Skip to Content

CURSO 2022/23

MES DO LIBRO E MERCADO SOLIDARIO.

O Equipo da Biblioteca, con motivo do Día do Libro e do Día das Letras Galegas celebrou durante un mes (mediados de abril a mediados de maio) un mercado de libros solidarios.

O mercado permaneceu aberto durante os recreos na entrada do centro atendido polos voluntari@s da nosa biblioteca.

 Alí se puido  coller un libro a cambio de:

- 1 kg/l de alimentos non perecedoiros.

- Latas de conservas.

- Produtos de hixiene ou limpeza. 

Os recursos conseguidos doáronse ao Banco de Alimentos da Coruña.

ACTIVIDADE "LA CHASSE AU TRESOR".

O Departamento de Francés, ao achegarse as datas de Pascua, realizou co alumnado de Francés de  2° ESO, a actividade da "Busca do tesouro" ("Chasse au tresor"), un xogo de pistas -con instrucións en francés- para atopar ovos de chocolate en distintos lugares da Biblioteca.

VISITA AO CASCO HISTÓRICO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA E Á CATEDRAL, CUBERTAS DA CATEDRAL E MUSEO CATEDRALICIO DO ALUMNADO DE RELIXIÓN CATÓLICA DE 3º DE ESO.

 

O martes 11 de abril houbo unha saída didáctica a Santiago de Compostela, organizada polo Departamento de Relixión Católica, para o alumnado de Relixión Católica de 3º de ESO. Na visita este alumnado gozou do privilexio de coñecer o casco histórico de Compostela, a Catedral de Santiago, as cubertas da propia catedral e o museo catedralicio.

Aquí podedes ver na seguinte LIGAZÓN unha presentación do percorrido realizada pola nosa compañeira, Begoña Martínez Carballido.

INTERCAMBIO ESCOLAR CUN CENTRO EDUCATIVO DA LOCALIDADE ITALIANA DE COMO.

 

Ao longo do mes de marzo de 2023 parte do alumnado de 1º de Bacharelato do IES Monte das Moas participou nun intercambio escolar con alumnado do Liceo Europeo do Instituto Orsoline de Como en Italia. O intercambio foi organizado pola nosa compañeira e profesora do Departamento de Lingua Galega e Literatura, Mar Hermida Pico.

En primeira instancia viaxou o noso alumnado (19 alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato) a Como, onde estiveron acompañados polas nosas compañeiras, Mar Hermida Pico e Esther Suárez Boquete. Durante esa estadía, entre os días 2 e 9 de marzo o noso alumnado visitou esa parte do Norte de Italia na rexión da Lombardía, coñecendo lugares e cidades tan fermosos como a propia localidade de Como, a cidade de Milán ou o Lago de Como coas súas fermosas vilas. 

Posteriormente, foi o alumnado e o profesorado do centro académico italiano o que visitou a nosa cidade, realizando diferentes percorridos pola xeografía galega. A visita dos "italianos" produciuse entre os días 25 de marzo e 1 de abril. Nas distintas visitas e actividades realizadas polo alumnado e o profesorado italiano estiveron acompañados pola nosa compañeira Mar Hermida Pico e por outros compañeiros como Alberto barreiro Docampo, Alejandro Do Porto Tie  e Loli González Rodríguez; por suposto, nestas saídas e actividades tamén participou o alumnado de 1º de Bacharelato (tanto o que formou parte directamente do intercambio como o que non o fixo).

Ademais da recepción institucional no noso centro nun acto presidido pola nosa Directora, María Teresa Díaz Valiña, houbo unha recepción no propio Concello da Coruña onde estiveron presentes as autoridades locais. Nos sucesivos días, ademais de coñecer os monumentos e rúas máis senlleiras da Coruña, o alumnado e o profesorado participante no intercambio visitou Santiago de Compostela, Punta Nariga, O Dolmen se Dombate, o Castro de Borneiro, Ponteceso e a praie de Valarés, e Lugo, sen esquecer a visita á Domus da Coruña e á zona da Torre de Hércules (Campo da Rata, Punta Herminia...), e a un obradoiro de cultura tradicional na Asociación Cultural Donaire. Houbo tamén un acto de despedida no Salón de Actos do noso centro para os nosos visitantes, que estivo amenizado pola actuación do grupo instrumental do noso centro, dirixido polo noso compañeiro Juan José Dios Cañada.

