Skip to Content

Economía

Departamento de Economía

Obradoiro "Emprender é soñar"

Obradoiro Emprender é soñar IES A SANGRIÑA

Este pasado luns, o alumnado de Economía de 1º de Bacharelato do IES A Sangriña traballou nun obradoiro de emprendemento que significa o seu primeiro paso dentro dunha actividade de maiores dimensións e moi completa. Trátase dun proxecto que, ao abeiro do programa "Empresa familiar nas aulas", está a organizar o departamento responsable desta materia en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar e a Afundación Obra Social de ABANCA . O proxecto consta dos seguintes eventos:

  1. Obradoiro emprendemento.
  2. Elaboración, por grupos, dun Plan de Empresa que incluirá un vídeo de presentación co que participarán nun concurso.
  3. Encontro nas instalacións do centro cun empresario local, que no noso caso será Antón Fonseca, vicepresidente do Grupo Terras Gauda.
  4. Visita ás á Bodega Terras Gauda.

Desde o IES A Sangriña queremos agradecer esta oportunidade a todas as entidades implicadas e destacar, desde xa, o fantástico traballo que neste proxecto está a realizar o noso alumnado.

Para coñecer un pouco máis da Asociación Galega da Empresa Familiar e coñecer os seus "Talleres de economía circular para fomentar o emprendemento" podes consultar a esta ligazón.

A Sangriña en Orpagu

ORPAGU IES A Sangriña

Hoxe, o noso alumnado de Economía de 4º de ESO tivo o privilexio de acudir a unha visita moi especial. Fomos ás instalacións que Orpagu ten aquí, na vila da Guarda. Alí recibíronnos o seu presidente, Joaquín Cadilla, a directora xerente, Juana Parada e Hugo Lage, responsable do proxecto Orpagu educativo (un compendio de proxectos que Orpagu realiza dentro do eido da Educación para achegar o mundo da pesca con palangre de superficie ao conxunto da sociedade).

Orpagu é a frota máis importante de toda Europa en canto á pesca de palangre de superficie grazas aos seus 74 buques, especializados na pesca de peixe espada e especies afíns. O seu obxectivo é contribuír a coidar da actividade pesqueira dos palangreiros; desenvolvéndoa, regulándoa e potenciándoa, ao tempo que loita e defende os intereses de todo o sector. Orpagu  está en constante evolución, innovando para superar as expectativas do sector. Basea o seu traballo na artesanía, centrando os seus esforzos na sustentabilidade para coidar do mar e de ti.

Moitas grazas pola fantástica acollida!!!

Luces e sombras da industria textil

Laura Taboada IES A Sangriña

Este pasado venres 8 de marzo, no IES A Sangriña tivemos a fortuna de poder contar coa presenza de Laura Taboada, empresaria do sector téxtil, que nos falou do ciclo produtivo do sector.

Coa súa interesantísima conferencia, o noso alumnado de 2º de Bacharelato puido tanto coñecer algúns dos aspectos máis prácticos do traballo diario no mundo da moda, como pode ser a xestión das compras; como aproximarse a outros máis conceptuais e descubrir os distintos modelos de negocio que existen nesta industria. Así, pasamos a saber máis do sector textil, sobre como é o seu presente, e sobre como pode chegar a ser o seu futuro... cales son as luces e algunhas das sombras dun negocio algunhas veces "glamuroso" e moitas outras consumidor excesivo de recursos escasos.

Moitas Grazas Laura por pasar con nós esta mañá!

Podes ver aquí a entrevista a Mariví Álvarez

Marví Coplant Sangriña

Xa está publicado na web de La Voz de Galicia o vídeo da entrevista que este xornal realizou, no noso centro, a Mariví Álvarez, Presidenta de COPLANT. A peza é o resultado do traballo de Iago García,  Álex López-Benito e Senén Rouco.

Na entrevista, Mariví achega datos e reflexións que nos resultaron impactantes e nos fixeron conscientes do tipo de traballo que unha empresa coma esta, que está tan preto do noso centro pode realizar. Por exemplo, descubriunos que COPLANT pode distribuír plantas en Berlín nun prazo de tan só 72 horas ou que a empresa está preparada para crecer até un 30% nos próximos anos. Ademais, consideramos especialmente importante a reflexión que Mariví facía sobre a necesidade de fixar poboación en concellos como os nosos e a importancia que empresas como COPLANT teñen para conseguilo.

Para ver o vídeo completo preme na seguinte ligazón: Entrevista a Mariví Álvarez en "De 0 a 100".

Se chegas ao final do vídeo verás as fantásticas preguntas do noso alumnado!!!

Distribuir contido


by Dr. Radut