Skip to Content

Xornadas de Medio Ambiente

14/06/2017 10:39
Etc/GMT+1

Os días 7 e 8 de xuño celebráronse no IES A Sangriña as Primeiras Xornadas de Medio Ambiente

Tiveron lugar de 10.00 a 12.00 horas no salón de actos do centro educativo.

Os temas centrais foron: A conservación do medio litoral e O reto do cambio climático.

O mércores, 7 de xuño, iniciaron as actividades o alumnado de 4º de ESO que presentaron as conclusións dos seus traballos de investigación sobre as dunas da praia da Lamiña.

A continuación, Agustín Ferreira, fundador e membro activo do colectivo naturalista do Baixo Miño (ANABAM), ben coñecido pola súa constante participación en proxectos de conservación, estudo e divulgación do tesouro da biodiversidade da  nosa contorna, explicou os cambios que lles están a afectar nos últimos anos ás especies do esteiro do Miño debido á actividade humana. O título da súa disertación foi a Biodiversidade do Baixo Miño ameazada.

Rematou a xornada do día 7 O Doutor en Bioloxía, Emilio Fernández, Catedrático e Profesor de Ecoloxía na Universidade de Vigo. Posúe un longo historial de investigación, que comezou no Reino Unido e nos EEUU. Traballou tamén no CSIC e ocupou o cargo de Director xeral de desenvolvemento sostible na Xunta de Galicia. Actualmente combina o seu labor docente coa dirección do Campus do Mar, Campus de Excelencia Internacional. El foi o encargado de ditar a conferencia O océano do futuro: máis cálido, máis ácido, menos osixenado, máis desigual.

O xoves, día 8 de xuño, foi o alumnado de 1º de Bacharelato o que iniciou a xornada coa exposición dos seus traballos.

Seguíu a disertación de Benito Alonso da Costa co título A pesca artesá tradicional. Un modelo de aproveitamento sostible dos recursos naturais. Benito Alonso, mariñeiro xubilado e activista social e cultural. Desenvolveu a súa actividade profesional na pesca oceánica e no Miño e participou como membro activo na Confraría de pescadores da Guarda. Mantén de sempre unha postura de defensa do aproveitamento dos recursos mariños e da pesca tradicional de xeito sostible.

Pechou as xornadas Xavier Vázquez coa conferencia O lobo, unha especie chave nos ecosistemas, situación e perspectiva en Galicia. Xavier é biólogo, ornitólogo e consultor ambiental en España e América Latina. É experto en consultoría sobre bioturismo, especialmente ornitolóxico. Publicou varios libros sobre aves de Galicia e León. Actualmente é vogal de ASCEL (Asociación para la conservación y estudio del lobo ibérico).

As xornadas forman parte das actividades coordinadas polo Doutor Juan Hermida, profesor de Bioloxía no IES A Sangriña, dentro do proxecto de educación para a excelencia educativa, que se inclúe nos Contratos-programa e que ten como obxectivo ofrecerlle ao alumnado participante  recursos e motivación para iniciarse na investigación científica.

Os traballos realizados polo alumnado estiveron expostos toda a semana no recibidor do instituto.

Podes atopar máis información no seguinte enlace: http://contratosprograma.blogspot.com.es/



event | by Dr. Radut