 

 Este video realizado polas nosas compañeiras Mar Hermida Pico e Ana Isabel Martínez Fernández resume a estadía dos nosos visitantes italianos entre os días 25 de marzo e 1 de xuño.

 

EXPOSICIÓN TECNOXOGOS.: CONMEMORACIÓN DO 10 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DA CIENCIA E A TECNOLOXÍA.

O alumnado de 1º ESO realizou os traballos para esta exposición de Tecnoxogos, que se expuso no vestíbulo do noso centro, organizada polo Departamento de Tecnoloxía, para celebrar o Día Mundial da Ciencia e da Tecnoloxía que se celebra o 10 de abril.

Aquí tedes un video elaborado pola nosa compañeira Ana Isabel Martínez Fernández que sintetiza a exposición.

 

CONMEMORACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO: 23 DE FEBREIRO.

 

Para festexar este Día de Rosalía de Castro a nosa compañeira Mar Hermida Pico, profesora do Departamento de Lingua Galega e Literatura, e membra do EDLG e da Biblioteca, caracterizouse da xenial escritora e foi polas aulas recitando poemas de Rosalía.

SAÍDA DIDÁCTICA A SANTIAGO DE COMPOSTELA E AO PARLAMENTO DE GALICIA DO ALUMNADO DE 3º ESO A e B.

O martes 28 de marzo o alumnado de 3º de ESO A e B realizou unha saída a Santiago de Compostela, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia, onde visitou o casco vello da cidade, a catedral e o Parlamento de Galicia.

 

 

VISITA A PADRÓN E RIANXO DO ALUMNADO DE 1º DE BACHARELATO.

 

O alumnado de 1º de Bacharelato visitou o martes 11 de abril a vila de Rianxo, nunha saída organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galega e o EDLG, onde puido coñecer a Casa de Manuel Antonio e o Museo do Mar, e realizar unha xincana cultural e literaria pola vila. Ao mediodía os alumnos e alumnas foron paseando desde a vila á praia de Tanxil, onde xantaron e pola tarde desprazáronse a Padrón. En Padrón visitaron a Casa de Rosalía e despois puideron desfrutar dun tempo libre nas atraccións das festas da Pascua.

Aquí tedes un vídeo elaborado pola nosa compañeira Ana Isabel Martínez Fernández que resume esta actividade.

 

 

CONCURSO CARTAS DE AMOR PROMOVIDO POLA BIBLIOTECA DO CASTRILLÓN.

 

O persoal da Biblioteca do Castrillón acudiu no mes de febreiro de 2023 ás aulas de 2º ESO para presentarlle ao alumnado un concurso de cartas de amor.

Presentaron suxestións de lectura, deron a coñecer o servizo da biblioteca e propuxéronlle participar no concurso das cartas de amor, facéndoo coincidir co 14 de febreiro, aínda que non ten por que tratarse de amor romántico.

Algunhas das propostas de lectura foron Besos, Heartstopper, un libro de banda deseñada de Manel Cráneo, libros de poesía, etc.

As cartas expoñeranse na biblioteca e alí será tamén a entrega de premios.

O alumnado de 2º de ESO participante no concurso, e animado a participar polo noso compañeiro Alberto Barreiro Docampo,  visitou na primavera a Biblioteca do Castrillón con motivo da participación no concurso de cartas de amor da biblioteca.

Foron primeiros premios ex aequo os nosos alumnos Wisdom Nwalima Anyanwu e Nicolás Fernández Cañás, e obtivo o segundo premio a nosa alumna Paula González Portas. Recibiron de premio uns libros. En calquera caso a todos os participantes lle deron un agasallo pequeno por participar.

 

 

VIAXE A PORTO DO ALUMNADO DE LINGUA PORTUGUESA DE 3º DE ESO.

 

 

Entre os días 22 e 24 de febreiro de 2023, o alumnado de Lingua Portuguesa de 3º de ESO realizou unha viaxe a Porto xunto á nosa compañeira Ana Isabel Martínez Fernández e ao noso compañeiro Alberto Barreiro Docampo. Visitaron a Casa da Música, a Galería da Diversidade, o Museu de Fotografia, o Estádio dos Dragões, ademais de pasear polos lugares típicos da cidade do Porto como A Ribeira, Mercado do Bolhão, Torre dos Clérigos, etc.

Aquí tedes un video, que resume as peripecias desta viaxe, realizado pola nosa compañeira Ana Isabel Martínez Fernández.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut