Skip to Content

VISITA A LIBRERÍAS E BIBLIOTECAS DA CORUÑA

O alumnado de Literatura Galega do século XX e actualidade realizou unha saída o 27 de febreiro para coñecer algunhas das bibliotecas e librerías da Coruña.
O percorrido comezou na librería Moito Conto, na que descubriron outro xeito de achegarse aos libros e á lectura, e na cal puxeron de manifesto o seu gran coñecemento respecto das editoriais galegas e dos escritores e escritoras máis actuais. A seguir, na librería Bululú tiveron unha pequena aproximación ao
labor editorial.
Na Biblioteca da Deputación da Coruña puideron observas as distintas salas de lectura, as máquinas de microfilm e os fondos da videoteca.
A mañá rematou cunha visita á exposición do fotógrafo berlinés Helmut Newton no Porto da Coruña.

 

SOBRE A NOTICIA DE LA VOZ DE GALICIA

O domingo 25 de febreiro de 2024, o diario La Voz de Galicia publicou, na páxina 9 da sección Local da Edición de A Coruña, un artigo asinado polo periodista Toni Silva cheo de falsidades, falsidades facilmente demostrables que se inician no Titular, continúan na Entrada e discorren ao longo do corpo do texto.

O periodista, lonxe de facer o traballo que se lle presupón á súa profesión, en ningún momento tentou contrastar os datos co centro; semella que deixou de lado a súa función primordial, que é informar, e dende o titular buscou situar os lectores en contra dos profesionais e de alumnado deste centro. En definitiva, estamos ante unha “noticia”  de corte amarelista, máis propia dun tabloide que de un xornal serio.

Lamentamos enormemente as repercusións que esta suposta noticia poida ter no alumnado e na convivencia no centro, así como os comentarios de odio contra menores que a publicación está xerando nas redes sociais.

Máis alá do menoscabo do nome do centro, que é o único nome que non se oculta, e a falta de respecto cara ao profesorado e ao noso traballo, este tipo de publicacións o que provocan é minar a confianza do alumnado e das familias, facendo que as vítimas de acoso se sintan desprotexidas e se xere a sensación de que aqueles que as deben protexer e axudar están mirando cara outro lado, o que tamén é falso.

Claustro de profesores do IES María Casares

ADMISIÓN ALUMNADO CENTROS ADSCRITOS

Rematado o procedemento de reserva de postos escolares para o alumnado procedente dos centros adscritos (CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal e CEIP Luís Seoane), informamos que os postos dispoñibles en 1º de ESO no IES María Casares para o curso escolar 2024-2025 son suficientes para atender todas as solicitudes presentadas en prazo.

De conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva do alumnado con posto reservado está exposta no taboleiro de anuncios dos centros adscritos e de adscrición.

Tamén se pode consultar a información de forma telemática a través da aplicación admisionalumnado, empregando a Chave 365 ou certificado dixital. 

SUBVENCIÓN DO CONCELLO DE OLEIROS

O Concello de Oleiros ACORDOU, mediante Decreto de Alcaldía nº 2023003335, de 26 de xuño de 2023, CONCEDER ao IES María Casares unha subvención por importe de 11.860,00 € (once mil oitocentos sesenta euros) para os seguintes conceptos: “Realización de actividades complementarias e materiais didácticos".

VISITA TECNOLOXÍA E ENXEÑERÍA 1º BAC

O pasado 15 de febreiro o alumnado de Tecnoloxía e Enxeñería  realizou unha saída didáctica para coñecer o proceso produtivo e extractivo de dous metais moi empregados como son o aluminio e o cobre.

Visitamos as instalacións de Aluminios Cortizo en Padrón e a Mina de cobre de Touro.

A continuación pódese ver unha reportaxe de todo o que puidemos observar.

Gracias ás empresas por atendernos tan amablemente.

 

ENTROIDO 2024

O Entroido deste ano chegou cun cambio de localización por mor do mal tempo. A chuvia imposibilitou que se celebrara no tradicional espazo da pista. O pavillón serviu de refuxio a todos os participantes no desfile.

A premisa foi utilizar a reciclaxe en todos os disfraces. Os grupos tiveron que mostrar a súa creatividade usando papel e cartón para elaborar os seus traxes. Os gañadores deste curso foron os alumnos de 2º ESO B, cunha comparsa denominada "Fórmula 1". O segundo premio foi para  3º ESO A, que recrearon a entrada das "celebrities" na gala MET. 

Podedes ver máis imaxes e vídeos do acto no blog da biblioteca

Moitos parabéns aos gañadores!!

 

 

CHARLAS A PONTE: NANOTECNOLOXÍA: REALIDADE OU FICCIÓN

O 7 de febreiro, dentro do programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela, recibimos o profesor de física Francisco Fraga López. O alumnado de 1º de Bacharelato asistiu a unha charla en que descubriron como a nanotecnoloxía vai cambiar a nosa vida.

Puideron coñecer por exemplo aplicacións á prevención e curación de enfermidades, a produción de enerxía ou a consecución de alimentos máis sans e sustentables.

REPRESENTACIÓN TEATRAL EN INGLÉS

 O pasado 21 de decembro , alumnos e alumnas de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO  representaron en inglés a obra A Christmas Carol de Charles Dickens para o alumnado de 2º ESO. O día 5 de febreiro volveron representar a obra para os seus compañeiros de 3º ESO e 4º ESO. 

O profesorado organizador quere agradecer a marabillosa labor destes alumnos e alumnas, que foron quen de representar  a obra con tan só un mes de preparación.

THANK YOU ALL!

Aquí tedes unha mostra en imaxes do seu traballo.

 

 

 

VIAXE Á NEVE: ANDORRA

Durante a semana branca,  o alumnado tivo a oportunidade de esquiar na estación de Grandvalira en Andorra.
Tamén houbo tempo para o relax en Caldea, ir de compras, facer amigos, ver partidos de fútbol, ​​peitearse, celebrar un aniversario, xogar ao billar ou afrontar a difícil tarefa de recoller a habitación despois dunha semana sen control.
O equipo docente quere destacar o bo comportamento e a responsabilidade dos participantes, e esperamos que desfrutasen da experiencia.

 

ORIENTACIÓN ACADÉMICA. Encontros na USC

O xoves 1 de febreiro o alumnado de 2º Bacharelato visitou a Universidade de Santiago de Compostela.  Nesta actividade ofrécese aos estudantes de Ensino Medio unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus  de  Santiago para recibir información directa dos estudos que organizan.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut