Skip to Content

VISITA DE XULIO FERREIRO

Visita do alcalde da Coruña: Xulio Ferreiro no IES Elviña

Alcalde6
Placa

     Como parte da celebración dos 40, o pasado luns 26 de febreiro o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro Baamonde ofreceuse amablemente a participar na celebración do noso aniversario abrindo un oco na súa axenda para estar connosco unhas horas, compartindo xornada lectiva cos rapaces dos cursos da ESO. 

   En primeiro lugar, participou no plantado dun exemplar de acivro femia (ilex aquifolium) apadriñando ao grupo de 1º ESO "A" nesta actividade que, tradicional no noso centro, organiza o Departamento de Bioloxía. Xulio Ferreiro respostou con humor e afecto ás preguntas que lle formularon nenos e nenas, e posou con eles para a prensa, que inmortalizou a escena. Na placa conmemorativa que acompaña á árbore, quedará constancia da súa presenza neste día.

Acivro

Alcalde4Alcalde5
Alcalde3Plantación da árbore

 

    Despois deste momento de amable lecer, o alcalde deu unha charla para o alumnado de 3º e 4º de ESO, reunido para a ocasión no Salón de actos do instituto. Flanqueado por Isabel García Vila, inspectora de educación do noso centro, en representación da administración autonómica, e polo director do instituto, o alcalde Xulio Ferreiro falou do duro traballo que supón a presidencia do consistorio e das ideas e deseños que, desde a alcaldía, poñen de manifesto o seu proxecto de futuro para a Coruña. Non faltaron na súa charla, informal, amena, pero tamén seria e chea de reflexións comprometidas coas necesidades da cidadanía, especialmente dos máis desfavorecidos, palabras afectuosas para o aniversario do instituto, mesturadas con lembranzas persoais sobre os seus vínculos con exalumnos do centro.

     O alumnado presente no acto non perdeu a oportunidade de plantexarlle peticións e preguntas, ou de fotografarse con el. Non é raro. Non se presenta todos os días a oportunidade de falar co principal representante electo da cidade. A súa presenza, cercana e familiar para rapaces e rapazas, terá sido a bo seguro un gratísimo estímulo para todos eles.

Moitas grazas, alcalde.

O día de Rosalía no CEIP Alborada

Rosalía

Día de Rosalía de Castro (24 de febreiro)

     Dentro das iniciativas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para fomentar a lectura, atópase a conmemoración do nacemento da nosa poeta máis recoñecida, Rosalía de Castro.  Para celebrar este día especial das nosas letras, o profesorado do Departamento de lingua galega propuxo diversas actividades creativas e lúdicas en colaboración co centro CEIP Alborada. Así, parte do alumnado de 3º de ESO do noso centro, acudiu ao noso centro veciño para compartir cos rapaces de primaria unha xornada adicada aos textos da autora compostelá. Entre as actividades, o alumnado da ESO explicou aos nenos de primaria a importancia de Rosalía e as propostas da AEELG para celebrar o seu día. Deixouse aos rapaces un deseño da autora para que o pintasen e como agasallo, unha flor de papel a cada neno. Despois, realizouse unha lectura poética e todo o alumnado de secundaria e primaria participante cantou un poema de Cantares gallegos. Os deseños pintados polos rapaces foron colocados nas fiestras do colexio, tal e como podemos ver nestas fotos.

Rosalia1CantaresRosalia2
Rosalia3Rosalia4Rosalia5

     A bo seguro que todos pasaron un bo rato coa nosa principal poeta romántica. A nosa compañeira do Departamento de lingua galega Patricia Varela compartiu connosco á presentación didáctica que podemos consultar neste enlace e o vídeo que resume a xornada.

 

Conmemoración da Batalla de Elviña

Na tumba de Sir John Moore

013    Coincidindo co aniversario da Batalla de Elviña (16 de xaneiro de 1809) na que as tropas napoleónicas se enfrontaron co exército inglés en retirada durante a Guerra da Independencia, o alumnado de 4º ESO do noso centro fixo unha visita ao Museu militar e ao Xardín de San Carlos, no panteón público do xeneral inglés Sir John Moore. A actividade estivo organizada polo Departamento de inglés e contou coa asistencia dos dous profesores auxiliares de lingua inglesa do instituto Jana Karatas (bolseira Fullbright) e James Peters, como acompañantes do noso profesorado. Un forte abrazo aos dous e o noso cariño e agradecemento pola súa permanente simpatía e o seu compromiso nas actividades do centro. Velaquí tedes as fotografías do evento. Está claro que todos o pasaron pipa.

003001004
005006007
008002015
011012

AXUDAS DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS (2018)

A Xunta de Galicia ven de publicar a convocatoria de axudas para realizar actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2018. A convocatoria vai destinada a todo o alumnado do ensino público galego de ESO e Bacharelato. Pode consultarse o texto da Orde do 7 de febreiro e un resume da convocatoria en pdf.

VIAXE Á NEVE. O ALUMNADO DO IES ELVIÑA EN JACA

000O IES Elviña de semana branca en Jaca (2018)

    A práctica do esquí é non só unha actividade deportiva de altísima esixencia física e coordinación senon tamén unha amable diversión para o tempo de lecer. Xa sabemos que o estudo, actividade intelectual, esgota tamén o seu. Por iso, está ben que, polo menos unha vez ao ano, que tampouco hai que esaxerar, o alumnado dispoña dunha semana lectiva para pasalo ben e olvidar un pouco os tristes sinsabores da vida académica.

001
002
As humildes habitacións do hotel

     Non estrañará que, con estas, o alumnado de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato fixese, por iniciativa do Departamento de Educación Física, unha viaxe ao Pirineo aragonés para a práctica do esquí entre o 4 e o 11 de febreiro. Os rapaces e rapazas do noso instituto pasaron nesas datas unha divertida semana en Jaca en compaña de Paula Iglesia e Francisco Pérez, ousados deportistas e benqueridos compañeiros de fatigas, cos que nenos e nenas desfrutaron baixando as costas nevadas da empinada montaña, compartindo cómodo hotel e mesa de comida, e acudindo con gozosa premura á enfermería para tratar as abondosas torceduras de nocello, as lesións cervicais e os afociñamentos varios.

003005006
007 010
Na neve ben abrigadiños, en compaña dos profes de educación física


     Por fortuna, a cousa non foi a máis e todo o mundo tornou sano e salvo (uns máis ca outros, claro). Pero, iso si, todos ben dispostos para continuar, entusiastas, co estudo e o traballo, que xa vai devalando a segunda avaliación e os parciais veñen de camiño...

Distribuir contido


by Dr. Radut