Skip to Content

Economía

Departamento de Economía

Participamos en "De 0 a 100"

COPLANT IES A Sangriña La Voz de Galicia

"De 0 a 100" é unha iniciativa da Consellaría de Educación encamiñada a realizar, en colaboración con diferentes centros de ensino e o xornal La Voz de Galicia, entrevistas a empresarios e empresarias galegos destacados pola súa traxectoria e a súa vontade innovadora. Desta maneira, preténdense dar a coñecer entre o alumnado casos de éxito en diversos ámbitos empresariais.

No IES A Sangriña a protagonista da entrevista en que participou o alumnado de Economía de 2⁰ de Bacharelato foi Maria Victoria "Mariví" Álvarez (Presidenta de COPLANT). Este é un proxecto que nace no ano 2004 grazas ao compromiso e unión de cinco viveiros de plantas ornamentais da zona sur de Galicia, establecendo a súa sede e centro loxístico na comarca do Baixo Miño. Xunto á experiencia conxunta e á vocación de atención ao cliente que os caracteriza, ofrecen unha ampla gama de plantas ornamentais en diferentes tamaños e formatos. COPLANT está orientado á comercialización de plantas ornamentais de calidade a nivel nacional e internacional, e está presente nos principais mercados europeos como Francia, Reino Unido, Alemaña, Holanda, Bélxica, Portugal, Italia e Dinamarca.

Conferencias do profesor Emilio García Roselló

Conferencias do profesor Emilio García Roselló

Nesta mañá de hoxe, o profesor e Vicedecano de Relacións Internacionais a Faculdade de Comercio de Vigo, Emilio García Roselló, pronunciou dúas conferencias dirixidas ao alumnado de Economía do noso centro.

O evento estivo organizado polos departamentos de Economía e Orientación. A conferencia de 1º de Bacharelato  versou sobre a mercadotecnia na era dixital, mentres que os alumnos e alumnas do 2º curso ampliaron os seus coñecementos sobre modelos de negocio na era dixital.

O profesor Emilio García Roselló é especialista na aplicacións das TIC ao comercio e trata de contribuír a que as persoas e as organizacións acepten o dixital e a innovación como parte das súas vidas profesionais, con entusiasmo e sen medo. Como investigador está centrado no campo de ecological informatics, e máis concretamente en biodiversity informatics.

ANDREA VEIGA, PREMIO “IMAGINA TU EMPRESA” 2023 NA CATEGORÍA BACH

Un dos plans de empresa deseñados polo alumnado de Fundamentos de Administración e Xestión de 2º de Bacharelato foi o gañador na categoría BACH da terceira edición do concurso Imagina tu empresa. O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, e a coordinadora adxunta de Educación Superior de Afundación, Obra Social ABANCA, Carlota Sánchez Puga, entregaron os premios o pasado 16 de maio en Santiago de Compostela. Parabéns a todos os alumnos e alumnas polo seu traballo, en especial a Andrea Veiga, alumna premiada.

Charla da nosa exalumna Xulia Vicente Vaquero

O luns 15 de maio a nosa exalumna Xulia Vicente Vaquero impartiu unha interesante charla ao alumnado de Humanidades e Ciencias Sociais de 1º e 2º de Bacharelato, para axudalos na difícil elección de estudos superiores, ofrecerlles consellos moi útiles para o seu primeiro ano na universidade e explicarlles o que está a estudar na súa carreira de Publicidade e Relacións Públicas. Xulia regalounos, unha vez máis, a súa excelente capacidade de comunicación, o seu espírito emprendedor e o seu optimismo e valentía para afrontar e superar retos con éxito. Grazas Xulia, esperámoste o próximo curso.

Distribuir contido


by Dr. Radut