instituto de Educación Secundaria Monte Castelo, só para estudar inglés.
  3.  Que modalidades de ensino hai? Oficial: As clases comezan en setembro. Libre: Só te presentas aos exames de certificación. As probas por libre serán no mes de xaneiro. A distancia (That’s English): Só para inglés. Cursos para colectivos profesionais e público en xeral (novo) Só para inglés.
  4.  A partir de que idade me podo matricular na escola? A partir dos 16 anos, cumpridos no ano no que comecen os estudos para a lingua que se cursa como primeira idioma na ESO (normalmente é o inglés). E 14 anos para os outros idiomas.
  5. Cando comeza o período de matrícula? Varía cada ano. Para o réxime oficial entre xuño e xullo, e para o réxime libre aproximadamente no mes de novembro. As datas sempre saen publicadas na nosa páxina web.
  6. Necesito facer unha preinscrición para matricularme na modalidade presencial? Si. Salvo que cursaras o ano anterior nesta escola polo réxime oficial e continúes estudos.
  7. E na modalidade libre? Depende. No curso 2023/24, nos niveis B2 e C1 de inglés, si. Debes inscribirte no prazo indicado e despois de comprobar a túa admisión, formalizar a matrícula. No resto dos idiomas e niveis podes matricularte directamente.
  8. Como me podo matricular? Durante o prazo establecido, deberás matricularte obrigatoriamente a través de internet pero a túa matrícula non quedará formalizada ata que presentes, a través da aplicación de matrícula da escola, o xustificante do pagamento das taxas e demais documentación que debas presentar. Tamén poderás presentala no enderezo web eoi.viveiro@edu.xunta.gal ou presencialmente na secretaría. A matrícula non é definitiva mentres non recibas o correo electrónico de confirmación ou o resgardo presencialmente.
  9. Que documentación preciso a primeira vez que me matriculo? Enlace á documentación necesaria.
  10. Hai algún requisito académico para acceder á escola? Non. Se te matriculas en primeiro curso na modalidade oficial ou en calquera nivel pola modalidade libre, se tes máis de 16 anos. Se queres acceder a un curso distinto de primeiro pola modalidade oficial, tes que presentar a documentación que che da acceso a ese curso.
  11. Hai algún tipo de desconto no prezo da matrícula? Si. Se estás nalgunha das seguintes situacións: Familia numerosa, funcionario/a docente da consellería de educación, persoa bolseira, persoa discapacitada, vítima de terrorismo ou violencia de xénero. É obrigatorio acreditar a condición. Podes consultar os prezos na nosa web, na sección taxas matrícula.
  12. Podo matricularme por oficial e por libre no mesmo ano e na mesma lingua? Si, sempre que non sexa do mesmo curso.
  13. Podo volver matricularme dun curso que xa teño aprobado? Artigo 9.2 da Resolución do 25 de maio de 2022.
  14. Podo matricularme dun curso distinto de primeiro? Si. Se tes algunha das titulacións recollidas na listaxe de accesos directos por titulacións na sección Matrícula.
  15. Que é a proba de clasificación? Unha proba específica que determina o teu nivel da lingua e que che pode dar acceso a un curso distinto de primeiro de básico.
  16. Cando podo facer a proba de clasificación? Depende, probablemente entre maio e xuño.
  17. Podo facer a proba de clasificación se xa estiven matriculado con anterioridade nesa lingua nunha escola oficial de idiomas? Si. Non podes estar matriculado polo réxime oficial no idioma ao que te presentas, nos dous cursos anteriores ao curso no que queres matricularte.
  18. Canto tempo ten validez a proba de clasificación? Dous cursos.
  19. Podo asistir de oínte sen estar matriculado? Non.
  20. Cantas veces podo repetir curso pola modalidade oficial? Tes o dobre de convocatorias que cursos ten o ciclo.
  21. ¿Podo renunciar á miña matrícula? ¿Cantas veces? ¿Para que serve? Si, podes renunciar á túa matrícula ata o ÚLTIMO día hábil do mes de ABRIL. Podes renunciar unha vez en cada curso para que non che conte para o número máximo de convocatorias por ciclo. A renuncia non implica nunca a DEVOLUCIÓN  DO IMPORTE DA MATRÍCULA.
  22. Cantas veces podo presentarme aos exames do mesmo nivel por libre? Non hai límite.
  23. A que equivalen os cursos feitos cos plans anteriores? Consulta os seguinte cadro.
  24. Como podo solicitar unha certificación académica? A través do enderezo web eoi.viveiro@edu.xunta.gal, na secretaría da escola ou por teléfono chamando ao 982551745.
  25. Como podo solicitar o título cando remato? Os certificados de nivel A2 e B1 non é necesario solicitalos. Poden recollerse na secretaría, a partir de marzo para o alumnado que se presenta por libre en febreiro, ou novembro para o alumnado presencial. Os de B2, C1 E C2 debes solicitalos seguindo este procedemento.
Distribuir contido