Carlos Reigosa

O venres 7 de febreiro os Equipos de Dinamización Lingüística dos IES PERDOURO e  MONTE CASTELO tivemos a honra de contar coa visita do escritor pastoricense aos nosos centros.

Os alumnos de 2º de BAC e dos CLUBS DE LECTURA  de ambos centros puideron coñecer en vivo e en directo a unha das personalidades máis representativas da narrativa galega contemporánea. 

Partindo das lecturas previas de INTRAMUNDI e  HOMES DE TRAS DA CORDA puidemos disfrutar de ambas relecturas coa óptica privilexiada do seu autor.

" Que así é A Corda .Unha serra para andar de vagar, sen présa; para que os homes, pola mediación da natureza, se aveñan e amiguen consigo mesmos e co seu destino. Uns montes entrañables para quen os coñece e os ama e sofre lonxe deles ( que fóra todo semella cárcere ou deserto). Mais tamén uns montes indescifrables, labirintos de néboa para quen ousa pisalos sen coñecelos, e se perde neles. Que A Corda sabe moito dos seus e acólleos benigna, pero é ás veces apavorante e cruel cos alleos, cos estraños. Como pasa con case tódalas serras galegas, misteriosas, celosas do seu, íntimas...".

A conferencia-coloquio foi o lugar perfecto para a reflexión sobre as orixes de cada un e a importancia que isto ten na vida das persoas.Ese tempo da infancia vivido alén do ben e do mal, seiva nutricia de todas as vivencias posteriores.
Pasados os anos non queda nostalxia nin tristura, o que queda é a lembranza brillante dun tempo infinito e dunhas persoas gravadas a lume, para sempre, na memoria. Podemos subscribir as palabras do grande poeta xermano cando dicía : " a infancia é a verdadeira patria dos ser humano". Höllderlin sabía ben do que falaba ao referirse a esta etapa da vida das persoas.

Rapaces e profesores quedamos enviso escoitando a verba desbordante e rica dun dos grandes da nosa literatura contemporánea. A maxia das súas palabras era o único real naquela acolledora biblioteca do Perdouro. Unha experiencia, sen dúbida, inesquecible para todos os alí presentes. Grazas, Carlos Reigosa, por regalarnos un pouco da túa sensibilidade e sabiduría.

Carme Cociña