Skip to Content

Despedida curso 2020/21

 

Non queriamos deixar pasar este final de curso, sen escribir unhas liñas e facervos chegar as nosas sensacións e sentimentos.

Estamos moi agradecidos de compartir este curso convosco. Foi duro, raro e complicado pero ao mesmo tempo emotivo, ilusionante e moi gratificante.

 

Vós, todos, sodes os grandes heroes deste curso.

Adaptástesvos a vivir con máscaras durante unha chea de horas e render en todo momento.

A convivir sen compartir, como ata o de agora ensinabámosvos.

A ter barreiras físicas que vos separaban de amigos e compañeiros doutras clases.

A ler as nosas felicitacións nos nosos ollos, sen poder ver o noso sorriso.

A abrazar coa mirada.

A dar tanto, sempre, coa vosa alegría, que nos fixestes sentir en todo momento que nos dedicamos á profesión máis bonita do mundo. E este ano, máis que nunca.

 

Acabamos o curso moi felices. Vímosvos crecer en tantos aspectos que só podemos ter unha lectura positiva de todo.

Déstesnos tanto que simplemente podemos estarvos agradecidos.

Xa sodes parte de nós e esperamos ter un lugar en todos e cada un de vós a partir deste intre.

 

Podedes contar connosco sempre. Os "profes" sempre somos profes e estamos aí aínda que pasen os anos (e con moitas ganas e moitísimo agarimo). 

E sen saber con seguridade que nos vai a deparar o próximo curso, só podemos dicir que esperamos atoparvos no camiño que aínda vos queda por diante.

Grazas, de corazón, por facernos máis sinxelo o día a día.

 

Feliz verán a todos. Esperamos que gocedes cada momento e que volvades en setembro cheos de historias marabillosas que contar.

As tarefas máis importantes son rir, gozar e compartir experiencias cos que máis vos queren.

 

De despedida só un sinxelo GRAZAS, con maiúsculas. Para o que necesitedes…

Un abrazo moi forte e unha chea de bicos enormes.



page | by Dr. Radut