Skip to Content

VISITA AO CITEEC E AO CICA

O 30 de xaneiro o alumnado do STEMBach visitou dous dos centros de investigación da Universidade da Coruña. No Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) viron como se realizan experimentos e investigacións con materiais e estruturas nas súas instalacións: estudos de diques nunha piscina real, gatos hidráulicos de varias toneladas, un túnel de vento e mesmo unha estrutura para fabricar choiva artificial.

No Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) visitaron os diversos laboratorios dos que dispoñen, centrados sobre todo na química e na bioloxía: nanomateriais, estudos sobre o ADN e como se desenvolven diferentes reaccións químicas.

PROGRAMA A PONTE: AS MATEMÁTICAS DO SÉCULO XXI

O luns 22 de xaneiro dentro do programa A Ponte da USC, o alumnado de 1º de Bacharelato asistiu á charla "As matemáticas do século XXI", impartida por Enrique Macía Virgós, catedrático de Xeometría e Topoloxía.

Na conferencia puideron descubrir como diferentes áreas das matemáticas (números primos, curvas, polinomios...) se aplican na actualidade a moitos ámbitos da vida. 

COLABORACIÓN CÓ MÁSTER DE SECUNDARIA DA UDC

Durante o mes de decembro os estudantes de 4º ESO B e da materia de música de 4º de ESO tiveron a oportunidade de traballar cos estudantes do Máster de secundaria da especialidade de música da UDC na montaxe dunha obra de teatro con música en directo. 

O último día antes das vacacións de nadal representaron para os seus compañeiros as dúas versións da obra (unha en galego e outra en castelán) na que todos os alumnos participaban actuando, cantando ou formando parte da orquestra. 

O día 22 de xaneiro fíxose outra representación para o alumnado de CC da Educación no Auditorio da facultade.

Dende o Departamento de música agradecemos aos profesores David Díaz Díaz do Departamento de galego e Stella Prada Castro de lingua castelá a súa colaboración no proxecto.

 

DESPEDIMOS A M JOSÉ FERNÁNDEZ YÁÑEZ

Este domingo faleceu unha boa compañeira, unha magnífica profesora e unha persoa querida por todos nós, que nos acompañou estes oito últimos cursos e que estará sempre presente no noso recordo.

Os seus alumnos tomaron a iniciativa de facerlle unha pequena homenaxe de despedida. Hoxe, ás 11:45 horas, leron un texto na súa honra e gardamos un minuto de silencio. 

 

PROGRAMA "A PONTE"

O  pasado mércores 17 de xaneiro o alumnado de 2º de bacharelato de "Empresa e deseño de modelos de negocio" asistiu á  charla "Economía circular y nuevos modelos de negocio", impartida por Pilar Piñeiro García, dentro do programa “A Ponte”, da Universidade de Santiago de Compostela.
Na sesión explicounos  todos os conceptos que inclúe a economía circular e os novos modelos de negocios cos que se relaciona.

O  venres 19 de xaneiro o alumnado de 1º de Economía e o de 2º de bacharelato de "Empresa e deseño de modelos de negocio" asistiu á  charla "Que significa  que o turismo é sostible?", impartida por Melchor fernández Fernández, dentro do programa “A Ponte”, da Universidade de Santiago de Compostela.
Na sesión e
xplicáronnos o concepto de turismo, a súa influencia en distintos concellos de Galicia e variables que se analizan para determinar si é ou non sostible.

VISITA GADISA

O alumnado de 2º de Bacharelato de Economía da Empresa realizou o pasado día 16 unha visita as instalacións de GADISA acompañados pola profesora Dolores Rey.

Explicáronnos o modelo de negocio que segue a empresa, a importancia e a  relación do marketing con todos os departamentos e visitamos o almacén onde vimos todo  o seu funcionamento.

Sesión formativa sobre seguridade e protección de datos persoais

O vindeiro 23 de xaneiro levarase a cabo unha sesión formativa gratuíta sobre seguridade e protección de datos persoais. Vai dirixida a persoal e dirección das ANPAs, centros docentes e pais/nais/titores legais, coa finalidade de concienciar en xeral, da gran cantidade de datos persoais que manexan, onde un mal uso dos mesmos ou un descoido pode provocar brechas de seguridade que poñan en risco datos de colectivos protexidos como son os menores de idade. Á súa vez, ofrecer recursos e boas prácticas para fomentar a privacidade e a seguridade na relación das ANPAs cos centros docentes e os pais, nais e titores legais.

Para a asistencia a esta sesión é necesario inscribirse previamente na ligazón, Inscrición sesión formativa.

Na seguinte ligazón toda a información. " Sesión formativa sobre seguridade e protección de datos persoais para centros educativos e ANPAs"

 

CHARLAMOS CON BRAIS LAMELA

Nesta dura semana de volta ás aulas na escuridade, o frío e a choiva, de súpeto fíxose a luz, apareceu o sol, e con el o escritor Brais Lamela, que nos honrou coa sùa visita para comentar conosco o seu fermosísimo 'Ninguén queda' (Premio Nacional da Crítica e Premio El Ojo Crítico) e outras cousas non menos fermosas.

Ao encontro co alumnado sumáronse os afortunados profes que puideron compatibilizalo co seu horario, o noso querido compañeiro Xabi Rodo, e as dúas Marías, a nai, María Pousa, da Asesoría de Bibliotecas, e a filla María López Pousa, que traballa no mundo editorial.

Con tantas achegas, tivemos un rico coloquio de 90 minutos que pasou como un sopro, e que, abofé ha deixar un bo semente no alumnado que asistiu.

Brais, grazas por ser como es, sabes onde tes unha casa máis (sendo tan importantes as casas como son para ti).

Desexámosche a mellor das fortunas no teu percorrido académico e literario!

 

CHARLAS PLAN DIRECTOR

Nas últimas semanas do mes de decembro , nas horas de titoría semanal, tiveron lugar as charlas informativas/formativas destinadas ao alumnado de ESO, FP Básica e 1º de Bacharelato.

Estas charlas sobre temáticas relacionadas coa protección de menores e adolescentes e o seu dereito á seguridade persoal, tratando problemáticas como a ciberseguridade, o acoso escolar, a violencia sobre a muller, as drogas e o alcol, as novas adiccións, os delitos de odio e discriminación, a prevención dos delitos sexuais..., son impartidas por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos, está impulsado desde a Delegación do Goberno en Galicia e a Alta Inspección de Educación.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut